A sede do Institut Ramon Llull acolleu o luns 17 de xuño a primeira reunión entre os directores dos Institutos Culturais do Estado. O encontro serviu para poñer en común as diferentes liñas estratéxicas das organizacións, os seus retos e obxectivos.
18/06/2019
16/06/2019
O mercado editorial británico está en proceso de apertura á tradución, sobre todo, de linguas europeas. Unha situación que a cultura galega non quere deixar pasar e sobre a que se falará na xornada “A internacionalización da literatura galga en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura”. O programa artéllase nunha sesión onde expertos en ambas literaturas falarán do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. A cita está organizada por Dolores Vilavedra, Olga Castro, Laura Linares que, xunto coa vogal da comisión executiva, María Xosé Porteiro serán as encargadas da inauguración. Poderase seguir en directo desde o web da institución.
07/06/2019
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manuel Núñez Seixas; a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; e o alcalde en funcións de Tui, Carlos Vázquez asistiron esta tarde en Tui ao concerto da sétima edición de No Bico un Cantar no que preto de 560 rapazas e rapaces acompañados duns 50 docentes lle renderon homenaxe á tradición musical da Raia. Tanto Pomar como Núñez Seixas salientaron a importancia de iniciativas coma esta que, ademais de afondar na nosa tradición oral e musical, fomentan o esforzo e a convivencia entre as alumnas e alumnos participantes no concerto. Ademais, aproveitaron para anunciar que a vindeira edición renderá homenaxe á Xeración Nós e terá lugar en Allariz.
06/06/2019
A localidade pontevedresa de Tui acollerá mañá venres a sétima edición do concerto “No bico un cantar”, unha proposta que xunta música, poesía e mocidade. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional; a Dirección xeral de Políticas Culturais e o concello de Tui. Un gran coro de máis de medio millar de nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona dirixidos por Maximino Zumalave ofrecerán un concerto (praza da San Fernando, 17:30 horas) no que cantarán a tradición musical da raia. O programa inclúe a estrea da versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.
04/06/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, inaugura esta tarde no Instituto Cervantes de Río de Xaneiro a exposición "Galicia imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións. A cita insírese dentro dunha serie de reunións que a presidenta desenvolve no marco dunha viaxe institucional a Brasil.
27/05/2019
O Hall de Honor do "Palacio de la Legislatura da Ciudad Autónoma de Buenos Aires" é un espazo privilexiado que acolle ata o venres a exposición do Consello da Cultura Galega "Galicia Imaxinada nas revistas da emigración". Unha mostra que permite visualizar a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX a través da análise de varias publicacións.
08/05/2019
Historiadores, arqueólogos, divulgadores e especialistas no estudo de asentamentos históricos irlandeses reúnense desde mañá en Compostela. Forman parte do Grupo para o Estudo de Asentamentos Históricos Irlandeses (GSIHS) que se reúne por primeira vez fóra de Irlanda. O Consello da Cultura Galega colabora nesta xuntanza que inaugurará o vicepresidente da institución, Xosé Manoel Núñez Seixas. A cita conta cunha conferencia inaugural de Patrick O'Flanagan que falará das semellanzas e diferenzas entre os asentamentos galegos e irlandeses.
17/04/2019
“As benvidas é unha exposición que documenta e celebra as amargas alegrías das chegadas e nos axuda a ver outra cara da historia, un novo comezar” afirmou María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega (CCG), no marco da inauguración que tivo lugar onte á tarde na sede de La Nacional, en Nova York. Canda ela estaba o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera; o presidente de La Nacional, Antonio Morales, xunto cos comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición serve de contrapunto doutra mostra que o CCG levou ao Museo da Migración de Ellis Island, “Os adeuses”, na que se que retrataban as despedidas dos emigrantes galegos.
