Noticias

Acción exterior do Consello da Cultura Galega. Rexistros331 a 360 de 500
11/03/2015

O Consello da Cultura Galega, o CSIC e a SECS presentan a adaptación do cómic Vivir no solo

Conmemórase neste 2015 o Ano Internacional dos Solos. Unha efeméride que a Delegación da Sociedad Española de la Ciencia del Suelo (SECS) en Galicia e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) celebra coa reedición (en castelán e con novos contidos adaptados) do cómic divulgativo Vivir no solo, elaborado polo Consello da Cultura Galega. Na presentación estaban presentes Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, coordinador institucional do CSIC en Galicia; Montserrat Díaz Raviña, presidenta da Delegación da SECS en Galicia; María Antón Vilasánchez, concelleira de Cultura de Santiago; así como os autores do cómic: Marilar Aleixandre como escritora, Fran Bueno como ilustrador e Francisco Díaz-Fierros como asesor pero tamén como vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
08/03/2015

O presidente do Consello da Cultura inicia unha viaxe a Brasil no marco da súa liña de acción exterior

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, inicia unha viaxe a Brasil co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. A súa axenda comeza hoxe luns coa inauguración de Os adeuses, a exposición que amosa os últimos momentos da emigración galega cara a América dos anos cincuenta do século pasado. Na inauguración estará presente o director do Instituto Cervantes de Río de Xaneiro, Oscar Pujol; o presidente da Casa de España, Alexandre Bouzón; e Pablo Figueroa Dorrego, conselleiro de Emprego e Seguridade Social da Embaixada de España en Brasil. Contará tamén coa presenza da escritora e académica Nélida Piñón, de orixes galegas e autora do gran romance sobre a emigración galega no Brasil, A república dos sonhos.
19/12/2014

O seminario Estudos galegos/Estudos ibéricos remata coa demanda dunha maior colaboración institucional na internacionalización da lingua

“É o momento de dar un paso máis na colaboración que nos permita crear unha acción exterior concertada, coherente e definida no que ten que ver coa difusión da lingua e da cultura galega”. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, poñía así o fin ao seminario “Estudos Galegos/estudos ibéricos” que durante tres días xuntou en Santiago a responsables dos institutos de difusión internacional do vasco, catalán, español e portugués, xunto con lectores, profesores de galego de diferentes universidades do mundo.
18/12/2014

Os responsables dos institutos Etxepare e Llull explican as estratexias de difusión da lingua vasca e catalá

O estudo das linguas e das culturas vasca e catalá centraron a segunda sesión do seminario internacional Estudos galegos/Estudos ibéricos. Alén das fronteiras, que se desenvolve ata mañá na sede do Consello da Cultura Galega. Unha cita coordinada por Henrique Monteagudo encamiñada a coñecer e mellorar as estratexias de difusión e promoción das distintas linguas ibéricas. Os responsables dos institutos Etxepare e Llull explicaron a situación actual da internacionalización do vasco e catalán, respectivamente, a través dos diferentes programas que desenvolven, así como as súas propostas de futuro.
17/12/2014

O papel do Instituto Cervantes na difusión das culturas peninsulares abre o seminario Estudos Galegos/Estudos Ibéricos

“Un dos grandes retos do Instituto Cervantes pasa por mellorar as súas relacións coas linguas de España”. Con estas palabras Víctor García de la Concha, responsable do Instituto Cervantes abriu a quenda de relatorios do seminario internacional Estudos galegos/estudos ibéricos. Alén das fronteiras que se desenvolve ata o venres no Consello da Cultura Galega. A inauguración desta cita correu cargo do Presidente da institución, Ramón Villares, quen destacou a importancia do debate acádemico e institucional de poñer sobre a mesa a difusión da lingua e da cultura galega nun momento actual. Canda el, o coordinador do seminario, Henrique Monteagudo, incidiu na inseparabilidade dos estudos galego no marco dos hispánicos pero tamén luso-brasileiros.
16/12/2014

