Por unha visión non androcéntrica da Historia O xerme do Colectivo María Castaña comeza co inicio do curso 1991-1992 no IES Compostela, onde estaban destinadas María do Carme Alvariño Alejandro e Mercedes González González e ao que se acababa de incorporar Guillermina Domínguez Touriño. As tres, con inquietudes similares ante a invisibili...
Por unha visión non androcéntrica da Historia O xerme do Colectivo María Castaña comeza co inicio do curso 1991-1992 no IES Compostela, onde estaban destinadas María do Carme Alvariño Alejandro e Mercedes González González e ao que se acababa de incorporar Guillermina Domínguez Touriño. As tres, con inquietudes similares ante a invisibilidade das mulleres na Historia en xeral e nas materias das humanidades que impartían, deciden xuntarse e colaborar.
Con algúns traballos feitos individualmente, e a ampla experiencia docente coa que contaban (tratamento de contidos, elaboración de programacións, orientación pedagóxica...), comezan cun proxecto de aula destinado ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que revisaba, a través da Historia, a prostitución das mulleres.
Este traballo didáctico realizouse a través de textos históricos e historiográficos, engadindo sempre cuestións a debater entre o alumnado, coa intención de traer para a memoria e a Historia o lugar ocupado polas mulleres, desde tempos remotos, nas diferentes épocas e en moitas e diversas
actividades
. Tratábase de visibilizalas, de dar a coñecer o sometemento e as discriminacións das que sempre foron obxecto simplemente polo feito de seren mulleres, de discutir o patriarcado, o androcentrismo e o sexismo e a súa persistencia a través da Historia e na historiografía.
A medida que avanzan no proxecto, foron visualizando a posibilidade de ampliar ese primeiro traballo que levaran ás aulas, de tal maneira que comezaron a buscar, investigar e propoñer talleres con outras compañeiras e noutros ámbitos. Isto propiciou a chegada dunha cuarta compoñente, Isabel Rodicio Rodicio, profesora no IES Lamas de Abade.
As catro, en 1995, decidiron achegarse á Aula Castelao de Filosofía na súa XII Semana Galega de Filosofía onde se atoparon con Amelia Valcárcel, quen contribuíu a que o Colectivo recentemente creado dese un paso adiante na súa traxectoria. Incorpórase, ademais, desde ese momento María José Domato Búa, profesora do IES de Teis e, posteriormente, Margarita Lobato García, profesora no IES de Porto do Son.
Formado xa Colectivo, só había que poñerse a traballar e elixir un nome. Barallaron varios ate chegar a María Castaña, por ser parte dunha
lenda
galega, que non era tal e así estaba documentado, e por pertencer a unha transmisión oral a través das mulleres, cousa que tamén querían destacar.
Atendendo ás especialidades de cada unha das compoñentes, Margarita Lobato García centrábase nos aspectos da Historia Antiga, Guillermina Domínguez Touriño nos da Historia Medieval, María do Carme Alvariño Alejandro nos da Historia Moderna, e María José Domato Búa, Mercedes González González e Isabel Rodicio Rodicio nos da Historia Contemporánea.
Ademais de traballar cada unha en proxectos propios, como Colectivo reuníanse todas as semanas nunha casa, nun café ou, durante unha tempada, na sede do sindicato CCOO onde lles cedían un espazo para as xuntanzas. En cada encontro facían posta en común, compartían avances, acordaban criterios de selección dos textos, das cuestións para o alumnado e das tarefas encomendadas. Isto supoñía unha militancia activa como feministas, coa consecuente sobrecarga de traballo que supoñía sumar ás tarefas cotiás da aula as propias da investigación sobre mulleres, localización de fontes directas e historiográficas en función das especialidades de cada unha (Idade Antiga, Media, Moderna ou Contemporánea), e selección do material máis adecuado aos seus obxectivos. Logo disto, a tarefa inmediata consistía en incluír as investigacións na programación do curso
Desde 1993 ata o ano 2001, realizan as seguintes actividades coas súas reunións e memorias correspondentes:
As mulleres e a política (1993-1994),
Materiais didácticos para un estudio da muller a través da Historia: o eido laboral, político e intelectual (1994-1995),
As mulleres no século XIX. Iconografía (1997-2001),
Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico (1999),
As mulleres no XIX e XX. Iconografía (2001).
