Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 2121 a 2140 de 3743

O CCG entrega á Xunta unha ampla diagnose do estado do sector cultural de Galicia

O CCG entrega á Xunta unha ampla diagnose do estado do sector cultural de Galicia

Incrementar o orzamento público en cultura da Xunta de Galicia, coordinar e integrar máis as políticas culturais das diferentes administracións, mellorar a presenza da cultura galega no exterior e asumir os retos da dixitalización son algunhas das propostas que realiza o Consello da Cultura Galega para as futuras políticas públicas da cultura en Galicia. Así o manifestou o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, durante a entrega do documento Diagnose da cultura galega. Datos para unha estratexia cultural no século XXI ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, Román Rodríguez.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego

O Consello da Cultura Galega lamenta a morte de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego

O Consello da Cultura Galega lamenta profundamente o pasamento de Carlos García Martínez, director do Museo do Pobo Galego. Licenciado en Dereito e entusiasta estudoso da arqueoloxía, folclore e etnografía de Galicia, Carlos García Martínez estivo fondamente vinculado ao Consello da Cultura Galega. Foi representante do Consello Galego de Museos no Pleno do CCG entre 2007 e 2018 e membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais. Tanto desde a súa presenza no Consello da Cultura Galega como na dirección do Museo do Pobo Galego, Carlos García Martínez foi un incansable defensor dos valores culturais do pobo galego e un dos principais valedores da nosa memoria colectiva. A capela ardente abrirase no Museo do Pobo Galego desde mañá, domingo 18 de marzo, ás 16 h. O sepelio celebrarase o luns 19 de marzo ás 17 h. en Santa María de Figueiras (Santiago de Compostela).

Ler máis

A dixitalización, un gran desafío para a cultura galega

A dixitalización, un gran desafío para a cultura galega

A xornada “A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade” deitou hoxe no Consello da Cultura Galega unha ollada interdisciplinar sobre os datos masivos ou Big Data que incluíu o punto de vista da investigación, historia, comunicación e enxeñería informática. Os expertos alertan da necesidade de sistemas de verificación que eviten a propagación de bulos xenerados pola sobreabundancia de información e fixeron fincapé na necesidade de construír relatos visualizados en formatos atractivos para os usuarios. No caso concreto da cultura galega advirten que, a pesar da existencia de proxectos voluntaristas e iniciativas que aproveitan boas ferramentas da Rede para lanzar iniciativas de crowdfunding cultural ben interesantes e para se coordinar socialmente, a realidade é que estruturalmente a dixitalización está supoñendo un gran desafío para a cultura galega, máis que un beneficio, debido ao uso de algoritmos das grandes plataformas que tenden a invisibilizar os contidos xerados na nosa lingua.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega está a preparar unha exposición sobre o discurso Alba de Gloria de Castelao

O Consello da Cultura Galega conmemorará cunha exposición o 70º aniversario da lectura do discurso Alba de Gloria de Daniel A. Rodríguez Castelao, segundo aprobou o Pleno da institución na tarde de onte, xoves 15 de marzo. A exposición inaugurarase nos inicios do outono e ten como obxectivo dar a coñecer a todo o público e, en especial, ás novas xeracións, o contido e orixes do discurso, o ambiente cultural e social da época na colonia galega e as relevantes figuras da cultura de Galicia mencionadas nel. Para iso, botará man dun concepto expositivo no que destacarán o uso das novas tecnoloxías e a participación activa do usuario.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura recuperan os alalás na sexta edición de “No bico un cantar”

A biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu hoxe a presentación da sexta edición do programa lúdico-musical “No bico un cantar”. Unha iniciativa do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, coa colaboración do Concello de Betanzos nesta edición, que xunta poesía e mocidade. Alí estaban presentes Rosario Álvarez, presidenta do CCG; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; María Barral, concelleira de Cultura de Betanzos, e Maximino Zumalave. A proposta mantén o formato de concerto coral formado por voces procedentes de toda Galicia, pero inclúe unha novidade, xa que escolle unha temática de tradición popular no canto de figuras da literatura galega. O vindeiro 1 de xuño cantaranse en Betanzos os alalás das Mariñas, Muxía e Camariñas e haberá tamén oco para a estrea do "Alalá á vella maneira", de Manuel Rivas. Esta obra constitúe un pequeno fito na traxectoria deste programa xa que é a primeira vez que se pon música á obra dun autor vivo.

