Un espírito enxebre, afervoado servidor de Galicia en diferentes eidosAntonio Iglesias Vilarelle naceu en Santiago de Compostela o 17 de xaneiro de 1891, nunha zona coñecida como Campo do Inferniño, e foi bautizado na igrexa de Santa Susana. En novembro de 1893, a familia trasladouse a Pontevedra, xa que o seu pai tomou posesión alí do cargo d...
Un espírito enxebre, afervoado servidor de Galicia en diferentes eidosAntonio Iglesias Vilarelle naceu en Santiago de Compostela o 17 de xaneiro de 1891, nunha zona coñecida como Campo do Inferniño, e foi bautizado na igrexa de Santa Susana. En novembro de 1893, a familia trasladouse a Pontevedra, xa que o seu pai tomou posesión alí do cargo de oficial da sala da Audiencia provincial. Medrou nun fogar de fonda relixiosidade xunto aos seus pais e cinco irmás. Realizou os estudos básicos de 1901 a 1907 no colexio San Luís Gonzaga e no instituto, etapa na que coincide con Sánchez Cantón ou Blanco Porto. Ao remate, volveu á súa cidade natal para emprender estudos universitarios de Dereito. Alí permaneceu de 1908 a 1910, ano en que interrompeu a estadía para desprazarse a Madrid co fin de ocupar un posto de aspirante a Oficial de primeira clase na Tesouraría de Facenda.
Na capital ficou case dez anos, nos que retomou os estudos na Universidad Central (1913-1916) e alternounos coa súa profesión e coas ensinanzas musicais. Frecuentou a congregación dos
Luises
, a Adoración Nocturna, faladoiros, a claque e os cursos libres do Teatro Real e da Comedia e traballou con Sánchez Cantón nos arquivos do Palacio Real. O 22 de xullo de 1915 casou con Josefa Rodríguez Lorán na basílica de Santa María de Pontevedra, pero o seu retorno definitivo á cidade non foi até abril de 1920, ao concedérselle unha permuta laboral.
Nesa época, Pontevedra converteuse nun foco de eclosión cultural, o que levou á xestación de proxectos que Vilarelle alentou e dos que formou parte. O xermolo principal foi o club Karepas, grupo ligado á navegación e á gastronomía que tivo como punto de encontro a botica de Joaquín Maquieira. Reuniu promesas intelectuais e personalidades relevantes da cultura galega como Losada Diéguez, Castelao, Pintos Fonseca ou Areses Vidal, entre outros. O primeiro froito desas xuntanzas foi o nacemento da Sociedade Filharmónica, o 23 de febreiro de 1921. Formou parte da comisión organizadora e, alén diso, foi o seu secretario desde agosto de 1923 até xullo de 1925. Outro fito, devezo especial de Vilarelle, foi a creación da Sociedade Coral Polifónica o 3 de febreiro de 1925, que naceu co propósito de apartarse da vulgaridade dos orfeóns. A súa primeira actuación foi en abril de 1925, porén non se presentou en sociedade até o 23 de marzo de 1926 no Teatro Principal, baixo a dirección de Blanco Porto e a beleza atraente dos decorados de Castelao. Vilarelle non foi un cantor máis; recibía salvas de aplausos ao final dos concertos, pois para os membros era
a nai do coro
. Os
karepistas
impulsaron tamén a revitalización da Sociedade Arqueolóxica que fundara e presidira Casto Sampedro, cimento do novo Museo creado o 30 de decembro de 1927.
Desde 1922, participou na casa de Losada na
Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, considerada a precursora do Seminario de Estudos Galegos, nado na contorna da Universidade de Santiago de Compostela en 1923. Unido a este desde a súa orixe, ingresou como socio activo en outubro de 1931, aínda que obtivo un papel relevante co nacemento do laboratorio de psicotecnia en 1934, do que toma o liderado, dentro da sección de Pedagoxía dirixida por Díaz Rozas. Isto foi consecuencia da aprobación dos estatutos do padroado da Escola Rural Galega en xaneiro de 1933. Aplicou en Galicia métodos da investigación psicolóxica internacional, traballou na resolución de problemas lingüísticos e do desenvolvemento intelectual a través de probas de intelixencia verbais e non verbais e a aplicación de diferentes tests xunto a un equipo de mestres ou alumnos da Escola Normal de Maxisterio de Pontevedra. Con eles participou nas campañas de investigación na comarca do Deza, traballo que non chegou a publicarse e que comezara a desenvolverse tamén na Costa da Morte. Ofreceu unha conferencia co título
El problema del bilingüismo en Ourense en abril de 1935 e participou no curso de extensión escolar celebrado en Pontevedra nese verán, no que realizou seis intervencións co título
Práctica de un test. Técnica. A actividade cesou coa guerra e, logo desta, continuou a traballar xunto a algúns dos seus colaboradores no laboratorio do Instituto de Pontevedra e no do Tribunal Tutelar Provincial de menores.
