Noticias

Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CCG). Rexistros61 a 90 de 98
24/01/2023

O proxecto Sophias chega á Coruña

Sophias é a serie web de ficción coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, contribúen a divulgar o pensamento de mulleres destacadas da historia do pensamento. A responsable do proxecto, Carme Adán; a realizadora, Cristina de La Torre; máis o docente Manolo Torres presentan este mércores na Coruña (Instituto Eusebio Guarda, 12:00 horas) esta iniciativa que está formada por sete episodios que se achegan ás ideas de figuras coma Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra.
17/11/2022

A serie web Sophias amosa o pensamento de mulleres destacadas da historia da filosofía

Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra son algunhas das figuras que protagonizan Sophias, o último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende reivindicar a importancia das filósofas e a vixencia do seu pensamento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta mañá no IES Politécnico de Vigo o proxecto que “inclúe dunha maneira moi especial a visión que as mulleres tiveron dentro da historia”. Euloxio Santos Leites, director do centro agradeceu a elección deste que ten case un século de historia formando profesionais con pensamento crítico. “Hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento” apuntou Carme Adán, responsable deste proxecto elaborado por Cristina de la Torre e interpretada por María Roja e Marta Pérez. As actrices estiveron tamén presentes nun acto no que a filósofa María Xosé Agra ofreceu un relatorio sobre a importancia das mulleres na filosofía.
26/10/2022

O ciclo De pioneiras e andainas homenaxea á filósofa María Xosé Agra

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) retoma mañá, 27 de outubro, ás 9:30 horas, o ciclo De pioneiras e andainas cunha xornada dedicada a María Xosé Agra. A través das súas numerosas publicacións e achegas, revisaranse décadas de andaina feminista en Galicia e apuntaranse os principais retos de futuro. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita xunto coas súas coordinadoras, Carme Adán e María Xosé Porteiro. A sesión é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais da institución.
28/09/2022

A biografía de Cristina Reges incorpórase ao Álbum de Galicia

Filla da diáspora galega, a vida de Cristina Reges (Bos Aires, 1957 - 2015) estivo marcada polo recordo dunha galeguidade que impregnou a súa propia identidade e que a levou a involucrarse en numerosas actividades a prol dos dereitos das mulleres migrantes. Micaela Fernández Darriba é a autora da súa entrada no Álbum de Galicia.
22/09/2022

Unha xornada aborda o nesgo de xénero na medicina desde Xinzo

Invisibilizadas para a medicina é o título da xornada que organizan o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Valedora do Pobo mañá, venres 23 de setembro ás 16:00 horas, en Xinzo de Limia. A iniciativa ten como finalidade abordar o nesgo de xénero que existe na sanidade e que contribúe a consolidar como única medida de análise, diagnóstico e tratamento a perspectiva masculina. A directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, Carme Adán; a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, e a valedora do Pobo, Dolores Fernández Galiño, serán as encargadas de inaugurar esta cita que non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.
15/09/2022

Chega a Vigo a mostra Sen Cancelas que amosa a diversidade sexual

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do comité asesor que deseñou os contidos, Carme Adán; un dos comisarios, Enrique Latorre, e Euloxio Santos, director do IES Politécnico de Vigo (xoves 15, 11:00 horas) inauguraron hoxe neste centro a exposición Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia. Trátase da primeira itinerancia dunha mostra elaborada cun marcado carácter didáctico e divulgativo e fai un percorrido histórico e conceptual sobre a diversidade sexual en Galicia.
23/05/2022

Comeza o ciclo Literarias todas, que analiza a posición das mulleres no sistema literario

Olga Novo, Chus Lama e Alba Cid comparten, entre outros aspectos, ser tres mulleres gañadoras de tres premios nacionais de literatura. As tres participan este martes (Chus Lama por videoconferencia) na sesión titulada “Novas voces, éxitos eternos. Os premios nacionais levan nome de muller (parte I)”. Con ela ábrese o ciclo Literarias todas, organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). Unha proposta coordinada por Inma López Silva que busca reflexionar sobre a posición das mulleres dentro do sistema literario galego. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes da institución.
13/04/2022

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do colectivo de ensinantes Do rosa ao violeta

En 1989 un grupo de docentes de diferentes niveis educativos de Muros, Padrón, Negreira, A Serra de Outes, Ribeira, A Coruña e Compostela consolidáronse como colectivo. Chamáronse Do rosa ao violeta e traballaron para analizar e contribuír a erradicar a presenza do sexismo nas aulas. Este grupo conforma a nova entrada do Álbum de Galicia.
05/04/2022

