Noticias

Acción exterior do Consello da Cultura Galega. Rexistros121 a 150 de 500
14/09/2022

Una xornada aborda a proxección exterior das literatura infantil e xuvenil en clave feminina

María Alonso Seisdedos, Fina Casalderrey e Ledicia Costas son tres escritoras galardoadas cun Premio Nacional de Literatura e ambas as tres son autoras destacadas da nosa literatura infantil e xuvenil. Todas elas participan na sesión titulada “Novas voces, éxitos eternos. Os premios nacionais levan nome de muller (parte II)” que terá lugar mañá xoves (17:30 horas) no Consello da Cultura Galega (CCG). É a segunda sesión do ciclo Literarias todas, coordinado por Inma López Silva e organizado polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), co que se busca reflexionar sobre a posición das mulleres dentro do sistema literario galego. A xornada é presencial pero pode seguirse en directo a través do web e das redes da institución.
09/09/2022

Reeditado o primeiro poemario de Cabanillas no marco da colección Clásicos da Emigración

No desterro é o primeiro poemario de Ramón Cabanillas. Veu a luz na Habana cun limiar de Basilio Álvarez, e consagrou o autor como poeta social por excelencia. O Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración, no marco da súa colección Clásicos da Emigración, presentaron este venres no Museo Ramón Cabanillas de Cambados a reedición da obra cun estudo crítico. No acto participaron Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega; María Baleato, subdirectora de Coordinación Administrativa da Secretaría Xeral da Emigración; Miguel Cabo, autor do estudo da obra e profesor da USC; Francisco Fernández Rei, membro da Real Academia Galega; Tino Cordal, concelleiro de Cultura de Cambados; e Pitusa Vidal Cabanillas, neta do autor.
21/07/2022

O Consello da Cultura Galega e o Museo Larreta exhiben en Bos Aires un retrato completo da obra plural de Luís Seoane

Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) naceu coa marca gravada da emigración, impresa polos seus pais que se asentaron na capital Arxentina. Décadas máis tarde engadiu a do exilio, que o levou de Galicia á súa cidade natal, reconvertida nunha da capitais da arte contemporánea. Ese dupla ancoraxe xeográfica e cultural influíu nun Seoane viaxeiro, en permanente busca creativa e experimental sempre marcado pola teima de achegar a cultura á cidadanía. O relato completo do polifacético creador pódese ver en Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina que inaugurou este xoves a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a directora xeral de Patrimonio, Museos y Casco histórico da Ciudad de Buenos Aires, Martina Magaldi; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora do museo Larreta, Delfina Helguera, coa presenza de Silvia Dolinko, comisaria da exposición xunto con Pablo García Martínez, máis numerosas autoridades e personalidades locais. A mostra estará aberta ata o 27 de novembro no Museo de Arte Español Enrique Larreta.
12/07/2022

A presidenta Rosario Álvarez inicia unha viaxe institucional a Bos Aires

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inicia unha viaxe institucional na que contribúe ao fortalecemento da cultura galega no exterior. A viaxe arrinca este mércores co acto de entrega a Rosario Álvarez do título “Huésped de honra” a cargo Legislatura da Cidade Autónoma de Bos Aires. Reunións con diferentes institucións e conferencias conforman a axenda que conclúe o día 21 coa inauguración da exposición Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina no Museo de Arte Español Enrique Larreta.
23/06/2022

O legado educativo de Pedro Murias centra a nova entrega do especial Historias de ida e Volta

A vixésima entrega do especial Historias de ida e volta está dedicada á figura de Pedro Murias, emigrante destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo. Este proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, fai un repaso en vinte imaxes e documentos que se gardan no AEG do legado desde home no qeu destaca a pioneira escola agrícola que leva o seu nome.
20/06/2022

