Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 821 a 840 de 1520

Helena Vázquez Cendón, premio María Josefa Wonemburger

A Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia concedeu á doutora en matemática, Helena Vázquez Cendón, o Premio María Josefa Wonemburger. O galardón, co que o goberno galego recoñece desde 2007 "as mulleres científicas de Galicia, mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron camiños a moitas outras".

Ler máis

A biografía de Marcos Valcárcel entra no Álbum de Galicia

A colección biográfica do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora hoxe a entrada de Marcos Valcárcel (Ourense, 1958 – 2010), quen contribuíu de xeito activo á posta en valor da cidade de Ourense como universo literario. “O seu compromiso social e cultural, a súa firmeza elegante, a súa bonhomía e o seu esforzo na concordia fan del un referente exemplar para as xeracións presentes e futuras”, subliña Afonso Vázquez-Monxardín na biografía que asina no Álbum de Galicia.

Ler máis

Luces de alén mar, a mostra que recolle o legado educativo da emigración chega a Ramirás

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil Álvarez, máis a presidenta da Asociación Cultural Rebulir, Sandra González Sousa, inauguran este venres (18:00 horas) en Ramirás a mostra Luces de alén mar, unha exposición que recolle o legado educativo da emigración galega. A exposición poderase ver no centro de saúde ata o 31 de decembro.

Ler máis

Emilia Pérez acada o Premio Andrés Gaos do V Certame de Canto Lírico

O Consello da Cultura Galega colabora coa Certame de Canto Lírico de Compostela na concesión do Premio Andrés Gaos, categoría sénior, que recoñece a voz galega máis destacada. A quinta edición do certame concedeu este premio, que consiste nunha actuación sufragada polo CCG, a Emilia Pérez. É un dos premios do V Certame de Canto Lírico Compostela que tivo lugar na fin de semana en Compostela. A gañadora do certame foi Carmen Buendía Santiago que recibirá 4.000 euros e tres actuacións de pago (coa Real Filharmonía de Galicia, a Ópera de Oviedo e o ciclo Les musicales du Luberon). O segundo premio, dotado con 2.000 euros e unha actuación de pago, foi para Andrea Niño. O terceiro premio foi concedido a Milan Perišić, que recibiu un premio de 1.000 euros e un diploma acreditativo.

Ler máis

A biografía de Alfonso Zulueta entra no Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia incorpora este venres a entrada de Alfonso Zulueta de Haz (Vigo, 1924-2017) figura destacada para a cultura galega e presidente do Consello da Cultura Galega (CCG) entre 2002 e 2006. “Un home con fondas conviccións cristiás, de trato amable e acolledor, que puxo a súa vida ao servizo dos demais, especialmente dos discapacitados intelectuais, e tamén de Galicia, comprometéndose con ela na política, na cultura e na súa profesión” asegura Francisco Domínguez, na coda que acompaña a súa biografía.

Ler máis

O proxecto Voces centenarias achéganos á figura de Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto é o ímpeto imprescindible para algunhas das iniciativas culturais, políticas e sociais que se desenvolven na Galicia interior da segunda metade do século XX. A nova entrega de Voces Centenarias, proxecto do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG), entidade do Consello da Cultura Galega (CCG) permite difundir tres audios preservados no ASG que nos axudan a debullar o labor deste traballador incansable .

Ler máis

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reforzarán a dixitalización de fondos de sociedades do exterior

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral da Emigración reforzarán a dixitalización de fondos de sociedades do exterior

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodíguez Miranda revisaron as actuacións conxuntas para o coñecemento e divulgación da emigración galega no marco da xuntanza que mantiveron na sede do CCG. A dixitalización dos fondos de sociedades de emigrantes na Península Ibérica, así como os referentes aos procesos de emigración galega centrarán as liñas de acción para os vindeiros meses.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do filántropo Fernando Blanco de Lema

Fernando Blanco de Lema (Cee, A Coruña, 1796 - A Habana, Cuba, 1875) mudou a historia de Cee cando, tres días antes do seu falecemento, expresou a súa vontade de destinar o seu capital á fundación dun colexio de primeira e segunda ensinanza na súa vila natal. Este desexo traduciuse na construción do actual IES Fernando Blanco e da antiga Escola de Nenas, dous centros que foron o motor educativo e cultural de Cee naquela época. A súa biografía no Álbum de Galicia é autoría de Darío Areas Domínguez.

