Noticias

Acción exterior do Consello da Cultura Galega. Rexistros211 a 240 de 500
25/04/2020

Recuperamos unha gravación de 1983 que afonda nas relacions entre Galicia e Portugal

Hoxe, 25 de abril, conmemórase o aniversario da Revolución dos Cravos en Portugal. Aproveitamos esta efeméride para recuperar a gravación dunha mesa redonda celebrada na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) na que se falaba das relacións entre Galicia e Portugal. A cita tivo lugar no marco do "Encontro Universitario do Noroeste Peninsular" e nela participaron Ricardo Carballo Calero, Ramón Villares, Ramón Martínez López, Carlos Alberto Ferreira de Almeida e Carlos García Martínez. O presentador daquel acto foi Manuel Martínez Barreiro.
05/03/2020

Aberta a inscrición dunha xornada que analiza o desenvolvemento turístico da costa do solpor

“A costa do solpor europea: unha irmandade atlántica” é o nome dunha xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Jorge Mira, que pon os ollos nas posibilidades de desenvolvemento turístico duns espazos moi singulares. Son os que unen Cabo de São Vicente e Cabo da Roca (Portugal), Costa da Morte (Galicia) e Aglapsvik e Måsøy (Noruega). Estes lugares son o último punto no que atardece en Europa se temos que conta que a iluminación solar do planeta muda durante o ano. Profesionais de diferentes ámbitos analizarán as posibilidades turísticas conxuntas destes territorios nunha xornada que terá lugar o día 24 de marzo. A inscrición está aberta e pódese facer a través do sitio web da institución.
14/02/2020

A Universidade do Minho distingue a Ángel Carracedo co título Doutor Honoris Causa

O membro do Plenario do Consello da Cultura Galega, Ángel Carracedo, é distinguido co título honorífico de Doutor Honoris Causa pola Universidade do Minho. A institución portuguesa acordou esta distinción por ser “por ser unha personalidade impar da sociedade académica e científica internacional”. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asiste á sesión solemne que terá lugar o luns 17 (10:00 hora local) no Salón Medieval da reitoría en Braga.
10/02/2020

Unha mesa redonda e unha exposición do Consello da Cultura Galega exhiben en Barcelona a dimensión internacional de Valle-Inclán

Amosar o Valle Inclán máis internacional e facelo a través do éxito que tivo a súa obra en vida do autor. E, ao mesmo tempo, ofrecer como recolleu a cultura galega na súa obra sen formar parte do sistema literario galego. Con este obxectivo o Consello da Cultura Galega botou a andar a exposición “Outros verbos, novas leituras: Valle-Inclán traducido”(1930-136)” que se pode ver no Claustre de Lletres da Universitat de Barcelona ata o 20 de febreiro. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentará mañá en Barcelona a conferencia de Rosario Mascato “Galeguidade a tradución no Valle Inclán across-borders”, que contribuirá a difundir unha faceta menos coñecida do escritor.
06/02/2020

Mañá inaugúrase en Vigo “Inventio mundi”, mostra que documenta a contribución galega nas descubertas oceánicas

O Consello da Cultura Galega inaugura mañá no Museo do Mar (19:00 horas) a mostra «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII». Unha proposta expositiva que pretende explicar a implicación galega e as consecuencias que tivo para o noso país a primeira circunnavegación do planeta: a expedición Magalhães/Elcano, que acaba de cumprir 500 anos da súa partida. Á inauguración asisten a presidenta da institución Rosario Álvarez; o Secretario Xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o director xeral del Políticas Culturais, Anxo Lorenzo; a directora do Museo do Mar, Marta Lucio; e a comisaria da exposición, Ofelia Rey. Esta exposición estará aberta ao público ata o día 12 de abril.
24/01/2020

Representantes da organización para a defensa do frisón coñecen o Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita de diversos representantes da organización frisoa DINGtiid, un órgano consultivo para a defensa do idioma frisón, declarado en 2014 lingua oficial. No marco da visita, a presidenta deu a coñecer as competencias do CCG, o seu funcionamento interno así como as accións presentes e futuras en materia de lingua.
10/01/2020

