Arquivo de noticias do CCG

Presentado o <em>Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo</em> con medio milleiro de cantares tradicionais
Presentado o Cancioneiro sociolingüístico das terras do Bolo con medi...
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura Galega
Kathleen March e Francisco Díaz-Fierros, novas medallas do Consello da Cultura ...
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Morre o especialista en arte medieval, Ramón Izquierdo Perrín
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Día Europeo das linguas no Congreso dos Deputados
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e o Ateneo Ullán no Álbum de Galicia
Faustino Rey Romero e Baldomero Isorna Casal. Fundadores da Romaría Viquinga e ...
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da lingua e o acceso á cultura
O CCG avanza a programación do segundo semestre de 2025 ao redor do futuro da l...
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O CCG preservará os fondos do Seminario Galego de Educación para a Paz
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación <b>Orientación Gallega</b>
O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación...
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebra
Celebramos o Día do Naturalismo cun avance da obra de Sarmiento sobre a seixebr...
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
As túas ideas no foro 'Un país coa súa lingua'
Amosando noticias 1441 a 1453 de 1453

O Consello da Cultura Galega lamenta a perda de Luz Pozo Garza,decana da poesía galega

Esta madrugada finou na súa casa da Coruña Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020). O Consello da Cultura Galega lamenta a súa perda e lembra a esta voz fundamental da poesía galega. A luz, o amor e a sensualidade, sempre en diálogo coa tradición poética galega e universal, destacan como constantes nunha traxectoria na que hai títulos fundamentais como “Códice Calixtino”, “Deter o día cunha flor” ou “Rosa Tántrica”. Deixa tras de si unha longa carreira poética na que recibiu a Medalla Castelao (1995), o Premio Celanova (2001), o Premio Laxeiro (2013) ou o Premio Trasalba (2019); ademais de numerosos recoñecementos civís como os de Ribadeo ou Viveiro, onde foi nomeada filla adoptiva. Luz Pozo era membro da Real Academia desde 1950, primeiro como membro correspondente e desde 1996, como membro do número.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega promove a presenza da poesía galega no sitio web Asymptote

Asymptote é un dos principais sitios para a literatura mundial en tradución e un portal moi respectado polo mercado no mundo editorial en inglés. Neste número de abril pon os ollos na literatura galega. Alba Cid e Chus Pato encabezan o “Galician Poetry Feature” un dosier que sitúa a cultura galega neste escaparate mundial e que conta co apoio do Consello da Cultura Galega (CCG).

Ler máis

O Consello da Cultura Galega inclúe a Ricardo Portela no Álbum de Galicia e ultima un libro homenaxe polo seu centenario

Foi un dos grandes gaiteiros de Galicia. Un loitador pola dignidade deste instrumento que procurou fuxir da consideración da gaita como instrumento para amenización e exhibición patriótica. Era Ricardo Portela e este ano cúmprense cen anos do seu nacemento. O Consello a Cultura Galega acaba de incluír a súa entrada no Álbum de Galicia, asinada por Ramón Pinheiro, e ultima con Carlos Núñez unha publicación que poñerá en papel as partituras desta figura fundamental. Carlos Núñez explicanos nun vídeo como xurdiu este proxecto no que leva traballando máis de trinta anos.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega traslada o Concerto das Letras ao 30 de outubro

O Consello da Cultura Galega (CCG) acordou adiar o Concerto das Letras Galegas ata o 30 de outubro, en consonancia coa medida adoptada pola Real Academia Galega, entidade promotora do Día das Letras Galegas, que ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19 trasladou o seu pleno extraordinario ao derradeiro día de outubro. Dese xeito, a nova data fixada para o concerto, véspera do grande acto institucional protagonizado pola RAG, coincide co 110º aniversario do nacemento de Ricardo Carballo Calero. A decisión adoptada polo CCG ante a situación actual afecta tamén ás actividades deste segundo trimestre do ano que ben se trasladan de data no calendario ben se adaptan a unha contorna virtual.

Ler máis

Completamos o proxecto “Trinta anos de audiovisual galego” co filme “Urxa”

“30 anos de audiovisual galego” é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Corporación Radio e Televisión de Galicia para dar a coñecer os tres filmes fundacionais do cinema galego. O proxecto culmina hoxe poñendo na rede "Urxa", o filme de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal que abriu un novo capítulo no audiovisual galego. Está dividido en tres capítulos ou relatos breves, ideados orixinalmente como curtametraxes independentes, que narran tres momentos na vida de Urxa (Luma Gómez), unha muller con poderes sobrenaturais que representa o estereotipo da bruxa na tradición galega.

Ler máis

As voces femininas centran a novena entrega do proxecto Lousas

Mari Isaura, Ángeles Ottein, Ofelia Nieto e Matilde Vázquez son catro intérpretes galegas que protagonizan a novena entrega da colección de lousas do fondo do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG). Esta selección permite escoitar as voces destas sopranos galegas que gozaron dunha frutífera carreira durante a primeira metade do século XX.

