Esta semana cumpríronse 800 anos do nacemento de Afonso X, unha figura destacada da cultura europea. Sobre o legado do monarca e a súa conexión con Galicia trata “Afonso X e Galicia”, proxecto expositivo organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Xunta de Galicia e as deputacións de Ourense e Lugo. Esta proposta chegou hoxe á Capela de Santa María de Lugo para amosar unha faceta pouco coñecida da súa figura e convidar a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o delegado territorial de Lugo, Javier Arias; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández; e da Deputación de Lugo, Mónica Freire, inauguraron esta mostra que estará aberta ata o 17 de abril. O comisario, Antoni Rossell, fixo un percorrido pola mostra que contará nas vindeiras semanas cun programa visitas guiadas e un concerto.
Ler máis
Amosando noticias 1081 a 1100 de 1610