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan o “Estudio sobre emigración”

En pleno éxodo migratorio a América, Eduardo Vincenti y Reguera publicou un texto que ofrecía informacións precisas e útiles para orientar aos que xa decidiran marchar. “Estudio sobre migración” foi un texto innovador no formato e atípico no seu contexto que agora o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reeditan en formato facsimilar dentro da colección Clásicos da Emigración. A presentación tivo lugar esta mañá a cargo dos responsables desas dúas entidades, Rosario Álvarez e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, que destacaron a relevancia de poñer á disposición da sociedade unha obra que axuda a entender o fenómeno migratorio. Canda eles estaban o director do Arquivo da Emigración Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e o autor do prólogo, Raúl Soutelo. A publicación xa se pode descargar deste o web do Consello da Cultura Galega.
10/12/2019

O Consello de Comunidades Galegas insta a poñer en marcha dúas propostas do Consello da Cultura Galega

O informe coas directrices para a posta en marcha do Museo das Migración Galegas e o Plan Director do Patrimonio Documental das Sociedades Galegas no Exterior son dúas iniciativas elaboradas polo Consello da Cultura Galega e presentadas no XII Pleno do Consello das Comunidades Galegas, celebrado en Santiago de Compostela entre os días 3 e 4 de decembro. Estes dous informes, relevantes para o estudo, preservación e difusión da memoria da emigración galega, figuran como prioritarios nas conclusións elaboradas pola ponencia de cultura deste organismo.
12/11/2019

O Consello da Cultura Galega homenaxea os navegantes galegos en “Inventio mundi”

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra a última exposición producida pola institución. Chámase «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII» e tal e como explicou a presidenta “ten unha dobre condición, a de traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e de homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa”. Pola súa parte, o director do museo, José Manuel Rey, destacou que “poucas cidades como Pontevedra terán un pasado tan estreitamente vinculado co mar e darían á Historia tantos navegantes; e poucos museos terán aos mariños e navegantes tan presentes entre as súas coleccións”. A mostra toma un punto de partida, a primeira circunnavegación do planeta, a expedición Magalhães/Elcano cando se cumpren 500 anos da súa partida. Ofelia Rey é a comisaria desta mostra que se pode ver ata o 14 de xaneiro.
07/11/2019

Expertos destacan no Consello da Cultura Galega a profunda relación histórica coa Habana

“Hai un vínculo que nos une dunha maneira especial coa Habana” indicou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, na inauguración do congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”. A primeira sesión serviu para coñecer a historia galega desta cidade e a pegada cubana na nosa literatura. A cita continúa este venres 8 coa análise dos movementos migratorios entre ambos territorios e as influencias culturais mutuas da man de Pilar Cagiao, Xosé Manoel Núñez Seixas, Cira Romero ou Luis Toledo Sande. Como complemento do congreso, no serán deste xoves inaugurouse no Museo do Pobo a mostra “O soño cubano da emigración galega” (aberta ata o 22 de decembro) que recupera a fortaleza, continuidade e visibilidade da presenza galega na capital cubana. Ademais, o Auditorio de Galicia acolleu o concerto “Foliada Habaneira” a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón.
07/11/2019

Un especial web pon en valor o labor social e cultural do Centro Galego da Habana

O Arquivo da Emigración Galega acaba de facer público o especial “Centro Galego da Habana”, no que destaca o labor social e cultural deste centro, referente da colectividade galega residente en Cuba. A iniciativa dase a coñecer na semana na que o Consello da Cultura Galega revisa a conexión galega coa cidade da Habana a través dun congreso e unha exposición, ao tempo que se celebra o aniversario da creación deste centro en novembro de 1879.
06/11/2019

Un congreso, unha exposición e un concerto profundan desde Santiago na conexión galega coa Habana

