----

O Presidente do CCG viaxa a Arxentina para pronunciar conferencias e entrevistarse co Secretario de Cultura do Goberno Federal

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2010.- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, viaxa hoxe a Arxentina cun programa de traballo que inclúe unha entrevista co Secretario de Cultura do Goberno Federal, Jorge Coscia, dúas conferencias e a inauguración dunha exposición en Buenos Aires. Reunirase asemade con representantes de  institucións culturais arxentinas e entidades e asociacións galegas para a recuperación de documentación que será incorporada ó Arquivo da Emigración Galega.




A entrevista con Jorge Coscia, Secretario de Cultura do Goberno Federal arxentino, terá lugar o luns día 26 ó mediodía e permitirá abordar posibles liñas de cooperación en materia cultural. Coscia visitou o Consello da Cultura Galega o pasado 5 de febreiro..

Tamén o día 26, ás 18´30 horas, Ramón Villares, no marco das actividades da Feira do Libro bonaerense,  falará sobre “Seoane entre dous mares”, no Salón Dorado da Casa da Cultura (Avenida de mayo, 575). Aludirá á integración de Luís Seoane na vida cultural arxentina e á súa importante proxeccion internacional desde ese espazo, pero sen endexamais esquecer Galicia. “A miña obra está dedicada a Galicia sempre co mellor de min”escribiu Seoane no seu último libro.

O día 27 ás 13 horas, Ramón Villares, que é tamén catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, falará na Fundación Ortega de Buenos Aires (rúa Florida) no Seminario sobre “Presenza galega na prensa arxentina”.

Ese mesmo día, ás 18´30 horas inaguurará a exposición “Nazón de Breogán” no Museo da Emigración Galega, na sede da Federación de Sociedades Galegas, onde quedará logo depositada a mostra.

O Presidente do CCG viaxa acompañado polo xerente da institución, Marcelino Fernández Santiago, e por Emilia García López,  do Arquivo da Emigración Galega.

O CCG participa na Feira do Libro de Buenos Aires con publicacións do seu Arquivo da Emigración Galega.