Unha xornada lembra o Galician Programme que emitiu a BBC

Neste 2022 cúmprense 75 anos do inicio das emisións do Galician Programme. Foi a primeira vez que o noso idioma contou cunha programa regular de radio e tivo lugar desde a prestixiosa emisora a BBC. Impulsado por un produtor da Sección Española, o exiliado ourensán Alexandre M. Raimúndez, mantívose activo entre 1947 e 1956. Polos seus micrófonos pasaron Plácido Castro, Leuter González Salgado, Felipe Fernández Armesto, Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben Cho Sey" e Francisco Fernández del Riego, entre moitos outros. O Consello da Cultura Galega (CCG) destina este martes unha xornada para contextualizar este fito e, de paso, homenaxear aos seus artífices. A cita é presencial pero pode seguirse en directo a través da web da institución.
16/06/2022

Expertos destacan en San Simón a importancia cultural e histórica do exilio

Os legados artísticos, musicais, literarios, políticos e históricos que deixaron as personalidades que se tiveron que exiliar analizáronse ao longo do día de hoxe no congreso “Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) en San Simón. “A situación actual da guerra da Ucraína ponnos na sensibilidade de recoñecer a importancia dos exilios e a necesidade da súa análise” afirmou a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na inauguración. A cita remata este venres cunha conferencia de clausura a cargo do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, logo dun percorrido a través dos legados culturais.
16/06/2022

O Repertorio de prensa da emigración inclúe novos números do xornal Orzán

O proxecto Repertorio de prensa da emigración actualízase este xoves con novos fondos procedentes do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión súbense 5 números da publicación Orzán, voceiro oficial do Centro Coruñés de Bos Aires. Catro deles proceden dunha doazón realizada por Chema Rei Lama.
15/06/2022

Un congreso analiza en San Simón o legado cultural producido polo exilio

A elección da figura de Florencio Delgado Gurriarán como homenaxeado no Día das Letras Galegas, fixo que ao longo deste ano se puxera o acento en estudar e analizar o legado de persoas que, coma el, se tiveron que exiliar. E esta é a idea que vertebra “Legados dende a dislocación. Intervencións no presente e imaxinación do futuro nos exilios da Guerra Civil”, o congreso que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) ata o vindeiro venres. A cita xuntará unha ducia de especialistas no estudo do exilio producido pola Guerra Civil nun espazo tan significativo como é a illa de San Simón (Redondela). A xornada é presencial e non se poderá retransmitir en directo pero será gravada para subirse posteriormente á web da institución.
26/05/2022

A literatura galega da posguerra en América centra o novo especial Historias de ida e Volta

A nova entrega do especial Historias de ida e volta sitúanse no ronsel da figura do homenaxeado deste ano co Día das Letras Galegas, o galeguista e exiliado en México, Florencio Delgado Gurriarán. Por iso, a entrega número 19 do proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, fai un repaso por algunhas das obras e figuras máis destacadas da nosa literatura xurdidas no continente americano.
25/05/2022

O Consello da Cultura Galega e os institutos Ramon Llull, Extepare e Cervantes impulsarán un informe periódico sobre a situación das linguas oficiais

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este mércores unha xuntanza de traballo na que participaron Pere Almeda, director do Institut Ramon Llull; Irene Larraza, directora do Extepare Euskal Institutua; Martín López-Vega, director de Gabinete do Instituto Cervantes; e Rosario Álvarez, presidenta do CCG. Nela acordaron, entre outras accións, a realización dun Informe bianual sobre a situación das respectivas linguas e a celebración dunha mostra multidisciplinar, para visibilizar o máis actual da creación cultural galega, vasca e catalá e española. A reunión celebrouse cando se cumpren dous anos da sinatura do primeiro acordo conxunto para apoiar a diversidade lingüística e pluralidade cultural de España.
19/05/2022

O Repertorio de prensa da emigración Galega incorpora o Boletín Oficial do Centro Galego

O Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba incorporar ao seu proxecto Repertorio de Prensa da Emigración Galega 200 novos números. Son os que se corresponden co Boletín Oficial do Centro Galego de Avellaneda (Arxentina).
19/05/2022