15/04/2019
“As benvidas” é o título da nova exposición que o Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá na sociedade neoiorquina “La Nacional. The Spanish benevolent”. A cita contará coa presenza de María Xosé Porteiro, membro da Comisión Executiva do CCG; o cónsul para asuntos culturais, Juan José Herrera, e os comisarios da mostra, James D. Fernández e Luis Argeo. A exposición documenta a amarga alegría das chegadas a través dos arquivos familiares dos descendentes dos emigrantes españoles en EE. UU. Serve de contrapunto da exposición “Os adeuses”, que o CCG inaugurou en febreiro e que acaba de ser incluída na programación da Semana do Patrimonio Inmigrante que organiza o goberno da cidade de Nova York.
10/04/2019
“Galicia Imaxinada” é a mostra que visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia nos séculos XIX e XX, através das revistas publicadas polas colectividades galegas de Cuba e da Arxentina. A exposición chega agora a Bos Aires, onde será inaugurada neste serán polo vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé Manoel Núñez Seixas, xunto co reitor da Universidad de San Martín, Carlos Greco; o delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro, e o embaixador de España na República Arxentina Javier Sandomingo Núñez. A mostra pódese ver no Campus de Miguelete, da Universidade San Martín, ata o 8 de maio.
09/04/2019
A antropóloga canadense Sharon Roseman estará mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) para falar de memoria, etnografía e a vida das mulleres. A súa intervención forma parte do ciclo “Conversas trasatlánticas” que organiza a Comisión de Igualdade do CCG. O coloquio contará tamén coa presenza da profesora Luzia Oca González, ea científica Cristina Sánchez-Carretero. A cita poderá seguirse en directo a través do web da institución.
02/04/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá ao secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero. Na visita, Rosario Álvarez trasladoulle as liñas de actuación en acción exterior, así como as áreas de traballo e funcionamento da actividade desenvolvida por esta entidade en cumprimento do seu mandato fundacional. Ademais, o secretario xeral da OEI asinou no Libro de Honra do CCG.
28/03/2019
É unha mostra que recolle a Galicia dos emigrantes: a real e a imaxinada. Chámase “Galicia Imaxinada” e visualiza a influencia da emigración na creación da imaxe da Galicia no século XIX e faino a través de revistas porteñas e habaneiras”. A exposición foi inaugurada no serán do mércores pola presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto con Lidia María Batista Branado, superintendente do Sistema de Bibliotecas da UFBA; Alvanita Almeida Santos, vicedirectora do Instituto das letras da UFBA, e Mailson Lopes, coordinador do Centro de Estudos da Língua e Cultura Galegas da UFBA. A mostra estará aberta ata o 29 de abril e inicia a súa itinerancia por Brasil.
27/03/2019
O 12 de outubro de 2018 un grupo de hondureños iniciou en San Pedro Sula (Honduras) a “Camiñata do Migrante” coa intención de pedir asilo nos Estados Unidos. Polo camiño fóronse sumando migrantes de Salvador e de Guatemala e chegaron a ser preto de seis mil. Mes e medio despois alcanzaron Tijuana (Baixa California, México), onde foron perdendo forza. Non foi a única mobilización social de denuncia da situación actual en Honduras pero si unha das máis multitudinarias e efectistas. Sobre este feito e sobre as correntes fundamentais do pensamento teórico arredor de América Latina falarán Gareth Williams e Jorge Álvarez Yágüez mañá no Consello da Cultura Galega. A conversa Forma parte do ciclo “Pensarmos”, que coordina Carme Adán. A cita poderase seguir en directo desde o web do Consello da Cultura Galega.
27/03/2019
“Galicia e a lusofonía perante os desafíos globais” é o título da terceira edición do Congreso de Estudos Internacionais da Galiza, que organiza o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) en colaboración cunha serie de entidades de Galicia e de Portugal. A cita desenvólvese hoxe e mañá en Pontevedra e nela participa o Consello da Cultura Galega a través de Hakan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, e Emilia García López, responsable de Acción Exterior.