A mediados da década de 1990 deron forma a dúas publicacións destinadas ao ensino. A titulada
Materiais para unha visión non androcéntrica da Historia e mais a que leva por título
Muller e traballo. Editadas pola da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, en 1995 ambas as publicacións recibiron,
ex aequo, un dos premios nacionais
Educación y Sociedad
outorgados polo Ministerio de Educación y Ciencia. Recolleron o galardón o 20 de novembro do mesmo ano. Convén indicar que o premio incluía a edición das obras galardoadas en todos os idiomas do estado, a través do Centro de Desarrollo Curricular (CDC). Con tal finalidade, foi asinado un contrato segundo o cal as membros do Colectivo María Castaña se comprometían a realizar a tradución ao castelán das dúas publicacións e o CDC se ocuparía das traducións ao catalán e ao éuscaro. Porén, en maio de 1996, o cambio de goberno no Estado propiciado pola maioría simple do Partido Popular, co apoio do Partido Nacionalista Vasco, Coalición Canaria e Convergència i Unió, converteu o contrato asinado en papel mollado.
Tras o dito recoñecemento, o grupo seguiu coa súa dinámica de traballo, tanto nas reunións como nas aulas e nos diversos obradoiros que o antigo Centro de Formación e Recursos (CEFORE) organizaba por toda Galicia, co conseguinte esforzo que supoñía investigar en arquivos e recompilar material bibliográfico. Foron de especial axuda neste sentido a Librería de Mujeres de Zaragoza, o Centro de Investigación de Mujeres Duoda da Universidade de Barcelona e a Librería de Mujeres de Madrid. Recibían os materiais por correo ordinario. Obviamente, neses tempos aínda non existían os medios dixitais de hoxe en día.
As presentacións leváronas nalgunha ocasión fóra de Galicia. Así, por exemplo, en xaneiro de 1997 Carme Alvariño e Guillermina Domínguez, en representación do Colectivo, foron invitadas por CCOO a impartir un taller en Granada co título
Historia con o sin mujeres: una alternativa a la enseñanza de la Historia.
Ademais das actividades indicadas, entre 1993 e 1996, o grupo fora compilando documentación coa intención de elaborar materiais de traballo para o ensino da Historia que acabarían dando forma ao libro
As mulleres na Historia, editado por Edicións Xerais de Galicia no ano 1997. O libro divídese en catro grandes bloques coincidentes coas especialidades das compoñentes do Colectivo.
Consideraban que esta publicación axudaría, ao profesorado de Ciencias Sociais na ESO e de Historia no Bacharelato, a dar visibilidade a máis do 50% da humanidade en todas as súas expresións e a cumprir uns obxectivos que, nese momento, eran recollidos na LOXSE do xeito que segue:
Necesidade de desenvolver no alumnado as capacidades encamiñadas a facer cidadás e cidadáns críticas, comprometidas na construción dun mundo máis xusto e solidario, rexeitando todo aquilo que signifique discriminación
.
Coa obra
As mulleres na Historia buscaban encher os ocos que deixaban os libros de texto, os currículos ou as programacións. A publicación contén textos historiográficos e engade cuestións para que o profesorado poida traballar co alumnado reescribindo a Historia desde unha perspectiva non androcéntrica, expoñendo novos modelos interpretativos e reformando as categorías de análise histórica.
