O Consello da Cultura Galega foi admitido esta mañá do 1 de novembro na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa (CPLP), durante a XI Conferencia de Xefes de Estado e de Goberno da entidade, en calidade de Observador cConsultivo. Culmina así un dilatado proceso de tramitación iniciado en 2010 para “facer máis visible a lingua e cultura galegas no exterior”, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. O CCG é a primeira institución galega en formar parte da CPLP.
01/11/2016
06/10/2016
Cataluña, Portugal e Irlanda conforman os grandes ecos externos das Irmandades da Fala, tal e como afirmou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na primeira intervención do congreso “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación” que estes días ten lugar en Santiago de Compostela. O simposio, coordinado por Xosé M. Núñez Seixas pretende estabelecer unha ollada dende fóra e unha reflexión sobre o peso que os referentes exteriores tiveron nas Irmandades da man dos mellores especialistas europeos na materia.
06/10/2016
Hoxe comeza no Consello da Cultura Galega o congreso internacional “O contexto internacional das Irmandades da Fala. As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, que analiza o tempo das Irmandades da Fala no centenario da súa fundación. Coordinado por Xosé M. Núñez Seixas, este encontro conta con relevantes historiadores europeos que abordan a cuestión das nacionalidades dende unha perspectiva comparada.
Consulta o programa no web do evento e segue a retransmisión en directo.
Consulta o programa no web do evento e segue a retransmisión en directo.
04/10/2016
A escritora brasileira Nélida Piñón , filla e neta de emigrantes galegos de Cotobade, exerceu de embaixadora cultural nun encontro mantido con representantes da cultura galega no que analizou a proxección exterior de Galicia no Brasil e as posibilidades que este intercambio pode ter para ambas culturas.
30/09/2016
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Maddalena Tirabassi, vipresidenta da AEMI, clausuraron o encontro no que destacaron a necesidade de preservar o legado das migracións e a importancia da existencia de institucións que conserven a súa memoria histórica para entender mellor a sociedade contemporánea.
29/09/2016
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e Hans Storhaug, presidente da AEMI, foron os encargados de inaugurar o pasado mércores un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega e que conta coa participación de medio cento de especialistas de museos da emigración de toda Europa.
23/09/2016
O Consello da Cultura Galega organiza a participación de Xavier Queipo na Feira de Göteburgo, o que permitirá que a literatura galega estea presente na feira do libro máis importante dos países escandinavos. A feira, que ten lugar entre os días 22 e 26 de setembro no Centro de Congresos e Exhibicións de Suecia, converteuse nos últimos anos no gran festival literario europeo, o segundo en importancia logo de Fráncfort e no que participan escritoras e escritores de todo o mundo. Xavier Queipo intervirá o sábado 24 ás 17.00 horas no stand da EUNIC (European Union National Institutes for Culture) cun diálogo coa escritora estonia Maarja Kangroo.
23/09/2016
O Consello da Cultura Galega acolle, entre os días 28 de setembro e 1 de outubro, a vixésimo sexta Conferencia Anual da Asociación de Institucións Europeas de Migración (AEMI) que leva como título European migrant diasporas and cultural identities. É a primeira vez que Galicia se converte en sede dunha conferencia anual que reunirá a máis de cincuenta especialistas de todo o mundo para abordaren cuestións relativas á diáspora migratoria europea e á identidade cultural.
20/07/2016
O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presenta mañá en Ponta Delgada (Illa de São Miguel, Azores) a publicación Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: experiencias de Galicia e Azores. A actividade, organizada coa Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento (FLAD), enmárcase dentro dos actos conmemorativos do corenta aniversario da autonomía da asemblea lexislativa das illas dos Azores. No acto tamén estarán presentes dous coordinadores da publicación, Alberto Pena e Mário Mesquita, así como Michael Baum, administrador da FLAD.
30/06/2016
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o investigador Pablo Rodríguez presentan mañá venres en Ribadeo (20:30 horas) o libro Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e o Río da Prata). A obra revisa a figura de quen foi fundador de Céltiga, unha cabeceira crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo entre as comunidades galegas de América. Non é a única actividade da institución nesta localidade lucense, xa que pola mañá (12:30 horas) inaugura Galicia Imaxinada, a exposición que visualiza de xeito gráfico a influencia da emigración na creación dos símbolos de Galicia.