Ler máis

A publicación do Consello da Cultura que revisa o legado de Anna Turbau sobre Galicia é finalista dos premios do libro

“Anna Turbau. Galicia, 1975-1979” é unha publicación que recolle unha parte significativa do legado que a fotógrafa Anna Turbau (Barcelona, 1949) cedeu ao Consello da Cultura Galega. A publicación, editada por Natalia Poncela, é finalista da III Gala do Libro Galego na categoría de mellor iniciativa bibliográfica. Os gañadores saberanse na gala que terá lugar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Ler máis

A recuperación do edificio da Panificadora de Vigo centra mañá unha xornada no Consello da Cultura

Está situado nun espazo urbano privilexiado, ten un gran número de elementos que conservar, de aí a dificultade da súa preservación íntegra; a perda de funcionalidade.... son moitos os factores que converten a rehabilitación da Panificadora de Vigo nun grande reto. Dos criterios de conservación, das características de edificio, entre outras cuestións, falarase mañá martes nunha nova edición dos Encontros co Patrimonio do Consello da Cultura Galega (CCG). A cita poderase seguir en directo a través do web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega leva á Coruña a exposición “A intimidade da imaxe”

O Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello da Coruña inauguran mañá ás 19:30 horas no Kiosco Alfonso “A intimidade da imaxe”, a exposición que revisa a Galicia da transición a través das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A mostra, que se poderá ver ata o 1 de abril, contará coa presenta de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, Xosé Manuel Sande; a comisaria da mostra, Margarita Ledo, e a fotógrafa catalá, Anna Turbau. Na exposición exhíbense un centenar de imaxes retratan os conflitos sociais, políticos e humanos cos que a fotógrafa se atopou a finais dos anos setenta.

Ler máis

Os dereitos de autor centran mañá a actividade do Consello da Cultura Galega

O noso contexto tecnolóxico transformou o noso xeito de crear e compartir os contidos. As normas que regulan a propiedade intelectual víronse na necesidade de se adaptaren ao novo escenario. Sobre o ámbito normativo e de cara a ofrecer ferramentas de carácter práctico coas que afrontar a nova realidade, o Consello da Cultura Galega organiza a xornada "Dereitos de autor, lei aplicable e percepción social". A cita conta con todas as prazas cubertas pero poderá seguirse en directo a través do sitio web da institución.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura alerta da fuga de talento científico por mor do exilio

Son refuxiados, comparten os motivos que os levaron a exiliarse e a súas historias gardan numerosos paralelismos aínda que os separan catro décadas e un océano. Son o profesor chileno Eleuterio Toro e o estudante sirio Kamal Aldalati. Os dous participaron na xornada “Persoas refuxiadas ConCiencia. Análise da problemática das persoas refuxiadas desde a Ciencia e como persoas xeradoras de coñecemento” que se celebrou hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). “Unha oportunidade para aproximarse ao exilio, unha liña de traballo habitual do Consello, pero desde unha maneira máis específica e cunha ollada presente” indicou o presidente da institución, Ramón Villares, na inauguración.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura reflexiona mañá sobre os exilios desde a ciencia

Un profesor chileno que foi torturado e perseguido, un estudante sirio que chegou a España como refuxiado, un fotógrafo que fixou coa súa cámara numerosas migracións. Son algúns dos perfís dos participantes da xornada “Persoas refuxiadas ConCiencia. Análise da problemática das persoas refuxiadas desde a Ciencia e como persoas xeradoras de coñecemento” que se celebra mañá xoves no Consello da Cultura Galega. A cita poderase seguir en directo desde o web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura presenta mañá en Ourense a publicación “Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde”

O sete de setembro de 1960, a nena Silvia Santiago Conde facía a primeira comuñón na Coruña. Seu pai, o escritor e empresario Silvio Santiago, convocou amigos, poetas e escritores galegos a participaren nunha “Ofrenda lírica” en forma de libro e celebraren, así, o acontecemento. O Consello da Cultura Galega (CCG) deulle forma de publicación a este particular agasallo e preséntase mañá venres, ás 20:00 horas, no liceo de Ourense. Alí estarán presentes Ramón Villares, presidente do CCG, xunto con Alfonso Vázquez-Monxardín e Patricia Arias. O acto contará coa presenza de José Luis Fernández Carnicero, que interpretará varias pezas musicais.

Ler máis

O Consello da Cultura presenta o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”

O Consello da Cultura presenta o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”

Acoutación, agol, analepse, madrigal, theatron.... son só algúns dos 300 termos que recolle o “Dicionario enciclopédico de termos escénicos”, unha proposta investigadora e normalizadora referida ao teatro pero tamén ás outras artes escénicas. O proxecto foi presentado esta mañá en rolda de prensa por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), quen destacou que forma parte dunha estratexia da institución de fornecer de ferramentas para os profesionais arredor da cultura galega. Canda el estaban Dolores Vilavedra, membro da Comisión Executiva, mais Inma López Silva e Roberto Pascual, como membros do proxecto. Todos eles destacaron a necesidade e a pertinencia desta obra, que constitúe un fito no teatro galego. O dicionario xa se pode consultar desde o web do CCG.

