O cuarto pé do RexurdimentoValentín Lamas Carvajal nace na rúa de San Cosme 27 en Ourense, o día 1 de novembro de 1849. É fillo dunha moza lucense de quince anos, María Manuela Carvajales e do ourensán José Francisco Lamas. A nai queda viúva aos dezasete anos cando está esperando o seu segundo fillo, e será o seu irmán, o pintor Pedro ...
O cuarto pé do RexurdimentoValentín Lamas Carvajal nace na rúa de San Cosme 27 en Ourense, o día 1 de novembro de 1849. É fillo dunha moza lucense de quince anos, María Manuela Carvajales e do ourensán José Francisco Lamas. A nai queda viúva aos dezasete anos cando está esperando o seu segundo fillo, e será o seu irmán, o pintor Pedro Carvajales o arrimo e sostén familiar. Na escola primaria coincide Lamas con Amalia Rosina Sánchez, que andando o tempo será a súa esposa e figura clave na súa existencia, pois como autor invidente boa parte da súa vida, precisou axuda constante para desenvolver as múltiples tarefas nas que se viu envolto. No Instituto de Ourense —daquela na rúa que hoxe leva o nome de Lamas Carvajal— ten como profesores a Gracía Mosquera e Saco y Arce, e como compañeiro a quen será o seu amigo e colaborador de vida, Arturo Vázquez Núñez. (O Catecismo do Labrego é cousa de entrambos). Entre 1871 e 1872 seica estuda Medicina en Santiago, pero abandonaría a carreira por mor da súa cegueira progresiva. Volve a Ourense, definitivamente, en 1872, despois de ter dirixido La Aurora de Galicia e publicar as súas dúas primeiras obras de poesía narrativa, en castelán, baixo o título de «Colección de leyendas de Galicia», Flores de ayer e La monja de San Paio. Nese mesmo 1872 publica xa de volta de xeito definitivo en Ourense, El Cancionero del Miño, outro conxunto de catro «Leyendas y tradiciones de Orense». Nese ano 1872 nace a súa primeira filla, Augusta e ao ano seguinte o seu fillo Silverio.
O día 1 de xaneiro de 1874 sae á luz o xornal El Heraldo Gallego co subtítulo inicial de Semanario de Ciencias, artes y literatura e que será o inicio dunha vida profesional dedicada á prensa. El Heraldo Gallego —que durará ata 1880, en que remata no número 408, foi unha das publicacións punteiras da prensa cultural da Restauración. Tratou sobre todo temas literarios, históricos, debates eruditos, cuestións arqueolóxicas e culturais. A revista daba conta tamén do movemento artístico da época e publicaba biografías de galegos egrexios e escenas de costumes galegos. De carácter bilingüe, o galego tiña presenza sobre todo nos espazos poéticos e publicou números extraordinarios dedicados ao poeta Añón e ao historiador Vicetto, así como «Coroas Poéticas» a Méndez Núñez e Ramón Rúa Figueroa. Tiña entre as súas seccións fixas as nomeadas Crónica Orensana, Revista Local, Revista de la prensa en Galicia, Correspondencia de Galicia e Variedades.
Todo o Rexurdimento literario (e tamén os Precursores) están presentes nas súas páxinas: Xoán M. Pintos, Manuel Murguía, Curros, Rosalía, Eduardo Pondal, Aureliano José Pereira, Waldo Álvarez Insúa, Francisco Añón, José García Mosquera, José Pérez Ballesteros, Antonio María de la Iglesia etc., ademais de autores como Emilia Pardo Bazán, Filomena Dato, José Ogea, Indalecio Armesto, Benito Fernández Alonso, Juan Manuel Paz Nóvoa, Juan M.Pintos, Juan Antonio Saco, Teodosio Vesteiro Torres, entre outros. El Heraldo Gallego inaugurou un novo modelo de revista cultural independente, hostil ao caciquismo e próxima á causa rexionalista, como amosa xa o seu primeiro editorial «Lo que somos y a lo que venimos» e os seus lemas «Galicia ante todo», «Deus fratresque Gallaeci» e «Galicia sobre todo».
Tamén, nese xaneiro de 1874 casa coa nai dos seus dous fillos e que, andando o tempo lle dará outras catro fillas (Valentina, Ángeles, Dolores e Rosina, e dous fillos máis, Modesto e Oliverio). Se cadra o feito de non ter casado antes puidese ser debido á oposición familiar por parte da familia dela temerosa da voda da filla cun poeta cego sen moito do que se valer.