Galicia ten unha conexión histórica moi especial coa cidade da Habana. Un vínculo que o Consello da Cultura Galega analiza cun programa de actividades que terá lugar mañá en Santiago de Compostela. Pola mañá comeza o congreso “A Habana galega: Historia e memorias cruzadas”; pola tarde, o Museo do Pobo (19:00 horas) acolle a inauguración dunha exposición que recupera a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na capital cubana. Pola noite, soarán muiñeiras e danzóns na Foliada habaneira que terá lugar no Auditorio de Galicia (21:00 horas) a cargo de Alejandro Vargas Trío e Rosa Cedrón. Xosé Manoel Núñez Seixas e María Xosé Porteiro son os coordinadores deste programa que chega agora a Santiago pero que arrincou na Habana o pasado mes de outubro.
04/11/2019

A exposición “Os Adeuses” inaugúrase hoxe en Florida no marco dun congreso sobre hispanistas

É a mostra que documenta os últimos momentos da emigración galega a América. “Os adeuses” narra a partida a través de 51 fotografías realizadas por Alberto Martí nos portos de Vigo e A Coruña entre 1957 e 1963. Despois de itinerar en numerosos destinos de España, Portugal e Brasil, chega agora ao Schmidt Center Gallery Public Space da Florida Atlantic University (FAU) onde estará ata o 13 de decembro. A inauguración terá lugar hoxe (5:30 PM, hora local) e estará presente a profesora da Hofstra University, Benita Sampedro Vizcaya.
31/10/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega reuniuse coa cónsul de Cuba en Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, reuniuse esta mañá no seu despacho coa cónsul de Cuba en Galicia, Yahima Martínez Millán. Na xuntanza estableceron colaboracións no marco da revisión histórica que o Consello da Cultura Galega está a realizar sobre a relación entre Galicia e a Habana. A presidenta informouna das vindeiras actividades que revisan esta conexión no momento en que se celebra o 500 aniversario da creación da cidade da Habana.
22/10/2019

A delegación da Academia de Ciencias Sociais de China visita o Consello da Cultura Galega

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita da delegación da Academia de Ciencias Sociais de China. A comitiva estaba integrada polo actual vicepresidente da Academia e un dos estudosos máis importantes en materia de nacionalidades minoritarias en China; a voceira de Exteriores no Parlamento chinés e unha investigadora. Na reunión tamén estaba presente o membro do plenario do CCG e coordinador da Sección de Acción Exterior, Xulio Ríos.
18/10/2019

O Consello da Cultura Galega participou en Boal nun simposio que analiza a prensa da emigración

Cúmprese o centenario do nacemento do xornal “Progreso de Asturias”, unha efeméride que o concello de Boal (Principado de Asturias) quixo conmemorar dedicando a III edición do seu habitual simposio sobre emigración á prensa. O Consello da Cultura Galega participou nel esta mañá cun relatorio que se centrou en explicar a imaxe de Galicia na prensa da emigración.
15/10/2019

Un seminario do Consello da Cultura Galega recomenda mudar o sistema de internacionalización da nosa literatura

Crear un organismo independente que se encargue de xeito profesionalizado do traballo de proxección e difusión do libro galego, establecer mecanismos correctores no sistema de axudas á tradución e modificar o apoio ás empresas galegas para acudir a feiras internacionais. Estas son algunhas das propostas de acción que xurdiron das xornadas de debate e formación “A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico en apertura”, que se desenvolveron do 17 ao 19 de xuño no Consello da Cultura Galega. As coordinadoras desta actividade, Olga Castro e Laura Linares, presentan agora un documento no que se propoñen unha serie de cambios para mellorar a internacionalización da literatura galega.
14/10/2019

Dispoñible na rede a versión actualizada do Repertorio da prensa galega da emigración

A emigración galega foi moi frutífera na creación de boletíns, xornais, revistas... e diferentes tipos de publicacións periódicas. O Repertorio deste tipo de prensa xestado na emigración suma preto de 756 referencias hemerográficas. A listaxe é froito dun proxecto de investigación dirixido por Vicente Peña a finais dos noventa e que agora se actualiza.