16/06/2016
Co poema “Autobusa hartu behar dut” (“Cómpreme coller o bus”) de Leire Bilbao abriuse esta tarde no Consello da Cultura Galega (CCG) un recital poético singular. Tratouse dun diálogo entre a literatura galega e vasca nas voces de poetas recoñecidos de ambas literaturas. Miren Agur Meabe, Gonzalo Hermo, Manuel Rivas e Dores Tembrás completaron esta proposta que foi presentada polo escritor e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Anxo Angueira quen destacou a vizosa relación entre a lingua e a cultura vasca. Foi o vicepresidente Francisco Díaz-Fierros quen situou a cita no marco dunha liña de traballo institucional que o Consello da Cultura mantén co Instituto Ramón Llull e co Etxepare no que atende á difusión da cultura e o idioma das diferentes linguas ibéricas.
16/06/2016
O recital unirá a poesía galega e vasca nas voces de Leire Bilbao, Felipe Juariti, Miren Agur Meabe, Gonzalo Hermo, Manuel Rivas e Dores Tembrás. O escritor e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Anxo Angueira, fará de mantedor do acto. O recital terá lugar este xoves 16 de xuño ás 19 horas na sede da institución.
30/04/2016
Conferencias, varias presentacións así como a inauguración das últimas mostras do Consello da Cultura Galega sobre Valle-Inclán ou a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración conformaron a axenda do presidente da institución, Ramón Villares, na viaxe institucional a Bos Aires. A visita encádrase no marco de actividades previstas na Feira do Libro da capital arxentina na que Santiago era cidade convidada e onde contribuíu a difundir a cultura galega. A cita conclúe hoxe coa presentación do libro homenaxe a Manuel María, Advento.
20/04/2016
O presidente do Consello da Cultura promove a cultura galega no marco da Feira do Libro de Bos Aires
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), inicia unha viaxe institucional a Bos Aires co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. Nesta ocasión encádrase no marco de actividades previstas na Feira do Libro que comeza mañá na capital arxentina. Na súa axenda está prevista a realización de conferencias, varias presentacións así como a inauguración das últimas mostras realizadas pola institución que preside.
12/04/2016
“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido”(1930-1936) é o título da exposición que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. A versión en portugués desta mostra inaugurouse na tarde deste martes no Museo Nogueira da Silva en Braga. Alí estivo presente o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a comisaria, Rosario Mascato, nun acto que contou coa actuación musical do grupo Zoar.
23/02/2016
O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presentaron esta mañá dúas accións encamiñadas a recuperar o legado da emigración. Dunha banda, deron a coñecer un libro que revisa a figura de Eliseo Pulpeiro fundador de Céltiga, cabeceira que xogou un papel crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo entre as comunidades galegas de América. Da outra, ofreceron unha visita por Galicia Imaxinada, a exposición que visualiza de xeito gráfico a influencia da emigración na creación dos símbolos de Galicia e que se inaugura pola tarde (20:00 horas). A presentación contou coa presenza da filla de Eliseo Pulpeiro, Sylvia Pulpeiro e o investigador Pablo Rodríguez.
02/02/2016
“Non son un especialista no exilio, pero vivilo permíteche apreciar outra realidade e entender por qué o goberno e o pobo de México se volcaron cos refuxiados españois”. Así comezou Luciano Concheiro a conferencia no Consello da Cultura Galega na que fixo un repaso polo que achegaron as últimas investigacións ao coñecemento dun fenómeno que afectou a máis de 40.000 españois entre 1939 e 1942. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, presentou ao conferenciante nunha biblioteca que tiña o seu aforo completo.
28/01/2016
A divulgación da figura de Rosendo Salvado conta cunha nova achega. Trátase da publicación Rosendo Salvado e o mundo aborixe de Australia, que recolle as actas do Congreso realizado polo Consello da Cultura Galega en 2014 coa edición de Ramón Máiz e Thifany Shellan. A publicación, que xa se pode descargar desde o web do CCG, dá conta da relevancia do frade, quen desenvolveu en Australia un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na defensa dos dereitos dos aborixes. A presentación completouse coa conferencia da profesora australiana Anna Haebich sobre o legado musical de Salvado na educación dos aborixes.
16/12/2015
Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América dos anos cincuenta do século pasado que tivo en Brasil e Uruguai os principais destinos. A mostra chega agora a Belo Horizonte (Brasil), onde se pode ver ata o día 27 de febreiro de 2016. Estará aberta no O CâmeraSete–Casa da Fotografia de Minas Gerais, un espazo dedicado ás artes visuais da Fundação Clóvis Salgado, resultado dunha colaboración entre a Secretaria de Estado de Cultura de Minas Gerais e o Instituto Moreira Salles.