O CDIF participou nas Xornadas As Mulleres, a información e os Centros da Memoria

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura galega (CCG) participou esta fin de semana nas xornadas As Mulleres, a información e os Centros da Memoria organizadas por Bamad Galicia e a Fundación Olga Gallego. No marco da cita, a técnica do CCG, Mariam Mariño, debullou a traxectoria da institución en materia de igualdade prestando especial atención no que ten que ver coa compilación de materiais que axudan a visibilizar o traballo das mulleres e as súas producións e a súa posta a disposición pública no web da institución.
09/03/2022

A biografía da pioneira da xinecoloxía galega, Ángela Pardo Celada, chega ao Álbum de Galicia

Ángela Pardo Celada (Becerreá, 1904 - Lugo, 1988) é unha desas persoas que rompeu moitos teitos de cristal. Foi das primeiras mulleres en usar pantalóns, das primeiras en andar en bicicleta e conducir un coche, un seiscentos, e foi tamén a primeira xinecóloga e puericultura lucense. María Isabel Fernández García é a autora da entrada que se integra no Álbum de Galicia.
08/03/2022

O CIDF sobe á rede novas publicacións feministas co gallo do 8 de marzo

Cada 8 de marzo, o Consello da Cultura Galega a través do Centro de Documentacion en Igualdade e Feminismos (CDIF) actualiza o seu proxecto A Saia, o repositorio de publicacións feministas e LGBTIQ+ que mantén co ADHUC Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona. Nesta ocasión inclúe unha nova cabeceira e diversos números que axudan a coñecer mellor os movementos feministas e LGTBIQ+ e a historia contemporánea.
07/02/2022

O Consello da Cultura Galega e a Valedora do Pobo analizan no Carballiño o fenómeno do idadismo

Aprender a envellecer, os dereitos das persoas maiores, xubilacións forzosas.... estes son algúns dos temas que diferentes expertos e expertas abordarán mañá no Carballiño na xornada “O idadismo, discriminación por mor da idade”. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a Valedora do Pobo, Dolores Fernández; e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, son os encargados de inaugurar esta cita (16:30 horas) que pretende concienciar na necesidade do avellentamento coma un proceso digno e saudable.
18/10/2021

A terceira entrega de Sextina pon o foco nos Encontros Galegos de Feministas

O 28 e 29 de marzo de 1987 tivo lugar en Santiago os II Encontros Galegos de Feministas. A documentación desta cita (materiais publicitarios, textos manuscritos e otros recursos) conforman a terceira entrada de Sextina, proxecto do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) para visibilizar rarezas e documentos pouco coñecidos por mor da súa antigüidade, tipoloxía, forma de produción, procedencia ou xeito de difusión.
13/07/2021

O Álbum de Galicia engade a biografía de Berta Á Cáccamo

Berta Cáccamo (Vigo, 1963-2018) foi unha das máis relevantes figuras da pintura galega da súa xeración. Destacou pola súa personalidade, aberta e solidaria, e deixou unha fonda pegada no medio artístico. Pintora e docente soubo conectar as súas inquedanzas artísticas coas do contexto internacional. O profesor, ensaísta e comisario Carlos L. Bernárdez asina a entrada que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia.
08/07/2021

As xornadas 'Mulleres rurais' reclaman unha maior visibilización da súa realidade nas estatísticas e nas políticas do Estados

Onte presentáronse as conclusións da xornada 'Mulleres rurais. Unha ollada desde Galicia e América Latina', xa cal se celebraran as conferencias o 1 de xuño. A xornada, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega (CDIF) e a Valedoría do Pobo de Galicia, reuniu a destacadas expertas do país e de varios estados latinoamericanos para "intercambiar coñecementos, boas prácticas, ideas e propostas" en relación á realidade das mulleres rurais. Na presentación das conclusións participaron Rosario Álvarez, presidentas do Consello da Cultura Galega, e María Xosé Porteiro, vogal da Comisión Executiva e coordinadora do CDIF.
02/06/2021

A biografía de Manuela Barreiro Pico, primeira licenciada da USC, no Álbum de Galicia

Foi a primeira alumna da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A biografía de Manuela Barreiro Pico (Viveiro, 1877 - Madrid, 1953) está chea de pequenos fitos. Foi a primeira bacharel en Ciencias en Lugo, a primeira universitaria galega e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia. A súa entrada, asinada por María Isabel Fernández García, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
31/03/2021

A entrada da arquitecta Maria del Milagro Rey Hombre incorpórase ao Álbum de Galicia

