Santiago de Compostela, 29 de abril de 2010.- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinou hoxe un protocolo de colaboración co “Memorial do Imigrante”, de Sao Paulo, un importante centro museístico e documental, sito na antiga Hospedería dos Imigrantes, co que se pretende recuperar fondos documentais nos arquivos das institucións oficiais do Estado Paulista. A recuperación permitirá, entre outras actuacións, dixitalizar os rexistros de pasaxeiros de orixe peninsular desembarcados no porto de Santos.
Ramón Villares reuniuse onte en Sao Paulo (B rasil) cos responsabeis da programación cultural da cidade co obxectivo de considerar posiblidades de cooperación conxunta para a promoción da lingua e a cultura galegas nese país. Falou asemade cos rectores de “Poiesis”, organización social de cultura, que administra o museo de Lingua Portuguesa, o máis visitado de Brasil.
Mañá venres, ás 18 horas, inaugurará a exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración” no Centro Español da cidade de Santos. No acto ofrecerá un recital o gaiteiro Carlos Núñez.
Ramón Villares desplazouse a Sao Paulo desde Bos Aires, onde esta semana desenvolveu un programa de actividades que incluíu conferencias e encontros con representantes de entidades e asociacións galegas e unha entrevista con Jorge Coscia, Secretario de Cultura da República Arxentina.
O Presidente do Consello da Cultura Galega viaxou acompañado polo xerente da institución, Marcelino Fernández Santiago, e Emilia García López, do Arquivo da Emigración Galega.

