Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Limpar
Amosando noticias 21 a 40 de 49

O foro Pensar o mundo dende Galicia propón este xoves unha reflexión sobre o patrimonio

O arqueólogo Agustín Azkarate e a arquitecta Teresa Táboas participan este xoves na xornada “Territorio, patrimonio e identidade”, a sétima sesión do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o seu 40º aniversario. Rebeca Blanco-Rotea é a coordinadora desta cita, que pretende afondar dende unha perspectiva teórica e práctica en como se establece a relación entre unha sociedade o espazo que habita, unha reflexión pertinente no contexto actual no que se están a producir conflitos entre a protección das paisaxes culturais e a forma de implantar enerxías renovables. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do foro, e Rebeca Blanco-Rotea inauguran esta xornada, que se pode seguir en directo dende o web e as redes sociais do CCG.

Ler máis

Unha xornada reflexiona sobre como habitar o rural

“Alén da contrución. Como habitarmos o rural” é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) que organiza periodicamente a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión, organiza tamén a Fundación María José Jove para poñer o foco na relación entre a arquitectura e a preservación do patrimonio cultural propio. O encontro coincide con dúas efemérides: dunha banda, o Día Mundial do Hábitat, que se celebra cada 2 de outubro e que este ano afonda na importancia da resiliencia e, da outra, o Día Mundial da Arquitectura, que se celebra o primeiro luns de outubro, centrado nesta ocasión no desenvolvemento sustentable. Rebeca Blanco-Rotea, Susana González e Agar Ledo son as coordinadoras desta xornada que acaba de abrir a súa inscrición.

Ler máis

Un informe insta a implementar mecanismos de protección perante o impacto do eucalipto

O Consello da Cultura Galega (CCG) fixo público na mañá deste luns o informe Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia. Nel afirma que as plantacións forestais con especies de crecemento rápido supuxeron a transformación dos elementos que constitúen a paisaxe galega. “É urxente fomentar as medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats” conclúe o documento, que confirma que a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe de Galicia. Establecer a obrigatoriedade de que os montes conten con documentos de ordenación ou procurar unha maior catalogación dos bens son algunhas das medidas que contempla. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da comisión que elaborou o documento, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron o texto no que participaron seis especialistas de diferentes áreas durante dous anos. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural revisan o impacto cultural dos encoros

"Encoros, arquitectura, enxeñaría e patrimonio" é o título da nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que organiza este martes (a partir das 16:00 horas) a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta cita busca avaliar o impacto que as infraestruturas hidroeléctricas, moi presentes no noso país, xeraron no territorio e nos bens culturais que nel se atopaban, así como reflexionar sobre a súa posta en marcha, que seguiu unhas pautas propias que determinaron uns procesos de intervención. O encontro busca analizar as novas paisaxes da auga, o impacto das construcións e as súas consecuencias no campo da restauración e conservación dos monumentos. A cita é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Regresan os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural cunha sesión sobre o patrimonio da Transición

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co grupo de investigación Hispona da Universidade de Santiago de Compostela, organiza mañá, 14 de febreiro (10:30 horas), unha nova sesión do ciclo Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. Baixo o título “Recuperando o patrimonio da Transición democrática”, búscase analizar e dar visibilidade a todo ese patrimonio cultural xerado durante o período histórico da Transición e consolidación democrática. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e o coordinador da xornada, Emilio Grandío, inauguran esta cita presencial, que tamén se poderá seguir en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.

Ler máis

Unha xornada analiza un proxecto pioneiro de educación patrimonial

Afondar no proxecto de educación patrimonial levado a cabo no Colexio de Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, é o obxectivo da xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos, Lugo). Un exemplo de educación patrimonial. A actividade, que forma parte das accións con que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora o Día do Patrimonio Mundial, desenvolverase ata o sábado nas instalacións do propio colexio. A cita, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Mar Bóveda López, forma parte das actividades desenvoltas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. Na súa inauguración participarán Rosario Álvarez, presidenta do CCG; José Tomé Roca, alcalde do Concello de Monforte de Lemos; María del Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Francisco Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, e Mª del Mar Bóveda López, coordinadora do encontro. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Ler máis

Unha xornada analiza o patrimonio da emigración a Portugal

Co gallo da celebración do Día Internacional do Patrimonio Mundial o vindeiro 16 de novembro, a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Patrimonio material e inmaterial da emigración galega a Portugal (séculos XVIII-XX): A solidariedade e cooperación transfronteiriza na Raia Seca. A actividade, que se desenvolverá o propio día 16, ás 09:30 horas, na sede da institución, ten como obxectivo analizar a traxectoria histórica da emigración galega a Portugal e poñer en valor os elementos do patrimonio material e inmaterial ligados a ese proceso migratorio. O encontro estará inaugurado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez, mais pola coordinadora da Sección, Rebeca Blanco-Rotea, e os da propia actividade, Nieves Amado e Hortensio Sobrado. Para a súa organización, contouse coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Malia ser presencial, a xornada tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais corporativas do CCG.

