NOTICIA

----

O Plenario fai balance do segundo trimestre e incorpora a Xavier Queipo

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán deste mércores unha sesión plenaria ordinaria. Nela a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do conxunto de accións do segundo trimestre, no que se levaron a cabo 34 actividades, das que o 46% se desenvolveron fóra de Santiago de Compostela. Ademais, fixo un balance do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40º aniversario. Tamén se aprobou a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957) ao plenario do CCG na quenda de personalidades electivas.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, deu conta da actividade desenvolvida pola institución neste último trimestre. Entre o 14 de abril e o 28 de xuño, o Consello da Cultura Galega levou a cabo 34 actividades, delas 19 foron xornadas, e case a metade delas tiveron lugar fóra da sede institucional, en consonancia coa liña de traballo da institución de atender á diversidade xeográfica do país. Tamén houbo dúas presentacións, un obradoiro e un roteiro pola Terra de Melide, en homenaxe á primeira publicación do Seminario de Estudos Galegos. Vigo concentrou as actividades organizadas pola institución para homenaxear a Francisco Fernández del Riego. Enchéronse as localidades do Concerto das Letras Galegas protagonizado pola Real Filharmonía de Galicia e o Coro de Cámara Rías Baixas, no que se estreou unha composición de Brais González. Na cidade olívica tamén se presentou a obra Na espera do amigo, rareza na traxectoria do homenaxeado, nunha edición que contaba tamén cunha acuarela de Laxeiro.

Neste período elaboráronse oito informes de impacto ambiental, un de patrimonio e o Barómetro da Cultura Galega 2022. O apartado de asesoría complétase coa presentación de Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia, informe pioneiro elaborado por unha comisión de traballo conducida por Carme Adán.

Ademais, a presidenta fixo un balance do foro Pensar o mundo dende Galicia, formato deseñado para celebrar o 40º aniversario da institución, que xa desenvolveu catro das oito sesións programadas. Asistiron 229 persoas e neste período houbo 822 visualizacións das intervencións a través da canle institucional en YouTube. Máis dunha vintena de relatores, entre os que se atopan Remedios Zafra, Emili Prado, Peter A. Kraus ou Jesús Villacañas, abordaron temas como o papel do galego nas sociedades multilingües, a calidade da democracia, o humanismo e a tecnoloxía, e o futuro da comunicación.

Incorporación de Xavier Queipo
Na sesión aprobouse a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957), nome artístico e público de Francisco Javier Vázquez Álvarez, ao plenario da institución na quenda de personalidades electivas, no lugar deixado por Xulio Ríos.

Xavier Queipo é licenciado en Bioloxía e en Medicina e Cirurxía. Profesor convidado na Universidade do Porto (1986-1987) e na Universidade de Santiago de Compostela, traballou e viviu en Bruxelas entre 1990 e 2023. En Bruxelas exerceu durante 31 anos as funcións de experto internacional en pesca e asuntos do mar. Neste ámbito, como funcionario da Comisión Europea, traballou con varias organizacións internacionais de pesca, entre as que se atopan a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Pesca) e o GFCM (General Fisheries Commission for the Mediterranean). Compatibilizou a súa actividade profesional coa participación na organización de numerosos eventos culturais, ben como membro das asociacións culturais BelGaliza e Couto Mixto, ben pola súa participación no Colectivo de poetas de Bruxelas e no Brussels Writers Circle.

Colaborou regularmente no portal web Vieiros, na Revista das Letras, nos semanarios A Nosa Terra e Sermos Galiza, na revista Grial e no diario Nós. Entre 2005 e 2007 mantivo una colaboración semanal no programa da Radio Galega Diario cultural. Recibiu o Premio da Crítica Española (1991) na modalidade de narrativa en galego por Ártico e outros mares (1990) e en 2011 gañou o Premio Xerais coa novela Extramunde. Tamén obtivo en 2014 o Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura pola tradución ao galego (en colaboración con outros tres tradutores) do Ulises de James Joyce (2013) e en 2015 o Premio Blanco Amor de Novela Longa por Os kowa.

Queipo estivo xa vencellado á institución, xa que formou parte da Comisión de Acción Exterior desde o ano 2009 e ata a súa disolución.