25/03/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, reunirase mañá, martes 26, con diferentes entidades da colectividade galega en Salvador de Bahía (Brasil). É a primeira das actividades previstas na axenda da presidenta, quen inaugurará o mércores a mostra “Galicia imaxinada”, que inicia a súa itinerancia por Brasil. O venres participará no acto de homenaxe á galega Rosario Suárez Albán por parte da Assembleia Legistativa da Bahia, que lle entregará a súa máxima distinción, a Comenda 2 de Julho.
21/03/2019
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, recibiu esta mañá ao director para a Comunidade Vasca no Exterior, Gorka Álvarez. Unha visita na que o directivo vasco se interesou polos traballos relacionados co proceso de obtención dos fondos, conservación, catalogación así como a difusión pública de material relacionado coa diáspora galega.
11/03/2019
O Instituto Cervantes de Nova York e a City University of New York acollen este martes 12 e mércores 13, respectivamente, dúas mesas redondas para achegar novas perspectivas sobre a cultura galega. A primeira delas falará sobre a memoria e a segunda sobre o contexto histórico e perspectivas de futuro da cultura galega. Nelas participa a profesora Dolores Vilavedra, acompañada de personalidades do mundo académico e institucional da galeguidade en Estados Unidos, como Alex Alonso, José del Valle ou John Patrick Thompson. A cita insírese dentro do programa de actos paralelos á exposición “Os adeuses” que se pode ver no Museo da Inmigración de Ellis Island ata o 5 de maio.
11/03/2019
A localidade pontevedresa de Tui acollerá o vindeiro 7 de xuño a sétima edición do concerto “No bico un cantar”, unha proposta que xunta música, poesía e mocidade. A cita foi presentada esta mañá por Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega quen destacou o valor da proposta deste ano no que “convidamos a nenos galegos e portugueses a cantar para establecer vínculos por riba da raia”. Canda ela estaban Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional; Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, xunto co alcalde de Tui, Carlos Vázquez, e o director artístico desta proposta, Maximino Zumalave. A cita xuntará un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música da zona. Nela estrearase a versión musical do poema de Xosé María Álvarez Blázquez “No rego do prado!” a cargo do compositor Alexis Rozas.
07/03/2019
Galicia e Bretaña son dúas rexións de contrastes: mar e bosque, rías do norte e do sur, acantilados e montañas... Estas son tamén algunhas características definitorias de ambos os territorios que permiten establecer certos paralelismos. Sobre eles falarán especialistas galegos e franceses en Rennes. A cita titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.
01/03/2019
Especialistas galegos e franceses analizarán os vindeiros días 8 e 9 de marzo as conexións entre as paisaxes galegas e bretoas. A cita, que ten lugar en Rennes, titúlase “Les paysages Bretagne Galice” e está organizada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Université Rennes 2. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, intervirá coa laudatio a Xesús Alonso Montero, no marco da homenaxe que lle fai a universidade bretoa.
27/02/2019
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega (CCG) e responsable do Arquivo da Emigración Galega (AEG), Xosé Manoel Núñez Seixas, e o xerente da institución, Marcelino Fernández, recibiron esta mañá a visita da Cónsul da República Arxentina en Galicia, Asturias, León e Zamora, Silvina Montenegro. No transcurso da xuntanza analizaron posibles vías de colaboración entre ambas entidades relativas á recuperación documental de materiais relacionados coa emigración galega na Arxentina, ademais de explorar diferentes vías de difusión de fondos existentes.
27/02/2019
Este xoves e venres, o Parque de Nebrodi, un dos catro parques que existen na illa de Sicilia, conmemora o seu vixésimo aniversario. Unha celebración que se xunta con outra efeméride, a Década internacional do Suelo 2015-2024. No marco destes acontecementos están previstos dous actos nos que se presentará a reedición do cómic "Vivire nel Suolo", a adaptación ao italiano da banda deseñada xestada polo Consello da Cultura Galega (CCG) no ano 2000. En total imprimiranse en italiano 10.000 novos exemplares, que se suman aos 10.000 xa editados en 2015 pola Sociedade Italiana da ciencia do solo.