A comezos da década de 1920, Vilarelle unírase aos movementos galeguistas que comezaban a emerxer. Losada converteuse en referente ideolóxico e nexo entre as Irmandades da Fala e a incipiente intelectualidade pontevedresa. De feito, en novembro de 1918, presidira en Lugo a primeira das súas asembleas, onde se rompera co rexionalismo e se asentaran as bases do nacionalismo galego. Na Asemblea celebrada en Monforte en febreiro de 1922 produciuse unha escisión entre os defensores da vertente política, con Luciano Peña á fronte, e os da cultural, que se organizaron en torno á Irmandade Nacionalista Galega, liderada por Risco. Vilarelle tomou partido na Asemblea celebrada na Coruña en abril de 1930, un ano despois da morte de Losada, tras a reorganización das Irmandades. Nela xurdiu a proposta de homenaxear á lingua galega como medio de afirmación da esencia do ser de Galicia, que se concretou nun manifesto asinado por el, Otero Pedrayo, Salvador Mosteiro e Vilar Ponte co título «Un ruego a todos los buenos conterráneos». Pertenceu a Labor Gallega, que naceu en Pontevedra en maio de 1931. Desde entón aumentou a súa presenza en actos galeguistas en diversas cidades, nos que interveu en favor dun réxime de gobernación autónoma xunto a Castelao, Álvaro de las Casas, Paz Andrade ou Víctor Casas. O 1 de xuño dese ano naceu o Grupo Nacionalista Galego de Pontevedra, presidido por Castelao, do que Vilarelle foi vicepresidente até marzo de 1932. En outubro de 1931 foi asinante do manifesto galeguista católico que xurdiu como resposta á división Igrexa-Estado tras o nacemento da II República. Pese ás diferenzas, nun clima de neutralidade relixiosa en prol da consecución da autonomía, as distintas correntes conformaron, o 5 e 6 de decembro, o Partido Galeguista, sen deixar á marxe a base común de todas elas. Na cuarta asemblea do partido, celebrada en Santiago en abril de 1935, produciuse a escisión definitiva por causa da súa integración na Frente Popular para concorrer aos comicios. Vilarelle e parte do grupo saínte, constituíron a Dereita Galeguista de Pontevedra, que se integrou co resto de grupos no Partido Galeguista de Dereitas en abril de 1936.
Entroncou coas mocidades dos Ultreias, foi vogal do seu Consello, participante nas xeiras e mesmo musicou algún dos seus himnos. Converteuse en piar do movemento
Deus Fratesque Gallaeciae, interveu na redacción dos seus estatutos e traballou pola galeguización da Igrexa en Galicia. Asignóuselle a dirección do boletín
Logos, escrito en galego, que viu a luz en xaneiro de 1931. Marcou as directrices xunto a Filgueira Valverde até o fin da publicación por causa da guerra. O grupo mantívose na súa casa, onde se fixeron celebracións paralitúrxicas en galego nas que tocaba o harmonio que testemuñaron, entre outros, Filgueira, Fontenla Méndez ou Xaime Isla, e traducíronse diversos textos relixiosos, incluído o ordinario da Misa.
Tras a morte de Blanco Porto en setembro de 1940, Vilarelle tomou as rendas da Coral Polifónica. Fixo a súa primeira aparición pública como director no teatro García Barbón de Vigo o 21 de novembro de 1941, que marcou o inicio dunha traxectoria chea de éxitos. Dirixiu o colectivo até novembro de 1965, aínda que permaneceu sempre ligado a el. Colaborou tamén co coro escolar Cantores do Instituto de Pontevedra, presentado en sociedade en marzo de 1956, que foi sementeiro vocal da Polifónica.
Entregado á causa de Galicia, velou por angueiras como a publicación do álbum
Nós de Castelao, ao asumir gran parte dos custos, ou o
Método de lectura en galego da súa irmá Josefa. Pertenceu ao Padroado Rosalía de Castro desde a súa constitución en xullo de 1949, foi membro da Comisión de Monumentos de Pontevedra e asinante fundacional da editorial dos Bibliófilos Galegos. Impulsou o restablecemento da Escola Municipal de Música de Pontevedra (fundada en 1863), oficializada o 28 de febreiro de 1955 e que dirixiu até xaneiro de 1966. Foi membro da xunta do Liceo Casino, sociedade organizadora de eventos culturais, concertos ou conferencias. Posuía un fondo perfil pedagóxico e sementou o seu saber a través da palabra e da escrita. Parte dos seus textos publicáronse en revistas como
Galicia (Centro Galego de Bos Aires),
Lar ou
Sonata Gallega.
