O poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro é sinónimo de galeguismo e de xustiza social no imaxinario colectivo dunha ampla parte da poboación galega dos anos da Transición. No eido político, as súas contribucións ao nacionalismo galego tradúcense na fundación de diversas organizacións, como as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova en 1932 ou o partido político Unión do Povo Galego en 1964. No ámbito da escritura, empregou a súa obra poética, arraigada na herdanza literaria de Curros Enríquez, e a súa intensa actividade xornalística como canles de denuncia política.
O primeiro dos audios que se inclúen nesta entrega de Voces centenarias corresponde a unha entrevista que Celso Emilio Ferreiro lle concedeu a Beatriz Pécker en maio de 1979 na sede de Radio Nacional de España (RNE), en Madrid. Nela repasa a súa traxectoria vital, centrándose, especialmente, no seu percorrido poético. Así, fala do emprego do galego e o castelán na súa obra, da pegada do exilio ou da súa poesía social. Malia que o documento sonoro non está completo, dá cumprida imaxe do espazo literario do escritor de Celanova.
A segunda peza, da cal se descoñece a data de emisión, pertence á etapa en que Celso Emilio Ferreiro viviu en Caracas (1966-1973). Motivado pola súa activa militancia política e cultural nacionalista en Galicia, que foi a que o impulsou cara ao exilio voluntario á capital venezolana, enviou a mensaxe que se pode escoitar nesta gravación para reivindicar a lingua galega e a poboación de Galicia como etnia sociocultural diferenciada. O corte pertence ao fondo de Radio Nacional de España (RNE), que custodia o ASG.
A terceira gravación forma parte do capítulo “América e o desengano da emigración”, rexistrado en 1978-1979 e pertencente ao libro-audio Celso Emilio Ferreiro. Escolma de entrevistas realizadas por Xosé Antonio Perozo e María Xosé Porteiro, que foi publicado polo ASG en 1996. Nel, o poeta detalla con amargura cales son as súas responsabilidades na Hermandad Gallega de Venezuela e no Padroado da Cultura Galega, ao tempo que dá conta de como as súas actividades nacionalistas non son comprendidas pola comunidade galega emigrada.
Voces centenarias
O 13 de setembro de 2021, o Consello da Cultura Galega puxo en marcha o proxecto Voces centenarias, unha iniciativa para visibilizar mensualmente a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración etc. que axudaron a perfilar o noso pasado, pero tamén o noso destino presente e futuro. O proxecto incorporou neste tempo gravacións de Isaac Díaz Pardo, Xosé Filgueira Valverde, Rafael Dieste, Maruxa Boga, Osorio-Tafall ou Antón Tovar.


