A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou esta tarde no Museo de Pontevedra a última exposición producida pola institución. Chámase «Inventio Mundi. Galicia nas viaxes transoceánicas. Séculos XV-XVII» e tal e como explicou a presidenta “ten unha dobre condición, a de traer á memoria unha parte importante da historia de Galicia e de homenaxear aos esforzados navegantes galegos que abriron os camiños do mar, atopasen ou non gloria na empresa”. Pola súa parte, o director do museo, José Manuel Rey, destacou que “poucas cidades como Pontevedra terán un pasado tan estreitamente vinculado co mar e darían á Historia tantos navegantes; e poucos museos terán aos mariños e navegantes tan presentes entre as súas coleccións”. A mostra toma un punto de partida, a primeira circunnavegación do planeta, a expedición Magalhães/Elcano cando se cumpren 500 anos da súa partida. Ofelia Rey é a comisaria desta mostra que se pode ver ata o 14 de xaneiro.
Ler máis