Ensaísta, novelista e autor dramático, moi comprometido coa historia de Galicia Daniel Cortezón Álvarez, coñecido como Daniel Cortezón, foi un escritor galego que cultivou a narrativa, o ensaio e a literatura dramática, e que destacou pola súa recuperación e revisión da historia de Galicia e a identidade galega, dende unha abordaxe críti...
Ensaísta, novelista e autor dramático, moi comprometido coa historia de Galicia Daniel Cortezón Álvarez, coñecido como Daniel Cortezón, foi un escritor galego que cultivou a narrativa, o ensaio e a literatura dramática, e que destacou pola súa recuperación e revisión da historia de Galicia e a identidade galega, dende unha abordaxe crítica. Naceu en Ribadeo o 6 de febreiro de 1927. O seu pai pertencía ao Corpo de Carabineiros e durante a primeira infancia de Daniel a familia trasladouse a diferentes lugares de Andalucía (El Cachón de Jimena, La Línea de la Concepción e Alxeciras), e no ano 1934 a Asturias; primeiro a Luarca, onde os colleu a Revolución de Outubro, e logo a Luanco, onde os sorprendeu a Guerra Civil. Tras a caída de Asturias a familia fuxiu a Francia e o seu pai incorporouse de novo á zona republicana nun Rexemento de Carabineiros.
O seu pai foi ferido na fronte de Teruel e trasladado ao hospital de Cofrentes en Castellón, onde se atopaba cando rematou a guerra. Dende alí foi levado a un campo de concentración en Gandía, despois a un campo de prisioneiros en Avilés e, posteriormente, á prisión El Coto de Xixón, onde foi sometido a un consello de guerra por rebelión militar, no que foi condenado a morte, unha pena que foi conmutada pola de cadea perpetua, e que logo se convertería en cinco anos de reclusión. Mentres, Daniel e a súa nai regresaron a Ribadeo. A finais dese ano, 1939, Daniel comezou a traballar nunha carpintería e en febreiro de 1940 pasou á Farmacia Sarmiento, que viña de ser inaugurada, como aprendiz de botica. Foi nese momento cando coñeceu os
Diálogos de Platón e decidiu comezar a súa formación autodidacta na biblioteca municipal, da que, co paso do tempo, lería practicamente os máis de 3000 volumes que contiña o seu fondo bibliográfico, lecturas que alicerzarían a súa ampla formación autodidacta, que el sempre destacou.
Ademais de ler profusamente, Daniel axiña comezou a escribir. Iniciouse no xénero ensaístico e no ano 1945 comezou a colaborar coa revista
Rumbo, de orientación anarquista. O seu primeiro artigo asinouno con pseudónimo, e os seguintes xa co seu propio nome. Entre os artigos publicados atópanse «La decadencia del sentido estético»; «Sobre la estética de Montesquieu»; «La filosofía de la historia en Víctor Cousin» e «La estética, el arte y lo bello».
Entre os anos 1949 e 1950 fixo o servizo militar, experiencia sobre a que escribiu un diario. Tamén comezou a empregar o galego como lingua de expresión literaria e a recoller na súa creación o seu fondo interese pola historia e a identidade galega, que caracterizarían unha gran parte da súa produción, mesmo na súa alternancia coa creación literaria en castelán, xa que algunhas das súas obras foron tamén premiadas en certames estatais, nas súas versións en castelán.
No ano 1952, a raíz de ter que estar na casa por unha doenza, escribiu a novela
As covas do rei Cintolo, que enviou á editorial Galaxia. A editorial publicoulla no ano 1956, cun prólogo de Ramón Piñeiro, no que este relataba como o autor, descoñecido ata o de entón nos círculos literarios, sorprendera con esta primeira novela; nun volume que incluía un vocabulario de voces pouco usadas.
