Noticias

Acción exterior do Consello da Cultura Galega. Rexistros361 a 390 de 500
25/03/2014

O CCG e a Consellería de Cultura organizarán un gran encontro internacional sobre a lingua galega en setembro

Co obxectivo de dar a coñecer a lingua galega en círculos académicos e de prestixio internacional, o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura asinaron hoxe un convenio que, ademáis, contempla outras actividades de difusión como unha versión en liña dun documental sobre a normalización lingüística.
18/03/2014

O CCG compila tres obras de Xosé Neira Vilas no volume “Galicia en Cuba”

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou esta mañá a publicación “Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas”. “É unha obra orixinal que recolle tres obras anteriores de Xosé Neira Vilas pero que constitúe nunha nova publicación revisada e actualizada” asegurou Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega na rolda de prensa. Canda el participaron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, o cónsul xeral da República de Cuba, José Antonio Solana, e o autor, Xosé Neira Vilas.
17/03/2014

O CCG presenta “Galicia en Cuba”, un volume que compila tres obras de Neira Vilas

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta o martes 18 en rolda de prensa (12:30 horas) o volume “Galicia en Cuba. Lingua. Rosalía. Loitas”, que compila tres obras de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928). O acto contará coa presenza do presidente do CCG, Ramón Villares, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o cónsul xeral da República de Cuba, Xosé Antonio Solana, e o autor, Xosé Neira Vilas.
28/02/2014

O CCG inaugura en Tui a exposición: “Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe”

O Consello da Cultura Galega inaugurará en Tui o sábado 1 de marzo a exposición “Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe”. Será ás 20.00 h. no Teatro da Área Panorámica de Tui, e participarán Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do CCG e comisario da exposición, o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, e o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro Fiuza.



Descargue de balde o catálogo da exposición
03/02/2014

O CCG analiza os desafíos políticos en Europa en 2014

Destacados expertos galegos e foráneos reuniranse en febreiro no CCG para analizar os grandes desafíos políticos de Europa en 2014, e en especial os procesos de independencia en Escocia e Cataluña. “Móvense os marcos e cómpre atender aos seus efectos”, asegura a sección de Pensamento e Sociedade do CCG na presentación do ciclo de conferencias. Entre os ponentes figuran destacados expertos implicados neses procesos políticos como Michael Keating, catedrático de Políticas en Aberdeen (Escocia) e director de ESRC Scottish Centre on Constitutional Change e Carles Viver Pi-Sunyer, catedrático de Dereito Constitucional na Universidade Pompeu Fabra e presidente do Consello Assessor per a la Transició Nacional desde 2013.


INSCRÍBETE NO CICLO "Desafíos políticos en Europa en 2014" AQUÍ
15/01/2014

A cultura trouxo case un millón de turistas a Galicia en 2012

O Observatorio da Cultura Galega publica hoxe un informe sobre o turismo cultural en Galicia no que revela que o número de turistas que viñeron a Galicia atraídos a Galicia pola súa cultura foron 953.000 en 2012, dos que 491.500 viñeron doutras partes do Estado e 467.800 do estranxeiro. A cultura atraeu ao 52% do total de turistas estranxeiros, en contraposición co turismo interior español, do que só un 12% declarou vir a Galicia por motivos culturais.

Descarga aquí o informe
10/01/2014

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega dixitaliza a relación de Francisco Fernández Del Riego con América

Baixo o título "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América", o Arquivo da Emigración Galega realizou o traballo de baleirado e dixitalización de fondos propios, contando tamén co aporte dos audios do Arquivo Sonoro de Galicia. O CCG acaba de publicar un repositorio especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América.

O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/
09/01/2014

O CCG dixitaliza a relación de Francisco Fernández Del Riego con América

Baixo o título "Francisco Fernández del Riego. Correspondente para América", e empregando fondos do Arquivo da Emigración Galega e do Arquivo Sonoro de Galicia, o CCG publicou hoxe á maña un contedor especial que recolle a traxectoria e impacto cultural de Francisco Fernández del Riego en América. O especial, realizado polo departamento de Internet da propia institución, elaborouse co gallo do centenario do nacemento do polígrafo vigués, permite explorar case trescentos artigos que Fernández del Riego publicou en máis de vinte publicacións promovidas por sociedades de emigrantes en América.

