“Lugares de memoria” é un espazo web que contará con 75 entradas que seguen a definición canónica do historiador francés Pierre Nora, finado a semana pasada en París, que asegura que os lugares de memoria son entidades tanxibles e intanxibles (desde espazos físicos, conceptos, prácticas ou obxectos) que se converten co paso do tempo nun elemento simbólico para ese colectivo ou comunidade determinada. “Hai lugares de memoria en Suiza, Italia, Francia e tamén en Cataluña e nós entendemos que tamén podería haber un catálogo para o caso galego” apuntou Núñez Seixas na presentación do proxecto.
“O elenco de entradas que verán a luz de maneira sucesiva nos vindeiros meses busca un equilibrio entre as diferentes etapas históricas e, non é unha lista pechada, senón que está aberta a novas incorporación” apuntou Núñez Seixas. Comeza co Dolmen de Dombate e remata coas folgas de Ferrol en 1972, e polo medio hai entradas que abranguen lugares físicos como o Gran Sol, o Parque do Pasatempo. Hai proxectos editoriais e xornalísticos como O Tío Marcos d’a Portela ou a Editorial Galaxia xunto con figuras, mitos, termos ou eventos destacados. No caso de figuras emblemáticas non se abordará a súa biografía, senón o seu pouso poliédrico da memoria posterior, dende o mestre Mateo a Castelao. “Non se trata de facer historia, senón saber cómo se foron construíndo os diversos estratos ou capas que foron conformando esa memoria colectiva, plural e cambiante, de Galicia” asegurou na presentación. Para a creación deste proxecto elaborouse unha comisión técnica temporal coordinada por Xosé M. Núñez Seixas e integrada por Ramón Villares, Xurxo Ayán, Ana Cabana e Emilio Ínsua.
As primeiras entradas
No marco da xornada celebrada este mércores no CCG presentáronse as primeiras entradas. A memoria do volframio en Galicia, preparada por Ana Cabana destaca a singular proxección simbólica e histórica que superou a lembranza local doutros minerais debido á súa vinculación coa Segunda Guerra Mundial e ao seu papel na economía e sociedade galegas da posguerra. A explotación do volframio, impulsada pola demanda bélica internacional, especialmente de Alemaña nazi, transformou momentaneamente a economía de certas comarcas galegas, xerando riqueza, movemento migratorio interno e mesmo formas de vida novas arredor das minas. Coñecido como o “ouro negro”, foi motor de prosperidade efémera e tamén de prácticas ilícitas como o estraperlo, deixando unha pegada fonda na memoria colectiva. Esta foi reforzada e transmitida por múltiples produtos culturais —literarios e audiovisuais— que mesturaron historia e ficción, consolidando o volframio como un símbolo do pasado recente e do papel inesperadamente central de Galicia nun contexto xeopolítico global.
Pola súa banda, Ramón Villares abordou os Mártires de Carral. “Hai poucos que teñan experimentado sucesivas mutacións do seu significado político como o monumento erixido na vila de Carral en abril de 1904” apuntou na súa intervención. Explicou que a iniciativa foi promovida polo grupo rexionalista da Coruña, contou con apoios de toda Galicia e, sobre todo, das colectividades de emigrados en América. “Foi inaugurado pouco despois da crise de 1898 en España e, ademais, nuns tempos caracterizados en toda Europa pola «estatuomanía», unha práctica de secularización simbólica que aspiraba a preservar a memoria de grandes figuras cívicas e, ao tempo, honrar acontecementos de relevancia para a comunidade que a promovía” apuntou. Fixo un percorrido pola transformación da memoria vencellado a este espazo que foi pasando de vítimas a mártires; apuntou como se financiou cunha especie de crowfunding; e que durante os tempos da II República, o monumento continuou sendo un auténtico lugar de memoria, galeguista e republicano. “Coa Guerra Civil e o réxime franquista, aquel significado só permaneceu na Galicia americana” indicou.
Xurxo Ayán abordou a significación do Dolmen de Dombate, no que se chantou os alicerces do mito celtista como referente identitario do pobo galego. “O dolmen e o megalitismo entran pola porta grande na Historia rexional como repositorio material da raza céltica galega” apuntou na súa entrada. De José Verea y Aguiar, Murguía a Eduardo Pondal fai un percorrido pola memoria deste espazo “catedral do megalitismo galego” e lugar da memoria da galeguidade.
A Porta de Carlos V ou do Castelo da Ponte de Viveiro foi explicada por Emilio Insua. “Representa mellor que ningún outro elemento arquitectónico, a identidade singular desta vila cantábrica do norte lugués” apuntou Ínsua. Declarada monumento histórico-artístico nacional en 1942, destaca pola súa riqueza artística, heráldica e simbólica, sendo erixida tras o incendio de 1540 como homenaxe ao emperador Carlos V e como mostra de fidelidade á Coroa. A súa historia reflicte a evolución urbana, política e social de Viveiro, resistindo varios intentos de demolición e converténdose en icónico espazo de memoria colectiva.


