Santiago de Compostela, 27 de abril de 2010.- O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, entrevistouse o luns en Bos Aires con Jorge Coscia, Secretario de Cultura da República Arxentina. Na reunión falouse das posiblidades de colaboración para a difusión da cultura galega en Arxentina, mediante a edición de obras literarias de autores galegos e arxentinos que teñen publicado obras relativas a Galicia e a súa cultura e á presenza galega neste país. Jorge Coscia visitou o Consello da Cultura Galega o pasado 5 de febreiro.
Ese mesmo día á media tarde Ramón Villares, pronunciou o unha conferencia sobre “Luís Seoane entre dous mares”, no Salón Dorado da Casa da Cultura da Cidade de Bos Aires, sita na Avda de Mayo, 575 e dependente do goberno da cidade porteña. O conferenciante fixo un percorrido pola traxectoria vital de Luis Seoane, destacando os seus vinculos con Galicia e Arxentina e o seu papel de ponte entre ambas culturas. Lembrou o seu nacemento no seo dunha familia de emigrantes en Bos Aires en 1910, a súa etapa de formación en Santiago entre 1916 e 1936, a súa incorporación ao movemento galeguista, os seus primeiro pasos artísticos, o exilio en 1936 a Bos Aires e os seus contactos co exilio repblicano, a intelectualidade progresista arxentina e a colectividade galega. Chamou a atención a respecto das súas actividades no exilio, e o seu permanente compromiso con Galicia que o levou á tomar parte na posta en marcha do Laboratorio de Formas e Sargadelos. A conferencia tivo lugar no marco do programa de actividades deseñado na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, na que o Consello da Cultura Galega participa con diferentes publicacións do seu Arquivo da Emigración Galega.. Acudiron á conferencia Alexandre Dobarro, Delegado da Xunta de Galicia en Bos Aires, e Francisco López, director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, que fixo a presentación do conferenciante.
SEMINARIO E EXPOSICIÓN
Onte, martes, ás 13´30 horas, o Presidente do Consello da Cultura Galega impartiu un seminario na Fundación Ortega y Gasset, ubicada no Centro Cultural Borges na rua Florida, en Bos Aires. O seminario abordou a presenza galega na prensa arxentina, nomeadamente escritores e intelectuais galegos exiliados.
Pola tarde ás 18.00 Ramón Villares inaugurou a exposición “Nazón de Breogán” na Federación de Sociedades Galegas, sita na rúa Chacabuco 955, onde a mostra permanecerá en depósito, logo da súa exhibición.
O Presidente do CCG viaxou a Arxentina acompañado polo xerente da institución, Marcelino Fernández Santiago, e por Emilia García López, do Arquivo da Emigración Galega.