Xa no ano 1998, a Galería Sargadelos de Ferrol convida a Guillermina Domínguez para que dea a coñecer o traballo do Colectivo María Castaña. Faino en decembro de 1998 cunha intervención titulada
Diversidade-Diferencia: olla-lo mundo con ollos de muller.
A finais da década de 1990, en representación do Colectivo María Castaña, Mercedes González e Guillermina Domínguez traballaron nun proxecto para a publicación da Deputación provincial
Pontevedra: Revista de Estudios Provinciais, elaborando as separatas «As Mulleres Creadoras» e «Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico», que verían a luz en 2001. Tamén como voces do Colectivo, Mercedes González xunto con María Isabel Rodicio, na XVII Semana Galega de Filosofía da Aula Castelao, celebrada en Pontevedra no mes de novembro de 1999, expuxeron o relatorio «A época do Segundo Sexo».
Nos albores do século XXI, aínda como Colectivo, participan na recompilación
Textos para a Historia das Mulleres en Galicia coordinada por María Xosé Rodríguez Galdo para a Ponencia de Patrimonio Histórico do Consello da Cultura galega e que foi publicada en 1999.
Logo desa colaboración, as reunións fóronse espallando no tempo á vez que se incrementaban os proxectos nos que cada unha se implicaba de xeito individual e, xa no ano 2001, o colectivo María Castaña deixa de ter actividade como tal.
Para realizar un varrido a través dos acontecementos e as idades da Historia, cumpríalles dividir o traballo, a investigación e o tratamento de textos seguindo as divisións tradicionais, e cada unha das compoñentes dedicaríase a profundar nunha delas. De aí que, tras un debate interno interesante e debido ás preferencias e coñecementos de cada unha delas, o traballo se distribuíse tal e como se reflectiu ao principio desta biobibliografía. Conscientes de que a división tradicional da Historia non era a máis adecuada -xa que, moitas veces, os seus fitos e progresos eran alleos, ou mesmo contrarios, ao mundo das mulleres-, consideraban, con todo, que esta estrutura clásica era a forma máis práctica e útil para levar os seus proxectos ás aulas e, unha vez nelas, xa se farían os matices necesarios.
Por desgraza, ao longo destes últimos anos, dúas compañeiras non puideron seguir participando no Colectivo María Castaña. Foi unha honra traballar con María do Carme Alvariño e con Mercedes González. As dúas permanecen en todo este traballo común, que supuxo unha importante contribución e un avance para o ensino e, sobre todo, para a visibilización das mulleres e para conseguir,
co noso gran de area no deserto
, un mundo máis xusto, igualitario e crítico, eliminando a visión androcéntrica e patriarcal da Historia da Humanidade e de todas as súas manifestacións.
Publicacións
1995: Materiais para unha visión non androcéntrica da Historia.
1995: Muller e traballo.
1997: Historia con o sin mujeres: una alternativa a la enseñanza de la Historia.
1997: As mulleres na Historia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
1998: Diversidade-Diferencia: olla-lo mundo con ollos de muller.
2001: Pontevedra: Revista de Estudios Provinciais. Separatas: «As mulleres creadoras» e «Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico».
Seminarios permanentes
1993 - 1994: As mulleres e a política.
1994-1995: Materiais didácticos para un estudio da muller a través da Historia: o eido laboral, político e intelectual.
1997-2001: As mulleres no século XIX. Iconografía.
1999: Vida familiar no século XIX. Tratamento iconográfico.
1999: Textos para a Historia das mulleres en Galicia. Consello da cultura galega.
2001: As mulleres no XIX e XX. Iconografía.
Relatorios
1999: «A época do Segundo Sexo». En: XVII Semana galega de Filosofía, Aula Castelao de Filosofía. (Pontevedra, 19 de novembro).
2004: «Arte femenino: una excentricidad en la Educación». En: Congreso XXV años de estudios de género. Mujeres sabias: entre la teoría y la práctica. (Castellón, UJI, Fundación Isonomía, Universitat San Jaume I).