O especial pode consultarse en www.consellodacultura.org/prensa/
27/11/2013

Inauguración da Exposición Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia, na parroquia de San Martiño de Lanzós, Vilalba

No marco das actividades que se desenvolverán durante a celebración do Centenario da Sociedade Progreso de Lanzós da Habana, que terá lugar no edificio da antiga Casa-escola de Lanzós (Concello de Vilalba), o vindeiro sábado 30 de novembro de 2013.
20/11/2013

O CCG explica a diáspora galega a expertos internacionais en Suecia

O CCG participou en outubro na xuntanza anual da Association of European Migration institutions (AEMI), que tivo lugar no Swedish American Center, na cidade sueca de Karlstad. A edición deste ano, centrada sobre temas como a identidade de segunda e terceira xeración, a relación entre grupos étnicos transnacionais e a autoimaxe nacional, acolleu a seguinte presentación do CCG: "Ethnicity and diásporas. Galician inmigrants of second and third generation in Europe today", presentando o panorama das segundas e terceiras xeracións de emigrantes galegos en Europa. O CCG estuda a posibilidade de que no 2015 esta xuntanza anual se celebre en Santiago de Compostela.
14/11/2013

Villares reúnese con Nélida Piñón para reflexionar sobre a difusión da cultura galega no Brasil

Ramón Villares, presidente do CCG, reuniuse onte coa galardoada escritora Nélida Piñón co obxectivo de intercambiar puntos de vista sobre a difusión da lingua e da cultura galegas no Brasil. Na fotografía, Piñón asina o libro de honra do Consello da Cultura Galega.
31/10/2013

Ramón Villares reivindica no Senado Galicia como “ponte de intercambio” cultural con Iberoamérica e a lusofonía

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, reivindicou esta mañá na Comisión de Asuntos Iberoamericanos do Senado o papel de Galicia como espazo privilexiado para a relación con Iberoamérica e a comunidade lusófona. Villares explicou no Senado o traballo e proxectos do CCG en relación á diáspora galega en América e achegou a visión da institución sobre como Galicia pode servir de ponte entre España e as comunidades iberoamericanas, por unha banda, e coa lusófona por outras.
29/10/2013

O CCG participa nos debates sobre o futuro da lingua portuguesa no mundo

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e a vicepresidenta Rosario Alvarez Blanco, foron convidados polo Instituto Camões a participar no II Congreso A Lingua Portuguesa no Sistema Mundial, que se celebra en Lisboa entre hoxe e mañá. Villares e Álvarez Blanco participan esta tarde na mesa "Políticas de Língua na Galiza", coordinada por Ivo Castro, explicando a situación do galego, o seu artellamento institucional e na educación e as relacións coa comunidade lusófona. Aquí pode consultar o programa.
22/10/2013

O Presidente do CCG participa no Congreso Internacional da Lingua Española

Hoxe clausúrase o VI Congreso Internacional de la Lengua Española en Panamá, dedicado ao libro e o seu futuro no contexto dixital. Ramón Villares, Presidente do Consello da Cultura Galega, participou nas sesións de debate e interveu no panel sobre "Bibliofilias: coleccionismo de libros y edición", canda outros expertos como César Antonio Molina, John O'Neill, Pedro Luis Puntoni ou Víctor Manuel Ramos.
10/10/2013

Os alumnos do Santiago Apóstol de Bos Aires coñecen o CCG

Con Ramón Villares, Presidente do CCG, como guía, os alumnos de secundaria do Colexio Santiago Apóstol -o único colexio de Bos Aires que continúa dando clases de lingua e cultura galegas-, coñeceron esta institución. Villares explicoulles o funcionamento do CCG e os vínculos entre Galicia e Arxentina ao longo do tempo. Os rapaces, que visitaban Galicia por primeira vez, tamén aprenderon as ferramentas dixitais que o CCG ofrece, como culturagalega.org, para conectarse á actualidade cultural do noso país desde América.
03/10/2013

O Consello da Cultura Galega leva a Rosalía de Castro ao Festival de Outono de Braga

O Festival de Outono de Braga acollerá un importante concerto con motivo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos por Rosalía de Castro. O evento, o espectáculo musical e poético Aqueles doces cantares, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Conselho Cultural da Universidade do Minho, celebrarase no Salón Medieval da Reitoría da Universidade do Minho este venres 4 de outubro ás 22:00 h.
16/07/2013

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración” percorre Euskadi da man da Irmandade de Centros Galegos

