Guilherme de Andrade e Almeida naceu en Campinas, SP, a 24 de xullo de 1890. Fillo do xurista e profesor de dereito Estevão de Araújo Almeida e de Angelina de Andrade Almeida, pasou os primeiros anos da infancia nas cidades de Limeira, Araras e despois Río Claro, onde realizou os estudos primarios. En 1902 foi alumno do Ginásio de Campinas e, e...
Guilherme de Andrade e Almeida naceu en Campinas, SP, a 24 de xullo de 1890. Fillo do xurista e profesor de dereito Estevão de Araújo Almeida e de Angelina de Andrade Almeida, pasou os primeiros anos da infancia nas cidades de Limeira, Araras e despois Río Claro, onde realizou os estudos primarios. En 1902 foi alumno do Ginásio de Campinas e, en 1903, coa chegada da família á cidade de São Paulo, ingresou no Colégio de São Bento. Formouse, en 1907, no Ginásio Nossa Senhora do Carmo, dos Irmãos Maristas. En 1912, concluíu o curso na Faculdade de Direito do Largo de São Francisco. Despois da graduación, traballou como promotor público en Apiaí e en Mogi-Mirim. De volta á capital en 1914, traballou co pai ata 1923, e a partir deste ano dedicouse prioritariamente á actividade de escritor, iniciada algúns anos antes.
A estrea literaria de Guilherme de Almeida foi en 1916, con
Mon Coeur Balance e
Leur Âme (teatro), pezas escritas en colaboración con Oswald de Andrade e editadas co título de
Théatre Brésilien. O seu primeiro libro de poemas,
Nós, publicouse en 1917, os seguintes:
A dança das horas e
Messidor, saíron en 1919, e o
Livro de Horas de Sóror Dolorosa, foi publicado en 1920. Escribiu, en 1921, o ensaio
Natalika e os actos en verso
Scheherazada e
Narciso – A flor que foi um homem. Publicou
Era uma Vez... en 1922. Nese mesmo ano, participou decisivamente na organización da Semana de Arte Moderna, ao lado de Mário de Andrade, Oswald de Andrade, Di Cavalcanti e Menotti del Picchia, entre outros. Axudou a fundar a revista
Klaxon (portavoz do movimento), formando parte do equipo de editores; creou a capa do periódico, ademais de anuncios publicitarios dos patrocinadores, de concepción precursora da visualidade da arte de vanguarda e da propia propaganda moderna.
O poeta casouse en 1923 con Belkiss Barroso do Amaral (Baby), e mudouse para o Rio de Janeiro, onde permaneceu até 1925. Nese ano publicou catro libros de poemas:
Narciso,
Encantamento,
Raça e
Meu, consistindo, estes dous últimos (principalmente
Meu), no ápice de súa poesía modernista. Escribiu, tamén nese ano, a conferencia «Revelação do Brasil pela poesia moderna» e presentouna no Rio Grande do Sul, en Pernambuco e no Ceará, co fin de difundir os ideais estéticos do Modernismo, regresando, en seguida, a São Paulo.
En 1932, Guilherme participou activamente da Revolução Constitucionalista, chegando a alistarse voluntariamente, como soldado raso, e a loitar na cidade de Cunha. Ao final dese Movimento, foi preso e exiliado en Portugal, onde permaneceu ata o ano seguinte. A estadía naquel país forneceu elementos para a elaboración de crónicas reunidas no livro O meu Portugal, publicado en 1933. No inicio da primavera de 1933 o poeta paulista viaxou a Galicia. Visitou Vigo e Compostela, tamén outros lugares. E nesas súas visitas coñeceu e trabou amizade con Castelao, Maside, Colmeiro e Paz-Andrade, entre outros. A camaradería entre eles durou toda a vida, ata o punto de que, cando o último publicou
Sementeira do vento na colección Salnés de Galaxia en 1968, o libro apareceu prologado por unha “carta-prefacio” de Guilherme de Almeida, quen na portada era recoñecido como o “Príncipe dos Poetas do Brasil”. O seu texto figura datado a fins de 1967 e nel saúda fraternalmente a
milagrosa Poesía
do escritor pontevedrés.
Ver o epistolario
Queda constancia desta galegofilia de Guilherme de Almeida na revista
Nós, onde se lle transcribiu a palestra «Galizza, pátria da canção»; na súa pertenza honorífica ao Seminario de Estudos Galegos; nas memorables páxinas que dedicou á lírica trobadoresca no discurso de ingreso na Academia Brasileira de Letras e na pegada de Martín Codax nalgúns versos do seu poemario
Simplicidade (1912-1914); tamén na versión
brasileira á que acomodou o texto, en edición pentalingüe, do
Pranto Matricial (1975) de Paz-Andrade.
Ver o libro
Ver o mecanoscrito
En 1928 foi elixido membro da Academia Paulista de Letras e, en 1930, foino para a Academia Brasileira de Letras. Guilherme de Almeida foi, durante décadas, o mais popular poeta paulista. A súa obra comprende mais de 70 publicacións, entre poesía, prosa, ensaio, tradución, ademais do extenso traballo xornalístico, aínda disperso; deste, destácase a súa columna «Cinematographos», pioneira da crítica cinematográfica en Brasil, mantida no xornal
O Estado de S. Paulo entre as décadas de 1920 e 1940. En 1959 foi elixido “Príncipe dos poetas brasileiros” en concurso patrocinado polo xornal
Correio da Manhã, por medio da sección «Escritores e livros» – escollido por un
colexio electoral
de cerca de mil participantes, concorreu cos poetas Manuel Bandeira, Carlos Drummond da Andrade, Vinicius de Moraes e Mauro Mota.
Guilherme faleceu o 11 de xullo de 1969, na súa casa da Rúa Macapá, no Pacaembú, en São Paulo – a “Casa da Colina” –, onde residía desde 1946. Adquirida polo Governo do Estado na década de 1970, a residencia do poeta converteuse no museo biográfico e literario Casa Guilherme de Almeida, inaugurado en 1979, que abriga tamén, hoxe, un Centro de Estudos de Tradução Literária.