Pintor, escultor e deseñador de escenografía e vestiario moi vinculado ao teatro galegoFrancisco Conesa Hernández, coñecido habitualmente como Paco Conesa, foi un artista multidisciplinar nado en La Unión, en Murcia, o 12 de novembro do ano 1944, onde finou o 29 de agosto de 2016. Ademais da súa ampla e vizosa traxectoria como pintor e escult...
Pintor, escultor e deseñador de escenografía e vestiario moi vinculado ao teatro galegoFrancisco Conesa Hernández, coñecido habitualmente como Paco Conesa, foi un artista multidisciplinar nado en La Unión, en Murcia, o 12 de novembro do ano 1944, onde finou o 29 de agosto de 2016. Ademais da súa ampla e vizosa traxectoria como pintor e escultor, desenvolveu unha prolífica carreira como escenógrafo e deseñador de vestiario vinculada ao teatro galego.
Xa dende neno Conesa manifestou unha gran paixón polo debuxo, a pintura e o modelado, e tivo como primeiro mestre nas artes a Asensio Sáez, quen alentou a súa vocación. Ademais de seguir formándose con outros mestres, fixo estudos de modelado na Escola de Artes e Oficios de Madrid, e adquiriu formación vinculada coa arte e a decoración. Tamén cursou estudos de pintura na Universidade de Perugia, en Italia, e gozou dunha bolsa para continuar a súa preparación na fundación Armando Alvares Penteado, en São Paulo, en Brasil.
Ao regresar a España seguiu residindo sobre todo en Madrid (aínda que pasaba longos períodos en La Unión), ata que decidiu mudarse de volta á súa vila natal. Durante o tempo que residiu na capital española coñeceu e comezou a establecer pontes creativas con persoas e grupos do teatro independente español e, sobre todo, galego. Aínda que colaborou tamén coas artes escénicas da súa terra, en concreto co Festival del Cante de las Minas, participando no deseño e realización de escenografías e de carteis (destes últimos encargouse do da 13ª edición do festival, no ano 1973, e do da 26ª edición, en 1986, e foi autor da ilustración da portada da revista
Lámpara Minera na edición de 2010, cando se celebrou o medio século de vida do festival), a súa carreira vinculada á escena desenvolveuna case na súa totalidade no teatro galego.
O seu vencello coa escena galega foi forte, prolífico e sostido no tempo, a través do traballo na plástica escénica e no deseño de carteis con algunhas das principais compañías privadas e co Centro Dramático Galego, tomando parte, de xeito pioneiro, na profesionalización do sector escénico. No verán de 1979, participou con Xulio Lago e Dorotea Bárcena na fundación do grupo Teatro da Mari-Gaila, como asesor plástico e escenógrafo, asinando a escenografía, o vestiario e, nalgún caso, tamén o cartel, de diferentes montaxes: O
Agnus Dei dunha nai, de Dorotea Bárcena, dirixida por Xulio Lago, na que foi asesor plástico;
Ensaio festivo para unha marcha fúnebre, unha versión de
Las paredes, de Griselda Gambaro, na tradución ao galego de Xesús Valcárcel, no ano 1981, na que se encargou da escenografía e do deseño do vestiario e do cartel;
Acto cultural, de José Ignacio Cabrujas, na tradución de Manuel Lourenzo e baixo a dirección de Xulio Lago, en 1982, na que se ocupou da escenografía e do deseño de vestiario; e
A noite das tríbades, de Per Olov Enquist, na tradución ao galego de Inés Ruibal, tamén baixo a dirección de Lago, en 1983, na que asumiu a escenografía e o deseño de vestiario.
Nos comezos dos anos oitenta do século XX outra compañía de teatro coa que colaborou foi a Luís Seoane, en varias montaxes dirixidas por Manuel Lourenzo, encargándose das escenografías de
Edipo rei, de Sófocles, na versión de Manuel Lourenzo, no ano 1983;
Fausto: Lenda áurea dos santos da montaña, inspirada na tradición galega e en temas de Goethe e Marlowe, en 1984, en coprodución co Centro Dramático Galego; ou
O Rei aborrecido, de Xesús Pisón.