O Consello da Cultura aborda nun seminario a difusión e promoción das linguas ibéricas

A universidades de Kiev (Alemaña), Zadar (Croacia), Cork (Irlanda), Nova York (Estados Unidos), Bos Aires (Arxentina)… son algunhas das trinta e sete de todo o mundo nas que se estuda a lingua e a cultura de Galicia. Este tipo de prácticas comezaron hai unhas tres décadas e agora cómpre revisar cales son os atractivos e o interese que estes estudos teñen no contexto actual. Este é un dos cometidos do seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, que se desenvolve ata o venres 19 na sede do Consello da Cultura Galega. A cita tamén serve para por sobre a mesa as modalidades de promoción, difusión e articulación das linguas ibéricas (galego, portugués, catalán e vasco) nos ámbitos académicos internacionais. O presidente da institución, Ramón Villares, e o coordinador do seminario, Henrique Monteagudo, son os encargados da inauguración que terá lugar mañá mércores ás 16:30 horas.
12/12/2014

O Consello da Cultura, a Xunta e o Parlamento presentan as Memorias de Rosendo Salvado en galego

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia e Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia presentaron esta mañá no Parlamento a publicación Memorias históricas sobre a Australia de Rosendo Salvado. “Non son o balance vital ou o testamento, senón máis ben o proxecto de toda unha vida” explicou Ramón Villares sobre o libro que ve agora a luz tras das súas edicións en italiano, francés, español e inglés. A publicación, que xa se pode descargar desde o web do CCG, documenta a traxectoria de Rosendo Salvado en Australia, onde desenvolveu un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na defensa dos dereitos dos aborixes.
11/12/2014

Mañá se presenta no Parlamento a edición en galego as Memorias sobre a Australia de Rosendo Salvado

O vindeiro venres 12 de decembro, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia e Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, presentarán (11:00 horas) no Parlamento a publicación Memorias históricas sobre a Australia. Trátase da edición en galego da publicación homónima escrita por Rosendo Salvado, na que recolle as súas vivencias en Australia, onde desenvolveu un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na educación e na defensa dos dereitos das comunidades aborixes.
10/12/2014

Un seminario do Consello da Cultura reflexiona sobre o interese do galego no ámbito internacional

Coñecer cales son os atractivos e interese que pode ter o galego no panorama académico de fóra de Galicia. Este é o principal obxectivo do seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, que se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega entre os días 17 e 19 de decembro. A cita ten outro valor engadido, que é o de xuntar por primeira vez na mesma mesa os responsables dos institutos encargados da difusión da cultura e o idioma das diferentes linguas ibéricas, como son o Instituto Cervantes, Camões, Llull e Etxepare. O seminario conta con trinta prazas, nas que terán preferencia as persoas relacionadas coa proxección internacional da lingua e da cultura galegas.
01/12/2014

O Consello da Cultura acolleu unha reunión para adaptar o programa investigador Mateus DOC á realidade galega

O Consello da Cultura Galega acolleu esta mañá unha presentación do programa Mateus DOC, iniciativa do Instituto Internacional Casa Mateus dirixida a investigadores de todas as áreas científicas, coa intención de adaptar esta proposta para Galicia. Na cita estiveron presentes representantes do Instituto Internacional Casa de Mateus, a Universidade do Minho, as universidades galegas, a Fundación Barrié e o Instituto de Ciencias do Patrimonio, así como investigadores galegos que participaron en edicións anteriores do programa Mateus DOC.
13/11/2014

Mañá comeza o seminario que estuda por primeira vez os exilios ibéricos en clave comparada

