Noticias

Acción exterior do Consello da Cultura Galega. Rexistros391 a 420 de 500
05/11/2004

O ENCONTRO DE COMUNICACIÓN LUSO-GALEGO ANALIZA COMO GARANTIR A CALIDADE DA INFORMACIÓN DOS MEDIOS

Os II ENCONTROS LUSO - GALEGOS DE COMUNICACIÓN E CULTURA e o III CONGRESO LUSO - GALEGO DE ESTUDOS XORNALÍSTICOS, organizados pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega, continuaron esta mañá abordando algúns dos principais desafíos do sector, como o control da calidade da información, a relación do xornalismo coa literatura e a lingua ou o ensino nas faculdades.
04/11/2004

EXPERTOS EN COMUNICACIÓN REIVINDICAN O PAPEL DE GALICIA NO MUNDO LUSÓFONO

Un centenar de investigadores, estudantes e profesionais do mundo da comunicación participan desde esta mañá nos II ENCONTROS LUSO - GALEGOS DE COMUNICACIÓN E CULTURA - III CONGRESO LUSO - GALEGO DE ESTUDOS XORNALÍSTICOS, organizados pola Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega. O encontro comezou coa reivindicación do papel que debe xogar Galicia no mundo lusófono.
03/11/2004

EXPERTOS EN COMUNICACIÓN DE GALICIA E PORTUGAL ANALIZARÁN OS NOVOS DESAFÍOS DOS MEDIOS NO CCG

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega celebrará este xoves e venres, días 4 e 5 de novembro, os II ENCONTROS LUSO - GALEGOS DE COMUNICACIÓN E CULTURA e o III CONGRESO LUSO - GALEGO DE ESTUDOS XORNALÍSTICOS. Expertos en comunicación dos dous países analizarán a situación e os retos do sector en aspectos como os usos dos medios no ensino, as confluencias entre xornalismo e literatura, a actualidade das industrias culturais ou a situación do sector audiovisual.
28/06/2004

O CONSELLO DA CULTURA INAUGURA NO FÓRUM DE BARCELONA A EXPOSICIÓN "GALICIA, O SORRISO DE DANIEL"

A Sección de Cultura Galega no Exterior do Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura esta tarde, ás 20:00 horas, a exposición "Galicia, o sorriso de Daniel" na Universitat de Barcelona, dentro do circuíto de actividades do Fórum Universal das Culturas de Barcelona.
24/05/2004

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA ACOLLE MAÑÁ UNHA CONFERENCIA DA ESCRITORA PORTUGUESA INÊS PEDROSA

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá mañá martes, día 25, ás 19´00 horas, unha conferencia da escritora portuguesa Inês Pedrosa, quen reflexionará sobre ESCRIBIR FICCIÓN. A conferenciante será presentada polo escritor e profesor Carlos Quiroga.
21/04/2004

A INAUGURACIÓN ESTA TARDE DO CONGRESO GALICIA-IRLANDA ABRE TRES DÍAS DE DEBATE SOBRE OS DOUS PAÍSES

Esta tarde, ás 18:00, terá lugar o acto de inauguración do "Congreso Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas" no Consello da Cultura Galega (CCG). Este evento internacional reunirá até o día 24 a expertos galegos e irlandeses para abordar nun amplo debate as similitudes e diverxencias dos dous territorios, desde as relacións históricas enraizadas na lenda sobre o tronco común céltico até a economía e a emigración. O congreso está organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda.
12/04/2004

O CONGRESO GALICIA-IRLANDA REUNIRÁ DESTACADOS EXPERTOS DOS DOUS TERRITORIOS PARA ANALIZAR AS SEMELLANZAS HISTÓRICAS E CULTURAIS

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá entre o vindeiro 21 e 24 de abril o "Congreso Galicia-Irlanda: Dúas Fisterras Europeas". O presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e o coordinador da Sección de Cultura Galega no Exterior da institución, Ramón Villares, presentaron esta mañá este encontro internacional, organizado polo CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda.
14/04/2004

