Os integrantes da área de cultura do XII Pleno do Consello das Comunidades Galegas elaboraron un documento de conclusións que sintetiza en dez puntos as medidas relativas a este sector. Comeza co apoio ás medidas de acción cultural incluídas na Estratexia de Emigración 2020 e rematan coa demanda de que a Xunta facilite o intercambio entre a xuventude galega residente na Galicia territorial e a do exterior. Entre as medidas figura a petición ao goberno galego a darlles prioridade aos traballos de preparación e posta en marcha do Plan Director do Patrimonio Documental das Sociedades Galegas no Exterior e o do Museo das Migracións Galegas. Este último constitúe a base para crear un centro de referencia da Emigración galega e da Galeguidade coa misión de salvagardar, preservar, catalogar e divulgar o labor da colectividade e dos centros galegos como referentes da transmisión de identidade e defensores dos valores culturais de Galicia.
Ademais, lista demandas concretas encamiñadas a potenciar o patrimonio cultural das comunidades galegas no exterior a través de apoio á dixitalización, documentación e posta na rede. Tamén destaca a importancia do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021 como oportunidade para a difusión cultural, turística e económica.
O documento de conclusións da área de cultura foi aprobado polo Pleno do Consello de Comunidades Galegas.
Sobre o Consello da Comunidades Galegas
O Consello de Comunidades Galegas é o órgano representativo das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia. Con carácter deliberante e funcións consultivas, o Consello asesora á Administración autonómica no cumprimento dos fins establecidos na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.
A súa organización e funcionamento regúlase no Decreto 111/2015, do 6 de agosto. O Consello da Cultura Galega é membro do Consello de Comunidades Galegas como tamén o son as persoas titulares dos órganos e representantes das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia con competencias en materia de: Presidencia e administración pública; Educación e ordenación universitaria; Industria e comercio; Traballo e servizos sociais; Xuventude; Muller e igualdade; Cultura; Sanidade; Relacións exteriores e cooperación internacional; Deporte; Turismo. Completan a súa composición a Real Academia Galega, un representante do Sistema Universitario de Galicia, unha persoa representante de cada unha das comunidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade.
A presidencia correspóndelle ao presidente da Xunta de Galicia; a vicepresidencia á persoa titular do órgano competente en materia de emigración da Xunta de Galicia; e a secretaría á persoa funcionaria nomeada pola persoa titular do órgano competente en materia de emigración.