O ano 1875 será clave. Publica o seu primeiro libro de poesía, o primeiro en galego desde os Cantares Gallegos de Rosalía, co título de Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegato en favor da lingua e a poesía en galego, especialmente de Rosalía, pero tamén de Pintos, Camino, García Mosquera, Saco e Arce, e tinxido cunha extrema modestia: «Eu ben sei que non podo voar tan alto cal iles; os meus probes versiños non son máis que solitarias violetas e non teñen outro mérito tampouco máis que o perfume de amor patrio que respiran». O libro, completado en poucos meses cun «Segundo ramiño» e desde 1876 publicado conxuntamente, combina poesías de homenaxe a celebridades galegas —Rosalía, María Pita, Pardo de Cela— con alegatos patrióticos, mesmo independentistas —«Deus Fratesque Gallaici», «o Monte Medulio», «o nome de Galicia»— lugares, usos, e divertimentos e desgrazas populares, «Oseira», «De riola por Galicia», «A carreiriña dun can», «A volta da sega», «Coitas d’a emigración», «Desconsolo de nay» etc. En total serán 58 composicións, publicadas en Madrid de forma conxunta desde 1877 e con varias reedicións rápidas. Serán, sen dúbida estas Espiñas, follas e flores, o inicial da súa popularidade e un grande impulso ao Rexurdimento literario galego.
Tamén ten máximo interese a publicación en 1875 das súas Dez cartas escritas pr’os gallegos, para animar ao público a asistir á Exposición Rexional organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País en Santiago. Este opúsculo de 32 páxinas será un texto fundamental, aínda que escasamente tratado pola crítica, para coñecer de primeira man a visión do autor sobre a súa valoración da realidade, posición ideolóxica e desexos de futuro naquela altura da súa vida. Apostrofadas ao lector, escritas nunha linguaxe moi accesible e popular, en forma romanceada, transmiten un compromiso social e nacional de grande intensidade, o que lle proporcionou duras críticas, incluso dos rexionalistas. A súa dista de ser unha linguaxe críptica a base de metáforas esvaídas ou apelacións célticas; a súa expresión reivindicativa é clara e unívoca. Así, por exemplo, no inicio da carta 5 di así: «Gallegos, espertai do abatimento/ en que vos ten o sono da indiferenza/ inframado resoe en aas do vento/ un ¡Viva a nosa santa INDEPENDENZA!/ Mais, non, é cedo pra que ben responda/ o pobo a ise sagrado chamamento,/ anque en vertudes e valor abonda, / fáltalle a ilustración do pensamento./ É necesario que unha mau amiga/ vaia esparixindo a lus polas aldeas, / e que algún xenio consiga / moitos trunfos no campos das ideas.../». Noutras cartas, fala da conveniencia da creación dunha Academia da lingua, dun Museo de Galicia en Santiago, dunha biblioteca popular e duns colectivos —que el chama Ateneos— para a práctica culta e defensa da lingua, o que se podería vincular coas futuras «Irmandades da fala».
O 7 de febreiro de 1876 sae á rúa o xornal, de comezo, bimensual O Tío Marcos d’a Portela, que durará, —cunha interrupción entre 1880 e 1883, e distintas frecuencias— baixo a súa batuta ata 1898 e que acollerá nas súas páxinas á práctica totalidade dos escritores do Rexurdimento. Sen dúbida, será a pedra fundacional da prensa popular en lingua galega; pois se o Heraldo se dirixía a unha clase de público culto, urbano e ilustrado, lector de temas literarios, históricos e científicos, esta nova publicación tiña como obxectivo o de «esparixir a lus polas aldeas». Para iso, usaba unha lingua radicalmente popular, de nivel oral como ben transparenta o que contase os números por «Parrafeos», e que introducise un par de lemas unívocos no proselitismo identitario ao lado da cabeceira do título: «Os mandamentos d’o MARCOS/fora d’airexa son seis:/ facer a todos xusticia,/non casarse con ninguén/ falar o gallego enxebre,/ cumprir c’o que mande a ley/ loitar pol-o noso adianto,/ con entusiasmo e con fé,/vestir calzós e monteira,/ por omnia sécula, amen». O segundo dos lemas, tamén é claro e popular e en favor da superación dos complexos lingüisticos: «Teñen os pobos a gala/ n-o seu lenguaxe falar,/ fálase chino n-a China/ portugués en Portugal,/ Catalán en Cataluña/ e n-a Alemania, alemán,/soilo os gallegos d’agora/ hastra vergonza lles dá/ falar a melosa e dolce/ fala que falan seus pais».
