NOTICIA

----

Unha xornada analiza as bandas sonoras dos videoxogos

“Música e videoxogos dende Galicia” é o título da xornada que terá lugar este luns, 26 de xuño, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, diversos expertos analizarán as composicións musicais que acompañan os videoxogos e como estas condicionan a experiencia das persoas durante o xogo. Ademais, profundarase nas bandas sonoras que se compoñen en Galicia co fin de identificar os seus referentes, a existencia de influencias foráneas ou o emprego da lingua galega. A actividade está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do CCG e coordinada por Alejo Amoedo e Cristina Pujales. A sesión é presencial, pero poderase seguir en directo a través do web e as redes sociais corporativas.

Nos últimos anos o sector dos videoxogos experimentou un notable crecemento, o que o converteu nun dos vectores actuais da industria cultural, situado por riba doutros como o audiovisual. De feito, este tipo de xogos erixíronse xa non só como un medio de comunicación, de expresión e de creación, senón tamén como unha importante ferramenta educativa.

A diversificación e madurez dos seus públicos trouxo consigo unha revolución no desenvolvemento de narrativas interactivas cada vez máis coidadas e nas que a banda sonora xoga un papel transcendental. A música suscita experiencias estéticas, expresa sentimentos e evoca pensamentos ou ideas, polo que condiciona tamén as persoas na recepción e no uso dos videoxogos. Nesta xornada analizarase cal é a función que cumpren as composicións musicais nos videoxogos. En especial, prestarase atención a aquelas compostas e empregadas dende Galicia e identificaranse nelas as influencias foráneas, os referentes galegos tradicionais e actuais ou o nivel de uso da lingua galega. Tamén se recoñecerán os principais intérpretes e compositores e compositoras galegos, ao tempo que se valorarán as oportunidades que existen para a creación musical propia nesta área en expansión.

O programa
Abrirá a cita Erea Carbajales, profesora do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSMV), que ofrecerá un percorrido pola historia da música nos videoxogos. A continuación, Galo Martínez, cofundador da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia e impulsor do proxecto Música e Videoxogos, pronunciará o relatorio “Música e videoxogos. A arte en Galicia”. Presentarán aos conferenciantes o profesor de Musicoloxía Julio Alonso e a musicóloga Beatriz Cancela, respectivamente.

Após as intervencións, Erea Carbajales moderará a mesa redonda “Música e videoxogos en Galicia: novas perspectivas”. Xunto con Galo Martínez, participará nela a compositora de música para videoxogos Inés Mirás.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio oral e musical galego. A recompilación de gravacións sonoras procedentes de arquivos particulares, institucións, colectivos ou compañías discográficas; a preservación do fondo sonoro en condicións óptimas; a súa catalogación e dixitalización, e a difusión a través de proxectos como Caligrafías musicais ou Voces centenarias constitúen os eixes destacado da actividade do ASG. Coordinado por Alejo Amoedo Portela, ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada e Cristina Pujales Prats.