Proxectou algunhas das construcións máis emblemáticas da Coruña como a fonte de Catro Camiños ou a “Torre Douradas” o primeiro rañaceos da cidade. Foi precisamente na capital herculina onde María del Milagro Rey Hombre (Madrid,1930- A Coruña, 2014) desenvolveu a súa traxectoria profesional como arquitecta e tamén como docente. A súa entrada acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.
29/03/2021

Publicada unha nova entrega do proxecto "Sextina"

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) acaba de facer pública unha nova entrega do seu proxecto Sextina. Desta volta inclúe documentación das “II Xornadas Feministas Galegas”, unha cita desenvolvida nos primeiros días de novembro de 1984 que xuntou a diferentes colectivos para tratar algúns dos temas destacados do momento como o lesbianismo, a violencia ou a educación.
05/03/2021

O Consello da Cultura Galega conmemora o Día Internacional da Muller con diferentes actividades

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza unha serie de actividades encamiñadas a difundir e visibilizar a creación feminina e a acción da institución neste campo. Un ciclo de cine, incorporación de novos materiais á hemeroteca feminista “A Saia”, e a difusión de historias de mulleres son algún sdos contidos elaborados desde os diferentes departamentos da institución cultural.
19/11/2020


O Consello da Cultura Galega debate este venres a importancia de contabilizar a violencia de xénero

Entre 2003 e 2020 morreron en España 1069 mulleres a cargo das súas parellas ou exparellas e 63 deses asasinatos cometéronse en Galicia. O goberno investiu nese periodo máis de 628 millóns de euros na materia. O custe real da violencia de xénero (que implica desde a asistencia psicolóxica, policial, laboral, xudicial…) está contabilizado en 23.360 millóns de euros, dos que 1.350 millóns responden á realidade galega. “Coñecer o custe pode reducir a aceptación social deste tipo de violencia” explica María Debén Alfonso, responsable da Área de Igualdade da Delegación do Goberno en Galicia. Canda a ela, María de Los Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra a Violencia Domestica e de Xénero explica que as cifras poden ser maiores xa que a día de hoxe baixo este concepto “só se entende a violencia a cargo de parellas e de exparellas”. As súas intervencións, xunto coa de Belén Liste, subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Xunta, pódense ver no web do Consello da Cultura Galega. Mañá estarán en directo nesa mesma canle para atender ao debate coa cidadanía desde as 9:30 horas.
15/10/2020

O Consello da Cultura Galega inicia en Ferrol un ciclo de conferencias arredor de Concepción Arenal

O 31 de xaneiro de 1820 nacía en Ferrol a pensadora e escritora Concepción Arenal Ponte. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este ano o bicentenario do seu nacemento a través de varias actividades que están en consonancia co seu pensamento. O vindeiro venres 16 comeza no Ateneo de Ferrol (18:00 horas) un ciclo de conferencias que baixo o título "O mundo do porvir: bicentenario do nacemento de Concepción Arenal Ponte (1820-2020)" revisa a vixencia do seu legado. A primeira cita leva por título “Amor, educación e igualdade para o progreso” e supón tamén a primeira actividade fóra de Santiago do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), que dirixe María Xosé Porteiro.
01/10/2020

Preséntase a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos

Este 1 de outubro cúmprense 89 anos da aprobación do dereito das mulleres ao voto. Unha efeméride na que o Consello da Cultura Galega (CCG) pon en rede a web do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, o CDIF, o cuarto arquivo que o CCG creou en 2019. É un “Arquivo que, ademais de inventariar, documentar, preservar e dispoñeros fondos, debe actuar como incitador á reflexión, divulgador de contidos e dinamizador da sociedade galega” destaca a presidenta, Rosario Álvarez. O centro, que ten a súa orixe nunha comisión temporal creada en 2005, ten como directora a María Xosé Porteiro.
31/03/2020

Presentamos cun audiovisual a tradución da obra de Concepción Arenal “A muller do porvir”

En 1869 Concepción Arenal publicou “A muller do porvir”, unha obra que ofrecía unha lectura inusual sobre as mulleres. No marco das celebracións do centenario do nacemento desta revolucionaria muller, o Consello da Cultura Galega traduce esta obra para o galego nun formato especial. Ademais do prólogo da especialista María Dolores Ramos, inclúe outros materiais que axudan a contextualizar a autora e a significatividade desta publicación. Por mor da cancelación da actividade presencial para conter a pandemia do coronavirus, o Consello da Cultura Galega adaptou para a rede o formato de presentación desta publicación. Faino a través dun audiovisual en que a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira prestan as súas voces nunha lectura colectiva deste texto para difundir o pensamento desta muller irrepetible.
02/03/2020