Contaba con seccións fixas como «Efemérides», «Casos e Cousas», «Cousas do Día» e «Correo do Tío Marcos», que relataba aspectos da vida interna do diario e mesmo as queixas de Lamas contra os subscritores que demoraban o pago do xornal.
Esta publicación integrou a práctica totalidade da intelectualidade galega do momento, desde os Precursores ata os autores do Rexurdimento. Cabe destacar, entre eles, a presenza de Francisco Añón, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Benito Losada, Manuel Lugrís Freire, Marcial Valladares, os irmáns De La Iglesia, José Pérez Ballesteros, Eladio Rodríguez González, Antonio Saco y Arce, Benito Fernández Alonso, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Núñez González, Enrique Labarta Pose, Manuel Amor Meilán, Heraclio Pérez Placer, Amador Montenegro, Juan Neira Cancela, Filomena Dato Muruais etc.
O Tío Marcos d’a Portela crearía unha longa escola de xornalismo en galego, que inspiraría nos anos seguintes cabeceiras como A Tía Catuxa, O Galiciano, A Fuliada, A Monteira ou A Gaita Gallega de Cuba, entre outros.
En 1878 a publicación da súa obra Desde la reja. Cantos de un loco recibe toda a carraxe concentrada de Manuel Murguía, «Tan escasa de mérito literario se presenta esta colección de composiciones escritas en gallego y castellano, que con sentimiento lo decimos, no merece siquiera los honores de la crítica. Los versos gallegos, de los cuales puede al fin su autor decir con entera justicia que no deben nada a nadie, son verdaderamente lastimosos». A polémica será moi dura, pois Lamas acusa a Murguía de desagradecido coa prensa galega e de contar con enormes subvencións para a publicación da súa inconclusa Historia de Galicia e Murguía acúsao de plaxiar a Rosalía, poeta á que Lamas, por outra parte, sempre declara veneración.
En 1880 contribúe Lamas ao “annus mirabilis” da literatura galega coa publicación de Saudades Gallegas que continúa na liña rosaliana de Espiñas, follas e flores con poemas pletóricos de sensibilidade, ou «O falar das fadas», se cadra unha das máis fermosas reivindicacións da lingua galega da época, xunto cun feixiño de poemas cívicos e outros humorísticos como «Devoción por comenencia» sobre o San Amaro de Oira.
Porén, neste 1880 deben pechar tanto O Tío Marcos d’a Portela como El Heraldo Gallego, por problemas económicos e pasa a colaborar co novo xornal liberal do deputado Vicente Pérez, El Eco de Orense.
Tres anos despois, faise co control do xornal El Eco de Orense, adquire a cabeceira —grazas á colaboración económica da súa esposa— e pasa a exercer a dirección, de xeito ininterrompido ata a súa morte en 1906 en que o substitúe seu fillo Modesto durante dous anos máis ata que con outro director á cabeza pechará definitivamente en 1909. El Eco xirará desde o liberalismo inicial de Vicente Pérez, a un conservadurismo católico que enfrontará a Lamas co novo órgano liberal do deputado El Miño (1898-1914). A familia de Lamas Carvajal venderá El Eco de Orense e nas mesmas instalacións da rúa de Alba 15 —hoxe Alejandro Outeiriño— pasará a editarse La Región. En El Eco foron famosas as súas «mostacillas», pequenos artigos tinxidos de ironía sobre a vida cidadá que reuniu en dous volumes en 1897 e 1898.
Valentín Lamas Carvajal sempre foi moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo. As súas últimas grandes contribucións ás letras galegas virán da man da prosa. Primeiro reúne en Gallegada: Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887) un conxunto de 19 narracións de intenso sabor popular que xa foran vendo a luz na revista O Tío Marcos da Portela desde tres anos antes para dalas ao público en formato libro, en 130 páxinas. A temática dos contos é diversa pero subxace en todos, por unha parte a reivindicación de tipos populares e da forma de ser, pensar e vivir tradicional, e por outra, o ataque aos “vicios” desa sociedade, centrados nas supersticións e no caciquismo. Para darlle verosimilitude aos relatos, están situados en momentos e lugares concretos: O gaiteiro de Rianxo, A xusticia de Goriño da Estrada, O sancristán de Vilela, As mulleres de Calvelo... incluso algún deles, A Gaitoterapia, sitúase na emigración, en concreto na Habana, e nun marco temporal moi definido, en maio de 1885. O mundo que neles cobra vida literaria, está cheo de tipos populares —sancristáns, animeiros, cregos, gaiteiros, zapateiros, frades, pedáneos...— e as historias están impregnadas dunha evidente oralidade voluntariamente utilizada para facilitar a proximidade ao rexistro popular da linguaxe que usarían os lectores aos que ían dirixidos.
