Poeta galeguista e activista culturalNacido na Chancela de Arriba (Logrosa, Negreira) o 15 de xuño de 1944, era fillo de Manuel López Hombre –carpinteiro– e de Pilar Gómez Rama –ama de casa–, que tiñan aberta unha pequena tenda rural na aldea anexa á vila do Cotón. A súa nai tamén traballou de xornaleira e tiveron outra filla, Rosa....
Poeta galeguista e activista culturalNacido na Chancela de Arriba (Logrosa, Negreira) o 15 de xuño de 1944, era fillo de Manuel López Hombre –carpinteiro– e de Pilar Gómez Rama –ama de casa–, que tiñan aberta unha pequena tenda rural na aldea anexa á vila do Cotón. A súa nai tamén traballou de xornaleira e tiveron outra filla, Rosa. Os irmáns quedaron orfos de pai con dez anos. Pepe deixou a escola de estudos primarios aos trece e comezou xa daquela a traballar como aprendiz de albanel ata os dezaseis, cando principiou o seu emprego no Rexistro da Propiedade de Negreira, onde desenvolveu a súa vida laboral como oficial durante 48 anos, deica a súa xubilación.
Eu fun un auténtico neno proletario (...) nunha casa con moitas carencias
, deixou escrito. Estivo casado con María Pena Ruso e dese matrimonio, celebrado o 20 de maio de 1972, naceron os seus fillos José Manuel e Alexis. Escritor de formación autodidacta chegaría a recibir varios premios literarios, publicou sete libros de poemas e traballos en prosa. “Pepe Ardeiro” ou “O Ardeiro” son os nomes habituais cos que se recoñeceu entre as súas amizades e veciñanza.
Foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes no ano 1976 e formou parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Participou en variadas actividades sociais e culturais, na política da esquerda nacionalista –exerceu como concelleiro de Esquerda Galega en Negreira en 1983, encargándose da área de cultura–, presidiu a ANPA do Colexio Público negreirés e pertenceu á xunta directiva da Asociación para a solidariedade Alén Mar (ONG, comarca de Barcala) –da que foi secretario–, así como ao orfeón Terra a Nosa, de Compostela. Concedéuselle a Medalla de Ouro do Concello de Negreira en 2002. Foron grandes afeccións súas a literatura, o cine e a música.
Grazas a unha xira de concertos do amentado orfeón por América (1991) puido actuar con esta agrupación coral en auditorios emblemáticos de varias capitais suramericanas. As súas viaxes a Portugal, Alemaña, México e Praga deixaron pouso na súa vida, e así se reflectiu en varias das súas composicións poéticas. Dende a década de 1990 mantivo outra paixón vital: Cuba e a cidade da Habana, que visitou en varias ocasións e que tamén marcou a súa traxectoria biobibliográfica. Tampouco se pode esquecer na personalidade de Pepe Ardeiro o seu amor polos viños, alcois varios, as estadías e as cantareas nas tabernas, a charla e festas coas amizades, a bohemia, o compromiso solidario, a vida nocturna... Así mesmo, é de salientar que Ardeiro exerceu de
padriño
literario do colectivo poético feminino e xuvenil Novas Verbas, colaborando na edición do seu libro intitulado
Cando as luces rebentan o silencio (2003).
Un cancro foi crebando a saúde de Pepe Ardeiro e faleceu na cidade de Ferrol o 21 de decembro de 2007, a onde se desprazara co seu amigo de Logrosa Pepe Ponte Far para coñecer e escoitar ao poeta asturiano-leonés, Antonio Gamoneda. Foi inhumado no cemiterio parroquial de Logrosa, e na súa campa pódese ler un epitafio que insire versos seus:
Galego e poeta. 'Tan só uns intres, non o dubides, / serán tan só uns intres, / e logo será o reino, o templo de ánfora e xazmín, / a plenitude'
.
O Concello de Negreira asignoulle o seu nome a unha rúa da vila, no marco dunha homenaxe póstuma da veciñanza, celebrada na Casa da Cultura negreiresa o 15 de maio de 2008, que incluíu un concerto do orfeón Terra a Nosa. Alí tamén se presentou un documental con realización e guión de Alberto Lema, titulado
As voces do poeta. Homenaxe a Ardeiro, no que participaron un grupo de familiares e amizades. Amais, o seu Concello natal está a convocar un certame poético anual, de ámbito galego, na súa memoria (XIII edición, ano 2024).