Os exilios ibéricos en clave comparada é un seminario que analiza o fenómeno do exilio en clave contemporánea e, por primeira vez, pon en diálogo os casos catalán, vasco, galego e portugués. O seminario ten ademais outra finalidade, que é a de homenaxear o Consello de Galiza, cando se cumpren setenta anos da súa constitución. A cita arrinca mañá na sede do Consello da Cultura Galega cunha palestra a cargo do seu presidente, Ramón Villares.O seminario poderase seguir en directo a través do sitio web da institución.
03/11/2014

Situar a cultura galega no contexto europeo entre os obxectivos do Consello da Cultura Galega para 2015

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), compareceu esta mañá na Comisión 3ª, Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de orzamentos. Alí deu conta do executado en 2014 e fixo unha previsión de actividades para o vindeiro ano. Unha xornada sobre os desafíos do ecosistema cultural galego diante da Europa 2020, unha exposición que sintetiza a nosa cultura en cen obxectos e outra sobre a imaxe de Galicia a través das revistas da emigración son algunhas das actividades centrais para o 2015. A presenza na rede, edición dixital, a colaboración institucional e o labor asesor reforzan as liñas de traballo futuras.
24/10/2014

O Consello da Cultura Galega inaugura Conversas na raia, un programa para reflexionar sobre cuestións comúns con Portugal

Cúmprense 150 anos do Tratado de Lindes de Lisboa, no que se fixaron as actuais fronteiras entre España e Portugal. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho, co apoio da Cámara Municipal de Monção, aproveitan para inaugurar o programa Conversas na raia, no que reflexionarán sobre cuestións comúns. A primeira edición, que se titula “As fronteiras políticas (150 anos do Tratado Espanha-Portugal)” desenvolverase este sábado 25 na localidade portuguesa de Monção.
22/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura evidencia complexidade de cuantificar as migracións

Emigrantes retornados, circulación de traballadores, estudantes do programa Erasmus… son moitas e moi variadas as tipoloxías de movementos que se agochan detrás das grandes cifras estatísticas. Por ese motivo, resulta moi complexo cuantificar o fenómeno das novas migracións. Esta foi a idea que se plasmou no seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, coordinado pola profesora Laura Oso e que concluíu hoxe en Santiago. A cita ofreceu cifras e estudos de caso que permitiron evidenciar que Galicia ten un comportamento diferente ao do resto de España no que segue a ter moita importancia o rastro da emigración histórica.
20/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura pon rostro e cifras ás novas migracións por mor da crise

Hoxe en día estamos inmersos nunha nova etapa migratoria. “Hai moitas tipoloxías de movementos, desde estudantes novos que buscan novas oportunidades laborais ata o retorno de emigrantes que volven aos seus países de orixe” explica Laura Oso, profesora da Universidade da Coruña que coordina o seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, que arrinca mañá no Consello da Cultura Galega. Unha cita que poñerá cifras pero tamén ofrecerá a voz dos protagonistas deste fenómeno que ten importantes repercusións sociais, culturais e políticas.
16/10/2014

Un seminario do Consello da Cultura Galega analiza as novas migracións por mor da crise

Un posto de traballo, estranxeiros que voltan á casa, descendentes de galegos que retornan ás súas patrias de nacemento. Son moitas as casuísticas que engloban un novo movemento migratorio en Galicia. As tipoloxías, as primeiras cifras deste fenómeno son algúns dos asuntos que se pretenden analizar nas xornadas Novas mobilidades nun contexto de crise, que terán lugar o 21 e o 22 de outubro no Consello da Cultura (CCG). Está aberto o prazo de inscrición, que se pode formalizar a través da páxina web da institución (é de balde e hai cen prazas).
02/10/2014

O Consello da Cultura Galega participa na Feira internacional do Libro, Liber 2014

Do 1 ao 3 de outubro ten lugar en Barcelona a trixésimo segunda edición da Feira Internacional do Libro. Unha cita á que o Consello da Cultura Galega levará a súas publicacións máis recentes a través de dous espazos. Un deles co Institut d´Estudis Catalans (stand A 164). O outro é coa UNE (Unión de Editoriais Universitarias Españolas). Precisamente esta entidade presenta hoxe, 2 de outubro, a súa plataforma de venda en liña, Unebook.es , na que se poden atopar as publicacións do Consello da Cultura Galega.
25/09/2014

