A 15ª edición do Concerto das Letras Galegas do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrarase este ano en Carballo en recoñecemento á riqueza que o canto tradicional ten tanto neste concello coma na comarca bergantiñá. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, xunto co alcalde da localidade, Evencio Ferrero, presentaron en rolda de prensa o programa desta cita, que fai un percorrido pola xeografía galega a través das melodías tradicionais cunha posta en escena contemporánea. Na rolda tamén participaron o director do Arquivo Sonoro de Galicia, Alejo Amoedo; a xefa de Comunicación Corporativa da CRTVG, Marta Fernández, e a concelleira de Cultura de Carballo, Maruxa Suárez. Entre as novidades desta edición destaca que o concerto estará a cargo de Do Bertau, unha formación coordinada por Richi Casás, creada expresamente para esta ocasión e integrada por 11 artistas de distintos eidos musicais. O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Pazo da Cultura de Carballo o 16 de maio (20:30 horas) e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e o Día das Letras Galegas na G2.
Ler máis
Amosando noticias 201 a 220 de 3161