Un simposio analiza a relevancia de rutas de peregrinación europeas e xaponesas

O Consello da Cultura Galega colabora co Instituto Cervantes de Tokio, as embaixadas de Irlanda e Portugal en Xapón e o Instituto Camões no Simposio "Fóra do común. Espiritualidade, Resiliencia e Rexeneración nas rutas de peregrinaxe de Europa e Xapón". A cita arrinca hoxe en Tokio e conta cunha parte presencial e outra telemática. Con este simposio búscase analizar o papel que as rutas de peregrinación en Xapón e Europa tiveron ao longo da historia e a súa actual relevancia.
18/05/2022

Unha xornada analiza o exilio galego da posguerra en Norteamérica

José Rubia Barcia, Ernesto Guerra da Cal, Emilio González López, Ramón Martínez López ou Eugenio Fernández Granell comparten o feito de ser intelectuais galegos que se tiveron que exiliar entre 1936 e 1939. As rutas que seguiron, así como a evolución do seu pensamento e a relación entre vida e obra, forman parte da sesión “Fragmentos da comunidade: o exilio galego de posguerra en Norteamérica” que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Observatorio de la Lengua Española y las Culturas Hispánicas en los Estados Unidos do Instituto Cervantes. A cita desenvólvese a través da plataforma Zoom (en liña o xoves, 19 de maio ás 19:00, hora española) e ten aberta a súa participación.
16/05/2022

O Concerto das Letras Galegas homenaxea a Florencio Delgado Gurriarán e o exilio mexicano

O Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras encheuse no serán deste luns para homenaxear con música a un dos seus fillos pródigos: Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987). A duodécima edición do Concerto das Letras Galegas, antesala festiva do Día das Letras que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG), repasou musicalmente o legado do homenaxeado e tamén lembrou a memoria das exiliadas e exiliados republicanos que, coma Florencio, pasaron de Galicia a México. O concerto supuxo a estrea da peza Diásporas, composta para a ocasión por Carme Rodríguez a partir dos textos de Galicia infinda, poemario referencial do autor. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; unha ampla representación dos concellos da comarca, entre eles, o alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, e o de Vilamartín, Enrique Álvarez; mais o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e a familia do homenaxeado asistiron a este concerto que tamén se emitirá na TVG este martes, 17 de maio, dentro da programación especial das letras galegas.
12/05/2022

O Consello da Cultura Galega participa en varias actividades en Bos Aires

Bos Aires celebra estes días a 46ª edición da súa Feria Internacional do Libro. Unha cita destacada no panorama mundial na que participa o Consello da Cultura Galega (CCG), en virtude do convenio de colaboración asinado co Instituto Cervantes, co Institut Ramón Llul e o Etxepare Euskal Institutua. No marco do programa da feira, este venres 13 de maio terá lugar un encontro con autores que escriben nas linguas cooficiais do Estado. A cita estará moderada polo poeta e director do Instituto Cervantes, Luis García Montero, e nela participan, a escritora galega, Berta Dávila, premio Xerais 2021 e premio da Crítica de narrativa galega 2019; o antropólogo e narrador Adriá Pujol; xunto coa escritora Marta Sanz, premio Herralde de novela 2015 e finalista do Premio Nadal 2006. O encontro conta coa colaboración da Consejería Cultural da Embaixada de España na Arxentina.
12/05/2022

Galicia no tempo de Afonso X centra unha mesa redonda do 57º congreso de Estudos Medievais

A cidade estadounidense de Kalamazoo acolle ata o sábado o 57th International Congress on Medieval Studies organizado polo Instituto Medieval da Western Michigan University. Trátase dun congreso de referencia sobre estudos medievais a nivel internacional. O congreso ten no seu extenso programa varias sesións dedicadas a analizar a Galicia Medieval que están coordinadas polo especialista Simon Doubleday. Unha desas sesións consiste nunha mesa redonda que parte da publicación do Consello da Cultura Galega (CCG) Galicia no tempo de Afonso X, do que Doubleday é tamén editor.
09/05/2022

O Consello da Cultura Galega homenaxea a memoria dos exilios republicanos a partir da figura de Florencio Delgado Gurriarán