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, está a percorrer Euskadi desde o pasado mes de xuño por iniciativa da Irmandade de Centros Galegos de Euskadi. Desde o 15 ao 22 de xullo pode verse no Centro Galego de Érmua (Vizcaya) e do 22 ao 29 de xullo na Agrupación Hijos de Galicia, de Sestao (Vizcaya). Con anterioridade estivo na Irmandade de Centros Galegos, na Casa Torre, en Santurce (Vizcaya), na Casa de Galicia en Elgoibar (Guipúzcoa) e no Centro Galego de Vitoria en Gernikako Arbola (Araba). A Irmandade de Centros Galegos, que preside Pilar Rodríguez Villar é una federación composta polos doce Centros e Casas de Galicia ubicados no País Vasco. Nos últimos dous anos esta exposición puido verse en diferentes países de Europa e América.
A exposición NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN consta de sete bloques temáticos, desenvolvidos en 55 paneis, e permite seguir a evolución das sociedades microterritoriais e as dimensións mutualista, educativa, artística, cultural, sanitaria e política do asociacionismo galego na diáspora, lembra Pilar Cagiao, comisaria do proxecto xunto con Vicente Peña Saavedra. Esta iniciativa do Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.
04/07/2013

As Pontes de García Rodríguez acolle a exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia" desde hoxe ata o 23 de xullo

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, será inaugurada hoxe ás 20 horas no CEIP “Santa María” (Praza de América, s/n) de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o 23 de xullo. No acto inaugural intervirán: Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes; Marcelino Fernández Santiago, xerente do CCG; Antonio Castro, concelleiro de Servizos e atención ao medio rural, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.
28/06/2013

Presentado o libro “Cuadernos de Rusia. Diario 1941-1942”, de Dionisio Ridruejo, editado e anotado por Xosé M. Núñez Seixas

O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación do libro “Cuadernos de Rusia. Diario 1941-1942”, de Dionisio Ridruejo, editado e anotado por Xosé Manoel Núñez Seixas, catedrático de Historia Contemporánea da Ludwig-Maximilian-Universität München (Alemaña). Trátase, probablemente, no criterio do editor, “dunha das obras cimeiras da literatura memorialística sobre a División Española de Voluntarios ou División Azul, corpo de voluntarios reclutados de forma mixta polas milicias de Falange e o exército, que aportou de maneira exclusiva a oficialidade e boa parte tamén dos voluntarios, e que entre xullo de 1941 e febrero de 1944 movilizou perto de 47.000 combatentes españois no sector septentrional do Frente do Este”.
14/06/2013

Máis de 500.000 descendentes de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica solicitaron a nacionalidade española da man da Lei da Memoria Histórica

Máis de medio millón de fillos de emigrantes e exiliados españois en Iberoamérica (uns 150.000 descendentes de galegos) solicitaron a concesión da cidadanía española de orixe, acolléndose á Disposición Adicional 7 da Lei 52/2007, coñecida como Lei da Memoria Histórica. Dese total, ata o momento, resolvéronse positivamente 253.405 expedientes. Os datos déronse a coñecer hoxe no curso do Seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, que veu celebrándose desde onte no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía e responsable do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) deu conta deses datos no inicio da sesión, que rexistrou tamén a intervención de Javier García Diego, director do Colegio de México, “a máis importante institución creada polos exiliados españois”, en palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, que foi o encargado de clausurar o seminario.
29/05/2013

O Consello da Cultura Galega acollerá en xuño un seminario internacional sobre “Migracións e memoria histórica”

Os primeiros resultados da investigación sobre inmigración e memoria histórica daranse a coñecer no curso do Seminario Internacional “Migracións e Memoria Histórica”, que se celebrará no Consello da Cultura Galega os días 13 e 14 do vindeiro mes de xuño. Medio millón de descendentes de emigrantes españois (só un 7 por cento de exilados), o cincuenta por cento galegos, solicitaron a nacionalidade española, acolléndose á coñecida como Lei da Memoria Histórica, explicou Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, director do proxecto de investigación e do “Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica” da Universidade da Coruña e co-coordinador do seminario xunto con Ramón Villares, presidente do CCG. Na organización do programa, ademais do grupo citado, participa o Arquivo da Emigración Galega do CCG.
06/05/2013

Ramón Villares falou en Munich sobre “O exilio republicano español. Luces e sombras da España Peregrina”

Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e presidente do Consello da Cultura Galega, falou hoxe na Universidade de Munich (Alemaña) sobre “Luces e sombras de La Espara Peregrina. Sobre o exilio republicano español (1939-19779”. A conferencia inscribiuse no Coloquio de investigación da Cátedra de Historia Contemporánea de Europa Meridional, detentada polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas.
30/04/2013

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugurouse o 1 de maio en Arbo

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) a través do seu Arquivo da Emigración Galega, pode verse desde o 1 de maio ata o 12 dese mes en Arbo a petición dese concello pontevedrés. No acto inaugural participaron o alcalde de Arbo, Xavier Simón Fernández, e o coordinador do Arquivo da Emigración Galega, do CCG, Marcelino Fernández Santiago.
11/04/2013