Ler máis

Unha xornada aborda en Melide a situación dos cruceiros góticos de Galicia

Dar a coñecer o conxunto de cruceiros góticos da nosa comunidade é o obxectivo desta xornada, que se celebrará este mércores, 30 de novembro, no Centro Sociocultural Mingos de Pita (Melide). Nela reuniranse diversos expertos, que analizarán a importancia que teñen estas xoias patrimoniais tanto no conxunto monumental da nosa terra como na mentalidade colectiva. A actividade está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG) e conta coa colaboración do Museo da Terra de Melide e o apoio do Concello de Melide. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez Pena, inauguran esta cita que será gravada e posteriormente se incorporará á hemeroteca dixital da institución.

Ler máis

Especialistas destacan a modernidade do legado de Martín Sarmiento

Martín Sarmiento (1695-1772) foi un pioneiro en concibir Galicia como país, como conxunto. No 250º cabodano da súa morte, o Consello da Cultura Galega (CCG) afonda no seu legado cun simposio. Da man dunha serie de especialistas internacionais analizáronse os variados intereses e temáticas que o erudito abordou no seu texto máis destacado, a Obra de 660 pliegos, composta por cinco tomos. Ademais, no marco do simposio, Henrique Monteagudo presentou o primeiro volume desta obra (o segundo, o terceiro e o cuarto volume saíron do prelo hai varios anos e o quinto está en formato dixital) que axuda a completar un proxecto que permite poñer a disposición pública o pensamento dun dos pioneiros do galeguismo. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou na inauguración que a institución prestou sempre gran atención sobre a extraordinaria figura de Sarmiento “que todo o merece”. O simposio remata este martes coa revisión das ciencias naturais na obra sarmentina.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega amosa no Culturgal a súa liña de asesoría e divulgación

O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 15ª edición do Culturgal, que se celebra do 24 ao 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades relacionadas coas accións de asesoría e divulgación cultural que mantén a institución. A primeira terá lugar este venres coa proxección de Sophias, serie web para dar a coñecer, en clave galega, as figuras e temas de filósofas destacadas na historia do pensamento. A segunda será o sábado cando se explicará os informes e estudos realizados polo Observatorio da Cultura Galega.

Ler máis

O especial Historias de ida e volta documenta a emigración de mariñeiros aresáns a Cuba

Desde mediados do século XIX, pescadores e mariñeiros da ría de Ares asentáronse en Cuba, onde traballaron na frota pesqueira, no transporte de mercadorías e pasaxeiros, nos estaleiros ou en empresas subsidiarias do naval. Neste tempo, conseguiron dominar o sector da pesca na badía da Habana e mesmo no golfo de México. O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, reflicte en vinte imaxes e documentos os labores desempeñados por estes emigrantes galegos no sector pesqueiro, fundamentalmente, pero tamén noutras actividades relacionadas co comercio, a hostalaría ou a explotación do carbón.

Ler máis

As entradas de Xosé Neira Vilas e Mariví Villaverde incorpóranse ao Álbum de Galicia

O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe a traxectoria do escritor e intelectual Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, Pontevedra, 1928 – 2015). Ademais, coincidindo co centenario do seu nacemento, incorpórase tamén a da escritora e activista pola memoria histórica Mariví Villaverde Otero (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1922 – Ribadumia, Pontevedra, 2017). A primeira das biografías é autoría de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, mentres que a segunda está asinada pola escritora Marga do Val.

Ler máis

Unha xornada analiza a problemática actual da edición gráfica

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 23 de novembro, ás 17:00 horas, a xornada Edición gráfica. Nela, o artista visual Darío Urzay e o director da Agencia Pública Casa Natal Pablo Ruiz Picasso, da Colección del Museo Ruso e do Centro Pompidou do Concello de Málaga, José María Luna, analizarán a obra gráfica, a súa relación con outras dinámicas de expresión artística e os problemas que afronta na actualidade. A actividade está coordinada por Jesús Pastor Bravo e, malia ser presencial, tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.