Ler máis

Aberta a inscrición da xornada que aborda a recuperación do edificio da Panificadora de Vigo

Está situado nun espazo urbano privilexiado, ten un gran número de elementos que conservar, está en desuso..., son moitos os factores que converten o edificio da Panificadora de Vigo nun gran reto. Dos criterios de conservación ou rehabilitación, das características do edificio e da diversidade de criterios falarase na xuntanza que terá lugar o vindeiro 27 de febreiro. É unha nova edición dos Encontros co Patrimonio que xa ten aberta a súa inscrición a través da web do Consello da Cultura Galega.

Ler máis

O Consello da Cultura aborda nunha xornada a xestión de datos masivos desde Galicia

Datos de formularios e enquisas, correos electrónicos, mensaxes en redes sociais, sinais de móbil, arquivos de audio, sensores, imaxes dixitais..., a sociedade en rede deixou gran cantidade de volume de datos. Á súa xestión e análise chámaselle Big Data. Sobre este tema tratará a xornada do Consello da Cultura Galega (CCG) “A cultura dixital en Galicia: viaxe de ida e volta ao Big Data, á verificación e á mobilidade”, que terá lugar o vindeiro 15 de marzo. A cita ten aberto o prazo de inscrición a través do web da institución.

Ler máis

O Consello da Cultura inaugura mañá Illa rota, mostra que documenta a sociedade coruñesa de principios do século XX

O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura mañá martes, 30 de xaneiro de 2018, a exposición “Illa rota. Da II República ao franquismo”. A mostra, que se pode ver ata o 30 de marzo na sala de exposicións do Concello da Coruña, amosa a transformación e evolución da sociedade coruñesa entre o período que vai da II República ata o franquismo a través da ollada do fotoxornalista Juan Cancelo. A inauguración terá lugar ás 19:30 horas e contará coa presenza de Ramón Villares, presidente do CCG, e de Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña.

Ler máis

Refuxiados, patrimonio e dereitos de autor centran as próximas actividades da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acaba de abrir a inscrición das próximas actividades. A primeira delas terá lugar o vindeiro martes 30 de xaneiro cun novo encontro sobre o patrimonio, desta volta centrado no castro de San Lourenzo, revitalizado pola comunidade veciñal. Tamén está aberto o prazo para anotarse a unha xornada sobre dereitos de autor prevista para o 22 de febreiro e para outra cita (15 de febreiro) que aborda a situación dos refuxiados desde o ámbito científico. A inscrición pode facerse a través do sitio web da institución.

Ler máis

Expertos apuntan á desestruturación do mundo rural entre as causas dos incendios forestais

Unha política forestal que pon a prioridade na extinción e non na orixe do problema; unha escasa prevención estrutural e un ordenamento forestal inadecuado son algunhas das causas que explican a virulencia e magnitude dos últimos incendios. Así o destacaron varios expertos no coloquio “Unha nova xeración de incendios” que se celebra no Consello da Cultura Galega. A cita, que xunta a expertos de Galicia e Portugal, remata mañá venres cunha mesa redonda que propoñerá medidas para atenuar os eventuais impactos dos lumes.

Ler máis

Un coloquio do Consello da Cultura constata a existencia dun novo tipo de incendios forestais

Os megaincendios afectan a unha superficie maior de 30.000 hectáreas; son máis severos e provocan un maior dano ao chan e á vexetación; poñen en perigo a máis persoas e propiedades e están moi condicionados polo cambio climático. Estas son algunhas das características dos novos incendios forestais bosquexadas por expertos e profesionais no marco do coloquio “Unha nova xeración de incendios” que se celebrou no Consello da Cultura Galega. A cita tamén puxo sobre a mesa a necesidade de actuar cunha maior decisión en prevención e na orixe estrutural para paliar a situación.

Ler máis

Expertos analizan desde mañá no Consello da Cultura as novas características dos incendios forestais

Unha vaga de lumes arrasou en outubro de 2017 unhas 50.000 hectáreas en dous días no noso país. Nese mesmo ano en Portugal, o Instituto de Conservação da Natureza e das Florestas (ICNF) contabilizou unhas 418.000 hectáreas queimadas. Son lumes cada vez máis virulentos contra persoas e edificacións. Sobre as características desta nova vaga de incendios trata o coloquio que comeza mañá no Consello da Cultura Galega. Durante dous días, expertos de Galicia e Portugal analizarán a situación actual e discutirán que medidas se deberían adoptar para atenuar os seus eventuais impactos. A cita, que ten as prazas esgotadas, poderá seguirse en directo a través do sitio web da institución.

Ler máis