O 13 de decembro de 1942 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, confirmándose a designación como numerario o 26 de marzo de 1950. O 29 de decembro de 1951 tivo lugar a recepción no paraninfo do instituto de Pontevedra, co discurso
Los músicos del Pórtico de la Gloria e contestación de Filgueira. O 22 de xuño de 1959 foi nomeado académico correspondente da Academia de Belas Artes de San Fernando e o 30 de decembro de 1960 impúxoselle a Cruz de Cabaleiro de Isabel a Católica. Pouco antes, en agosto dese ano, recibiu o título de fillo adoptivo de Pontevedra, onde faleceu o 11 de maio de 1971. Unha das rúas da cidade dedícase á súa memoria.
Explorou o terreo da composición e completou un catálogo que xira arredor de tres aspectos: polifonía, relixiosidade e folclore. Escribiu obras de nova creación e fixo adaptacións de temas populares co fin de levalos ao ámbito da música culta. Dentro do xénero vocal deixou mostras de música profana (como
A dona que eu amo ou
Nosa Señora da Barca, para voz e piano, estreadas no Festival de Canción Galega;
O neno ten soniño ou
Non te namores meniña, para coro) e de música relixiosa (como
Miserere,
Os anxeliños da Groria ou a Misa
Deus Fratesque Gallaeciae). Dentro do xénero instrumental cultivou a música sinfónico-coral (
Cantiga en sol menor) e orquestral (
Chucurruchú, para frauta e cordas, ou
Keltia), interpretadas pola Orquestra de Cámara de Pontevedra e a da Radio Nacional de Lisboa, a Orquestra Filharmónica da Coruña ou a Orquestra Sinfónica de Bilbao.
Bibliografía
Álvarez Blanco, Rosario (2003): Variedade e diversidade da lingua: algunas reflexión sobre cambio, variación e galego estándar. A Coruña: Real Academia Galega.
Antuña Souto, Carlos Alberto (2000): O galeguismo na provincia de Pontevedra (1930-1936). A Coruña: Ediciós do Castro.
Bozal, Valeriano (2020): Otra España negra. Zaragoza: Prensas da Universidade de Zaragoza.
Fernández Sieira, José Luis (1995): La Sociedad Filarmónica de Pontevedra: sus primeros 75 años. Pontevedra: Sociedade Filharmónica de Pontevedra.
Filgueira Valverde, Xosé; González, Sebastián (1934): Dez anos de traballo 1923-1934. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos.
Filgueira Valverde, Xosé (1977): «Antonio Iglesias Vilarelle [1891-1971]», Boletín da Real Academia Galega, tomo 32: número 359, 335-337.
García Souto, Xosé Ramón (2010): «Los Estudios sobre la Infancia y el Lenguaje Infantil en el Seminario de Estudos Galegos», Psycología latina, volume 1: número 2; 97-120.
González Pérez, Clodio (2008): Mar adiante: as xeiras dos Ultreias. Vigo: Pío García Edicións.
Groba González, Xavier (2011): O legado musical de Casto Sampedro Folgar (1848-1937): o canto galego de tradición oral. Santiago de Compostela: Universidade.
Losada Fernández, Álvaro (1931): «El Club “Karepas”». En Cao Moure, José (ed.): Libro de oro de la Provincia de Pontevedra. Villa-Alba: Editorial PPKO; 54.
Otero Urtaza, Fernando (2014): Del Conservatorio del Príncipe D. Alfonso al CMUS Manuel Quiroga: 150 aniversario de la fundación del Conservatorio de Pontevedra. Pontevedra: Deputación.
Pérez Prieto, Victorino (1995): Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae". Vigo: Editorial SEPT.
Porto Ucha, Ángel Serafín (2009): «La educación especial en la formación de maestros y maestras en el primer tercio del siglo XX. Algunos datos referentes a Galicia». En Berruezo Albéniz, Reyes, María (coord.): El largo camino hacia una educación inclusiva, la educación especial y social del siglo XIX a nuestros días. XV Coloquio de Historia de la Educación. Pamplona-Iruñea: Universidade de Navarra; 335-344.
Sánchez Cantón, Francisco Javier (2000): «Antonio Iglesias Vilarelle». En Valle Pérez, Xosé Carlos (coord.): A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra no 75 aniversario da súa fundación (1925-2000). Pontevedra: Deputación de Pontevedra; 59-60.