----

A entrada da actriz Cruz Comesaña incorpórase ao Álbum de Galicia

A actriz Cruz Comesaña (Vigo, 1960 – Madrid, 1989) iniciou unha prometedora traxectoria na escena teatral galega e estatal durante os anos 80, que se viu truncada polo seu prematuro falecemento. Ademais de actuar en varias montaxes, foi docente e desenvolveu labores de dirección teatral, un campo en que destacou por saber sacar o mellor de cada intérprete. O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega, suma hoxe a súa entrada da man de Ana Abad de Larriva. Así mesmo, actualízase a biografía que Antonio Reigosa escribiu sobre a tamén actriz de teatro Manuela Rey con novos documentos e materiais.

Cruz Comesaña no Álbum de Galicia

Nada en Vigo, María Cruz González Comesaña, máis coñecida como Cruz Comesaña ou Cruz G. Comesaña, tivo unha profunda vocación polas artes escénicas que nutriu a través da lectura e das representacións escolares. Malia querer formarse como actriz, “por mandato paterno tivo que realizar unha carreira que considerasen que puidese ter máis saídas, e estudou Pedagoxía na Universidade de Santiago de Compostela”, explica Ana Abad de Larriva na súa entrada.


En 1982 ingresou na Real Escuela Superior de Arte Dramático (RESAD) de Madrid para cursar arte dramática, uns estudos que rematou en 1985. Ese mesmo ano participou como intérprete nalgunhas das montaxes da Compañía de Teatro Popular de la Villa de Madrid e dirixiu as pezas que integraron o programa da mostra teatral Nigrán Art, organizada polo grupo Gaelit Teatro. Nela, adaptou tres obras de Tennessee Williams (O cuarto escuro, O caso da petunias pateadas e A marquesa da augardente) e unha cuarta, As mans limpas, creada a partir do texto do dramaturgo Ángel García Pintado. Nesta última peza, alén de dirixir, integrou o elenco xunto con Antón Lamapereira. Durante esta época, Cruz Comesaña non só explorou o ámbito da dirección e continuou a cultivarse como actriz, senón que deu clases de teatro en asociacións, pois “a docencia teatral tamén estaba dentro dos seus intereses”, subliña Ana Abad de Larriva.



Xa nos anos 1986 e 1987 participou de varias montaxes teatrais do Centro Dramático Galego (CDG), como A noite vai coma un río ou A pousadeira, na que deu vida á protagonista e cuxa interpretación foi eloxiada na prensa da época. Tamén actuou nas obras Da Vinci levaba razón, coproducida pola compañía O Moucho Clerc e o CDG, e A cena, estreada pola Asemblea de Actores.


A partir de 1988 continuou a desenvolver “proxectos teatrais que a levaban a desprazarse continuamente entre Galicia e Madrid e foi na capital española onde faleceu, o 12 de febreiro de 1989, un par de meses antes de cumprir os 29 anos de idade”, apunta Ana Abad de Larriva na súa biografía. Nela destaca de Cruz Comesaña “a súa calidade humana, a súa incesante actividade, sempre chea de proxectos e ilusións, froito do seu fondo amor polo teatro e pola vida, e a súa incipiente pero xa intensa carreira que despuntaba”.

Manuela Rey
Con motivo da recente estrea en Galicia da obra teatral Manuela Rey is in da house e da organización, por parte da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do CCG, da xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio, actualizouse a entrada da actriz Manuela Rey (A Pradela, San Vicente de Trigás, Mondoñedo, 1842 - Lisboa, 1866). O texto, escrito por Antonio Reigosa, subliña que, tras emigrar a Portugal, foi gañando paulatinamente prestixio ata consolidarse como “a maior das actrices do teatro portugués de mediados do século XIX”. Novas imaxes, documentos, ligazóns e vídeos, entre os que figuran o tráiler e o teaser da obra Manuela Rey is in da house, constitúen os materiais que acaban de engadirse á súa biografía no Álbum de Galicia.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 710 entradas, das cales as máis recentes son as de Pencha Santasmarinas, a do Colectivo María Castaña e mais as de Emilio Pita e Xosé Conde Corbal.


As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.