Pola calidade de tres das súas obras recibiu premios literarios. O primeiro libro de poemas,
Na néboa dunha espranza (1981), acadou o galardón Cidade de Ourense (Concello de Ourense, 1981).
En bela sombra e amaranto (1985) recibiu o premio Celso Emilio Ferreiro (Concello de Vigo, 1985) e o poemario
O matiz esmeralda da sombra (1991) erguérase como gañador no certame Eusebio Lorenzo Baleirón (Concello de Dodro, 1988). Os outros libros seus levan como títulos
Sombras e outras presencias (1992),
Un xardín no tempo (2001) e
Versos de ausencia e desagravio (2005). Aínda que viron a luz postumamente, débese facer referencia a dúas obras máis. Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade deron a coñecer en 2008 o libro
As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro, centrado nas súas vivencias persoais e literarias, a través dunha restra de conversas co autor. E en 2010 publicouse outra edición póstuma, preparada neste caso por Xosé A. Ponte Far, con outros textos poéticos de Pepe Ardeiro:
Un tempo de amor e de voces na diáspora.
Colaborou nos volumes
Coroa Poética para Castelao, de Xesús Alonso Montero;
Negreira na guerra do 36,
Arredor do Centenario de Rosalía (1985),
O centenario de Castelao na lembranza (1986),
Feiraco e o Val de Barcala,
Un camiño de progreso,
Maruxa na Casa Museo de Rosalía e
Vinte anos trobando coa cultura. Afonso Eanes, 1976 –1996, de X. Amancio Liñares Giraut; e
Valle-Inclán, o que non fenece, de Xosé Barreiro Luaña.
Escribiu nas revistas
Ateneo Ferrolán,
Concepción Arenal,
Ferrol Análise,
Dorna,
24 follas, no
Boletín Afonso Eans, nas publicacións da Asociación de Veciños A Barcalesa, na revista conmemorativa do Centenario da Unión Barcalesa da Habana (2007) e na prensa galega (
La Voz de Galicia,
El Correo Gallego); e especialmente no semanario barcalés
O Norte, no cal levou un tempo a sección «Sempre haberá poesía». Amais, fican aínda inéditos algúns dos seus textos, en verso e prosa.
Dos seus trazos vitais e da súa obra literaria fixeron referencias en prólogos, xornais ou revistas autores como Xosé A. Ponte, Amancio Liñares, Avelino Abuín de Tembra, Luis Alonso Girgado, Luísa Villalta, Xulio L. Valcárcel, Román Raña, Helena Villar, Antonio Puentes, Noemí Álvarez, María Rey, Suso Sambade, Emilio Forján, Marcos Manteiga, Avelino Pousa Antelo, Xoán Xosé Fernández Abella, David Otero, Vicente Araguas ou Manuel Álvarez Torneiro.
As achegas da obra poética de Pepe Ardeiro
Tense escrito que a súa poesía presenta como trazos esenciais o intimismo, o compromiso social e patriótico, as viaxes, as lembranzas familiares e da terra matricial, as evocacións aos grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...
Francisco Fernández del Riego apunta no seu
Diccionario de escritores en lingua galega (1990) que
o autor tense declarado como poeta intimista
. Os redactores do
Diccionario da Literatura Galega (1995) engaden que
na súa poesía destacan o intimismo, a apropiación subxectiva da paisaxe e a omnipresenza temática da soidade e do amor, sen por iso renunciar a pór de manifesto certas inquedanzas sociais e patrióticas
.
Outras consideracións e análises sobre a personalidade do Ardeiro e a súa obra recóllense nos limiares que preceden ás edicións dos distintos libros publicados por este bardo barcalés. De seguido, compendiamos algúns exemplos.
Autenticidade e sinxeleza ó servizo de cada poema. A expresión suave ó servizo da autenticidade do sentimento. E a preocupación social polo entorno, así como o desacougo espiritual do propio poeta, son as columnas sobor das que se artella este pequeno, pero xeitoso e ben logrado, edificio de creación, traballado cunha lingua rica e fresca que vén a darlle harmonía e unidade á obra
(Xosé A. Ponte Far, no limiar de
Na néboa dunha espranza, 1981).
