A poesía ao servizo da naciónEduardo Pondal Abente, o bardo bergantiñán, naceu na Ponteceso, á beira do río Anllóns, no día 6 de febreiro de 1835. Como membro dunha familia da pequena nobreza rural, o futuro poeta irá estudar a unha reitoral, como adoitaban facer os rapaces que no futuro querían seguir estudos eclesiásticos ou universita...
A poesía ao servizo da naciónEduardo Pondal Abente, o bardo bergantiñán, naceu na Ponteceso, á beira do río Anllóns, no día 6 de febreiro de 1835. Como membro dunha familia da pequena nobreza rural, o futuro poeta irá estudar a unha reitoral, como adoitaban facer os rapaces que no futuro querían seguir estudos eclesiásticos ou universitarios. Así, en Vilela de Nemiña, baixo a dirección de Cristóbal de Lago González, cura párroco de Touriñán, Eduardo estivo até 1848, ano en que se despraza a Santiago para iniciar os estudos de Bacharelato. En setembro dese ano solicita a admisión no primeiro curso de “segunda enseñanza”, e obtén o grao de Bacharel en Filosofía en xuño de 1854. Rematados estes estudos, matricúlase na Facultade de Medicina en 1854, onde consegue título de Licenciado en xuño de 1860, coa cualificación de “Sobresaliente”.
Cando Eduardo Pondal chegou a Compostela estaba en andamento o rexurdir político-cultural galego, coas primeiras publicacións periódicas defensoras dos intereses de Galiza, as primeiras agrupacións (Academia Literaria, Liceo de la Juventud, etc.) e mais os primeiros movementos reivindicativos que cristalizaran no levantamento de 1846. É a época tamén en que comezan a escribir en galego Añón, os Camino, Turnes, Valladares, etc., e protagonizan a vida universitaria ou cultural Antolín Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz, Murguía, Rosalía, Aguirre... Ese é o ambiente en que Eduardo Pondal participa e completa a súa formación humanística, que incluía tamén a lingua grega, de modo que podía ler os clásicos greco-latinos na súa lingua orixinal, para alén do dominio doutras linguas como o portugués, italiano, francés e inglés.
Acabados os estudos de Medicina, Pondal só exercerá a súa profesión durante uns meses en Ferrol como médico da Armada e, após ter aprobada a correspondente oposición, unhas semanas de 1863 como médico na fábrica de armas de Trubia (Asturias), posto de traballo que abandona definitivamente para se consagrar á produción poética e á construción da súa imaxe como bardo do pobo galego.
Nos anos de mocidade compostelá é cando Pondal se inicia como poeta. A primeira composición datada con seguridade vai ser o Brinde pronunciado no día 2 de marzo de 1856 no Banquete de Conxo, onde comparte o protagonismo coas principais figuras do ambiente universitario do momento, Aurelio Aguirre e Luís Rodríguez Seoane, que pronunciaron tamén senllos brindes poéticos. Será o inicio dunha publicación constante de poemas, inicialmente con predominio do castelán, embora xa en 1857 dea a lume 13 oitavas d’
Os Eoas e en 1858 edite a primeira versión do poema
A campana d’Anllóns no xornal
El País, de Pontevedra.
Nesta etapa inicial do escritor, coa cidade de Santiago de Compostela como referencia, aínda que as visitas máis ou menos prolongadas na Ponteceso sexan constantes (con estadías en vilas próximas, como Corcubión, Laxe ou Carballo), sen rebaixar as súas frecuentes colaboracións con poemas na prensa e revistas, Pondal vai editar sucesivamente opúsculos diversos, convivindo galego e castelán e alternando lírica e épica (mesmo con algunha incursión na narrativa):
Fátima. Leyenda (Coruña, Imprenta de Castor Míguez, 1862);
A América Descuberta. Canto V. Fragmento (s.l., [1864]);
Juan Pérez. La humanidad tal cual fué, es y será, ó Los hombres por dentro (Coruña, Tipografía Galaica, de los Sres. Brañas y F. y Miranda 1866 [novela]);
A Campana d'Anllons.
El canto de un brigante (Coruña, Imprenta de D. Eusebio Cascante, 1866);
A Fada dos Montes. Poesía (Santiago, Tip. de Manuel Mirás y Alvarez, 1872);
Rumores de los Pinos. Poesías (Santiago, Tipografía de M. Mirás y Alvarez, 1877);
Gandreiras (Coruña, Imprenta de
La Voz de Galicia, 1884).
