A xornada “O punto de vista involucrado no feito” insírese no marco do ciclo “De pioneiras e andainas”, co que o CDIF recupera traxectorias de mulleres que abriron camiños e contribuíron a transformar a cultura e a sociedade galegas, facendo visibles as achegas das mulleres á creación, ao pensamento e á vida pública. Neste caso aborda a figura de Margarita Ledo da man de cineastas, escritoras, xornalistas e investigadoras que dialogan coa súa obra desde ámbitos como a creación audiovisual, a literatura e a memoria das mulleres. A sesión atravesa boa parte da súa creación: unha maneira de entender a escrita e o cinema na que a experiencia persoal, os afectos e a posición de quen mira forman parte da construción do relato. “No cinema feminista a procura subxectiviza e incorpora a mirada e a sensación de quen o realiza”, ten sinalado a propia Ledo, nunha reflexión que conecta a súa práctica artística co seu compromiso político e intelectual e que da título á sesión.
Unha xornada con voces que dialogan coa súa obra
A programación comezará ás 10:00 horas coa conferencia titulada “Margarita Ledo Andión, cineasta da nosa memoria”, a cargo de Carmen Ciller, profesora da Universidade Carlos III de Madrid e directora da Escola de Posgrao de Humanidades e Comunicación da mesma institución. A súa intervención permitirá afondar na dimensión cinematográfica dunha autora que fixo da memoria histórica, das experiencias das mulleres e da representación dos suxeitos silenciados elementos centrais da súa obra. A sesión será presentada por Carme Adán, docente de Filosofía e coordinadora da xornada, que salienta a singularidade da mirada de Ledo sobre a corporalidade, o feminino e o traballo das mulleres.
Ás 11:00 horas, Mariám Mariño Costales, técnica do CDIF, presentará a Cartografía de Margarita Ledo Andión, un repositorio documental que permite percorrer as diferentes dimensións da súa traxectoria e situar as súas achegas á cultura, ao pensamento feminista e á comunicación.
Na mesa “Furar os silencios” xúntase á cineasta Xisela Franco coas escritoras Lorena López e Rosa Aneiros, baixo a moderación de Xina Vega, membro do CDIF. A participación de Xisela Franco ten unha conexión directa coa homenaxe: é a autora de Margarita Ledo, parolar cun eu, unha peza audiovisual na que acompaña a cineasta e escritora por Vigo, nun percorrido que entrelaza memoria persoal, patrimonio industrial e reflexión sobre o paso do tempo. A súa propia práctica cinematográfica dialoga así coa mirada de Ledo sobre os corpos, os espazos e as pegadas do pasado. Pola súa banda, Lorena López, filóloga, poeta e investigadora, dedicou parte do seu traballo crítico á análise da obra narrativa de Margarita Ledo. No ensaio Ainda invisíveis? Narradoras e margens na literatura galega contemporânea, froito da súa investigación académica, estuda a escrita de Ledo xunto coa doutras autoras galegas para examinar os obstáculos á visibilidade das narradoras e os espazos de fricción que atravesan o campo literario. A súa presenza permite abordar a dimensión literaria de Ledo desde a reflexión sobre o xénero, a lingua e as marxes da creación. A escritora Rosa Aneiros achegará á conversa a súa experiencia no ámbito da narrativa galega contemporánea, nun diálogo arredor das posibilidades da escrita para explorar experiencias, recuperar voces e cuestionar os relatos establecidos.
Pola tarde, a xornalista Mar Mato conversará coa propia Margarita Ledo Andión. O encontro ofrecerá a oportunidade de escoitar a autora falar do seu percorrido vital e intelectual, dos diferentes territorios da súa creación e das relacións entre xornalismo, literatura, cinema e compromiso político. De seguido celebrarase a mesa “A doa que rola”, coa participación da xornalista Tereixa Navaza, a escritora e poeta Eva Veiga, Soliña Barreiro, docente da Universidade de Santiago de Compostela, e Adriana Villanueva, produtora creativa de Illa Bufarda. A sesión estará moderada por Belén Puñal, docente e xornalista.
Unha traxectoria intensa en moitos ámbitos
Nacida en Castro de Rei en 1951, Margarita Ledo conta cunha ampla traxectoria que atravesa o xornalismo, a poesía, o ensaio, a investigación universitaria e a creación cinematográfica. Estudou Xornalismo en Barcelona e, tras o seu regreso a Galicia, foi pioneira na renovación do xornalismo galego onde fundou e dirixiu o semanario A Nosa Terra a partir de 1977, unha publicación esencial na revitalización da prensa galega durante a Transición. Ademais, impulsou iniciativas editoriais como Escrita, Festa da palabra silenciada e A Trabe de Ouro, contribuíndo á renovación do pensamento crítico e á visibilidade das mulleres na cultura galega.
No ámbito académico, foi profesora na Universidade Autónoma de Barcelona e na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, que contribuíu a impulsar e da que foi a súa primeira decana. A súa investigación céntrase nas políticas de comunicación e cultura, o pensamento cinematográfico, a fotografía e as teorías feministas. Como escritora, publicou poesía, narrativa e ensaio. Como cineasta, desenvolveu unha obra que explora a memoria, a experiencia das mulleres e as relacións entre corpo, mirada e representación. Dirixiu obras como Santa Liberdade (2004), A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), nas que aborda a memoria histórica, a emigración e as experiencias das mulleres.
É membro numeraria da Real Academia Galega desde 2008 e recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Nacional da Cultura Galega na modalidade de Cinema e Audiovisual (2008), o Premio Otero Pedrayo (2017) e o Premio de Honra Fernando Rey (2022). A súa traxectoria fai dela unha referencia na renovación do xornalismo galego, na investigación audiovisual e na incorporación dunha perspectiva feminista á creación e ao pensamento cultural.
De pioneiras e andainas
O ciclo «De pioneiras e andainas», impulsado desde 2009 polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega, rende homenaxe a mulleres que abriron camiños en ámbitos diversos da cultura, a ciencia, o pensamento, a comunicación, a arte e a sociedade galegas. Ao longo das súas edicións, o ciclo recoñeceu as traxectorias de Xohana Torres, María Josefa Wonenburger Planells, Olga Gallego Domínguez, María Xosé Agra Romero, Tereixa Navaza, Mabel Rivera, Xela Arias, Luísa Villalta, Elena Colmeiro, Sofía Casanova, Mary Quintero, Kathleen March, Pascuala Campos de Michelena, Mercedes Goicoa, Carmela Porteiro, Nieves Fernández Vidueira, Marta Bobo, Elena Ferro, María Xosé Agra, María Xosé Queizán e María Xosé Porteiro.