Conesa foi o primeiro deseñador de escenografía do Centro Dramático Galego (CDG), ao asumir o deseño da do
Woyzeck, de Georg Büchner, na montaxe dirixida por Xulio Lago no ano 1984; e despois formou parte tamén do equipo artístico doutras producións e coproducións da entidade: de
Follas Novas, de Rosalía de Castro, na versión de Dorotea Bárcena, quen tamén a dirixiu, no ano 1985, na que deseñou a escenografía e o vestiario; d’
O enfermo imaxinario, de Molière, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 1986, onde asumiu o deseño da escenografía, dos figurinos, do
attrezzo e das perrucas, e tamén a elaboración destas últimas, en colaboración con Damaret S.A.; d’
A pousadeira, de Carlo Goldoni, na tradución ao galego de Cándido Pazó dirixida por Xoán Cejudo no ano 1987, na que fixo o deseño de vestiario (neste caso a escenografía estaba deseñada por Rodrigo Roel); d’
As alegres casadas, de William Shakespeares, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 1989, na que se encargou do deseño da escenografía, do vestiario, do
attrezzo, das máscaras, das perrucas e do cartel; d’
A casa dos afogados, de Miguel Anxo Fernán-Vello, baixo a dirección de Manuel Lourenzo, en 1991, na que fixo o deseño da escenografía e dos figurinos; da montaxe d’
Un soño de verán, de William Shakespeare, dirixida por Eduardo Alonso no ano 1992, e na que se encargou do deseño da escenografía, do vestiario, do
attrezzo, das máscaras, das perrucas e da maquillaxe; de
Lisístrata, ou cando as mulleres reviraron, de Aristófanes, na montaxe dirixida por Eduardo Alonso en 1997, na escenografía e o vestiario; d’
A cacatúa verde, de Arthur Schnitzle, no ano 2001; ou de
Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, en coprodución con Teatro do Noroeste, no ano 2013, nas que fixo o deseño de escenografía e vestiario; estas dúas últimas tamén baixo a dirección de Eduardo Alonso. O escenógrafo e creador de vestiario Diego Valeiras resumiu o traballo de Conesa nas diferentes obras nas que participou no CDG, que recibira moi boas críticas na prensa da época, como
achegas escenográficas moi diversas pero cun nexo común, a estilización das formas e a busca no vestiario dun realismo histórico que deixa poucas licenzas á imaxinación
.
Houbo tamén outras compañías privadas coas que colaborou Paco Conesa na década de 1980, nos diferentes apartados da plástica escénica: Teatro do Atlántico, na montaxe de
Xoana, de Manuel Lourenzo, baixo a dirección de Xulio Lago, en 1985; Teatro do Malbarate, en
Xogos de damas, de Anxel R. Ballesteros, en 1987, baixo a dirección de Eduardo Alonso; a Escola Dramática Galega, en
Como as camisas de liño, con autoría e dirección de Manuel Lorenzo, en 1988;
Adeus, Madelón, en 1989, tamén con autoría e dirección de Manuel Lorenzo; ou Lagarta, Lagarta, en
Fobias: Unha estraña noite na casa de Luis Mendía, de José Luís Prieto, baixo a dirección de Lino Braxe, no ano 2004; e n’
As últimas lúas, de Furio Bordón, na adaptación de Cándido Pazó dirixida por Xulio Lago, no ano 2007.
Dende os anos oitenta, o artista mantivo ademais unha prolífica relación creativa con Teatro do Noroeste que se estendería durante varias décadas, como deseñador de escenografía e vestiario e, nalgúns casos, tamén de
attrezzo e dos carteis e programas, en montaxes dirixidas por Eduardo Alonso, como
Medea, en 1987, de Eduardo Alonso e Manuel Guede, nunha versión libre a partir de textos de Eurípides, Séneca, Anouilh e Passolini;
Rei Lear, de William Shakespeare, en 1990,
Os xustos, de Albert Camus, en 1991;
A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, en 1992;
Galileo Galilei, de Bertolt Brecht, en 1993;
As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, no ano 1994;
Macbeth, de William Shakespeare, na versión de Eduardo Alonso, en 1994;
Historias peregrinas, de Miguel Anxo Murado, en 1995;
Noite de Reis, de William Shakespeare, en 1996;
Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, en 1997;
Estación Mahagonny, de Alexandra Moreira da Silva, a partir da obra de Bertolt Brecht, en 1998, que foi unha coprodución de Teatro do Noroeste coa compañía homónima portuguesa de Viana do Castelo e o Centro Dramático Galego; e nas obras escritas por Eduardo Alonso
Imperial: Café Cantante, Vigo 1936, en 2006;
Glass City. Cidade de cristal, no ano 2009;
Piratas, en 2012; e
Palabras malditas, en 2016.
