Director e actor, impulsor do teatro e folclore galegos na Coruña a mediados do século XX Antonio Naveyra Goday, coñecido como Antonio Naveyra ou tamén como Antón Naveyra, naceu en Santiago de Compostela no ano 1909. O seu pai, Antonio Naveira Pato, era membro da familia Naveira Pato, unha das máis importantes de Betanzos, e foi avogado e re...
Director e actor, impulsor do teatro e folclore galegos na Coruña a mediados do século XX Antonio Naveyra Goday, coñecido como Antonio Naveyra ou tamén como Antón Naveyra, naceu en Santiago de Compostela no ano 1909. O seu pai, Antonio Naveira Pato, era membro da familia Naveira Pato, unha das máis importantes de Betanzos, e foi avogado e redactor do xornal
La Defensa: Órgano de las Asociaciones de Agricultores, e a súa nai, María Goday Goday, proviña da familia dos conserveiros Goday, que tiñan fábrica na Illa de Arousa. O apelido paterno era empregado habitualmente como
Naveira
, pero Antonio adoptou artisticamente a forma
Naveyra
, aínda que ás veces o seu apelido apareza tamén escrito do outro xeito.
Dende pequeno desenvolveu un fondo amor polo teatro e polo mundo do espectáculo. Estudou Dereito na Universidade de Madrid, carreira que rematou no ano 1933. Foi na capital española onde comezou a facer teatro como actor, no Club Antistora, onde coñeceu a Federico García Lorca, e despois en La Farándula e no Teatro Español, baixo a dirección do director Felipe Lluch.
Trasladouse á Coruña e compaxinou o exercicio da avogacía cunha forte implicación no teatro amador, primeiro como actor, labor no que empregaba habitualmente o pseudónimo Antonio Navas, e despois, aínda que seguiu actuando, enfocouse especialmente na adaptación e na dirección, así como na escritura, e desenvolveu tamén un importante labor de conservación e difusión do folclore galego.
Ademais, o seu amor polo teatro levouno a impartir numerosas conferencias e coloquios sobre a arte escénica (sobre os diferentes elementos da interpretación actoral, de análise do traballo dos principais directores de escena internacionais do momento...), e a colaborar en xornais e revistas, escribindo tanto en galego como en castelán.
Dirixiu o cadro artístico do Centro Deportivo e Cultural Santa Lucía, co que montou pezas como
La sirena varada, de Alejandro Casona, no ano 1952; e colaborou co cadro artístico do Conservatorio de Música e Declamación da Coruña, co que actuou en diferentes postas en escena, destacando a súa interpretación do Don Juan, nunha montaxe do
Don Juan Tenorio, de Zorrilla, dirixida por María Luisa Durán Marquina no ano 1949, e no que tamén dirixiu montaxes, como a súa adaptación de
Sueño de una noche de verano, de William Shakespeare, no ano 1951, que era o autor cuxa obra Antonio recoñecía que máis lera e relera na súa vida.
Porén, unha das entidades coas que máis se vinculou na súa faceta de director foi a Asociación Cultural Iberoamericana (A.C.I.), cuxos actos constitucionais se celebraron os días 9, 10 e 11 de xuño de 1951. Antonio dirixiu o Teatro de Cámara da A.C.I. e con el montou numerosas pezas, en castelán, como
Edipo abandonado e o auto sacramental
La mujer más probada, de Xosé Luís López Cid, nos anos 1954 e 1955, respectivamente (desta última fíxose unha destacada posta en escena vertical na fachada da igrexa de Santa Eufemia, en Ourense);
Las sillas, en 1960, e
La lección, en 1962, de Eugène Ionesco; ou
Ligazón e
La rosa de papel, de Valle-Inclán, no ano 1962; e tamén en galego. Destas últimas destacaron
O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro, estreada o 31 de agosto de 1959 no Teatro Colón da Coruña, e que, debido á censura, só se puido ver na Coruña e en Lugo (que acolleu unha función nas Festas do San Froilán dese ano que gozou dun grande éxito); e
Os vellos non deben de namorarse, nunha montaxe estreada na Praza de Touros da Coruña o 14 de agosto de 1961. Colaborou tamén co Teatro Experimental Tespis, compañía coa que puxo en escena outra peza de Cunqueiro:
A noite vai coma un río, no ano 1973.
No seu traballo de posta en valor do folclore galego, Antonio foi director artístico da Asociación Cultural Aturuxo, formada o 20 de marzo de 1955, coa que puxo en escena espectáculos como
Roseira de costumes, na que tamén se encargou do libreto;
A morte do gaiteiro, de Ramón Cabanillas, nun programa cuxa primeira parte incluía «Ruada» e «Tempos de danza» do propio Naveyra;
Lendas e costumes, ou
Noitegas.
O poeta Antón Avilés de Taramancos, que fora axudante del na función de
La mujer más probada na fachada da igrexa de Santa Eufemia en Ourense e que participara tamén na función de estrea do
Don Hamlet no Teatro Colón, referíase a Naveyra como
un director nato
e destacaba os seus coñecementos tanto literarios como técnicos. Nesa liña, o actor Enrique Pérez “Payón”, que actuara baixo a dirección de Naveyra en montaxes como
Os vellos non deben de namorarse,
La rosa de papel,
Don Hamlet ou
La sirena varada, considerábao o mellor e
máis capacitado
director da Coruña do seu tempo, pola súa
dedicación, formación e talento para resolver e realizar as obras máis difíciles
. As palabras de persoas que traballaron con el e as referencias xornalísticas ás numerosas montaxes nas que participou ou que impulsou dan testemuño da súa longa traxectoria e dedicación ao mundo do teatro e do folclore na Galicia de mediados do século XX.
Bibliografía
Angueira, Víctor de: «23 preguntas a nuestros poetas, narradores y ensayistas: XXI. Contesta Naveyra», La Noche, 12583 (20 de xullo de 1962), 3 e 6.
Angueira, Víctor de: «El hombre: Antón Naveyra comenzó a hacer teatro con Federico García Lorca», La Noche, 12583 (20 de xullo de 1962), 3 e 6.
B.R.: «A morte do gaiteiro será representada mañana en la Plaza de Toros de La Coruña. Intervendrán más de cien actores. Entrevista con el director general de la obra, D. Antonio Naveira», La Noche, 13320 (8 de agosto de 1964), 12.
Lourenzo, Manuel e Pillado Mayor, Francisco: Dicionário do teatro galego (1671-1985). Barcelona: Sotelo Blanco, 1987.
Lourenço-Módia, Cilha: O Teatro Circo na configuración do teatro independente galego (1967-1978) [Tese de Doutoramento]. A Coruña: Universidade, 2012.
Torres Regueiro, Xesús: «A estrea na Galiza de Os vellos non deben de namorarse», Anuario Brigantino, 33 (2010), 423-440.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, 2007.