A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo organizou en 2003 un ciclo que pretendía homenaxear o compositor e folclorista lucense Bay y Gay cando se facían dez anos do seu pasamento. Neste ciclo, o Padre Calo pronunciou unha conferencia en que repasou a traxectoria investigadora do músico, dende os seus inicios como folclorista, dedicado ao traballo etnográfico de recolleita xunto con Martínez Torner —entre outros—, ata a súa dedicación á música culta antiga, animado polas indicacións de Menéndez Pidal, e que deu grandes froitos como o Cancioneiro de Upsala, publicado durante o seu exilio en México no ano 1944.
Sobre o proxecto
O título do proxecto expresa a súa dobre intención. Por unha banda, ‘caligrafías’ significa tanto «a arte de escribir con boa letra» como «o conxunto de trazos que caracterizan a escritura dunha persoa ou escrito». Pola outra temos a música, obxectivo último desta iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia, que busca rescatar a erudición de prestixiosos estudosos do eido musical galego (Xosé Filgueira Valverde, Xosé López Calo…) e revalorizar compositores, estilos musicais ou instrumentos ⸺entre outros⸺ que forman parte da cultura musical de Galicia (Gaos, a zanfona etc.).
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) abriu con este proxecto unha nova liña de divulgación dos seus fondos inéditos. Ten periodicidade bimensual e arrincou en febreiro de 2023 cunha conferencia de Filgueira Valverde verbo da faceta musical de Rosalía de Castro.
Cando se fala de patrimonio sonoro, asóciase decontado á música como eixe fundamental, en todos os seus diferentes estilos: popular ou culta, de calquera época, tradicional ou de autoría. Así, os fondos dos arquivos sonoros son maioritariamente musicais. Con todo, no caso dos fondos editados, a súa difusión sofre atrancos lexislativos que impiden unha difusión fluída.
Non obstante, no ASG, ao dispoñer dun amplo fondo de conferencias, pódese divulgar o noso patrimonio musical a través destes valiosos documentos sonoros inéditos.