Ler máis

O Observatorio da Cultura Galega presenta o primeiro estudo sobre a situación das corais

En Galicia hai 266 corais que agrupan a unhas 6100 persoas. O 70 % dos integrantes destas entidades teñen máis de 60 anos, son maioritariamente mulleres e a súa formación é autodidacta, malia que están dirixidas por profesionais titulados. É o perfil das formacións que describe o informe As corais en Galicia, o primeiro estudo sobre esta realidade que acaba de elaborar o Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). O informe, que xa está dispoñible para a súa descarga, presentouse no marco da xornada As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego, que busca achegarse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e profundar no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural.

Ler máis

Unha xornada analiza a relevancia das corais

As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego é o título da xornada que se celebra na tarde deste martes, 22 de novembro. Nela, analizarase a incidencia social das máis de trescentas corais existentes na nosa comunidade e se presentará o primeiro informe que analiza esta realidade. A actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega CCG) baixo a coordinadción de Alejo Amoedo e Cristina Domínguez Dapena. Recoñecidos profesionais achegaranse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e, profundarán no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural. A sesión é presencial, pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.

Ler máis

A serie web Sophias amosa o pensamento de mulleres destacadas da historia da filosofía

Simone Weil, Simone de Beauvoir, Hannah Arendt, Judith Butler ou María Xosé Agra son algunhas das figuras que protagonizan Sophias, o último proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende reivindicar a importancia das filósofas e a vixencia do seu pensamento. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, presentou esta mañá no IES Politécnico de Vigo o proxecto que “inclúe dunha maneira moi especial a visión que as mulleres tiveron dentro da historia”. Euloxio Santos Leites, director do centro agradeceu a elección deste que ten case un século de historia formando profesionais con pensamento crítico. “Hoxe é un día de festa e de reivindicación histórica porque no Día Mundial da Filosofía traemos o pensamento das mulleres filósofas que foron esquecidas, invisibilizadas na historia do pensamento” apuntou Carme Adán, responsable deste proxecto elaborado por Cristina de la Torre e interpretada por María Roja e Marta Pérez. As actrices estiveron tamén presentes nun acto no que a filósofa María Xosé Agra ofreceu un relatorio sobre a importancia das mulleres na filosofía.

Ler máis

Unha xornada analiza un proxecto pioneiro de educación patrimonial

Afondar no proxecto de educación patrimonial levado a cabo no Colexio de Nosa Señora da Antiga, en Monforte de Lemos, é o obxectivo da xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos, Lugo). Un exemplo de educación patrimonial. A actividade, que forma parte das accións con que o Consello da Cultura Galega (CCG) conmemora o Día do Patrimonio Mundial, desenvolverase ata o sábado nas instalacións do propio colexio. A cita, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e Mar Bóveda López, forma parte das actividades desenvoltas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG. Na súa inauguración participarán Rosario Álvarez, presidenta do CCG; José Tomé Roca, alcalde do Concello de Monforte de Lemos; María del Carmen Martínez Insua, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Francisco Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga, e Mª del Mar Bóveda López, coordinadora do encontro. A sesión non se poderá seguir en directo, pero será gravada e estará proximamente dispoñible na hemeroteca do CCG.

Ler máis

Varios números da revista Acción Española súmanse ao repertorio de prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega, suma 24 novos números da revista Acción Española, órgano oficial do Centro Gallego de México. Foi unha publicación creada para informar a colonia española residente en México sobre as diversas entidades de emigrantes españois que traballan a prol dos seus intereses. Conta con moitas noticias sobre a política e os políticos españois do momento, así como dos mexicanos.

Ler máis

O Álbum de Galicia incorpora a entrada da soprano María Luisa Nache

A expresión do seu canto, o timbre aveludado da súa voz, o seu talento vocal e escénico ou a súa precisión musical foron calidades que destacaron os medios de comunicación sobre María Luisa Nache (Ferrol, 1924 - A Coruña, 1985). A soprano tivo unha breve mais próspera carreira, que se estendeu desde 1945 ata 1963 e que se desenvolveu, principalmente, nos máis importantes teatros internacionais. A súa foi “unha voz de ouro da lírica galega polo mundo”, como a define María del Carmen Lorenzo Vizcaíno na entrada que asina para o Álbum de Galicia.

Ler máis