----

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Gustavo Pernas Cora

Gustavo Pernas Cora (Viveiro, Lugo, 1959 – A Coruña, 2018) destacou na súa traxectoria como actor, director de escena e dramaturgo. Foi unha das “figuras fundamentais das artes escénicas galegas e, especialmente, da dramaturxia galega contemporánea”, subliña Ana Abad de Larriva. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Nado en Viveiro, Gustavo Pernas Cora cultivou a súa paixón polo teatro dende neno. No segundo curso do bacharelato mudouse á Coruña coa súa familia e, posteriormente, a Santiago de Compostela para facer a carreira de Xeografía e Historia. Tras licenciarse en 1981, cursou estudos de Arte Dramática na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid.

De volta en Galicia participou na formación da compañía Catro Artes, no seo da cal actuou e asumiu a produción de Ubué no outeiro (1985), coproducida co Centro Dramático Galego (CDG). Ademais, formou parte do elenco de varias obras do CDG, entre as que destacan A noite vai coma un río, de Cunqueiro, coa montaxe de Xulio Lago (1986); As tres irmás, de Chejov, con dirección de Xosé Manuel Rabón (1987), e Seis personaxes na procura de autor, de Pirandello, dirixida por Xulio Lago (2005). En 1986 participou na montaxe que fixo o Teatro do Atlántico da peza A maravillosa historia de Marly, a vampira de Vila de Cruces.

Xunto coa súa compañeira, a tamén actriz e directora de escena Ánxela García Abalo, fundou en 1989 a compañía de teatro Ancora Produccións, coa que Pernas Cora dirixiu e interpretou os seus propios textos. Así, ao primeiro espectáculo, O galego, a mulata e o negro (1990), seguíronlle moitos outros: a triloxía Comedias paranoicas, formada por Ladraremos (1996), Fábula (1997) e Anatomía dun hipocondríaco (1998); Sucesos (2001); Footing (2002); Hai que romper (2003), arredor da obra de Antón Avilés de Taramancos; Paso de cebra (2004); Final de película (2005), e Medidas preventivas (2007). Agás Sucesos, dirixida por Ánxela García Abalo, o resto de montaxes contaron coa dirección de Gustavo Pernas. Na súa entrada do Álbum de Galicia pódense consultar algúns dos textos íntegros que formaron parte de Sucesos, así como un vídeo no que Pernas Cora le un fragmento de Ladraremos.
Ancora Produccións continuou coas súas representacións e, en 2009, estreou Colgados. A peza foi a primeira da triloxía Logomonos, que se completou con Pisados (2010) e Snakizados (2012), todas elas interpretadas por Gustavo Pernas e dirixidas por Ánxela García Abalo. Na biografía que Ana Abad de Larriva asina para o Álbum de Galicia destaca a “enorme forza expresiva, tanto vocal como corporal”, da interpretación que fixo Gustavo Pernas en Snakizados e que lle serviu para gañar en 2012 o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva. Ademais, recibiu o Premio Rafael Dieste de textos teatrais por Footing (2001) e Final de película (2005), obra coa que tamén logrou o galardón de mellor autoría teatral en galego nos Premios Max de las Artes Escénicas de 2007. Ao ano seguinte, o Concello de Gondomar recoñeceu a traxectoria da súa compañía co Premio Roberto Vidal Bolaño e en 2012 obtivo o Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais por Isóbaras.

Pernas Cora foi tamén actor de dobraxe e escribiu diferentes relatos, ensaios e textos doutros xéneros, así como guións audiovisuais. “O cinema foi, como el mesmo dicía, a súa ‘outra grande paixón’ ademais do teatro, e á que se dedicou dende o campo do ensino”, subliña Ana Abad de Larriva. Foi docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña; no Centro de Formación do Profesorado, onde impartiu a materia de Guión, e na Universidade da Coruña, onde deu clases de dramaturxia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras, Eduardo Pondal e Juan Compañel.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que dende 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.