04/12/2015
Contribuír á proxección exterior da cultura galega; atender a un sentido amplo da cultura que inclúe desde ciencia ata cinema, música ou patrimonio; reflexionar sobre as identidades e os movementos migratorios sen descoidar a recuperación e posta en valor da cultura galega son as liñas de traballo do Consello da Cultura Galega (CCG) para 2016. Así o acordou o Plenario da institución no marco dunha xuntanza ordinaria celebrada no serán deste xoves. Isto concrétase nun congreso sobre as Irmandades da Fala, unha exposición que constrúe o relato histórico de Galicia en cen obxectos, a recuperación da figura de Manuel María e un seminario sobre fronteiras, soberanías e migracións. En total están programadas máis de cincuenta actividades cun orzamento que se sitúa preto dos dous millóns e medio de euros.
24/09/2015
A cultura galega estará presente na Feira do libro de Göteburgo, que se desenvolve ata o domingo nesa cidade sueca. Faino a través do Consello da Cultura Galega, que conta cun espazo compartido con outras linguas peninsulares e coa participación nun programa cultural ao que asisten Dolores Vilavedra e Inma López Silva. Este encontro é o maior festival literario dos países escandinavos e está considerado como a segunda feira europea en relevancia, despois da de Frankfurt.
24/09/2015
Mateus DOC é un exitoso programa que busca estimular o diálogo interdisciplinar entre investigadores novos que reflexionan arredor dun tema. Esta cita, organizada polo portugués Instituto Internacional Casa Mateus (IICM), tivo lugar esta fin de semana en Santiago. É a primeira vez que se realiza fóra de Portugal e foi posible grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega. Esta edición pretendeu servir de reflexión sobre o concepto de Migración.
23/09/2015
“Europa e as migracións no terceiro milenio” é o título da xuntanza anual da Asociación Europa de Institucións Migratoria (AEMI) que se desenvolve ata o sábado en Turín, Italia. Nesta cita estará presente o Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio que ofrecerá unha visión das novas mobilidades de migración en Galicia.
14/09/2015
“Altre parole, nuove letture: Valle-Inclán tradotto [1906-1936]” (“Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido”) é o título da exposición que pretende dar conta da dimensión internacional deste escritor a través das traducións das súas obras a outras linguas. A versión en italiano da mostra inaugúrase este martes 15 de setembro na Academia de España en Roma coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a súa comisaria, Rosario Mascato. A mostra ten especial significación xa que foi o último destino profesional de Valle-Inclán antes da súa morte.
16/07/2015
Os alumnos dos cursos de verán de lingua e cultura galegas que anualmente organiza a Real Academia Galega para non galegos visitaron onte o CCG. O nutrido grupo de estudantes estranxeiros e do Estado español que participan neste curso para coñecer mellor Galicia, a súa lingua e cultura, foi recibido pola vicepresidenta da institución, Rosario Álvarez Blanco, e posteriormente asistiron a unha conferencia de Manuel Gago sobre Internet e a cultura e sociedade galega.
17/06/2015
A Universidade do Minho distingue esta tarde co seu grao de Doutor Honoris Causa en Historia a Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea e presidente do Consello da Cultura Galega. Os membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa, por proposta do seu Instituto de Ciências Sociais, acordaron por unanimidade conceder esta distinción a Ramón Villares. Este recoñecemento concédese a “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”.
12/04/2015
A vicepresidenta do Consello da Cultura Galega participa no I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos
Mañá comeza na Universidade Federal da Bahia (UFBA) o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos (I EBEG), unha cita que ten tres obxectivos: conmemorar o aniversario do Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas (CELGA), homenaxear a fundadora do Centro de Estudos Galegos na Bahia, a profesora Rosario Suárez Albán, así como intensificar o diálogo intelectual entre investigadores brasileiros e estranxeiros que se dediquen aos estudos galegos. Nesta cita, que se estende ata o mércores 15, estará presente Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega.
09/04/2015
O concepto Migración inaugura o primeiro Mateus DOC Galicia. Un encontro de reflexión e debate interdisciplinar entre doutorandos e postdocs que segue o espírito do programa Mateus DOC que se desenvolverá entre os días 18 e 20 de setembro de 20015. A cita está organizada polo Instituto Internacional Casa de Mateus e o Consello da Cultura Galega.
05/04/2015
Mañá arrinca en Bos Aires a undécima edición do congreso anual da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). Nesta ocasión céntrase en analizar como a globalización muda as identidades nas fronteiras, na emigración e no exilio. O Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe coa organización de dous ciclos de diálogos: un sobre o papel de Bos Aires como capital cultural galega e outro sobre o asociacionismo étnico e a identidade.
12/03/2015
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, remata mañá unha viaxe a Brasil co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. Hoxe participa no acto de nomeamento da escritora de orixe galega Nélida Piñón como directora da Cátedra José Bonifácio do Centro-Iberoamericano (CIBA-USP). A última cita da axenda prevista terá lugar mañá cunha conferencia sobre o patrimonio galego da emigración na sede do Instituto Cervantes de São Paulo.