En 1953 o seu
Decálogo del auxiliar de farmacia gañou o Premio Auxiliares de Farmacia. Nesa década obtivo tamén varios premios literarios que contribuíron a seguir a dar a coñecer o seu nome e o seu traballo dentro do campo do ensaio e da narrativa, como o Premio Manuel Cao Turnes e Olimpia Corral de Cao, do Centro Galego de Bos Aires, por
Ribanzo, e o segundo premio no certame Otero Pedrayo do Lar Gallego de Caracas, co ensaio
Os esprito de Galiza, ambos en 1956; o Premio Castelao de narrativa do Centro Galego de Bos Aires por
O cabaleiro da lus, no ano 1958; e o Premio da Casa de Galicia en Nova York polo ensaio
De la saudade y sus formas, en 1959.
Os anos sesenta do século pasado tamén foron moi fecundos no plano literario para Cortezón, e neles iniciou o seu desenvolvemento no eido da literatura dramática, polo que sería especialmente coñecido, aínda que el seguise defendendo a súa condición de novelista. No ano 1959 escribira a peza breve
O cego. En 1960 obtivo un accésit no I Certame Literario do Miño por
Nicolás Flamel (que foi publicada no ano 1966 na revista
Grial, no seu número 12) e ese mesmo ano escribiu
O renarte Ciprián. No ano 1962 levou tamén dous premios do Centro Galego de Bos Aires: o Castelao de novela por
A xeva sagrada, e o Villar Ponte de teatro por
Prisciliano, co que iniciou o seu achegamento á xeración dun teatro de corte histórico, con orientación política e social.
No ano 1963 volveu obter un premio do Centro Galego de Bos Aires, neste caso o Premio Padre Feijoo, polos textos ensaísticos
Aspeitos históricos-sociolóxicos do ser de Europa,
Consideracións en col do senso e posibilidade da crítica e
Ouservacións para unha crítica en col do avidalismo da poesía galega actual. Foi tamén colaborador da revista de Auxiliares de Farmacia, da que no ano 1961 foi nomeado redactor xefe. En febreiro de 1964 trasladouse a León, para traballar nunha empresa de alí, e, posteriormente a Madrid, onde traballou e residiu ata a súa xubilación. Despois, volveu a Galicia, alternando a súa residencia entre Vigo e Ribadeo, ata rematar establecéndose en Ribadeo.
Na década de 1960 escribiu numerosas pezas en castelán e varias delas foron seleccionadas como finalistas e representadas no Festival de Teatro de Sitges:
El rey de Harlem e
Semáforo. No ano 1971 a versión en castelán da súa peza
Os Irmandiños foi finalista no Premio Cidade de Alcoi, certame do que volveu ser finalista no ano 1973 por
El mástil, e que gañaría finalmente no ano 1974 por
Compañero Presidente, compañero. En 1973
Gelmírez o la gloria de Compostela, versión en castelán de
Xelmírez ou a groria de Compostela, gañou o premio de teatro Cidade de Barcelona. A versión galega publicouna a editorial Nós, no ano 1974 en Bos Aires.
En 1975, Cortezón resultou elixido como finalista do Premio Lope de Vega, do concello de Madrid, por
Crónica del Rey Don Pedro. Dous anos máis tarde,
El mástil levou o Premio Aguilar de Teatro (e tamén o segundo premio Lebrel Blanco no ano 1979), e
Os Irmandiños fíxose co Premio Santiago Rusiñol no Festival de Teatro de Sitges. Esta última peza fora publicada por Ediciós do Castro no ano 1971, cunha segunda edición en 1978, e foi posta en escena por varias compañías, entre elas Tespis, no ano 1980, no Certame de Teatro Galego do concello de Lugo.
En 1981, Ediciós do Castro publicou
Pedro Madruga. Ese mesmo ano, unha obra súa en castelán,
Soñando a Goethe en primavera, foi seleccionada como finalista tanto no Festival de Teatro de Sitges como no Premio Aguilar de Teatro, e a súa novela
A vila sulagada obtivo o Premio Eduardo Blanco Amor de novela, na súa primeira edición, e foi publicada en Ediciós do Castro; editorial que ese mesmo ano publicou tamén outra obra dramática de Cortezón,
A disáspora.
O número 45 dos Cadernos da Escola Dramática Galega recolleu o seu ensaio
Teatro e nacionalismo, no ano 1984, e a súa peza
Crónica de Enrique IV viu a luz grazas a Ediciós do Castro en 1985. Nesa década e na seguinte, o escritor ribadense dedicouse tamén a desenvolver unha tetraloxía titulada
Castelao ou a paixón de Galicia, publicada por Ediciós do Castro, nos volumes
O animador de ilusións, de 1986;
As árbores e os xuncos, de 1989;
Intermezzo bufo, de 1996; e
O pudor e a angustia, de 1997.
