NOTICIA

----

Esther F. Carrodeguas e Cecília Ferreira protagonizan a 5º edición de Dramaturxias itinerantes

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia inaugura mañá unha nova edición de Dramaturxias itinerantes/Dramaturgias itinerantes, o proxecto en que colaboran o Consello da Cultura Galega (CCG), o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto. Esther F. Carrodeguas e Cecília Ferreira protagonizan esta nova entrega, que se desenvolve o mércores, 18 de xaneiro (17:30 horas), na ESAD de Vigo e o xoves 19 (18:00 horas) na ESMAE de Porto. Representaranse as obras Supernormais e Dionísia, cuxos textos xa están dispoñibles en forma de publicación no web do CCG.

O ciclo Dramaturxias itinerantes suma a quinta edición coa vontade de achegar un maior coñecemento sobre a escrita teatral máis contemporánea de Galicia e Portugal. Nesta ocasión, as dramaturgas e obras escolmadas son Supernormais, de Esther Carrodeguas, e Dionísia, de Cecília Ferreira. As pezas serán representadas nas sedes da ESAD (Vigo) e da ESMAE (Porto) e, após elas, haberá unha conversa coas autoras moderada pola profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia Vanesa Sotelo.

O programa
O programa ábrese con Supernormais, escrita por Esther F. Carrodeguas para o Centro Dramático Nacional, que agora se traduce e adapta ao galego. Estará dirixida por Nuria Montero Gullón e interpretada por Eva Jáudenes López, Daniel Lago Barreiro, Rocío López Souto, Álvaro Lourido Iglesias, Ángel Rodríguez Blanco e Nuria Varela Cascallar. A través dun xogo cómico, abórdanse os prexuízos arredor do colectivo de persoas con diversidade funcional. A negación dos seus desexos ou a dificultade de eliminar as barreiras existentes na sociedade son temas que tamén se tratan na obra.
A segunda das pezas é Dionísia, de Cecília Ferreira, na que a dramaturga portuguesa fala sobre a fugacidade da felicidade e a convivencia entre a loucura e a cordura. Dirixida pola propia Cecília Ferreira xunto con Cláudia Marisa, a obra ten como intérpretes a Gonçalo Lopes, Helena Magalhães, Margarida Carvalho, Matilde Gandra, Nuno Tudela, Pedro Fiúza, Pedro Nunes e Sara Vicente.

As autoras
As protagonistas desta nova edición de Dramaturxias itinerantes son a galega Esther Carrodeguas e a portuguesa Cecília Ferreira, dúas autoras cunha ampla traxectoria profesional probada e recoñecida polo público.
Esther Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e escritora. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, fundou a compañía universitaria Teatro da Falúa e foi directora de Teatro Airiños entre os anos 2011 e 2019. Xunto a Xavier Castiñeira, creou a plataforma ButacaZero, na que estreou as pezas Na butaca [fantasía nº 3 en Dor Maior], #camiños (en coprodución co Centro Dramático Galego) e 32m2. Ademais, escribiu para a compañía De Ste Xeito a triloxía Loló e Mamá, Running e Feminissimas. En 2020 foi seleccionada na I Residencia Dramática do Centro Dramático Nacional (CDN), onde escribiu Supernormais. Entre os recoñecementos que recibiu, gañou o Premio Abrente para Textos Teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia por Voaxa e Carmín en 2015 e o Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques por República Sideral en 2020.

Cecília Ferreira é licenciada en Linguas e Literaturas Modernas (1994-1999, FLUP) e en Interpretación (2007-2010, ESMAE), ten un mestrado en Literaturas Románicas Modernas e Contemporáneas (2000-2003, FLUP) e un posgraduado en Dramaturxia e Argumento (2018-2019, ESMAE). Foi unha das seleccionadas para asistir á segunda edición do Laboratorio de Escritura para Teatro, onde escribiu Mãos ao alto: ensaios para entrar no paraíso. Ademais desta peza, escribiu para teatro as obras Prolegómenos para Bremen (2021), Planeta Vinil (2020), Amour de mIRC (2019) ou Vamos cantar com os grilos (2018), entre outras. É unha das fundadoras da Companhia Teatro a Quatro, na que traballou como actriz, directora e dramaturga, e tamén de Artâmega, da que é vicepresidenta e na que dirixe a Companhia dos Bugalhos - Teatro Infantojuvenil. En 2013 recibiu o Grande Prémio de Teatro Português por A Acompanhante.

Dramaturxias itinerantes
En 2019, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Camões-Centro Cultural Português de Vigo e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia puxeron en marcha Dramaturxias itinerantes, que conta desde o pasado ano coa colaboración da Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto. O proxecto ten como obxectivo promover o encontro entre creadoras escénicas de Galicia e Portugal para afondar nun maior coñecemento da escrita teatral máis contemporánea de ambos os lados da raia, así como dar visibilidade e poñer en valor a dramaturxia de autoría feminina. Para a súa produción, o ciclo conta coas novas xeracións de profesionais das artes escénicas que se están a formar nas escolas das cidades de Vigo e Porto. Nas edicións realizadas nos anos anteriores participaron AveLina Pérez e Patrícia Portela, Ana Carreira e Joana Craveiro, Clara Gayo e Cláudia Lucas Chéu ou Laura Porto e Rita Pinheiro.