O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes o Barómetro da cultura galega 2025, documento que mide o estado e a evolución da actividade cultural do país no último ano e que foi elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do CCG. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Håkan Casares Berg, presentaron este informe, que establece que “2024 foi un ano de crecemento moderado para a cultura galega”. O 39 % das entidades enquisadas afirma que tivo un 2024 mellor que o ano anterior, mentres o 21% asegura que lle foi peor. Neste ano os custos fóronse moderando, a tendencia no emprego foi á estabilidade e medrou o número de entidades que non solicitaron subvencións para desenvolver a súa actividade. O sector volve suspender o apoio das diferentes administracións en materia cultural, aínda que mellora levemente a puntuación das administracións locais. “Neste informe, que forma parte da función asesora da institución, temos unha ferramenta de análise e de seguimento da situación cultural no que están as tres áreas implicadas: a empresarial, as administracións e o tecido asociativo” apuntou Rosario Álvarez. O documento xa se pode descargar desde o web corporativo.
Ler máis