O ESCRITOR PORTUGUÉS JOÃO DE MELO FALARÁ DA SÚA OBRA ESTE XOVES NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA

O escritor e agregado cultural da Embaixada de Portugal en España, João de Melo, reflexionará sobre a súa obra e a súa condición de escritor periférico este xoves, día 15, no Consello da Cultura Galega (CCG). Baixo o título "Portugal, país con illas", o autor portugués inaugura así un ciclo de conferencias, organizado pola Sección de Literatura e Industrias da Edición do CCG, que traerá á capital galega a relevantes escritores portugueses. O coordinador da Sección, Víctor F. Freixanes, será o encargado de presentar esta conferencia.
20/04/2004

A HISTORIA PARELLA E OS CONTRASTES DE GALICIA E IRLANDA, A ANÁLISE DESDE MAÑÁ NO CONSELLO DA CULTURA

Mañá mércores, día 21, ás 18:00 terá lugar o acto de inauguración do "Congreso Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas" no Consello da Cultura Galega (CCG). Este evento internacional reunirá até o día 24 a expertos galegos e irlandeses para abordar nun amplo debate as similitudes e diverxencias dos dous territorios, desde as relacións históricas enraizadas na lenda sobre o tronco común céltico até a economía e a emigración. O congreso está organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda.
22/04/2004

O CELTISMO E O "ANTICELTISMO" CENTRAN OS PRIMEIROS DEBATES DO CONGRESO GALICIA-IRLANDA

Tras a sesión inaugural de onte pola tarde, o "Congreso Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas" iniciou esta mañá a súa andadura no Consello da Cultura Galega (CCG) cunha análise das relacións históricas desde a antigüidade entre os dous territorios, que acabou cun animado debate sobre o celtismo e o "anticeltismo" actual. Deste xeito, abriuse un congreso internacional, organizado pola Sección de Cultura Galega no Exterior do CCG, as universidades de Santiago de Compostela e Cork (Irlanda) e o Comité de Relacións Culturais do Departamento de Artes, Deporte e Turismo de Irlanda, que até o día 24 analizará desde as relacións históricas enraizadas na lenda até a economía e a emigración dos dous países.
23/04/2004

O CONGRESO GALICIA-IRLANDA ANALIZA O "MILAGRE" ECONÓMICO IRLANDÉS E A DIÁSPORA DOS DOUS POBOS

Galicia e Irlanda como países de emigración e de industrialización tardía e as súas relacións culturais centraron a segunda xornada do Congreso internacional "Galicia-Irlanda: dúas Fisterras Europeas", que se celebra desde o mércores, día 21, no Consello da Cultura Galega (CCG). Entre a análise de similitudes e diverxencias, o profesor Fernando González Laxe foi o encargado de tocar un tema no que as relacións entre Irlanda e Galicia están na actualidade enfrontadas: a pesca. Laxe reclamou a igualdade de acceso aos caladoiros e control das cotas fronte aos irlandeses e a non imposicións de restriccións, sinalando que se a Unión Europea non resposta á necesidade de acordos, haberá que apostar por acordos privados ou das institucións galegas para conseguir que a flota desenvolva a súa capacidade. "Galicia non pode estar maniatada por postulados arcaicos", sinala, dada a importancia económica e social da pesca en Galicia.
06/02/2013

Ata o 28 de xuño o MUPEGA acolle a exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, foi inaugurada o 6 de febreiro ás 20 horas no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), sito na avenida de San Lázaro, 107, en Santiago de Compostela. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o vindeiro 28 de xuño. No acto inaugural estarán Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura; Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra. Previamente, ás 10 horas, houbo unha visita guiada, na que aos mencionados se uniu Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
18/01/2013

A mostra “Nós mesmos-Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase mañá no Centro Galego de Barcelona

