Hoxe, 23 de febreiro, diferentes institucións, entidades culturais e centros educativos do país conmemoran o "Día de Rosalía de Castro", unha homenaxe colectiva dedicada á escritora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas. Como en edicións anteriores, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convida á cidadanía a agasallar ás súas persoas queridas cun libro en galego e unha flor. A maiores, o sábado 25 de febreiro, ás 12:00 h, a AELG celebrará no Panteón de Galegos Ilustres (Santiago de Compostela) o acto central de conmemoración. No web da AELG podes ampliar información sobre o seu programa de actividades.
Pola súa parte, a Fundación Rosalía de Castro e a Xunta de Galicia tamén festexan o 186 aniversario da autora co xa popular Caldo de Gloria e mais con diferentes actos repartidos entre Santiago de Compostela e Padrón. Neste caso, o acto central celebrarase o propio 23 de febreiro, ás 12:00 h, no Hostal dos Reis Católicos (Santiago de Compostela), e consistirá nunha lectura de poemas seguida dunha actuación dos Carapaus, acompañados de Estela Pereira e Lía Ferrer, alumnas da Escola Municipal de Música de Santiago. No web da Fundación Rosalía de Castro podes consultar toda a programación.
O Consello da Cultura Galega tamén participa nesta homenaxe colectiva poñendo ao dispor da cidadanía unha selección documental sobre Rosalía (biografía, escolma de publicacións, conferencias, epistolario, peza teatral e roteiro) extraída dos propios fondos da institución.