O Arquivo da Emigración Galega presenta o proxecto Epístola na xuntanza anual da AEMI que terá lugar en Riga

“Migracións e refuxiados: antes e agora” é o título baixo o que a Asociación Europea de Estudos Migratorios (AEMI) convocou os seus socios para a súa xuntanza anual. Unha cita que ten lugar en Riga (Letonia), do 25 ao 27 de setembro, e na que participa o Consello da Cultura Galega a través do Arquivo de Emigración Galega. Alí presentarase o Proxecto Epístola, iniciativa que se encarga da preservación dos fondos documentais de personalidades da emigración galega.
09/07/2014

O Consello da Cultura Galega amosa a exposición Os Adeuses na localidade portuguesa de Fafe

Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América nos anos cincuenta. A mostra, elaborada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), continúa o seu periplo polo exterior e fai recalada en Fafe (Portugal). Ramón Villares, presidente do CCG, e Raul Cunha, presidente da Câmara Municipal de Fafe, inaugurarán este xoves (ás 16:00, hora portuguesa) a exposición, que estará aberta na Galería Municipal da Casa da Cultura ata finais de agosto.
08/07/2014

Unha xornada destaca a relevancia que tivo Valle-Inclán no exterior

A diferenza de moitos outros autores coetáneos, o legado e a figura de Ramón María del Valle-Inclán tivo moita relevancia a nivel internacional en vida do autor. Así o constataron os diferentes relatores na xornada “A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo” que se desenvolve no Consello da Cultura Galega (CCG). E sobre esa idea tamén incidiron Ramon Villares, presidente do CCG e Juan Viaño, reitor da Universidade de Santiago, no marco da inauguración desta sesión que conclúe no serán, coa apertura dunha exposición no Claustro Alto de Fonseca sobre esta dimensión internacional.
07/07/2014

O Consello da Cultura afonda no Valle-Inclán menos coñecido cun seminario e cunha mostra

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, inaugurarán mañá no CCG unha xornada destinada a dar a coñecer a faceta máis internacional de Ramón María del Valle-Inclán. Un seminario (A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo) e unha exposición (Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936]) son as actividades previstas para achegarse ao perfil poliédrico deste creador tendo en conta esta nova lectura.
01/07/2014

O Consello da Cultura afonda na dimensión internacional de Valle-Inclán

A dimensión de escritor de Ramón del Valle-Inclán é por todos ben coñecida. Non o é tanto a súa faceta de intelectual preocupado por cuestións sociais, políticas, culturais, identitarias e académicas, que o levou a involucrarse en múltiples proxectos. Recuperar a súa figura tendo en conta esta nova lectura é o obxectivo dun seminario que o Consello da Cultura Galega (CCG) realizará o vindeiro 8 de xullo baixo o título A difusión internacional da figura de Ramón María del Valle-Inclán no seu tempo. Ademais, como complemento dos relatorios, ese mesmo día inaugurarase a exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido [1906-1936] que permitirá dar conta das traducións realizadas en vida do autor.
03/06/2014

Un coloquio analizará vías de colaboración entre Galicia e Portugal a través da Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento

Galicia e Portugal son dúas comunidades atlánticas que desenvolveron ao longo da historia unha idiosincrasia común relacionada co fenómeno migratorio a América, entre outros aspectos. Nesa relación co continente americano opera a Fundação Luso-Americana para o Desenvolvimento (FLAD), institución portuguesa que promove proxectos de cooperación entre a sociedade civil portuguesa e americana. Un dos membros do seu consello executivo, Michael Baum, estará esta tarde (17:00 horas) na biblioteca do Consello da Cultura Galega para analizar as liñas de actuación deste organismo e as posibles vías de colaboración con Galicia.
27/05/2014

