NOTICIA

----

Unha xornada analiza os retos éticos, sociais e culturais da intelixencia artificial

A enxeñeira informática Nerea Luis e o filósofo Andoni Alonso son dous dos especialistas que mañá abordarán no Consello da Cultura Galega (CCG) os desafíos da nova cultura dixital. Os dereitos das persoas ante o acelerado desenvolvemento da intelixencia artificial ou as consecuencias a nivel cultural, ético e social son os asuntos que abordarán no marco da cita “Humanismo e tecnoloxía”. É a segunda xornada do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o CCG celebra o seu 40º aniversario. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a coordinadora do foro, Carmen García Mateo, inauguran esta cita que se pode seguir en directo desde o web da institución.

A necesidade de regular a IA (mediante a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial e outras iniciativas), a existencia de nesgos de xénero ou idade, os grupos de persoas excluídas, a tensión entre tecnofobia e tecnofilia e como a ética e o pensamento crítico deben estar sempre presentes en todos os usos da IA son algúns dos aspectos que se abordarán nesta segunda xornada do foro, a cal se estrutura en dúas partes.

Na sesión da mañá dous recoñecidos especialistas trazarán o marco teórico. Dunha banda, Nerea Luis, responsable da Área de Intelixencia Artificial en SNGULAR, ofrecerá un relatorio titulado “Artificial e humanos, cal é o límite?”. Da outra banda, Andoni Alonso, catedrático de Filosofía na Universidad Carlos III de Madrid, fará un breve excurso sobre activismo na intelixencia artificial na súa conferencia “De Leonardo ao ChatGPT”.

En función das ideas apuntadas pola mañá, a sesión da tarde buscará a conexión galega mediante unha mesa redonda. Estará moderada por Carmen García Mateo e nela participarán Amparo Alonso Betanzos, catedrática na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña; Brais González Arribas, doutor en Filosofía e profesor da Área de Filosofía da Universidade de Vigo, e María del Carmen López Pérez, responsable de I+D da empresa compostelá Balidea, que ten entre os seus proxectos o desenvolvemento de asistentes virtuais en contornas de saúde (proxectos NETA e GiDi).

Foro Pensar o mundo dende Galicia
A xornada “Humanismo e tecnoloxía” é a segunda parada dun foro deseñado para celebrar os corenta anos do Consello da Cultura Galega. Este foro pretende condensar o traballo promovido dende a institución relativo ao debate, a pescuda e a creación arredor de diversos eidos do saber, mais tamén sobre cuestións que atinxen os problemas e inquedanzas da sociedade galega no pasado, no presente e no futuro. En total son oito citas mensuais (que arrincaron en marzo e rematarán en novembro) nas que se abordarán temáticas moi presentes nas actividades da institución, como a calidade da democracia, os retos presentes e futuros do feminismo, o papel do galego nunha sociedade multicultural, a sustentabilidade da economía global e o papel do patrimonio e da paisaxe. Arredor de corenta personalidades do mundo cultural, científico e académico galego, ibérico e mundial participarán nesta proposta, que busca reflexionar, debater e profundar na interpretación dos desafíos desta terceira década do século XXI, ademais de recoller a tradición iniciada hai máis dun século pola Xeración Nós e polo Seminario de Estudos Galegos, coa intención de aspirar a repensar o mundo e a sermos unha célula de universalidade.