Ler máis

Actividades que afondan no implicación da cidadanía centran a Semana do Patrimonio

O vindeiro 16 de novembro é o Día Mundial do Patrimonio, unha efeméride que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra cada ano con actividades arredor do patrimonio cultural. Nesta ocasión, e seguindo as indicacións descritas na guía práctica Foro Patrimonio e Sociedade, o CCG centra as súas accións en dar a coñecer a importancia da cidadanía no proceso de construción patrimonial. Unha das xornadas terá lugar en Santiago, para analizar o patrimonio inmaterial da emigración a Portugal, a outra en Monforte (días 18 e 19), para amosar o proxecto de educación patrimonial arredor do Colexio de Nosa Señora da Antiga.

Ler máis

Verín acolle a 4ªedición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade

A Casa da Cultura de Verín acolle entre os días 26 e 29 de outubro a cuarta edición do ciclo de cinema galego-portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade. Unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Concello de Verín, o Instituto Camões e o Museo do Pobo Galego que nesta ocasión se centra no papel das mulleres no mundo da morte e da dor que se ergue cunha forte carga patrimonial e social.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural analizan o asociacionismo marítimo

Galicia viviu entre 1931 e 1939 un amplo desenvolvemento de asociacións mariñeiras derivadas da implantación de modelos e relacións de produción capitalista. A análise desa situación e a súa relación co contexto político daquela altura centran este martes a xornada “Memoria e historia do traballo do mar en Galicia”. É unha nova entrega dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Francisco Xavier Redondo Abal, é presencial pero pode seguirse en directo desde o web e as redes sociais co CCG.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural reflexionan sobre a conservación e a xestión dos documentos

O concepto de documento está a mudar con rapidez e non tanto as leis que regulan a súa conservación. A xornada número 37 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, organizados pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, pon o foco e reflexionar sobre como han de ser os arquivos que custodian este patrimonio, como se debe abordar a xestión dos documentos dixitais e cal será o papel dos arquivistas. Rosario Álvarez, presidenta do CCG, máis Rebeca Blanco-Rotea e Olimpia Rodríguez, coordinadora e membro da Sección de Patrimonio respectivamente, inaugurán esta actividade presencial que tamén se pode seguir en directo a través da web e das redes da institución.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural abordan a conservación preventiva

A prevención é clave cando falamos de conservación do patrimonio. Por iso, a nova entrega dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural, que organiza a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG), afonda no concepto de “conservación preventiva”. Rosa Benavides coordina esta cita que reflexionará, entre outros ámbitos, sobre a prevención do patrimonio xestionado pola Igrexa e polos concellos. Rosario Álvarez, presidenta do CCG inaugura esta xornada que ten as prazas cubertas pero que se pode seguirse en directo a través da web e das redes da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega celebra o Día do Patrimonio cunha xornada e unha guía práctica

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou en 2021 28 Informes de Impacto Ambiental, 3 informes en materia de patrimonio e outros 5 para a declaración de Ben de Interese Cultural. Ademais, neste período detectouse un incremento de solicitudes de informes sobre afeccións ao patrimonio desde diferentes partes de Galicia. “Levamos anos detectando a necesidade da cidadanía de información, amparo e asesoramento sobre actuacións que afectan ao noso patrimonio” recoñece Rebeca Blanco-Rotea, responsable da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega. Por ese motivo, o CCG celebra o Día de Patrimonio con dúas accións encamiñadas a mellorar a xestión patrimonial e ofrecer á cidadanía recursos para poder atender as súas necesidades nesta materia. A primeira delas é a xornada “Novas perspectivas para o futuro do Patrimonio Cultural en Galicia” (Santiago, 15 e 16 de novembro) e a segunda é a presentación simultánea en Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña da Guía Práctica Foro Patrimonio e Sociedade.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza a situación e a historia da mina de Casaio

Este venres, 17 de setembro, terá lugar en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) unha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural “In situ” que debaterá sobre o papel, posibilidades e límites do patrimonio industrial dentro das políticas en materia de patrimonio no noso país. No marco da xornada, titulada “A guerra esquecida: volframio, modernidade e patrimonio industrial”, expoñerase o proxecto de recuperación e de declaración como BIC da mina de volframio de Casaio e doutros exemplos de posta en valor como a mina de Fontao. Rebeca Blanco-Rotea, Laura Martínez Panizo e Carlos Tejerizo son os coordinadores desta cita.