“Neste Día das Letras Galegas de 2022, cando se homenaxea tanto ao poeta como ao activista político e cultural Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, Ourense, 1903 - Fair Oaks, USA, 1987), é necesario honrar a memoria dos exiliados e exiliadas republicanos, que, coma el, pasaron de Galicia a México”. Deste xeito explicou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), a dobre intencionalidade coa que institución celebra a festividade do 17 de Maio a través de dúas actividades centrais. Unha delas é o tradicional Concerto das Letras Galegas, que este ano corre a cargo do grupo Zoar e terá lugar, como vén sendo habitual, na véspera do Día das Letras na localidade do nacemento do autor (teatro Lauro Olmo, O Barco de Valdeorras 20:00 horas). O concerto será emitido en directo a través de internet e na TVG o día 17 no marco da programación especial prevista para a celebración. A outra é a publicación co facsímile do Cancioneiro da loita galega, con estudo crítico de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán, sobriño do homenaxeado.
05/05/2022

Acollemos a presentación dun libro que afonda no papel do portugués no contexto mediático

A UNESCO declarou en 2019 o 5 de maio como o Día Mundial da Lingua Portuguesa. Arredor desta data o Consello da Cultura Galega realiza varias accións encamiñadas a visibilizar a conexión coa lusofonía. A primeira é a publicación da entrada no Álbum de Galicia de Valentín Paz-Andrade. Outra delas terá lugar mañá, venres 6 de maio, coa presentación do libro Lingua portuguesa global: comunicarse no panorama mediático luso-brasileiro, de José Gabriel Andrade. No acto estará presente Rosario Álvarez, presidenta do CCG; María Manuela Reis Martins, directora de Uminho Editora; o autor máis o catedrático da USC, Henrique Monteagudo.
28/04/2022

A acción filantrópica de García Barbón centra a nova entrega do especial Historias de ida e Volta

O Colexio san José de Verín, o Hotel Balneario de Cabreiroá, o teatro Rosalía de Castro de Vigo... a acción filantrópica de José García Barbón y Sola (Verín, 1831- Vigo, 1909) foi ampla e xenerosa. O seu legado centra este mes de abril a nova entrega do especial Historias de ida e volta. O proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, recupera en vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo algunhas das iniciativas que contribuíu a crear.
21/04/2022

Novos números do Repertorio de Prensa da Emigración, que estrea nova periodicidade

O proxecto do Repertorio de Prensa da Emigración pon a disposición da cidadanía neste mes de abril 56 novos números do xornal Galicia, voceiro da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina. Con esta nova entrega múdase tamén a data de actualización deste proxecto que se fixa agora cada terceiro xoves de mes.
30/03/2022

O Consello da Cultura Galega afondará nos exilios a partir de Florencio Delgado Gurriarán

A secretaria do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, participou na presentación da programación do Día das Letras Galegas. O CCG analizará os exilios tomando como base a da figura de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nesta ocasión do Día das Letras Galegas. “Os exilios provocados polas guerras seguen a ser unha realidade que non mudou” puntualizou Vilavedra ao tempo que explicou que este estudo permitirá coñecer “un exilio que non é moi visible por non ser un destino moi numeroso, como é o exilio mexicano, pero que á luz das súas achegas foi moi rico intelectualmente”. Un espazo web, a reedición facsimilar Cancioneiro da loita galega con estudo crítico de Xesús Alonso Montero e notas de Ricardo Gurriarán, así como o tradicional Concerto das Letras Galegas a cargo do grupo Zoar centran a programación do CCG que se estenderá máis alá do 17 de maio.
30/03/2022

Boa acollida en Bruxelas da visita institucional do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) rematou no serán deste martes unha viaxe institucional de dous días na que contribuíu a unha maior visibilización da súa acción e da cultura galega na capital europea. Mantivéronse xuntanzas con responsables de diferentes institucións europeas que se traducirán nos vindeiros meses en accións encamiñadas a promover a cultura galega no exterior. Ademais, o programa cultural, desenvolvido na sede do Instituto Cervantes, contou cunha gran acollida de público.
27/03/2022