Pondal renuncia, pois, á súa profesión de médico e inicia un proceso de transformación en poeta “profesional” cada vez máis galeguizado. En Santiago desenvolve unha importante actividade pública, e era, xa daquela, un escritor recoñecido, cunha proxección pública que comezara co Banquete de Conxo e que continuaba coa súa presenza en múltiplos medios que publicaban as súas composicións. Asemade, vaise producindo unha reconversión desde o castelán inicial ao galego, proceso que se acelera a partir de 1863 (por mor da publicación dos
Cantares Gallegos rosalianos) e culminado en 1885, ano da morte de Rosalía. Neste ano, decide marchar de Santiago e estabelécese na Coruña, talvez para o proceso de corrección das probas de imprenta do poema épico
Os Eoas, que xa en 1880 considerara obra concluída. E no ano seguinte, en 1886, sae do prelo a súa grande obra lírica,
Queixumes dos pinos, na Biblioteca Gallega de Fernández Latorre e Martínez Salazar, un organizado poemario que integra toda a produción lírica anterior xunto cunha maioría de produción inédita.
Queixumes dos pinos vai supor a consagración definitiva do Eduardo Pondal poeta, nunha altura en que xa tiña de ser consciente de que os tan anunciados
Eoas non ían ser unha empresa fácil. Por outra parte, a aparición da súa grande obra lírica implica un punto de inflexión lingüística, pois consolida unha progresiva traxectoria de unilinguismo perseverante e consciente, comportamento que contrasta grandemente coa práctica habitual dos escritores oitocentistas.
Queixumes dos pinos tivo unha importante recepción, e o seu (case) unánime recoñecemento é ben importante por se tratar dunha obra que se afasta da tradición lírica galega dominante ao levar implícita unha meditada ideoloxía político-poética. O propio Pondal confirma e promove a interpretación máis “polític” da súa obra, ao indicar explicitamente nunha nota manuscrita, que este poemario é un símbolo que revela un propósito latente, o rexurdimento e a redención de Galiza, para alén dunha queixa, dunha protesta e dunha rebelión contra o despotismo castelán por querer borrar a lingua, os costumes e a alma galega.
Consolidado definitivamente como un dos grandes poetas do Rexurdimento, após a morte de Rosalía en 1885, con Curros fóra de Galiza, Eduardo Pondal exerce, convertido en poeta nacional, como o bardo da patria irredenta. É así, pois, que Pascual Veiga lle encarga o texto para o himno galego, que vai ser elaborado e publicado no prospecto do certame musical internacional organizado en 1890 polo músico mindoniense na Coruña.
Nesta cidade, convertida agora nun punto de referencia vital para o poeta –feito que non impedía frecuentes estadías nos
eidos nativos–, vai reproducir a súa vida santiaguesa, con participación en diferentes institucións, especialmente na Cova Céltica, o faladoiro organizado na trastenda da libraría de Carré Aldao, onde Murguía exercía como patriarca e Pondal como bardo. Outrosí, continúa coas colaboracións poéticas en diversos medios, especialmente na
Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas. Coa libraría de Carré están tamén relacionados os dous únicos opúsculos que Pondal publicará no período pos-
Queixumes, en 1895: o poema autobiográfico
O dólmen de Dombate e mais
A Campana d'Anllons, unha outra versión moi ampliada (416 versos) da célebre composición publicada inicialmente en 1858.
Cando se constitúe a Academia Galega, presidida por Murguía, Pondal foi nomeado numerario, se ben nunca participou nas súas sesións. Porén, o poeta sentiuse moi satisfeito tanto polo seu nomeamento como polo nacemento dunha institución que el supuña con vontade patriótica: “Dios inspire a nuestra naciente academia; pues mucho, mucho tiene que hacer, para que esos
castellanitos no digan que no somos todo un pueblo poético y literario antes que ellos lo fuesen”.
