Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1 a 20 de 3705

Unha xornada aborda a política cultural local na xornada “Cultura e Concellos”

As políticas culturais municipais son fundamentais para o desenvolvemento da cultura en Galicia. As administracións locais son as máis próximas á cidadanía, manteñen as infraestruturas e programacións básicas e garanten o acceso da cidadanía á cultura. A V xornada “Cultura e concellos” da Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Alberto García, aborda a situación da cultura municipal a través da exposición dunha serie de retos, ferramentas e casos prácticos para coñecer a súa situación a día de hoxe. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da comisión, Paula Cabaleiro; máis o responsable da sesión, Alberto García, inauguran esta sesión que tamén se seguir en directo desde o web corporativo e a nosa canle de YouTube.

Ler máis

Emigrantas: emerxer do silencio achégase ao relato invisibilizado das mulleres da emigración galega

Emigrantas: emerxer do silencio é o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Xunta de Galicia e do Concello da Coruña. A través do diálogo entre materiais procedentes de arquivos, instalacións artísticas, fotografías, cartas, materiais audiovisuais e obxectos persoais, a mostra achégase ás historias das mulleres galegas silenciadas polos relatos oficiais da emigración. Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Inés Rey, alcaldesa da Coruña; Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o emprego; máis Antía Pérez Caramés, comisaria xunto con Keina Espiñeira e María Alonso, inauguraron a mostra no serán do mércores no Kiosko Alfonso onde se pode visitar ata o 3 de maio. Uqui Permui é a responsable do deseño expositivo que visibiliza historias como as de Cruz Risco, Ana Kiro, Fina Mantiñá, Luz Fandiño, Mimina e moitas outras voces anónimas que constrúen un relato da emigración galega nunca antes explorado.

Ler máis

“Proxector” escolma unha ducia de vídeos sobre a perspectiva de xénero na investigación

A entrega de marzo de “Proxector”, iniciativa de divulgación en lingua galega que elaboran o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), céntrase na “Perspectiva de xénero na investigación: cara a unha ciencia de calidade”. No ronsel do 8M, Día Internacional da Muller, ofrece “unha escolma de recursos nos que a muller é o centro do estudo e debate, co ánimo de reivindicar unha ciencia de vangarda que corrixa os puntos cegos da investigación tradicional e achegue unha foto completa da realidade”.

Ler máis

Constituída a Comisión de Proxeción institucional de Galicia no eido da lusofonía

A sede do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na mañá deste martes a constitución da Comisión de Proxección institucional de Galicia do Observatorio da Lusofonía. A entidade constitúese no marco do cumprimento do regulamento de funcionamento interno do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, creado polo decreto 134/2023, do 28 de setembro.

Ler máis

Presentadas no Día do Nauralismo Galego dúas obras que amosan o carácter innovador de Martín Sarmiento

«Probaré que en sola la seixebra se tiene abreviada una botica», apunta Martín Sarmiento (1695-1772) na súa obra Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego Seixebra, unha publicación inédita do frade. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez; o editor da publicación e coordinador do Proxecto Sarmiento, Henrique Monteagudo; e Rafael Loureiro, transcritor do catálogo, presentaron esta publicación xunto coa edición dixital do Catálogo da biblioteca de Martín Sarmiento, realizada a partir do manuscrito autógrafo. Ambas publicacións déronse a coñecer no cuarto Día do Naturalismo Galego, fixado na data do nacemento do frade. Segundo explicou Rosario Álvarez, «permiten avanzar no coñecemento e na difusión dun precursor do pensamento moderno e dunha das figuras máis avanzadas da Ilustración».

Ler máis

Fondos documentais, proxeccións e unha exposición ao fío do 8M

O Consello da Cultura Galega (CCG) traballa arredor do movemento feminista e da situación das mulleres de xeito permanente e continuado ao longo de todo o ano. Con todo, arredor da data 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desenvólvense algunhas accións concretas para reforzar e visibilizar esta liña de traballo. Coma vén sendo habitual; en colaboración coa Filmoteca de Galicia, prográmanse audiovisuais producidos ou dirixidos por mulleres no ciclo “Olladas de muller” que cumpre 14 edicións e, durante os venres do mes de marzo, o CDIF incorporará ao web novos fondos documentais e hemerográficos. Ademais, o CCG inaugurará o día 11 de marzo a mostra “Emigrantas. Emerxer do silencio” que visibiliza a emigración galega desde unha perspectiva de xénero, nunca antes abordada en profundidade.