A institución presenta en Bruxelas o seu programa de acción exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia este luns unha visita institucional a Bruxelas na que realizará diferentes reunións con responsables de institucións comunitarias e europeas para impulsar o programa de acción exterior do CCG. As xuntanzas están acompañadas dun programa cultural que contribuirá á visibilización da cultura galega na capital europea. As actividades enmárcanse dentro do Plan de Acción Exterior que ten o Consello da Cultura Galega promovido pola Comisión de Relacións Institucionais e Acción Exterior (CRIAE).
24/03/2022

A nova entrega do especial Historias de ida e Volta homenaxea as mulleres da diáspora galega

Neste mes de marzo a nova entrega do especial Historias de ida e volta vólcase en traer á memoria voces femininas da diáspora. Andrea López Chao, Anisia Miranda, A bella Otero, Sofía Casanova, Maruxa Mallo...son algúns dos nomes que nos ofrece este proxecto, iniciativa do Arquivo do Emigración do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Secretaría Xeral da Emigración. Vinte imaxes e documentos procedentes deste arquivo ofrecen unha nova lectura da historia da emigración en clave feminina.
16/03/2022

Comeza en L’Aquila a itinerancia europea de Afonso X e Galicia

O proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, Afonso X e Galicia acaba de inaugurarse no Palazzo Dell’Eiciclo (Consiglio Regionale dell Abruzzo) en L’Aquila (Italia) e marca o inicio da súa itinerancia europea. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis; o presidente del Consiglio Regionale d’Abruzzo, Lorenzo Sospiri; o reitor da Università dell’Aquila, Edoardo Alese, e o comisario, Antoni Rossell foron os encargados de inaugurar esta mostra que permanecerá na cidade italiana ata o 8 de abril. A proposta expositiva serve tamén como antesala do congreso internacional I re poeti no que presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, ofrecerá unha conferencia sobre o monarca.
10/03/2022

A colección Clásicos da emigración amplíase cunha obra pioneira nos estudos sobre América

“Luisa Cuesta foi unha pioneira nos estudos americanistas e todos os que estudamos os vínculos con América bebemos deste texto” asegurou a historiadora Pilar Cagiao, autora do estudo introdutorio do libro La emigración gallega a América. É o último volume en incorporarse á colección Clásicos da Emigración que promoven o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración. Os titulares de ambas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda respectivamente, xunto co director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, presentaron este novo volume que axuda a mellorar o coñecemento do fenómeno migratorio. A publicación xa se pode descargar desde o web do CCG.
07/03/2022

Unha xornada explora as posibilidades da diplomacia cultural ao abeiro da nova Lei de Acción Exterior

Cúmprese un ano da aprobación da Lei de Acción Exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. Unha efeméride que dá pé á xornada “Axentes culturais e proxección internacional da nosa cultura”. A cita organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) busca analizar a situación actual da diplomacia cultural e a importancia que ten para a proxección e desenvolvemento exterior da nosa cultura. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, son os encargados de inaugurar esta cita presencial que tamén se pode seguir en directo a través das redes da institución.
04/03/2022

Actualizado o Repertorio de prensa da emigración con novos números do xornal Opinión Gallega

Como cada primeiro venres de mes, o Repertorio de prensa da emigración actualízase con fondos procedente do Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Desta volta súbense 57 números do xornal Opinión Gallega de Bos Aires, órgano de prensa do Centro Orensano e do Centro Pontevedrés no que colaboraron destacados galeguistas como Castelao, Plácido Castro ou Antón Alonso Ríos, entre moitos outros.
25/02/2022

Luis García Montero e Helena González reciben as Medallas do Consello da Cultura Galega polo seu traballo de difusión e promoción no exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, entregou no serán deste venres as Medallas de Honra da institución ao poeta e director do Instituto Cervantes, Luis García Montero (Granada, 1958), e á profesora da Universitat de Barcelona Helena González Fernández (Comesaña, Vigo, 1967) polo seu “labor a prol do diálogo entre a cultura galega e outras culturas irmás, fraternalmente, por enriba de muros e valados que non están nos nosos corazóns”. No acto estiveron presentes numerosas personalidades da sociedade e da cultura galega como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; ou o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, entre outros.