Ler máis

O Foro Patrimonio e Sociedade remata solicitando a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial

Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega (CCG) o “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión e debate sobre a situación do patrimonio en Galicia. Rebeca Blanco-Rotea e Juan Monterroso foron os encargados de expor as conclusións da Mesa 3 deste Foro que se centraba na relación entre educación, formación e cidadanía. Na súa intervención destacaron o traballo feito por todas as asociacións e entidades en defensa do patrimonio e propuxeron a creación dun Observatorio de Educación Patrimonial que documente o que se fai nesta materia en Galicia e dun Plan de Educación Patrimonial de Galicia orientado á formación patrimonial estratéxica ao longo da vida. Todas as intervencións se sistematizarán e integrarán no documento final que se presentará no verán e que terá forma dunha guía práctica. Os relatorios foron gravados e están a disposición da cidadanía no web do CCG.

Ler máis

O Foro Patrimonio e Sociedade comeza demandando unha política global de ordenación do territorio

“Hai que entender que o patrimonio vai máis alá do monumento, é tamén paisaxe, bens mobles e inmobles; pero, sobre todo, hai que ter en conta a súa historia e a mirada da súa poboación” asegurou Iago Seara, quen, xunto con Carlos Nárdiz, ofreceu as conclusións da primeira mesa do “Foro Patrimonio e Sociedade”, espazo de reflexión arredor do patrimonio promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG). “Estas xornadas son o resultado necesario de moitas demandas canalizadas a través da Sección de Patrimonio e Bens Culturais durante anos” asegurou a presidenta, Rosario Álvarez, na inauguración dunha cita que continúa mañá coa análise das políticas públicas.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega expón os resultados de ano e medio de traballo en materia de patrimonio

En novembro de 2019 o Consello da Cultura Galega (CCG) puxo en marcha o “Foro Patrimonio e Sociedade”, un formato pioneiro que recolleu as inquedanzas, reflexións e propostas de todos os axentes implicados na súa xestión. Este proxecto, coordinado por Rebeca Blanco-Rotea, entra agora na súa recta final cunha xornada homónima que terá lugar entre 19 e o 21 de abril. Durante tres días organizaranse sesións en directo abertas ao público a través do web da institución coa intención de recoller o debate social e incorporalo no documento final que marcará o futuro da xestión patrimonial en Galicia.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega presenta os primeiros avances do Foro Patrimonio e Sociedade

A creación dun Instituto de Patrimonio e dun observatorio en materia de educación patrimonial, artellar un catálogo de bens aberto, xeolocalizado e de acceso libre para a cidadanía, o risco de primar o interese turístico por riba do patrimonial e implementar medidas éticas nestas cuestións son algunhas das necesidades que detectou o Foro Patrimonio e Sociedade, unha iniciativa promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG) para debater, analizar e ofrecer propostas integrais arredor desta materia. A proposta, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea coa participación doutros membros da sección de Patrimonio e Bens Culturais, é pioneira e materialízase en tres mesas nas que participan unha trintena de especialistas durante un ano enteiro para analizar todas as caras deste fenómeno. Co gallo do Día do Patrimonio, que se celebra cada 16 de novembro, a institución dá a coñecer os primeiros resultados deste proceso de reflexión, que se debaterán en sesión aberta en abril de 2021.

Ler máis

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural poñen en valor as pinturas rupestres esquemáticas, que serán declaradas Ben de Interese Cultural

Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), Casaio (Valdeorras, Ourense) e a Ceadá das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán (Monterrei e Oímbra, Ourense) son catro núcleos nos que apareceron diferentes mostras de pintura rupestre esquemática. E os catro espazos serán declarados Ben de Interese Cultural. Así o anunciou Beatriz Comendador, unha das coordinadoras da xornada “Paisaxes tatuadas” coa que o Consello da Cultura Galega pretendía analizar de xeito integrado este tipo de manifestacións artísticas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a pertinencia deste tipo de encontros que conectan a sociedade coa investigación. Pola súa parte, a coordinadora da Sección de Patrimonio, Rebeca Blanco-Rotea, lembrou que esta xornada suma o número 29 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que cumpren cinco anos fomentando a comunicación e o debate arredor de espazos singulares.

Ler máis

Unha xornada analiza a pintura rupestre esquemática descuberta recentemente

Representan esquemáticas figuras humanas acompañadas de motivos xeométricos, dunha soa cor que foi aplicada coa xema do dedo ou con pinceis. As pinturas rupestres esquemáticas, tamén chamada arte esquemática pintada, apareceron recentemente en espazos como a Cova dos Mouros (Baleira, Lugo), Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), Casaio (Valdeorras, Ourense) ou a Cerca das Laxes das Chás/Castelo de Lobarzán (Monterrei e Oímbra, Ourense). A descuberta, o estudo e a significación destes achados nunha visión de conxunto centran a xornada “Paisaxes tatuadas” que terá lugar mañá no Consello da Cultura Galega. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais, serán as encargadas de abrir esta cita (16:15 horas), que fai a número 29 dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural. A sesión poderá seguirse en directo na rede.

Ler máis