El, bardo que se ten definido a si mesmo coma 'exasperadamente calmo', recréase en paraxes ás veces máxicas e oníricas cando deseña versos. (...). Aínda é mester salientar outros trazos inherentes á personalidade deste lírico comprometido: é autodidacta, tan fabulador coma Cunqueiro, posúe o segredo do humor e mais a simpatía pavera na acepción que lle daban os gregos clásicos, porque manifesta unha comunidade de sentimentos. (...). Neste segundo libro seu, dotado de máis paisaxe anímica ca xeográfica, no que se revela un exquisito axuste da palabra ó ritmo, hai recursos, temática e linguaxe que veñen perfeccionando sucos abertos co poemario que gañara o premio Cidade de Ourense no 1981
(X. Amancio Liñares Giraut, no limiar de
En bela sombra e amaranto, 1985).
Ardeiro ten máis amigos que habitantes nas umbras entre o Tambre e o Xallas. Ardeiro conquista, día a día, unha fronteira nova na arte de destilar palabras, voces, sentimentos, pero sempre entre unha fragante e musical impresión. López Gómez leva o Tambre nos ollos. (...). ¡A sombra frente á orquídea, sinónimo de fulgor! ¿Decadentismo simbolista? ¿Neomodernismo trasnoitado? O gusto polos calificativos aromáticos, hedónicos, sensibles, constitúe o excelente recurso léxico de Ardeiro. Os desprazamentos de calificativos, as sinestesias, as prosopopeias, as hipérboles, o xogo de soños e nostalxias, a melodía das lembranzas, os silencios acesos, o atinado emprego de metáforas antropomórficas, son acertos afortunados do poeta
(Avelino Abuín de Tembra, no limiar de
O matiz esmeralda da sombra, 1991).
A procura da patria agardada (unha Galicia ideal), a creación de paisaxes anímicas e oníricas, a homenaxe a benqueridos poetas galegos, a temática da soidade e do amor, da desesperanza e a liberdade, a fervenza e riqueza da palabra poética, a transmisión ó lector da palpitación emotiva do seu espírito son algunhas das peculiaridades desta poesía
(Luís Alonso Girgado, na presentación de
Sombras e outras presencias, 1992).
Un xardín no tempo oferece unha mostra de vida vivida poeticamente, isto é, en construción: construción do espacio e construción do tempo para fundir estas dúas dimensións na testemuña de que é posíbel habitar un pouco máis alá, no edificio tan asequíbel como arriscado da poesía
(Luísa Villalta, no prólogo de
Un xardín no tempo, 2001).
Ardeiro oficia de argonauta, lévanos da súa man e da súa voz por ensoñacións suxerentes, por ambientes cálidos e balsámicos nos que sen embargo é doado apreciar a marca dourida da couza, ese pequeno buraquiño escuro, esa espiña ferinte que lacera a alma do poeta como un calafrío ardente. (...). Canto á cuestión formal, os poemas son longos e ben afinados, non faltan as estrofas clásicas (...). Ardeiro non lle ten medo á composición, ergue a arquitectura verbal con habelencia demorada, construíndo palabra a palabra este edificio de amor e de dor que, malia ter o espírito ferido da morte, (como el di), por virtude da maxia poética e da nobreza do sentimento, reconverte a morte en vida, a beleza en desamparo
(Xulio L. Valcárcel, prólogo de
Versos de ausencia e desagravio, 2005).
O libro ten dúas partes diferenciadas (...): a primeira ten un contido fundamentalmente amoroso; a segunda, é unha homenaxe a á emigración galega en América (...). A modo de eixo separador, pero tamén vertebrador, sitúanse sete poemas 'tocados da esencia de Khalil Gibran', un poeta e pensador libanés, moi apreciado por Ardeiro
(Xosé A. Ponte Far, limiar de
Un tempo de amor e de voces na diáspora, 2010 -obra póstuma-).
Xa tamén conformando un volume editado despois do seu falecemento, Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade ofrécennos en 2008 un retrato máis completo do autor de Logrosa, coa publicación de
As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro. Trátase dun libro redactado a partir de moitas horas de conversas, que afondan na súa biografía, opinións, ideais, viaxes... xunto con diseccións do seu
corpus poético, a inclusión de testemuños de persoas amigas e dunha escolma dos seus versos.
Obra de Xosé M. López Gómez, Ardeiro
Poesía
Na néboa dunha espranza. Ourense: Limbo, 1981.