«Os graxos da Burga» foi o primeiro relato en ver a luz de forma independente n’O Tío Marcos, en 1884, e o que de máis fortuna literaria gozou, pois aparecen referencias a ese tipo literario ourensán caracterizado polo seu desenvolvemento vital nun mundo de marxinalidade urbana, en moitos escritores posteriores. Desde os continuadores de Lamas, e fundadores canda el da literatura urbana en lingua galega, Heráclio Pérez Placer e Álvarez de Nóvoa, ata Eduardo Blanco Amor que coa maxistral A esmorga recrea dalgún xeito, aquel mundo.
Ao ano seguinte, Valentín Lamas Carvajal publicou por vez primeira, o seu Catecismo do labrego na prensa, en 1888, no seu semanario O Tío Marcos d´a Portela, creador dun novo xénero de xornalismo galego. Lamas foi, ademais de poeta e narrador, xornalista de oficio toda a súa vida e esa foi a súa gran plataforma para actuar sobre a cultura galega do seu tempo. Despois editouno en volume independente en 1899, na imprenta de El Eco de Orense, co título de Catecismo da Doutrina Labrega. Composto polo R.P.M. Fr. Marcos da Portela, doutor en Tioloxía campestre, mantendo este heterónimo do poeta como asinante en todas as edicións feitas en vida do mesmo.
Sería un dos libros máis editados, lidos, escoitados e recitados da nosa historia cultural, que mesmo deu pé a imitacións posteriores noutras linguas (por exemplo, en bable, nunha edición secuestrada polas autoridades). As razóns do seu inmenso éxito popular son contundentes: en primeiro lugar, Lamas soubo retratar, con fidelidade, humorismo e ironía, un mundo campesiño galego, sometido a unha realidade semifeudal (foros, trabucos, usura, emigración etc.), e poñerlle rostro, por primeira vez, aos inimigos dos labregos (o caciquismo e o poder político), iso que excluíndo sempre ao elemento clerical. Esas foron tamén as armas que ergueron anos despois un poderoso movemento agrario antiforal que ten a Lamas como precedente inmediato. E fíxoo tamén cos mellores medios: a utilización dun estilo paródico do Catecismo do Padre Astete, creando unha sonoridade recoñecida aos oídos dos labregos, e a recuperación dunha lingua popular, en rexistro dialectal ourensán.
O Catecismo devólvelle a voz ao pobo, como fixera antes Rosalía en Cantares Gallegos e comparte tamén unha común mirada dignificadora do noso mundo campesiño co Álbum Nós de Castelao e cos grandes narradores do século XX: por iso o pobo se recoñeceu neste espello.
A derradeira obra poética, A musa d’as aldeas (1898), seguirá a liña máis popular dos seus poemarios anteriores con glosas de usos e costumes populares como «Unha vendima n-o Ribeiro», o humorístico «Polo atallo» —unha parella que decide ter fillos para superar a oposición familiar, tal como eles fixeran—, «A festa de San Wintila» ou «O gaiteiro de Paizás» no que denuncia os cambios de gustos musicais e a introdución de novos costumes no medio rural, pero desaparecen os dedicados a personaxes da historia como Pardo de Cela ou semellantes. Foi a derradeira ocasión en que usou a lingua galega na literatura.
En 1905 foi designado para formar parte da fundación da Real Academia Galega, pero morre, precisamente, o día en que esta se constituíu, o 4 de setembro de 1906. Uns días antes, o 29 de agosto, dítalle a Antonio Rey Soto unha humorística carta de despedida para Basilio Álvarez, na que lle sinala, que logo de ter recibido o viático o día anterior, acaba de ingresar per accidens na “Academia General de Difuntos” e remata cun Adios y que sea lo que Dios quiera
.
Morreu o autor, pero en Ourense quedou marcada unha impronta de galeguidade particular que, talvez, se poida rastrexar deica os tempos presentes.
Ver biografía no Álbum de Galicia