En todos eses anos tamén colaborou de xeito puntual con compañías doutros contextos escénicos, como Estudio Teatro, a comezos dos anos 80 do século XX, ou con Corral del XXI, en 2015.
Durante a súa traxectoria vencellada ao teatro, Conesa foi galardoado cun total de cinco Premios María Casares, polo vestiario de
Imperial: Café Cantante e polas escenografías de
Noite de Reis,
A cacatúa verde,
Imperial: Café cantante e
Piratas. Entre outros premios que recibiu, están o que obtivo pola súa escenografía do
Woyzeck na I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e o Premio Compostela 1990 á mellor escenografía e vestiario por
As alegres casadas.
Esa faceta que tivo tanto peso na escena galega, ata hai moi pouco non era aínda tan coñecida na súa terra natal, onde sobre todo destacaban o seu labor como debuxante, pintor e escultor. Como debuxante e pintor participou en numerosas exposicións individuais e tamén colectivas, algunha delas en Galicia, e en La Unión deixou unha gran pegada como pintor de murais e escultor de figuras da imaxinería relixiosa, sendo o autor dalgunhas das imaxes máis representativas da Semana Santa Minera, como o Cristo Xacente.
No ano 2010 o Concello da súa vila natal, nos actos conmemorativos do 150º aniversario do municipio, concedeulle a Paco a Placa de Gratitude polo seu labor de difusión do bo nome da localidade fóra da mesma. Ademais, en xaneiro do ano 2017, uns meses despois do seu falecemento, acontecido o 29 de agosto de 2016, o Concello nomeouno tamén
fillo predilecto
da vila.
Dende entón a artista Julia Bermúdez, coa colaboración da familia de Paco Conesa, encargouse de difundir a súa figura e a súa obra, sendo a comisaria de mostras e actos de homenaxe para dar unha maior visibilidade ás diferentes facetas artísticas do artista, como os celebrados en novembro do ano 2024, coincidindo co mes de nacemento do artista, no 80º aniversario da súa nacenza. Nestes participou Eduardo Alonso, con varias intervencións e unha mostra arredor do traballo que fixera o artista de La Unión para a escena, dentro da prolífica relación artística que mantiveran el e Alonso ao longo de tres décadas. Alonso fixo fincapé nas calidades artísticas de Paco, non só como deseñador, senón tamén como
gran coñecedor do oficio escénico
, dende as cuestións máis vinculadas ao seu labor plástico, no referente a elementos como teas e outros materiais, ata ás cuestións técnicas para a materialización dos deseños ou ata mesmo a dramaturxia.
Xa un ano antes, en 2023, a familia de Conesa cedera unha gran parte do seu legado ao Arquivo Municipal de La Unión, nun lote conformado por documentos, gravados, debuxos, bosquexos, catálogos de arte, obxectos persoais, fotografías, correspondencia, escritos e a súa biblioteca persoal, entre outros documentos. Porén, Galicia garda tamén o legado visual e estético que deixou; unha pegada que forma parte intrínseca da historia material e inmaterial do teatro galego.
Agradecementos
A Eduardo Alonso, pola súa prezada axuda.
Páxinas web de referencia
Páxina web do Centro Dramático Galego
Ficha de Paco Conesa no Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Bibliografía
González Valeiras, Diego: «A plástica escénica na Galicia do século XXI», Madrygal, 18, n.º especial (2015), 569-577.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia, Galaxia, 2007.