11-12 A.- Coloquio internacional sobre “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa nos séculos XVIII-XX”

A Biblioteca do Consello da Cultura Galega acollerá os días 11 e 12 de abril, xoves e venres, o coloquio internacional “Inmigración, mercados laborais e traballo doméstico urbano en Europa, séculos XVIII-XX. Unha perspectiva comparada”. O programa, en sesións de mañá e tarde, foi organizado pola Universidade de Santiago de Compostela e a École des hautes études hispaniques et iberiques da “Casa de Velázquez” e coordinado por Isidro Dubert. Trátase de profundizar no coñecemento das claves do mundo urbano uropeo desde unha perspectiva integrada, comparada e na media e longa duración. Os relatores son profesores das universidades de Santiago de Compostela, París, Lisboa, Urbino, Genève, Complutense-Madrid, Jaén, Granada, Barcelona e A Coruña. O Consello da Cultura Galega mantén deste xeito e renova a súa colaboración coa Casa de Velázquez, institución cultural francesa radicada en Madrid.
03/04/2013

Presentado o libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade, editado por Emilia García López

O libro “Diarios de viaje. Los itinerarios inéditos de América, 1952-1955”, de Valentín Paz-Andrade (con introducción, estudo e notas de Emilia García López) foi presentado hoxe no Consello da Cultura Galega nun acto presidido polo titular da institución, Ramón Villares. Acompañaron á responsable da edición o editor Henrique Alvarellos, a profesora da Universidade da Coruña, Olivia Rodríguez, e Sabela Paz-Andrade Taylor, neta do autor. Asisitiron ao acto setenta persoas, entre as que se encontraban os secretarios xerais de Cultura, Anxo Lorenzo, e de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e membros da Comisión Executiva do CCG.
23/09/2005

GALICIA E CANARIAS ESTREITAN OS SEUS LAZOS CULTURAIS A TRAVÉS DA MELLOR ARQUITECTURA

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará os vindeiros días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro as xornadas "A Arquitectura desde Canarias". O encontro pretende ofrecer por primeira vez en Galicia unha visión ampla e desde diferentes perspectivas da arquitectura nesa Comunidade, polo que contará coa participación de máis dunha vintena de destacados arquitectos, críticos e investigadores canarios.
15/06/2005

DESTACADOS ARQUITECTOS ANDALUCES COMPARTEN DESDE MAÑÁ TRES DÍAS DE DEBATE CON PROFESIONAIS GALEGOS

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará desde este xoves e ata o vindeiro sábado, días 16, 17 e 18 de xuño, as xornadas "A Arquitectura desde Andalucía", coas que se pretende ofrecer por primeira vez en Galicia unha ampla visión da arquitectura nesta Comunidade. Destacados arquitectos, críticos e investigadores andaluces compartirán con profesionais galegos tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias profesionais e sobre os seus coñecementos e opinións arredor da arquitectura. A inauguración do encontro, a cargo de Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG, e dos coordinadores das Xornadas, Víctor Pérez Escolano e Iago Seara, terá lugar ás 10:00 horas no salón de actos da institución.
06/05/2005

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA O PROXECTO DE RECUPERACIÓN DOCUMENTAL DA EMIGRACIÓN EN ARXENTINA, CUBA E URUGUAI

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentará o luns, día 9 de maio, ás 12´30 horas, o proxecto de recuperación documental levado a cabo polo Arquivo da Emigración Galega (AEG), en colaboración coa Consellería de Emigración da Xunta de Galicia, en 115 sociedades de emigrantes en Arxentina, Cuba e Uruguai.
10/11/2004

A ESCRITORA PORTUGUESA LÍDIA JORGE FALARÁ SOBRE O DESTINATARIO DA LITERATURA NO CONSELLO DA CULTURA

A escritora portuguesa Lídia Jorge será nesta ocasión a protagonista da tertulia literaria mensual que organiza a Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega. A autora pronunciará mañá xoves unha conferencia aberta ao público baixo o título "Para un destinatario ignorado", á que lle seguirá unha tertulia moderada por José Carlos Quiroga, escritor e profesor de Literatura Portuguesa da Universidade de Santiago.
14/10/2004

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA A CANDIDATURA A “PATRIMONIO INMATERIAL” DA UNESCO DA “TRADICIÓN ORAL NA ÁREA DO MIÑO GALEGO-PORTUGUÉS”

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este venres, 15 de outubro, a rolda de prensa de presentación da candidatura á consideración de "patrimonio inmaterial" da Unesco da "tradición oral na área xeográfica do Miño galego-portugués".