Ler máis

Dúas publicación e un obradoiro no Día do Naturalismo Galego

O vindeiro luns, 9 de marzo, é o Día do Naturalismo Galego por coincidir no día do nacemento Martín Sarmiento, primeiro estudoso da natureza de Galicia. O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra esta data coa presentación (luns, sede do CCG, 11:00 horas) de dúas obras de Sarmiento, a edición en volume do Discurso crítico-botánico sobre el vegetable gallego "Seixebra" e a edición dixital do Catálogo da biblioteca de Martín Sarmiento. Ademais, o CCG e a Delegación del CSIC en Galicia, a través da Unidade de Cultura Científica, e en colaboración con el INCIPIT-CSIC, organizan o obradoiro “Observando a vida nos parques de Compostela”. A actividade, prevista inicialmente para este sábado 7 de marzo, adíase para o 25 de abril por mor da previsión meteorolóxica.

Ler máis

Unha xornada analiza a situación das formacións orquestrais

Entre 1987 e 1996 creáronse en Galicia tres destacadas formacións musicais sinfónicas: a Xove Orquestra de Galicia (que desapareceu en 1995), a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa este xoves 4 de marzo (10:30 horas) o seu papel e futuro. Forma parte dun ciclo que afonda no papel das institucións culturais galegas actuais que arrincou o pasado novembro coa análise do Centro Dramático Galego. Entre 1987 e 1996 creáronse en Galicia tres destacadas formacións musicais sinfónicas: a Xove Orquestra de Galicia (que desapareceu en 1995), a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Real Filharmonía de Galicia. A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) revisa este xoves 4 de marzo (10:30 horas) o seu papel e futuro. Forma parte dun ciclo que afonda no papel das institucións culturais galegas actuais que arrincou o pasado novembro coa análise do Centro Dramático Galego. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, e Montse Capelán, coordinadora da xornada xunto con Cristina Domínguez, inauguran esta sesión que se pode seguir en directo no web e na canle de YouTube da institución.

Ler máis

O ciclo de cinema “Olladas de muller” chega á 14ª edición cun espazo dedicado á emigración

O ciclo “Olladas de muller”, iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) máis a colaboración da Filmoteca de Galicia, regresa ao fío do 8 de marzo para achegar filmes dirixidos, protagonizados ou de temática central sobre as mulleres. Esta 14 edición, que se desenvolve entre o 10 e o 14 de marzo, ofrece ademais unha viaxe polo cinema feito por mulleres que narran a emigración desde a súa propia experiencia ou desde a memoria doutras que marcharon seleccionadas por Beli Martínez e Keina Espiñeira.

Ler máis

A mostra sobre a evolución da pandeireta chega a Ferrol

“A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” é o título da exposición coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) pretende poñer en valor o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta. O proxecto ábrese este mércores (4 de marzo) na sede do Real Coro Toxos e Froles cunha sesión de relatorios (18:00 horas) arredor dos usos e das técnicas deste instrumento e da importancia da transmisión usando como exemplo as pandeireteiras de Rois. Despois, Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Arturo Lamas, presidente do coro ferrolá; e os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, inaugurarán a mostra.

Ler máis

A institución ultima “Emigrantas”, unha mostra sobre as historias das mulleres da emigración galega

“Emigrantas. Emerxer do silencio” é o novo proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG). A mostra recupera e visibiliza a través de materiais de diferente tipo, as historias da emigración das mulleres galegas que foron silenciadas do relato oficial durante décadas. Comisariada por Antía Pérez Caramés, Keina Espiñeira e María Alonso Alonso e con deseño expositivo de Uqui Permui, inaugúrase o próximo 11 de marzo no Quiosco Alfonso da Coruña.

Ler máis

A música popular medra en Galicia e evidéncianse novos hábitos de consumo segundo o Observatorio da Cultura Galega

A Galicia rexistrou en 2024 4.540 concertos de música popular e consolida a recuperación tras a caída da pandemia, aproximándose a niveis pre-COVID en número de eventos. Así o recolle o último documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega “A música popular en Galicia. Análise e perspectivas” que tamén indica que “case a metade das persoas que asistiron a concertos de música actual fixérono no contexto dun festival, unha proporción superior á estatal”. Tamén pon en evidencia cambios no comportamento da cidadanía xa que un “20,6% da poboación galega declara que viu algún concerto en liña no último ano”.

Ler máis

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Centro Recreativo União do Rio Tea

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer a disposición da cidadanía varios libros de actas da sociedade Centro Recreativo União do Rio Tea (CURT). É unha das últimas entidades de emigrantes galegos creadas no Brasil, que non só segue activa, senón que é das máis dinámicas na promoción e preservación da cultura galega no estado da Bahía. O material difúndese no marco do proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega, que ten como obxectivo poñer en valor fondos documentais para ofrecer un mellor coñecemento e comprensión da traxectoria da emigración galega.