En bela sombra e amaranto. Salamanca: Algalia, 1985.
O matiz esmeralda da sombra. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 1991.
Sombras e outras presencias. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
Un xardín no tempo. Santa Comba (A Coruña): tresCtres, 2001.
Versos de ausencia e desagravio. Culleredo ( A Coruña): Espiral Maior, 2005.
Un tempo de amor e de voces na diáspora. Culleredo (A Coruña): Espiral Maior, 2010.
Participación en obras colectivas
Coroa poética para Castelao. Edición de Xesús Alonso Montero, 1988.
Negreira na guerra do 36. Edición de Amancio Liñares, 1993.
Arredor do Centenario de Rosalía, 1985. Edición de Amancio Liñares, 1995.
Feiraco e o Val de Barcala. Un camiño de progreso. Edición de Amancio Liñares, 1995.
O centenario de Castelao na lembranza, 1986. Edición de Amancio Liñares, 1997.
Vinte anos trobando coa cultura. Afonso Eanes, 1976 –1996. Edición de Amancio Liñares, 1997.
Maruxa na Casa-Museo de Rosalía. Edición de Amancio Liñares e Gonzalo Rey, 1999.
Valle–Inclán, o que non fenece. Edición de Xosé Barreiro Luaña, 1999.
Cando as luces rebentan o silencio. Edición do colectivo poético Novas Verbas, 2003.
Bibliografía
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (27/12/200/): «Na morte de Ardeiro», Galicia Hoxe.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2007): «X. M. López Gómez, Ardeiro», Grial: revista galega de cultura, 174 (abril, maio, xuño), 9-10.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2008): As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro. Noia (A Coruña): Toxosoutos.
Álvarez, Noemí. María Rey e Suso Sambade (2010): «Ardeiro», A Trabe de ouro: publicación galega de pensamento crítico, 82 : 73-89.
Asociación de Veciños A Barcalesa (6/5/2008): «O noso poeta barcalés», Tierras de Santiago.
Cañada Acebal, Silveiro (ed) (1974[-1986]): «López Gómez, Xosé Manuel». En Gran Enciclopedia Gallega. XIX. Xixón: Silverio Cañada; 19: 1, Silverio Cañada Editor; 157.
Fernández del Riego, Francisco (1990): «López Gómez, Xosé Manuel». En Diccionario de escritores en lingua galega. Sada: Ediciós do Castro.
Forján, Emilio (14/5/2008): «O poeta Ardeiro recibe mañá a homenaxe do Concello negreirés e da cultura galega», La Voz de Galicia.
Forján, Emilio (15/5/2008): «Homenaxe con rúa para Ardeiro
», La Voz de Galicia.
Gamoneda, Antonio (2/8/2008): «Las palabras de Gamoneda», La Voz de Galicia, (Culturas)
Liñares Giraut, X. Amancio (2/6/2015): «¿Lembramos a Pepe Ardeiro neste mes de xuño?», na edición dixital de La Voz de Galicia (O novo Fiadeiro).
Manteiga, M. (8/1/2008): «Dolor por la pérdida del poeta de Barcala», Tierras de Santiago.
Manteiga, M. (13/5/2008): «Ardeiro torna á vida no rueiro e con Blázquez», Tierras de Santiago.
Ponte Far, Xosé A. (15/2/2006): «Poetas de hoxe. Xosé M. López Ardeiro», La Voz de Galicia (La Voz de la escuela).
Ponte Far, Xosé A. (18/2/2006): «A madurez do poeta», La Voz de Galicia.
Ponte Far, Xosé A. (31/12/2007): «Poeta e amigo, na lembranza», La Voz de Galicia.
Ponte Far, Xosé A. (2/8/2008): «Dos poetas, una cita y un pesar», La Voz de Galicia, (Culturas).
Ponte Far, Xosé A. (5/2/2011): «Libro póstumo», La Voz de Galicia.
Puentes Chao, Antonio (2001): «Un xardín no tempo», Grial: revista galega de cultura, 152 (outubro, novembro, decembro), 640 – 642.
Valcárcel, Xulio (25/5/2008): «Homenaxe a Ardeiro», El Ideal Gallego.
Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega. I: Autores. Vigo: Galaxia.
Villar Janeiro, Helena (28/12/2007): «En memoria do poeta Ardeiro», El Correo Gallego.