Ramón Villares presentou en Braga O século de Xelmírez

O reitorado da Universidade do Minho acolleu o pasado venres 23 de maio a presentación de O século de Xelmírez, unha publicación que contén as actas do congreso internacional organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG). Unha presentación á que acudiu o presidente do CCG, Ramón Villares; o vicerreitor desa universidade, Rui Vieira de Castro; un dos coordinadores do libro, Fernando López-Alsina, e José Viriato Capela, catedrático de Historia e director da Casa-Museu de Monção.
26/05/2014

Luces de Alén Mar, mostra sobre as escolas de americanos en Galicia, chega a Cabreiros e Betanzos

Luces de Alén Mar é unha exposición organizada polo Consello da Cultura Galega que concentra a información sobre as escolas que se crearon en Galicia financiadas polos nosos emigrantes. Un feito con gran relevancia no noso país e que se pode ver, en dúas versións pero cos mesmos contidos, en Betanzos e Cabreiros.
23/05/2014

Ramón Villares potenciará nesta lexislatura a presenza na rede e a acción exterior

Ramón Villares, o presidente electo do Consello da Cultura Galega, comunicou nunha rolda de prensa as liñas estratéxicas do que será o seu mandato para os vindeiros catro anos. “Imos pasando do papel á rede, da comunicación oral ás redes sociais, imos adaptándonos sen perder a nosa identidade” apuntou Villares, ao destacar a continuidade dunha liña de traballo consolidada, ao tempo que reforzará a proxección da cultura galega tanto na rede coma no exterior.
12/05/2014

O cardeal Pell visita a exposición “Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe”

O cardeal George Pell, que acaba de ser nomeado prefecto da nova Secretaría Económica da Santa Sé, estivo esta fin de semana en Santiago para participar no encontro organizado polo Camiño Neocatecumenal. Entre as actividades realizadas, Pell visitou a exposición “Rosendo Salvado, valedor do pobo aborixe”, organizada polo Consello da Cultura Galega. Unha cita que ten unha especial conexión xa que George Pell foi arcebispo de Sydney, país australiano onde Salvado desenvolveu o seu traballo evanxelizador dun xeito singular.
21/04/2014

O presidente do Consello da Cultura avalía en Alemaña a influencia da República de Weimar na Xeración Nós

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) inicia hoxe unha visita por varios Centros de Estudos Galegos de Alemaña. Neles pronunciará unha conferencia que, baixo o título “A Xeracións Nós Na Alemaña de Weimar”, pretende analizar e avaliar a influencia que a cultura de raíz alemaña da época de entreguerras exerceu na configuración do pensamento dos principais membros da xeración Nós.
04/04/2014

O Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe” revelou a visión tolerante e integradora do tudense

Este mediodía rematou o Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe”. O acto de peche foi presidido por Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, e contou coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, Jane Hardy, embaixadora de Australia, Ramón Máiz e Francisco Díaz Fierros, coordinadores do simposio. Os coordinadores destacaron a visión plural e avanzada de Rosendo Salvado na Australia colonial da época.
02/04/2014

O CCG acolle dous concertos baseados nas obras de Rosendo Salvado

Dentro do marco do simposio "Da civilización á cultura: Rosendo Salvado e o mundo aborixe", o CCG organiza este xoves 3 de abril dous concertos de entrada libre para coñecer a Rosendo Salvado. Ás 18:00, no CCG, escoitaremos as súas obras para piano, a cargo de Brais González. E ás 19.30 h., o Auditorio San Felipe Neri do mosteiro de San Martiño Pinario acolle a estrea de Maquieló, de Antón Alcalde a partir de anotacións musicais de Rosendo Salvado, nas que recolleu a música aborixe australiana. Numerosos instrumentos de percusión aborixes combinaranse coa percusión europea.