NOTICIA

----

Unha xornada analiza a gordofobia

A discriminación provocada pola obesidade, a gordofobia, e a violencia estética son os temas que aborda a xornada Gordofobia que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo celebran este venres, 22 de setembro na sede do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e a Valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, inaugurarán esta cita coordinada por María Xosé Porteiro e Carme Adán. A xornada pode seguirse en directo desde o sitio web e as redes sociais da institución.

A vulneración dos dereitos das persoas que sofren discriminación polo seu aspecto físico latexa no fondo desta actividade promovida conxuntamente polo CCG e a Valedora do Pobo. Un debate para profundar sobre o dano dos prexuízos estéticos corporais e camiñar na promoción dunha vida saudable máis alá das modas ou os estereotipos patriarcais de beleza.

O programa
A xornada arrinca coa intervención de Covadonga D´lom, autora de Curvy, o primeiro cómic sobre a beleza con curvas. Manterá unha conversa con Inma López Silva baixo o título “Creación e autoestima XXL”.

De seguindo haberá unha mesa redonda coordinada por Carme Adán. Titúlase “Violencia estética e nutrición” e nela participan a nutricionista Rocío Portal, a psicóloga Lucía Trigo e a actriz Teté Delgado. A cita remata cun coloquio entre as persoas participantes e o público asistente.

O convenio coa Valedora do Pobo
Esta cita insírese no marco dun convenio de colaboración asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo en 2020, e que ten como fin a realización de actividades conxuntas de promoción dos dereitos e valores culturais do pobo galego. Desde entón prestaron atención á diversidade cultural do pobo xitano con dúas xornadas (en 2020 e 2021), á situación das mulleres rurais (en 2021) e tamén ás novas formas de violencia de xénero (en 2021). Máis recentemente organizaron en Carballiño un debate no que se analizou o idadismo, un modo de discriminación por mor da idade e outro en Xinzo no que analizaron o nesgo de xénero na práctica médica.