14/10/2019

O Consello da Cultura Galega recupera a relación histórica coa Habana no quinto centenario da súa creación

O 16 de novembro de 2019, a cidade da Habana cumprirá cinco séculos. Unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará cun intenso programa que arrinca mañá na capital cubana coa inauguración dunha exposición. “O soño cubano da emigración galega é moito máis que unha mostra, é o percorrido que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana” explica o vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. Xunto con María Xosé Porteiro son os comisarios desta aposta que percorre por primeira vez a relación histórica que Galicia mantivo coa Habana, onde se xestou a Galicia moderna e na que naceron os nosos símbolos: a bandeira, o himno e o escudo. O programa deseñado para conmemorar esta cita inclúe, alén da mostra, conferencias e un congreso que se realizará en novembro en Santiago.
03/10/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Redondela a mostra que recolle o legado educativo da emigración

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, inauguran mañá en Redondela a mostra “Luces de alén mar”, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira ata o día 31 de outubro.
02/10/2019

O Consello da Cultura Galega participa en Bélxica na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

A vixésimo novena xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que reúne institucións relacionadas con temática migratoria, arrinca mañá no Red Star Line de Antwerpen (Bélxica). O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, cun relatorio no que abordará as singularidades da nosa emigración. A cita deste ano, que durará ata o sábado, está centrada en coñecer como se documenta a memoria dos movementos migratorios.
01/10/2019

Ana Carreira e Joana Craveiro abren o ciclo de outono do programa do Consello da Cultura Galega “Dramaturxias itinerantes”

Hoxe comeza en Santiago a edición de outono do programa “Dramaturgias itinerantes/Dramaturxias itinerantes” cunha sesión que permitirá coñecer o traballo dunha das figuras de referencia da dramaturxia portuguesa actual: Joana Craveiro. Canda ela estará a contacontos e actriz galega Ana Carreira. Son as voces encargadas deste programa que se repetirá o mércores en Vigo e o xoves en Monção. Este proxecto xorde da colaboración entre o Consello da Cultura Galega, o Camões, Centro Cultural Portugués en Vigo, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e, desde esta edición, a rede Comédias do Minho.
27/09/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega inaugura en Santos a exposición “Galicia Imaxinada”

“Galicia imaxinada” é unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia a través da análise de varias publicacións. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará mañá esta exposición na Sala de exposicións do Shopping Boqueirao. Con ela estará Eduardo Alves, presidente do Centro Español de Santos. A inauguración é unha das actividades previstas no marco dunha viaxe institucional encamiñada a reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade galega no Brasil.
26/09/2019

O Consello da Cultura Galega celebra o Día Europeo das Linguas con recitais poéticos multilingües

Hoxe é o Día Europeo das Linguas, unha cita que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra con dous recitais poéticos organizados en colaboración con outras entidades. En Santiago, o vicepresidente Xosé Manoel Núñez Seixas, participou nun recital poético no Museo das Peregrinacións organizdo conxuntamente coa Secretaría Xeral de Política Lingüistica. Foi un acto no que estudantes Erasmus e peregrinos chegados de toda Europa leron no seu idioma textos de Rosalía de Castro escritos orixinariamente en galego. En París, o CCG participou noutro recital poético no marco da colaboración co Instituto Cervantes, o Instituto Ramón Llul e o Instituto Etxepare. Alí, o presidente do Cervantes, Luis García Montero, presentou o un recital poético no que oito poetas españoles e franceses leron versos en castelán, catalán, euskera, galego, asturiano, francés, occitano e corso. Pola banda galega o participou María Reimóndez.
21/09/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega reforza a acción exterior cunha viaxe a Brasil

Reforzar as relacións institucionais e os lazos coa colectividade son as dúas liñas de traballo que marcan a viaxe que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia mañá a Brasil. A axenda da presidenta inclúe reunións destacadas como as que manterá co Presidente da Assemblea Legislativa da Bahía ou co director do Instituto Cervantes de Sao Paulo, xunto con numerosas xuntanzas cos colectivos de emigrantes das cidades de Salvador, Santos e Sao Paulo. Ademais, o sábado 28 terá lugar a inauguración na cidade de Santos da exposición “Galicia Imaxinada”, que recolle a influencia da emigración na configuración da identidade galega.
17/09/2019