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde o 19 de xaneiro ata o 20 de febreiro no Centro Galego de Barcelona (Rambla Caputxins, 35-37). A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada o sábado día 19 ás 19´30 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co titular do Centro Galego de Barcelona, Manoel Carrete, e o Delegado Territorial da Generalitat, Salvador Jordá. Asistirán tamén presidentes e directivos de distintas sociedades e entidades relaiconadas coa emigración.
26/11/2012

O Consello da Cultura asinou un convenio coa Universidade de Sâo Paulo para a realización de actividades conxuntas

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2012.- O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, asinou hoxe un convenio de cooperación coa Universidade de Sâo Paulo para a realización de actividades conxuntas e a promoción da cultura galega no Brasil. O convenio foi suscrito por Sergio Adorno, director da facultade de Letras, Filosofìa e Ciencias Sociais.
23/11/2012

O Consello da Cultura Galega exhibe en Sâo Paulo a exposición “Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil”

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, inaguurou na Casa Guilherme de Almeida, en Sâo Paulo (Brasil) a exposición “Valentín Paz-Andrade, unha antena galega no Brasil”, en colaboración co Governo do Estado de Sao Paulo e a Secretaría de Cultura paulista. A mostra poderá contemplarse ata o 30 de decembro.
05/11/2012

Primeiros pasos do convenio entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona

O seminario "Novel•la criminal i gènere a Galícia", coordinado por María Xesús Lama (Universitat de Barcelona) e Elena Losada (Centre Dona i Literatura), celebrado na Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona, foi a primeira iniciativa desenvolvida ó abeiro do convenio de colaboración asinado este ano entre a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centre Dona i Literatura. Nas sesións participaron María Xosé Agra, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG, Shelley Godsland (Universidade de Birmingham), a escritora Laura Caaveiro e María Xesús Lama. A importancia do convenio, e a atención dispensada dende hai anos na Universitat de Barcelona aos estudos galegos foi subliñada por Marta Segarra, Monserrat Gatell, María Xosé Agra e Elena Losada, por esa orde na imaxe.

19/10/2012

A Illa de San Simón acolleu o II Seminario Internacional “Emigración e exilio nos EE.UU.: Experiencias de Galicia e Açores”. EN DIRECTO

O II Seminario Internacional “Emigración e exilio nos Estados Unidos de América: Experiencias de Galicia e Açores” celebrouse na Illa de San Simón os días 18 e 19 de outubro, organizado polo Consello da Cultura Galega e a Fundaçao Luso-Americana para o Desenvolvimento. Tratouse de considerar, de xeito comparado, aspectos como a integración nas sociedades de acollida, as relacións co mundo do exilio, o impulso de novos medios de comunicación na diáspora e o papel das comunidades emigrantes na diplomacia cultural. O seminario continúa os traballos desenvolvidos no congreso GALICIA e AÇORES: A ROTA AMERICANA, celebrado nas Illas Açores a finais de 2009.
09/10/2012

Os asistentes ao I Congreso Ibérico de Casas-Museo e Fundacións de Escritores sesionaron no Consello da Cultura Galega

A “Asociación Española de Casas Museo y Fundaciones de Escritores” celebrará, entre o 9 e o 13 de outubro o “I Encuentro Ibérico de Casas Museo y Fundaciones de Escritores” que se desenvolverá durante dous días en Santiago de Compostela e outros dous no marco da Capital Europea da Cultura de Guimarães. O martes día 9 ás 19 horas os congresistas sesionaron no salón de actos do Consello da Cultura Galega. Foron recibidos por Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente da institución, que deu paso aos relatorios do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, sobre “A rede de dinasmización lingüística” e “O turismo cultural en Galicia”, respectivamente. O Consello da Cultura, a Casa da Troya e a Cidade da Cultura, son os lugares nos que discurrirá a parte gallega do encontro.
03/10/2012

O Consello da Cultura Galega participa en dous proxectos da Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI)

O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, participará no desenvolvemento de dous proxectos impulsados pola Asociación de Institucións para as Migracións Europeas (AEMI). Trátase do “Migraport”, portal das migracións europeas, e da “Historia migratoria europea 1800-2010”. O Arquivo da Emigración Galega, que tomou parte na conferencia anual da AEMI, a finais do pasado setembro en Cracovia (Polonia), incorporouse a esta asociación internacional coincidindo coa asemblea celebrada en Bilbao en 2010.
02/10/2012