No ano 1995 a editorial Sotelo Blanco publicara o seu texto para público infanto-xuvenil
Ali Ben Mangato e mailo seu cabalo branco chamado Beliador, e en 1997 foi finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática por
Intermezzo Bufo. Dous anos despois o Centro Dramático Galego fixo unha montaxe de
Xelmírez ou a gloria de Compostela, con dramaturxia e dirección de Roberto Vidal Bolaño. No ano 2002 a revista
Casahamlet publicoulle, no seu numero 4,
As escaleiras mecánicas, unha peza na que o autor aínda seguiría a traballar.
Ao longo dos anos Daniel Cortezón deixou, pois, a súa pegada, enchoupada das súas reflexións e do seu sentir, nestas e noutras moitas obras, publicadas en diversas editoriais e contextos, algunhas xa en edicións esgotadas. Tamén deixou a súa marca en numerosas publicacións que acolleron artigos seus, tanto en textos máis ensaísticos, como en recensións, críticas, lembranzas e prólogos; e fixo diferentes traducións ao galego; entre elas
Os anxos cómense crús, de Jorge Díaz, publicada por editorial Galaxia, en 1973;
Atlas bilingüe sobre Galicia, de Tirso Echeandía, publicado pola editorial Aguilar, no ano 1977;
Asambrea xeral, de Lauro Olmo e Pilar Enciso, en Edicións Xerais, no ano 1982, nunha edición bilingüe,
Paulo Iglesias, de Lauro Olmo, tamén en Ediciós do Castro, no ano 1984; ou
Guernica, de Jerónimo López Mozo, no número 28 da
Revista Galega de Teatro, no outono de 2001; e participou na elaboración do guión televisivo, en colaboración con Mariano Tudela, de
Prisciliano, para a TVG.
Porén, ten aínda obra inédita ou pouco coñecida, e, como sinalan diferentes fontes, o seu traballo aínda non recibiu o merecido coñecemento e análise. Na súa vila natal si que foron varias as homenaxes que recibiu Daniel Cortezón, xa en vida. No ano 2002 o Concello de Ribadeo outorgoulle o seu nome a unha rúa e editou varias das súas pezas dramáticas. En 2004 o Concello de Ribadeo tamén creou e lle deu o seu nome á súa Mostra de Teatro Afeccionado, que se celebra dende entón con periodicidade anual.
Faleceu en Lugo o 4 de outubro de 2009. No ano 2011, de xeito póstumo, a editorial Lar publicou
Daniel Cortezón, un volume coordinado por Matilde González Gómez e Manuel Valdín Valdés, en agarimosa lembranza e homenaxe á súa vida e á súa obra.
Bibliografía
González Gómez, Matilde e Valdín Valdés, Manuel (coords.): Daniel Cortezón. Viveiro: Lar, 2011.
Lourenzo, Manuel, e Pillado Mayor, Francisco: Dicionário do teatro galego (1671-1985). Barcelona: Sotelo Blanco, 1987.
Pascual Rodríguez, Roberto: «Daniel Cortezón. Lembranzas dunha vida autodidacta», Madrygal. Revista de Estudios Gallegos, 11 (2008), 199-205.
Riobó, Pedro P.: O teatro galego contemporáneo (1936-1996). A Coruña: Biblioteca Arquivo-Teatral Francisco Pillado Mayor, 1999.
Vieites, Manuel F. (coord.): Cento vinte e cinco anos de teatro en galego. Vigo: Xunta de Galicia e editorial Galaxia, 2007.
Vieites, Manuel F.: «As historias da nación galega: Daniel Cortezón na lembranza», suplemento Faro da Cultura, Faro de Vigo, (22 de outubro de 2009), VIII.
Vieites, Manuel F.: «Lembranza de Cortezón: O libro dos amigos», suplemento Faro da Cultura, Faro de Vigo, (23 de xuño de 2011), VIII.