O Consello da Cultura Galega leva a Covilha a exposición que recolle a dimensión internacional de Valle-Inclán

A mostra “Outros verbos, novas leituras: Valle-Inclán traduzido”(1930-136)” ofrece unha lectura diferente do coñecido escritor, ao se centrar no éxito que tivo en vida a través da tradución das súas obras. O Consello da Cultura Galega, en colaboración co Departamento de Letras Universidade Beira interior, leva esta exposición a Covilha. A inauguración terá lugar mañá mércores ás 17:30 (hora local), e nela participan a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o decano da Faculdade de Letras e Artes, José María da Silva Rosa; o director do Departamento de Letras, José Ignacio Vázquez Diéguez; e a comisaria, Rosario Mascato. A exposición poderase ver ata o día 4 de outubro no Corredor das Fornalhas do núcleo da Real Fábrica de Panos do Museo de Lanifícios.
03/09/2019

Presentamos “Radiodifusión galega na emigración” unha listaxe das emisións radiofónicas da diáspora

O 3 de setembro 1950 comezou a emitirse en Montevideo "Sempre en Galicia", o programa de radio máis antigo de emisión totalmente en galego que aínda pervive. Aproveitamos esta efeméride para dar a coñecer “Radiodifusión galega na emigración”, un repertorio histórico das actividades radiofónicas realizadas e protagonizadas polos emigrantes galegos fundamentalmente en América e Europa, pero tamén noutros destinos menos frecuentes con presenza galega.
17/07/2019

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Emigración abren unha colección que edita clásicos da emigración

“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 é un texto atípico no conxunto da emigración galega por ofrecer unha imaxe positiva. É tamén o primeiro título dunha colección “Clásicos da Emigración” coa que o Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración pretenden ofrecer un reflexo fiel do que supuxo este fenómeno. Tanto a colección como o primeiro número foron presentados esta mañá pola presidenta da institución Rosario Álvarez, quen destacou que se trata “dun proxecto longamente acariñado e que permite o acceso libre a obras de referencia e de difícil acceso”. Canda ela estaba o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, que puxo o acento no valor da colección como “homenaxe aos centos de milleiros de galegos que estenderon Galicia polos cinco continentes”. Participaron tamén Xosé Manoel Núñez Seixas, director do Arquivo da Emigración Galega e Ramón Villares, autor do prólogo deste primeiro número.
24/06/2019

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibíu á secretaria xeral de Acción Exterior do goberno vasco

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu a semana pasada a María ángeles Elorza, secretaria xeral de acción exterior do goberno vasco. Canda ela viña tamén o director para a Comunidade Vasca no Exterior, Gorka Álvarez, que estivo no CCG o pasado mes de marzo. Na visita intercambiaron impresións sobre a preservación e as relación coas comunidades galegas e a conservación do seu patrimonio documental, así como iniciativas paralelas que se están a desenvolver en Euskadi e Galicia, como o “Museo da Emigración Galega” ou o “Museo da Emigración e do Exilio”.
20/06/2019

O “Foro Inés de Castro” abre unha nova xeira nas relacións entre a cultura galega e portuguesa

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente do Camões Instituto da Cooperação e da Língua I.P. (CICL), Luís Faro Ramos, presentaron esta mañá novas liñas de acción da relación entre Galicia e Portugal. A primeira desas estratexias concrétase no “Foro Inés de Castro”, que toma o nome da nobre galega que reinou en Portugal despois de morrer, e programará unha serie de seminarios, xornadas e conferencias arredor de temáticas conxuntas. A primeira sesión deste foro terá lugar esta tarde cunha palestra de Luís Faro titulada “Perceções da Língua Portuguesa na Literatura”, á que asisten representantes do sector cultural. No marco desta viaxe, a presidenta do Consello da Cultura Galega xestionou reunións cos responsables da Real Academia Galega e, na xornada do venres, cos titulares das Consellerías de Cultura e Educación.