O Consello da Cultura Galega comparte stands en LIBER co Institut d´Estudis Cataláns, a Academia da Lingua Vasca e as editoras universitarias españolas

O Consello da Cultura Galega, xunto co Institut d´Estudis Catalans e a Real Academia da Lengua Vasca (Euskaltzaindia), e tamén coa Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE), estará presente en LIBER 2012, encontro internacional da industria editorial hispana que se celebra do 3 ao 5 de outubro no recinto da Fira de Barcelona. Trátase de dar a coñecer unha escolma das súas máis recentes produccións bibliográficas no maior encontro profesional da industria do libro en español, que acolle 450 editoriais e empresas de 15 países.
26/09/2012

Alumnos do Colexio “Apostól Santiago” de Bos Aires visitaron o Consello da Cultura Galega

Un grupo de alumnos e profesores do colexio “Apóstol Santiago” de Bos Aires-Arxentina visitaron hoxe a sede do Consello da Cultura Galega, no Pazo de Raxoi en Santiago dee Compostela, onde foron recibidos polo presidente Ramón Villares e o xerente Marcelino Fernández Santiago. Os alumnos, en viaxe de estudos por Galicia, coñeceron distintos aspectos do traballo e as actividades da institución e a súa proxección na Rede a través da web institucional www.consellodacultura.org e do portal www.culturagalega.org

11/09/2012

O X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos reúne en Cardiff-Gales a 125 galicianistas en colaboración co Consello da Cultura

A Universidade de Cardiff, capital de Gales, acolle do 12 ao 14 de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título “Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos”. Participarán 125 expertos galicianistas e relatores, entre os que figurarán expertos do Consello da Cultura Galega, institución que alberga a sede da AIEG e que colabora activamente no encontro, organizando catro das sete conferencias plenarias.
01/08/2012

Ortigueira, primeira escala da exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de americanos en Galicia”, do Consello da Cultura Galega

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, foi inaugurada o venres 3 de agosto ás 21´30 horas na Casa Consistorial de Ortigueira. A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, inicia así o seu percorrido por Galicia. Á inauguración asistirán o alcalde de Ortigueira, Rafael Girón, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares.
13/07/2012

As Pontes acolle ata o 23 de xullo a exposición OS ADEUSES, 73 fotografías da epopea migratoria galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) inauguraron o pasado 11 de xullo no Mercado Vello de As Pontes (Avenida de Ferrol s/n) a exposición itinerante “OS ADEUSES, 73 imaxes da emigración galega (1957-1963)” captadas polo fotoxornalista Alberto Martí. A exposición poderá verse ata o próximo 23 de xullo. Con anterioridade percorreu A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol, Ourense e Fene.
04/07/2012

A Universidade de Gales acollerá en setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá a 125 participantes e conta coa colaboración do Consello da Cultura

A Universidade de Cardiff, capital de Gales, acollerá do 12 ao 14 do próximo mes de setembro o X Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) baixo o título “Galiza alén do Arco Atlántico. Unha visión multidisciplinar dos estudos galegos”. Participarán 125 relatores, entre os que figurarán expertos do Consello da Cultura Galega, institución que alberga a sede da AIEG e que colabora activamente na organización do encontro. Na presentación, celebrada hoxe na Biblioteca do CCG, participaron Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Craig Patterson e Elisa Fernández Rei, presidente e tesoureira, respectivamente da AIEG.

