Especial · Informes do Consello da Cultura Galega

Desde 2008, o Consello da Cultura Galega emitiu cinco informes sobre o Pazo de Meirás a instancia de administracións e tribunais: sobre o propio inmoble, sobre os bens mobles que garda e sobre o seu recoñecemento como lugar de memoria. Lidos en conxunto, debuxan dezaoito anos de análise institucional sobre un espazo que concentra a memoria de Emilia Pardo Bazán, a do poder ditatorial e a da recuperación cidadá para o patrimonio público.
- 5informes entre 2008 e 2026
- 3ámbitos: o inmoble, o patrimonio moble e o lugar de memoria
- 4modalidades: preceptivo, facultativo, pericial e a petición da sociedade
Cronoloxía dos informes
Seleccione un ano na liña do tempo para ir directamente á ficha de cada informe. Todos os documentos poden descargarse en PDF.
Informe sobre a proposta de declaración de BIC das Torres de Meirás (Pazo de Meirás, Sada)
- Solicitado por
- Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Xunta de Galicia)
- Ámbito
- O inmoble
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoara en agosto de 2008 o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC), coa categoría de monumento, o inmoble coñecido como Pazo de Meirás. A comisión específica da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG propuxo optar pola categoría de sitio histórico, é dicir, recoñecer Meirás como lugar de memoria: o das Torres que ergueu Emilia Pardo Bazán e o da residencia estival de Franco, sen deixar velada ningunha das dúas etapas. O Decreto 299/2008, do 30 de decembro, declarou as Torres de Meirás BIC na categoría de sitio histórico.
Informe sobre a declaración de BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán
- Solicitado por
- Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Xunta de Galicia)
- Ámbito
- O patrimonio moble
A petición da Real Academia Galega, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural incoou en novembro de 2020 o expediente para declarar BIC a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, incluídos os volumes que permanecen nas Torres de Meirás. A Lei do patrimonio cultural de Galicia esixe para iso o informe favorable de, polo menos, dúas institucións consultivas. O CCG analiza a formación e a dispersión da biblioteca, as dificultades para reconstruír a da Granxa e as Torres de Meirás e o seu valor cultural.
Ler o informe (PDF, 1,1 MB): Informe sobre a declaración de BIC da biblioteca de Emilia Pardo Bazán
Informe sobre a solicitude de traslado dos bens mobles BIC das Torres de Meirás
- Solicitado por
- Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Xunta de Galicia)
- Ámbito
- O patrimonio moble
A familia Franco solicitara trasladar a Madrid as esculturas de Abraham e Isaac, atribuídas ao Mestre Mateo e procedentes da antiga fachada occidental da Catedral de Santiago (BIC desde 2019), e unha parte da biblioteca de Emilia Pardo Bazán. Consultado pola Xunta, o CCG conclúe que non se debe autorizar o traslado, que podería supoñer un espolio do patrimonio cultural galego, e defende a reintegración das esculturas á Catedral e o reagrupamento da biblioteca.
Informe pericial para o Xulgado de Primeira Instancia n.º 70 de Madrid sobre a titularidade dos bens mobles do Pazo de Meirás
- Solicitado por
- Xulgado de Primeira Instancia n.º 70 de Madrid
- Ámbito
- O patrimonio moble
No procedemento ordinario 1398/2022, promovido pola Avogacía do Estado sobre a titularidade dos bens mobles do pazo, o xulgado requiriu ao CCG un ditame sobre dous grupos de bens: os vinculados a Emilia Pardo Bazán e á configuración das Torres que ela deseñou, e os vinculados a Meirás como centro de poder entre 1938 e 1975. O informe analiza os criterios de protección dos bens integrantes do pazo e os inventarios realizados ata a data. Está redactado en castelán, como require o procedemento xudicial.
Informe sobre o Pazo de Meirás como lugar de memoria democrática
- Solicitado por
- Secretaría de Estado de Memoria Democrática (Goberno de España)
- Ámbito
- O lugar de memoria
A solicitude da Secretaría de Estado de Memoria Democrática e ao abeiro da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de memoria democrática, o CCG acredita a pertinencia de declarar o Pazo de Meirás Lugar de Memoria Democrática e de incluílo no inventario estatal. Percorre as camadas do predio, da fortaleza baixomedieval ás Torres de Pardo Bazán, a residencia oficial do xefe do Estado e a mobilización cidadá que culminou coa súa recuperación para o patrimonio público, e conclúe que os futuros usos do «Espazo Meirás» deberán ter en conta esas diversas camadas de significado.
Ler o informe (PDF, 2,7 MB): Informe sobre o Pazo de Meirás como lugar de memoria democrática
A función asesora do Consello
O Consello da Cultura Galega é unha institución de rango estatutario: nace do artigo 32 do Estatuto de Autonomía, que encomenda á Comunidade Autónoma a defensa e a promoción dos valores culturais do pobo galego, e foi creado pola Lei 8/1983, do 8 de xullo, como corpo asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización. Entre as competencias que lle atribúe a lei figuran:
c) Analizar cantas cuestións se refiran ao patrimonio cultural galego, nas súas diversas facetas e niveis, atendendo á súa preservación, ao seu estudo, á súa valorización e á súa difusión.
e) Asesorar e consultar os poderes públicos da Comunidade Autónoma, especialmente a Xunta e o Parlamento de Galicia, mais tamén as deputacións e concellos, e outras institucións.
f) Elevar aos poderes públicos da Comunidade Autónoma informes e propostas a prol da defensa e promoción dos valores culturais galegos.
O Regulamento de organización e funcionamento (Decreto 162/2008, do 10 de xullo) concreta como se exerce esa función: os informes prepáranse nas seccións e comisións especializadas da institución, que reúnen persoas expertas de distintas disciplinas, e son aprobados polos órganos de goberno do Consello. No ámbito do patrimonio, a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recoñece o CCG como máximo órgano de asesoramento e consulta dos poderes públicos da Comunidade Autónoma.
Por que se pide un informe ao Consello?
- PreceptivoCando a lei o esixe. Para declarar un ben de interese cultural é necesario o informe favorable de, polo menos, dúas institucións consultivas.
- FacultativoCando unha administración decide consultar o Consello aínda que a norma non o obrigue, en asuntos de especial relevancia.
- PericialCando un órgano xudicial require o coñecemento experto da institución para resolver un litixio.
- SociedadeCando institucións ou entidades da sociedade civil solicitan ao Consello un informe sobre unha temática específica.
Normativa de referencia
- Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega
- Decreto 162/2008, do 10 de xullo, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello da Cultura Galega
- Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
- Lei 20/2022, do 19 de outubro, de memoria democrática






