En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), suma a entrada do escritor galeguista e activista cultural Xosé Manuel López Gómez (Logrosa, Negreira, 1944 – Ferrol, 2007). Máis coñecido como “Pepe Ardeiro” ou “O Ardeiro”, tivo na literatura unha das súas grandes afeccións. Malia publicar traballos en prosa, destacou como poeta cunha obra marcada polo “intimismo, o compromiso social e patriótico, as viaxes, as lembranzas familiares e da terra matricial, as evocacións aos grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...”. Así o subliña o autor da entrada, Xosé Amancio Liñares Giraut.
“Eu fun un auténtico neno proletario […] nunha casa con moitas carencias”. Así se refería Pepe Ardeiro nun dos seus escritos ao que fora a súa infancia. Na entrada do Álbum de Galicia, Xosé Amancio Liñares comeza por explicar como foron eses anos de xuventude na vida de Ardeiro. Deixou a escola primaria á idade de trece anos e comezou a traballar como aprendiz de albanel ata que ingresou no Rexistro da Propiedade de Negreira, xa cando sumaba dezaseis anos. Foi nesta institución “onde desenvolveu a súa vida laboral como oficial durante corenta e oito anos, deica a súa xubilación”, subliña o autor da súa biografía.
Nela tamén alude á participación de Pepe Ardeiro en actividades de carácter social e cultural. Así, foi membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes, integrante da Asociación de Escritores en Lingua Galega e secretario da ONG Alén Mar. Ademais, estivo vinculado coa actividade “política da esquerda nacionalista” e “exerceu como concelleiro de Esquerda Galega en Negreira en 1983”, encargado da área de Cultura, indica Xosé Amancio Liñares.
Xunto co seu activismo cultural, a entrada pon o foco na súa faceta literaria. Escritor de formación autodidacta, Pepe Ardeiro cultivou a poesía e publicou tamén traballos en prosa. Colaborou con varios volumes, como Coroa poética para Castelao, de Xesús Alonso Montero, ou Negreira na guerra do 36, de Xosé Amancio Liñares; escribiu en revistas (Ateneo Ferrolán, Concepción Arenal etc.) e en diferentes xornais galegos (La Voz de Galicia ou El Correo Gallego), e dirixiu a sección “Sempre haberá poesía” no semanario O Norte. Da súa produción, o autor da súa biografía destaca os sete poemarios que escribiu e, en concreto, as obras Na néboa dunha espranza (1981), En bela sombra e amaranto (1985) e O matiz esmeralda da sombra (1991), cuxa calidade as fixo merecentes dos premios Cidade de Ourense (1981), Celso Emilio Ferreiro (1985) e Eusebio Lorenzo Baleirón (1988), respectivamente.
A influencia que tiveron as viaxes a países como Portugal, Alemaña e México ou á cidade de Praga na vida e obra poética de Pepe Ardeiro é outro dos puntos sobre os que afonda Xosé Amancio Liñares no texto que asina para o Álbum de Galicia. Porén, tal e como explica o autor, “dende a década de 1990 mantivo outra paixón vital: Cuba e a cidade da Habana, que visitou en varias ocasións e que tamén marcou a súa traxectoria biobibliográfica”. Ademais das viaxes e a literatura, o cine e a música foron tamén dúas das súas grandes afeccións. De feito, formou parte do orfeón compostelán Terra a Nosa, co que actuou nunha xira de concertos que a agrupación coral realizou por América do Sur no ano 1991.
Xosé Amancio Liñares destaca tamén na súa entrada as achegas que fixeron diferentes autores e autoras sobre a obra poética de Pepe Ardeiro, unhas consideracións que permiten profundar tanto na propia personalidade do escritor como nos aspectos formais, nos recursos léxicos, nas temáticas e nas peculiaridades que definen a súa poesía.
Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 725 entradas, das cales as máis recentes son as da liñaxe de fotógrafos Llanos, a de Dorothé Schubarth, a de Ramón Piñeiro e a de Genoveva Vázquez Calviño.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por persoas expertas e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.