Ler máis

Especialistas destacan a importancia da adaptación ao cambio climático

“A adaptación é clave. Precisamos que o ritmo de ascenso da temperatura como consecuencia do cambio climático sexa menor ca o ritmo de incremento do punto crítico de temperatura” asegurou a meteoróloga Beatriz Hervella na xornada “Saúde no tempo que cambia”, que organizou a Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Unha idea na que insistiron os especialistas de diferentes disciplinas e que achegaron medidas concretas: mellorar a información e o coñecemento do impacto perante fenómenos meteorolóxicos para poder adaptarnos mellor; modificar o urbanismo para crear áreas de protección natural ou refuxio climáticos; implicar á cidadanía na toma de decisións; ou dimensionar o problema para que a sociedade entenda que cómpre facer cambios que terán efectos a longo prazo. A sesión, coordinada por Susana Bayo, foi gravada e as intervencións están dispoñibles para futuras consultas no web do CCG.

Ler máis

Unha xornada analiza os efectos na saúde do cambio climático

O cambio climático non é só unha cuestión ambiental ou económica, senón tamén un problema de saúde pública global que xa está a ter consecuencias directas e indirectas sobre a vida das persoas. Sobre esta idea, a Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este xoves (a partir das 9:15 horas) a xornada “Saúde nun clima que cambia”. Unha sesión que reflexiona sobre os efectos do cambio climático na saúde humana e as dimensións tanto físicas como sociais e psicolóxicas deste fenómeno global da man de expertos como Ricardo García Mira, Cristina Gómez Román, Beatriz Hervella Nogueira e Dominic Royé. A coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón, máis a coordinadora da xornada, Susana Bayo, inaugurarán esta cita presencial que se pode seguir en directo desde o web do CCG.

Ler máis

O ciclo “Arte en tempo real” analiza o papel da crítica no sector artístico

“A crítica de arte en Galicia no contexto actual. Novas olladas” é o título da nova sesión do ciclo “Arte en Tempo real" que organiza a Sección de Creación de Artes Visuais do Consello da Cultura Galega (CCG). María Marco, Manuel Padín e Marisol Salanova, voces relevantes do panorama artístico contemporáneo, reflexionan sobre o papel da crítica de arte no ecosistema cultural galego. Paula Cabaleiro e Patricia Verdial coordinan esta sesión que se pode seguir en directo desde o web corporativo e a nosa canle de YouTube.

Ler máis

Kathleen March e a Francisco Díaz-Fierros, medallas da institución

A filóloga estadounidense Kathleen March (Rochester, Nova York, 1949) e o edafólogo Francisco Díaz-Fierros (Vilagarcía de Arousa, 1941) recibiron este martes as medallas do Consello da Cultura Galega (CCG) en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento das actividades da institución. As laudatios estiveron a cargo, respectivamente, da filóloga Ana Luna e do historiador e expresidente do CCG Ramón Villares, que destacaron as súas traxectorias profesionais, así como o seu papel en proxectos do CCG como Seara ou o Álbum da Ciencia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, abriu o acto, ao que asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras personalidades da sociedade e da cultura galega.

Ler máis

Un informe demanda o cumprimento dos dereitos culturais de acceso á cultura

O informe “Acceso á cultura en Galicia”, elaborado pola Comisión Técnica de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Paula Cabaleiro, conclúe que non existe unha percepción social de cumprimento efectivo dos dereitos culturais en Galicia. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto coa coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, e a redactora do texto e membro da comisión, Ruth Sousa, presentaron esta mañá o informe nunha rolda de prensa celebrada na sede da institución. “É un informe cunha metodoloxía diferente, que recolle información ao longo de todo un ano e que se sitúa na propia razón de ser da entidade, que ten entre os seus cometidos garantir a cultura”, asegurou Rosario Álvarez. O documento, elaborado tras un proceso no que participaron arredor de 500 persoas de perfil variado, insta as administracións a cumprir a lexislación en materia de accesibilidade, mellorar a formación dos profesionais e fomentar o coñecemento destes dereitos entre a cidadanía.

Ler máis

A institución entregará as súas medallas de honra o vindeiro 24 de febreiro

O Consello da Cultura Galega (CCG) entregará as súas medallas de honra o vindeiro martes 24 de febreiro. A celebración terá lugar na sede da institución e será retransmitida en directo a través de Internet. Os galardoados son a filóloga estadounidense Kathleen March e o edafólogo Francisco Díaz-Fierros, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento da acción do CCG.

Ler máis

Publicadas as colaboracións de Begoña Caamaño na revista antimilitarista Ar!

O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) vén de poñer en rede nova documentación de Begoña Caamaño (Vigo, 1964-Santiago de Compostela, 2014), figura homenaxeada no Día das Letras Galegas. Nesta ocasión trátase dunha serie de entrevistas e de artigos publicados en Ar!. Revista galega antimilitarista, da que Caamaño de cuxo consello de redacción formaba parte. Os textos recollidos, publicados entre 1994 e 1997, amosan unha autora fondamente implicada coa denuncia do Servizo Militar Obrigatorio (SMO), coa defensa da insubmisión e coa recuperación da memoria das vítimas da militarización.

Ler máis