Ler máis

Recuperamos unha publicación que analiza o uso do galego na liturxia

Neste Domingo de Ramos recuperamos este estudo do ano 1987 sobre o uso e actitude da igrexa católica diante do galego. Xesús Ferro Ruibal fai unha análise sociolingüística sobre a progresiva castelanización da Igrexa, o que a motivou, e as diferentes actitudes do clero en canto lingua vehicular. Incide na comparación do caso galego co doutras linguas minorizadas principalmente tras o Concilio de Trento, no que a Igrexa animou aos párrocos a utilizaren as linguas vernáculas para evanxelizar.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega amplía a colección Clásicos da emigración con “Cousas gallegas” de Fortunato Cruces

Detrás de “Cousas gallegas” hai poemas, discursos e outros materiais que o xornalista e avogado Fortunato Cruces publicou en 1923. É tamén o terceiro volume da colección Clásicos da emigración coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Secretaría Xeral da Emigración recuperan, en edición facsimilar e con estudos introdutorios, obras fundamentais para entender o fenómeno migratorio. Nesta ocasión o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé Manoel Núñez Seixas, é o encargado da análise da obra. Ademais da publicación, o CCG presenta a entrada de Fortunato Cruces no Álbum de Galicia, así como a difusión de diferentes exemplares de “Nova Galicia”, o xornal que dirixiu e que tivo bastante repercusión en Arxentina.

Ler máis

Antoni Rossell será o comisario da exposición que o Consello da Cultura Galega prepara sobre Afonso X O Sabio

O 4 de abril de 1284 morreu Afonso X, coñecido como O Sabio. Pasou á historia como o rei de Castela entre 1252 e 1284 pero tivo unha intensa relación coa cultura galega. Precisamente sobre esta relación afondará unha exposición que o Consello da Cultura Galega está a preparar para 2021 e que contará co comisariado de Antoni Rossell. Aproveitamos o cabodano para recuperar algúns materiais que dan conta desa singular figura. Entre eles, a edición facsimilar e a transcrición do códice de Toledo das Cantigas de Santa María; cortes de audio coa interpretación musical e a reprodución en 3D da virxe abrideira de Allariz, que se considera pertenceu á muller do monarca, a raíña Violante.

Ler máis

O equilibrio entre emoción e razón centran a segunda proposta do ciclo virtual “(Re)pensamos”

“O lugar das emocións na política” é o título do relatorio que Victoria Camps, catedrática emérita de Filosofía moral e política da Universidade Autónoma de Barcelona impartiu no Consello da Cultura Galega. A súa conferencia intégrase no ciclo virtual “(Re)pensamos” que reflexionan sobre un aspecto da actualidade. Ofrecemos o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución e mais o texto que cada autor preparou sobre esa materia e que integra a publicación “Cultura, sentido e política”.

Ler máis

Compilamos unha serie de publicacións no Día Internacional do Libro Infantil e xuvenil

O día 2 de abril celébrase en todo o mundo o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Con tal motivo, o Consello da Cultura Galega preparou unha escolma de varios títulos editados pola institución e dirixidos a público infantil e xuvenil cos que unirnos á conmemoración. “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”, “Mar adiante”, “Os dados do reloxeiro” ou “Pó de estrelas” son algunhas das propostas deixamos a disposición da cidadanía.

Ler máis

Presentamos un percorrido virtual pola obra de Domingo de Andrade no Día das Artes Galegas

O 1 de abril é o día que a Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario celebra o Día das Artes Galegas. Este ano a figura homenaxeada é Domingo de Andrade. Aínda que os actos convocados para recuperar o legado deste fecundo arquitecto están adiados por mor da situación actual que vivimos, o Consello da Cultura Galega (CCG) propón un percorrido por cinco obras clave da súa arquitectura seleccionados e comentados por Alfredo Vigo Trasancos, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución.

Ler máis

Presentamos cun audiovisual a tradución da obra de Concepción Arenal “A muller do porvir”

En 1869 Concepción Arenal publicou “A muller do porvir”, unha obra que ofrecía unha lectura inusual sobre as mulleres. No marco das celebracións do centenario do nacemento desta revolucionaria muller, o Consello da Cultura Galega traduce esta obra para o galego nun formato especial. Ademais do prólogo da especialista María Dolores Ramos, inclúe outros materiais que axudan a contextualizar a autora e a significatividade desta publicación. Por mor da cancelación da actividade presencial para conter a pandemia do coronavirus, o Consello da Cultura Galega adaptou para a rede o formato de presentación desta publicación. Faino a través dun audiovisual en que a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira prestan as súas voces nunha lectura colectiva deste texto para difundir o pensamento desta muller irrepetible.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega lamenta a perda do escritor e avogado Franco Grande