17/02/2019
A Delegación do Consello da Cultura Galega (CCG) ven de abrir novas vías para incrementar a presenza da cultura galega en Estados Unidos mediante contactos e acordos de alto nivel institucional. É o caso da exposición "Os Adeuses", que permanecerá no Museo de Ellis Island até o 5 de maio, como recordatorio da historia da emigración galega nos Estados Unidos. Diana R. Pardue, directora deste centro de referencia para as migracións no mundo, mantivo un proveitoso encontro coa representación do CCG, no que se estudou a posibilidade de facer futuras itinerancias. Na xuntanza falouse, asemade, da definición e concepción do proxecto do Museo das Migracións Galegas que está a ser desenvolvido no seo do Consello.
08/02/2019
O King Juan Carlos I Center, espazo dependente da Universidade de Nova York, acolle hoxe unha xuntanza de traballo na que se dará a coñecer o proxecto dunha plataforma de Internet mantida pola diáspora. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, dará conta desta iniciativa diante dun grupo de galegos e galegas que residen en Nova York e Nova Jersey. Pola tarde, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co vicepresidente do CCG, Xosé Manuel Núñez Seixas, e co recoñecido hispanista James Fernández presentarán o acto de inauguración da exposición “Os adeuses” no Museo de Ellis Island (sábado 9 ás 12:00, hora local) e as mesas redondas que terán lugar nos vindeiros días.
06/02/2019
A reunión de traballo coa comunidade de Newark abre mañá xoves as actividades da visita institucional que a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inicia esta semana en Nova York. Nela destaca a inauguración da exposición “Os adeuses” nun lugar emblemático para a emigración como é o Museo de Ellis Island (sábado 9 ás 12:00 horas). “É unha axenda ambiciosa que marca un fito na presenza exterior e visibilidade da cultura galega”, en palabras do vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas. A presidenta reunirase coas colectividades presentes en Nova York pero tamén con destacados responsables de centros académicos e de recoñecido prestixio. No marco desta viaxe darase a coñecer o proxecto dunha plataforma virtual para que os integrantes da diáspora galega partillen as súas experiencias de desenvolvemento profesional e creativo. Ademais, haberá mesas redondas en lugares destacados como son a Universidade de Columbia ou o Instituto Cervantes.
08/11/2018
O Consello da Cultura Galega (CCG) é, desde o ano 2016, observador consultivo da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP). No marco desta relación, o CCG organiza ata mañá o congreso “Patrimonio e fronteira”, que se desenvolve en Compostela. Ademais, promove unha serie de visitas que está a facer estes días a directora xeral da CPLP, Georgina Benrós de Mello.
15/10/2018
A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta mañá a visita dunha delegación de académicos colombianos nas dependencias do Consello da Cultura Galega. A comitiva visita Galicia por mor das homenaxes que se suceden no noso país ao científico de orixe galega, José de Caldas, polo 250 aniversario do seu nacemento. O concello de Caldas de Reis, xunto con outras entidades, están a organizar unha serie de actividades para lembrar á figura do "Sabio de Caldas", coñecido así en Colombia onde deu nome a unha rexión e a unha universidade.
11/10/2018
Pensar a relación dos países ibéricos como unha parte esencial da Europa occidental pero tamén do espazo atlántico. Este é un dos obxectivos do seminario “Repensar Iberia”, que o Consello da Cultura Galega e o Instituto Internacional Casa Mateus (IICM) organizan esta fin de semana na localidade portuguesa de Vila Real. A cita terá lugar do venres 12 ao domingo 14 e nela participan profesionais e expertos, entre os que está Jaime Gama, Nélida Piñón e Ramón Villares.
05/10/2018
Polonia acolle ata mañá sábado a vixésimo oitava xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que xunta institucións relacionadas con temática migratoria. O Consello da Cultura Galega (CCG) participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar esta tarde e na que se abordarán aspectos filosóficos e teóricos sobre migracións. Ademais, os responsables desta cita xa acordaron a vindeira reunión que terá lugar en 2019 no Red Star Line de Amberes.