María Xosé Porteiro, premio Ernestina Otero do Consello Municipal da Muller de Vigo

O Consello Municipal da Muller de Vigo decidiu, por unanimidade, conceder o premio Ernestina Otero a María Xosé Porteiro (Madrid, 1952). Porteiro ten unha ampla traxectoria como xornalista, política, escritora de novela e ensaio e actualmente é vicevaledora do pobo e ocupa diferentes postos na estrutura do Consello da Cultura Galega (é membro do Plenario, vogal da súa Comisión Executiva e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, Cedif).
28/02/2020

O Consello da Cultura Galega e o CGAI conmemoran o 8 de marzo co ciclo de cine “Olladas de muller”

“Os fillos da vide” de Ana Domínguez abre o vindeiro martes 3 de marzo a sétima edición do ciclo de cine “Olladas de mulleres”, unha proposta organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) que pretende exhibir a creación audiovisual feita por mulleres. O ciclo, que continúa a liña de proxeccións e coloquios, amplíase ata sete días e inaugura unha vía de colaboración coa creación portuguesa. As proxeccións terán lugar na sede do CGAI na Coruña e a entrada é de balde.
21/11/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura en Vilalba as Xornadas da Muller

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; a presidenta do Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), Marisa Barreiro; e a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, inauguran este venres na casa da cultura de Vilalba as “Xornadas da muller”. Unha iniciativa promovida polo CCG e o IESCHA que, durante dous días, pretende destacar o papel das mulleres na cultura a través de conferencias, debates e música.
11/11/2019

Unha xornada aborda mañá as formas da “cultura da violación”

“Nin unha menos”, “Non é non“, “Non é abuso, é violación“ ou “Esta é a miña manda“ son algunhas das campañas que se rebelaron contra sentenzas xudiciais e decisións administrativas en casos moi marcados socialmente. A isto engádeselle que as estatísticas constatan un incremento da violencia sexual contra as mulleres máis novas, mesmo menores de idade. Sobre as moitas e variadas manifestacións ou accións que inciden no aumento da chamada “cultura da violación” falarán mañá martes no Consello da Cultura Galega (CCG) especialistas como Miguel Lorente, Ana de Miguel Álvarez ou Rosa Cobo, entre outros. É a Terceira Xornada Formas de Violencia de Xénero, que este ano se centra na violencia sexual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), María Xosé Porteiro, serán as encargadas de abrir esta cita, que ten todas as prazas cubertas. As intervencións poderán seguirse en directo a través da rede.
28/10/2019

O Consello da Cultura Galega presenta mañá na Coruña o documental que homenaxea as mulleres anónimas do Pindo

Son mulleres anónimas, que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Sobre elas fala “As mulleres co mundo na cabeza”, documental dirixido por Encarna Otero elaborado co material de documentación rexistrado por unha das áreas de traballo do Centro de Documentación de Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, o fotoxornalista Xurxo Lobato e Encarna Otero presentan mañá este traballo na Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario ás 20:00 horas. Ao rematar haberá unha actuación musical de Bea a de Estrella.
23/10/2019

Unha xornada destaca a contribución de Carmela Porteiro no campo da oceanografía

Non foi só unha oceanógrafa experta en avaliación e xestión de recursos mariños vivos, senón tamén pioneira en dirixir centros de investigación, expedicións e representar a España en comités internacionais. A figura de Carmela Porteiro amosa tamén o difícil camiño que percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX. A súa biografía e traballo centran a xornada, coordinada por María Xosé Porteiro e Inma López Silva, que se desenvolve mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) e que podes seguir en directo desde o sitio web institucional.
23/09/2019

O Consello da Cultura Galega presenta mañá en Santiago o documental sobre as mulleres anónimas do Pindo

“As mulleres co mundo na cabeza” é o título do documental, dirixido por Encarna Otero, no que se quere homenaxear a mulleres anónimas que non deixaron ningunha pegada nos rexistros oficiais e que sustentaron as súas familias cos materiais que transportaban na súa cabeza. Forma parte dun traballo de documentación dunha das áreas de traballo da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende fixar o testemuño de traballadoras anónimas na creación dun arquivo de imaxe. Este documental, que se estreou en xullo en Carnota, preséntase mañá martes en Santiago ás 19:00 horas. O acto contará coa presenza de Encarna Otero e dunha das protagonistas do documental (Marisa Vázquez Oreiro), e será presentado por María Xosé Porteiro, responsable da citada Comisión. Tamén haberá unha actuación da cantora Alba María.