NOTICIA

----

Chega a Roma a mostra Afonso X e Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; Paolo Canettieri, director do Dipartimento di Studi Europei Americani e Interculturali da Università di Roma, e Arianna Punzi, decana da Facultad de Lettere e Filosofia, inauguraron hoxe na capital italiana unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia, que amosa a conexión galega do Rei Sabio. Tras a inauguración, o comisario, Antoni Rossell, fixo unha visita guiada comentada polo proxecto expositivo, organizado polo CCG coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Á inauguración da exposición, que se poderá ver ata o 17 de maio no Edificio Marco Polo da Università di Roma, asistiron Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos de Roma, e Ignacio Peyró, director do Instituto Cervantes en Roma. Ademais, houbo un acto académico no que interviñeron as docentes universitarias María Luisa Cerrón Puga, Isabella Tomassetti e Iolanda Galanes e a lectora Ana Ces Ares.

É a terceira itinerancia internacional deste proxecto, que busca amosar unha faceta pouco coñecida do Rei Sabio. A mostra tamén convida a coñecer a súa influencia a través de documentos e testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. Chega a Roma despois de estar en L’Aquila (Italia) e Cracovia (Polonia).

A mostra non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinario con cinco bloques temáticos. A primeira das partes presenta a Afonso X na súa dimensión máis humana, mentres que a segunda está orientada a ofrecer a vida e os conflitos persoais do monarca. A continuación preséntase o seu labor científico, histórico e cultural cunha recreación do seu obradoiro, onde o protagonismo recae nos manuscritos e nas miniaturas. Deseguido, o cuarto espazo está dedicado á música e aos instrumentos medievais, con distintas reproducións chegadas de diferentes lugares. A súa obra cimeira, as Cantigas de Santa María, está presente neste bloque cunha escolma que se presenta simultaneamente en seis pantallas. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, xa que en toda a mostra están instalados diferentes códigos QR que remiten a un espazo web no que se aloxan textos recitados, música e outras informacións, ademais do catálogo virtual, para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.