Ao mesmo tempo, neste período intersecular, o poeta continúa a redactar, reelaborar e corrixir sen cesar o poema épico
Os Eoas, obra “definitiva” á que se alude, tópica e ritualmente, cada vez que na prensa da época se falaba de Eduardo Pondal. E así se explicita na entrevista que en 1912 lle realiza
La Voz de Galicia, onde tamén se confirma que ten xa preparada unha nova triloxía lírica titulada
Dos Eidos, Dos Servos, Do Íntimo, obra que non chegou a ver a luz en vida do bardo.
O devalo vital do poeta era manifesto xa na primeira década do século XX, non obstante ter escrito en 1903 unha peza teatral como resposta ao chamamento da Escola Rexional de Declamación. Non conseguía publicar a antecitada triloxía lírica preparada desde había tempo,
Os Eoas ficaban diluídos nos millares de papeletas autógrafas que revelaban as dificultades creativas en torno a unha obra tinxida de anacronismo, e agravábase a súa saúde física (especialmente os problemas de vista) e mental.
No entanto, entre 1913 e 1914 Eduardo Pondal aínda foi quen de formular unha proposta coherente para o poema
Os Eoas, testemuñada pola copia mecanografada, con correccións autógrafas, que, a pesar da posibilidade de ser publicada na Editorial Ribadeneyra de Madrid, ficou entre a súa obra manuscrita, legada testamentariamente á Academia Galega.
Paralelamente ao proceso de deterioración física, consúmase a quebra dos derradeiros lazos que o ligaban á realidade: convencido de que os seus amigos o atraizoaran (nomeadamente Martínez Salazar e Carré Aldao, os custodios da súa obra inédita), a paranoia final lévao a compor poemas sobre o roubo dos manuscritos e a suplantación do seu nome, ao tempo que ditaba obsesivamente fragmentos d’
Os Eoas e de poemas de mocidade, material conservado nun caderno datado en 1916, significativamente titulado
Postrimerías de Pondal. Sustraídas e subtitulado
Nuevos Cantos. Sustraídas.
Ás 12:30 do día 8 de marzo de 1917, Eduardo Pondal morreu na súa derradeira hospedaxe coruñesa, o hotel «La Luguesa», na rúa Juana de Vega. O seu enterro constituíu unha mostra de respecto institucional e de fervor popular. Así desaparecía o último gran poeta do Rexurdimento, recoñecido polas nacentes Irmandades, que, coa presenza da bandeira galega, no acto final do seu enterramento cantaron o himno, a modo de inicio dunha nova etapa no longo proceso de redención nacional a que Eduardo Pondal dedicou a súa vida e a súa obra.
Bibliografía
Bibliografía primaria
Pondal, Eduardo (1995): Poesía galega completa. Volume I: Queixumes dos pinos. Edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Pondal, Eduardo (2001): Poesía Galega Completa. Volume II: Poemas Impresos. Edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Pondal, Eduardo (2002): Poesía Galega Completa. Volume III: Poemas Manuscritos. Edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Pondal, Eduardo (2005): Poesía Galega Completa. Volume IV: Os Eoas. Edición de Manuel Ferreiro. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Bibliografía secundaria
Carballo Calero, Ricardo (1975 [1962]): «Eduardo Pondal», en Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia, 235-333.
Castelao Mexuto, Manuel (2020): A máquina ousada. Pondal e a Literatura. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.
Ferreiro, Manuel (1991): Pondal: Do dandysmo á loucura (Biografia e correspondéncia) . Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.
Ferreiro, Manuel (2007 [1996]): De Breogán aos Pinos. O texto do Himno Galego. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.
Ferreiro, Manuel (2017): Eduardo Pondal, o cantor do eido noso. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.
Forcadela Álvarez, Manuel (1988): A harpa e a terra. Unha visión da poesía lírica de Eduardo Pondal. Vigo: Xerais.
Forcadela Álvarez, Manuel (1994): A Poesía de Eduardo Pondal. Vigo: Edicións do Cumio.
García Soto, Luís (2019): Outros e novos queixumes: de filosofía e literatura en Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal. Santiago de Compostela: USC Editora.
Neira Pérez, Juan Félix, (2018): A outra maleta de Pondal. Poesía castelá esquecida: a forxa dun poeta. A Coruña: Deputación.
Pena Sánchez, Xosé Ramón; Forcadela Álvarez, Manuel (2005): Estudos sobre Os Eoas de Eduardo Pondal. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Queizán, María Xosé (1998): Misoxinia e Racismo na poesía de Pondal. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento.