Nacida o 8 de decembro de 1923 na cidade de Ourense, estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e en 1955 ingresou por oposición no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, e en 1958 no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos.Tratábase dunha das poucas profesións que lle permitía...
Nacida o 8 de decembro de 1923 na cidade de Ourense, estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e en 1955 ingresou por oposición no Corpo de Auxiliares de Arquivos, Bibliotecas e Museos, e en 1958 no Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos.
Tratábase dunha das poucas profesións que lle permitían a unha muller obter independencia económica e acceso ao coñecemento, investigación e desempeño de cargos de certa responsabilidade. Foi destinada ao Arquivo da Delegación de Facenda e Biblioteca Pública de Vigo e logo ao Arquivo Histórico Provincial de Ourense, que dirixiría durante vinte años (1969-1989). Faleceu en Ourense o 4 de setembro de 2010.
A súa bibliografía arquivística é extensísima e versa sobre documentos, arquivos, sistemas arquivísticos e patrimonio documental, organización e descrición, acceso e difusión de arquivos, e formación de especialistas. Neste último campo exerceu o seu maxisterio sobre varias xeracións. As súas publicacións sobre organización de arquivos históricos provinciais, documentos de arquivo e agrupacións de documentos e os seus manuais de arquivística e de arquivos familiares son fitos fundamentais e de referencia para profesionais da arquivística no conxunto do Estado. Desde 1974 mantivo unha estreita colaboración intelectual con Pedro López Gómez, con quen comparte a autoría de numerosas obras.
A súa producción diversifícase en estudos sobre libros e bibliotecas, clero secular e regular, ciencias médicas e farmacolóxicas, sociedade, economía e administración, arte e urbanismo, arqueoloxía e museoloxía, biografía, historia e historia local, especialmente sobre Ourense e a súa provincia. O seu estudo sobre as mulleres ourensás no Antigo Réxime demostra que era capaz de realizar investigaciones que enlazan con liñas e preocupacións actuais, como as de xénero. A súa última achega sobre a comarca da Limia constitúe o peche de ouro das súas investigacións.
Este perfil intelectual compleméntase cun modelo de comportamento caracterizado pola laboriosidade no traballo cotián; xenerosidade no recoñecemento de colaboradores e colaboradoras; honra aos seus predecesores, como Xesús Ferro Couselo; ética cidadá de colaboración desinteresada con institucións culturais, como a Fundación Penzol e a Fundación Otero Pedrayo, da que formou parte do seu Padroado; o Museo, a Biblioteca Pública e o Arquivo Diocesano de Ourense; e asociacións e grupos de traballo, como o Grupo Marcelo Macías -do que foi presidenta (desde 1972)-, o Grupo de Arquiveiros de Galicia, ANABAD e ANABAD-Galicia, da que tamén foi presidenta.
Os seus méritos foron publicamente recoñecidos pola Real Academia de la Historia, que a nomeou correspondente (1980); pola Real Academia Galega (1986), é a primeira muller que accedeu a esta institución; e pola ANABAD. Recibiu o Premio Trasalba 2008 da Fundación Otero Pedrayo, o Lazo da Orde de Afonso X O Sabio, a Medalla de Prata de Galicia, a Medalla Castelao e a Medalla de Anabad.
Ver biografía no Álbum de Galicia