----

Preséntase a programación institucional conxunta das Letras Galegas 2023

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Corporación Radio e Televisión de Galicia, o Concello de Lourenzá e a Mesa Coordinadora D. Paco, en colaboración con diferentes editoriais e empresas, presentan o programa conxunto de actividades para homenaxear a Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que se lle dedica neste ano 2023 o Día das Letras Galegas. O programa inclúe exposicións, iniciativas de participación social (certames, carreiras populares, campañas conmemorativas...), publicacións, actividades académicas e propostas didácticas para o ámbito educativo.
No que respecta ao Consello da Cultura Galega, o pasado mes de xaneiro puxo ao dispor da cidadanía unha selección documental sobre o autor homenaxeado e en maio organizará o seu tradicional Concerto das Letras, publicará unha edición facsimilar da obra Na espera do amigo (Edicións Aguatinta, 1994) e organizará unha mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego co mundo artístico e cultural de Vigo. Xa pasado o mes das Letras, organizará outra mesa redonda sobre as relacións de Fernández del Riego coa emigración galega e o seu papel como colaborador nas publicacións da colectividade galega en América, que terá lugar en Lourenzá no mes de novembro. Podes ampliar información sobre as actividades conmemorativas do CCG na páxina web institucional.