Xosé Luís Franco Grande foi unha figura imprescindible no galeguismo de posguerra. O escritor e avogado finou esta madrugada aos 84 anos de idade e deixa tras de si unha ampla traxectoria como activista cultural desde múltiples ámbitos. O Consello da Cultura Galega lamenta a perda desta figura fundamental para a cultura galega e destaca o seu labor regaleguizador durante a posguerra. Franco Grande tivo unha participación decisiva na creación da Editorial Galaxia; formaba parte de institucións como a Real Academia Galega e foi autor, entre moitos outros textos, do “Diccionario galego-castelán”, publicado en 1968, que serviu de base para aprender o idioma a moitas xeracións.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega avanza datos do sector teatral galego no Día Mundial do Teatro

As mulleres ocupan un papel importante no teatro galego. No Día Mundial do Teatro, que se celebra cada 27 de marzo, o Consello da Cultura Galega (CCG) avanza cifras dun estudo encamiñado a analizar a realidade do tecido teatral no noso país. Os primeiros resultados destacan que a maior parte dos xestores de teatro son mulleres e confirman que o público segue a ser eminentemente feminino. Engade tamén que o galego é a lingua maioritaria de representación e que os espectáculos infantís son os máis demandados. O CCG celebra este día con outras novidades: a publicación do epistolario entre Ricard Salvat e Luís Seoane, que dá conta das relacións entre o dramaturgo catalán e a cultura galega, e mais a incorporación de 35 novos termos ao “Dicionario de termos escénicos”.

Ler máis

O ciclo virtual "(Re)pensamos" propón unha reflexión coa actualidade

Jorge Riechmann é un recoñecido filósofo, poeta e ecoloxista. Nas súas continuadas intervencións fala sobre a sustentabilidade e tamén alerta que nos encamiñamos cara a un planeta inhóspito. O seu pensamento non pode estar máis de actualidade e por iso a conferencia que impartiu no Consello da Cultura Galega abre o ciclo virtual “(Re)pensamos”. Cada xoves, o web institucional recuperará un relatorio de recoñecidas figuras do pensamento que reflexionan sobre un aspecto da actualidade. Ofrecemos o vídeo da intervención que tivo lugar na sede da institución e mais o texto que cada autor preparou sobre esa materia e que integra a publicación “Cultura, sentido e política”.

Ler máis

Un especial web afonda na figura de Carballo Calero

O 25 de marzo de 1990 morría en Santiago de Compostela Ricardo Carballo Calero. Con el desaparecía unha figura fundamental da cultura galega, un elo entre as vizosas manifestacións culturais, sociais e políticas anteriores a 1936 e a recuperación tras a democracia. Represaliado no franquismo, mantivo un continuado e intenso labor que canalizou a través do ensino, das colaboracións na prensa e da investigación sobre a lingua e a literatura. Neste especial ofrecemos audios, imaxes, un roteiro e un perfil biográfico que axuda a entender a dimensión desta figura á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Ler máis

O Consello da Cultura Galega homenaxeará a Ricardo Portela no centenario do seu nacemento

Este 24 de marzo cúmprense anos do pasamento do ilustre gaiteiro Ricardo Portela. O Consello da Cultura Galega está a preparar, coa complicidade de Carlos Núñez, unha homenaxe para o un dos grandes defensores da dignidade deste instrumentoque procurou fuxir da consideración da gaita como instrumento para amenización e exhibición patriótica. Neste 2020 cúmprense cen anos do nacemento desta figura clave para a gaita. Alén da preparación dese libro-homenaxe, en breve incorporaremos a súa biografía no noso Álbum de Galicia.

Ler máis

Unha xornada do Consello da Cultura Galega propón un marco lexislativo que favoreza o mecenado

“A cultura do mecenado” é o título dunha xornada desenvolvida polo Consello da Cultura Galega (CCG) que analizou a situación do mecenado en Galicia da man de representantes de institucións e organismos públicos e privados que ofrecen ou precisan este recurso. A organización, compartida polo CCG, Concomitentes e a Fundación Daniel y Nina Carasso, contou coa coordinación de Fran Quiroga e María Xosé Porteiro. Desta cita sae un documento con recomendacións para potenciar o mecenado.

Ler máis

Un especial web difunde material inédito que documenta a historia das esculturas mateanas

Non son só as esculturas que o Mestre Mateo deseñou para as entradas exteriores do Pórtico da Gloria e que se separaron do seu espazo orixinal polas modificacións posteriores da fachada da Catedral. Son tamén un espello da evolución política, histórica e cultural de Galicia, e mais un reflexo do esforzo de figuras fundamentais para a cultura galega na concepción de país e na defensa do noso patrimonio, como Fermín Bouza Brey, Manuel Chamoso Lamas, Xosé Filgueira Valverde e Xesús Carro. O Consello da Cultura Galega pon a disposición do público un especial web, “Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa”, que contén unha extensa documentación histórica que permite trazar a traxectoria, desde a súa creación ata o presente, de cinco esculturas da fachada do Pórtico da Gloria: as efixies dos profetas Enoc, Elías, Ezequiel e Xeremías, e a figura de Santiago cabaleiro.

Ler máis