28/06/2012

Ramón Villares defendeu no Consello de Comunidades Galegas a creación dunha axencia independente para a acción cultural exterior de Galicia

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, defendeu no X Pleno do Consello de Comunidades Galegas e creación “dunha axencia de carácter independente que promova a acción cultural exterior, para evitar duplicidades e asignar mellor os recursos”. Niste senso, considerou “fundamental a utilidade dos centros galegos creados na diáspora porque poden adoptar un novo perfil axeitado ás necesidades dunha sociedade amplamenmte globalizada”. Villares, responsable do relatorio sobre “Cultura, asociacionismo e acción exterior”, precisou que as iniciativas neste campo “son unha base fundamental para establecer unha imaxe-marca de país e deben ser entendidas no marco da chamada diplomacia branda ou diplomacia cultural”. Abogou tamén pola progresiva conversión dos centros galegos “en lugares de prestación de servizos, tanto para as colectividades dos asociados como para o resto dos residentes, actuando como unha antena de Galicia e da súa cultura”.
29/06/2012

Os fondos documentais dixitalizados do escritor Silvio Santiago pasarán ao Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura

O fondo documental dixitalizado do arquivo persoal de Silvio Santiago (Vilardevós-Ourense, 1903-Santiago de Compostela, 1974) pasará ao Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, segundo o acordo asinado por Silvia Santiago, filla do escritor e o presidente da institución, Ramón Villares. O fondo agrupa 3.378 imaxes, máis de mil cartas, fotografías, documentos sonoros e textos inéditos do dirixente político e societario, republicano e galeguista, empresario, activista cultural, impulsor de medios de comunicación e escritor, autor de obras como “Vilardevós” ou “O silencio redimido”. Unha emocionada Silvia Santiago agradeceu ao CCG “a oportunidade de abrir as portas á memoria de meu pai”. Ramón Villares expresou o recoñecemento da institución por “este acto de xenerosidade e exemplar contribución á cultura galega”.
22/06/2012

A exposición “Nós mesmos. Asociacionismo galego na emigración”, inaugúrase hoxe en Xenebra por iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Sociedade “A Nosa Galiza”

A exposición “NÓS MESMOS. ASOCIACIONISMO GALEGO NA EMIGRACIÓN”, realizada polo Consello da Cultura Galega a través do seu Arquivo da Emigración Galega, poderá verse desde hoxe ata o vindeiro 22 de xullo en Xenebra (Suiza), por iniciativa da Sociedade Cultural e Deportiva “A Nosa Galiza”.
A mostra, que xa percorreu diferentes países de Europa e América, será inaugurada hoxe ás 20 horas polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, xunto co presidente da Sociedade “A Nosa Galiza”, Manuel Vilariño.


07/06/2012

As Xornadas de debate sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia”, organizadas polo Consello da Cultura Galega e o IGADI, salientan a necesidade dunha estratexia común

A necesidade dunha estratexia común e a fixación de prioridades para a proxección de Galicia foi unha das conclusións da primeira sesión das xornadas sobre “Poder brando e diplomacia cultural en Galicia” iniciadas hoxe na Illa de San Simón, organizadas polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Instituto Galego do Análise e Documentación Internacional (IGADI). Os obxectivos do encontro son a reflexión e o intercambio de ideas a propósito das estratexias a aplicar para promover unha diplomacia cultural galega. No acto inaugural participou Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, que apostou pola potenciación da imaxe de marca de Galicia e o fortalecemento das redes no exterior. As sesións concluirán hoxe venres a primeira hora da tarde. As sesións poden seguirse vía streaming en: www.consellodacultura.org

24/05/2012

Unha xornada sobre Celso Emilio e a emigración galega salienta a necesidade de revitalizar en pé de igualdade as relacións coa "terceira xeración".

A xornada “¿Xigantes ou ananos? Celso Emilio Ferreiro e o debate sobre a emigración Galega” puxo sobre a mesa a necesidade de dinamizar as relacións coa terceira xeración dos emigrantes, nomeadamente en América e darlle un novo impulso á proxección de Galicia. A sesión, organizada polo Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, e coordinada polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, revisou tamén diferentes aspectos da biografía persoal e literaria de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912-Vigo, 1979) e a súa desemellante relación co mundo da emigración en Venezuela, onde en 1968 publicara “Viaxe ao país dos ananos”, logo de ser expulsado da Hermandad Gallega.