Mariví Villaverde
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 22/ 11/1922 - Ribadumia (Pontevedra), 23/4/2017Autoría: Marga do Val
Sabía que a memoria podía desparecer, mais a verdade nunca
Para que a verdade non desapareza, cómpre traer de volta á memoria. Mariví Villaverde Otero sabíao e deixounos a súa en herdanza en Tres tempos e a esperanza. Xenerosa acudiu onde a chamaron: congresos, xornadas, encontros co alumnado de ensino medio, que a facían especialmente feliz. En 2006, Ano da Memoria, Mariví Villaverde formou parte do Consello da Memoria; foi recoñecida co premio Galiza Mártir pola Fundación Alexandre Bóveda, en 2009 nomeada Boa e xenerosa
pola AELG e en 2012 Republicana de honra
pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Incansábel na defensa do que consideraba xusto, participou de xeito moi activo nas mobilizacións contra a guerra de Iraq e coa paltaforma Nunca Máis.
Será recordada pola súa palabra rotunda, pola firmeza do seu pensamento, polo seu sorriso e pola súa escrita entrañábel. Sabía que era o que tiña que facer, tansmitir ás xeracións máis novas, e non tan novas, esa verdade, que trunfa na ética da palabra; unha historia que poucas veces escoitaramos de viva voz. Contou o que vivira e o que sabía, contou de viva voz o que outras persoas non se atreveron.
A consciencia que Mariví Villaverde tiña da súa vida pode enmarcarse entre dous momentos. O primeiro, vén envolto no paquete dun galano que unha nena alegre vai abrir para descubrir unha caixa de música con bailarinas moi fermosas cos seus tutús. Esta é a imaxe da súa infancia luminosa, tan alegre como as ondas que chegan á praia de Compostela, cando ela xoga e dá voltas e reviravoltas como as rapaciñas que non precisan pensar no futuro. O segundo momento ocorre cando ela, a muller que regresa do exilio, recupera a caixa de música, que como tantas cousas miúdas da nena miúda tamén lle fora roubada, polas monxas, como roubaran o que había na casa. Reclamouna e descubriu que os tutús tan ben feitos das bailarinas foran mudados polo hábito das monxas. As bailarinas daquela nena feliz, eran agora monxas, alleas, dun país alleo e dunha infancia roubada e adolescencia arrebatada. A caixa de música converteuse no interior da cicatriz, a condena eterna do exilio. As lágrimas aínda lle viñan ao ollos cando contaba e moi ben, coa capacidade de nos emocionar, esta historia.
María Victoria Villaverde Otero naceu o 22 de novembro de 1922 en Vilagarcía. É a segunda filla de Elpidio Villaverde e de Rosina Otero. Cando nace, o seu pai é xa un recoñecido home de negocios na vila, presidente da Cámara de Comercio. Membro das Irmandades da Fala e despois na Orga, foi o primeiro alcalde da II República e en 1936 elixido deputado por Pontevedra de Izquierda Republicana na candidatura da Frente Popular. O golpe de estado de 1936 vai tronzar a vida da familia Villaverde-Otero. A súa irmá maior, Rosina Villaverde,. abandona a súa carreira de Filosofía e Letras en Madrid no primeiro ano; o terceiro e derradeiro fillo do matrimonio, Francisco, exiliouse de neno en 1936 e nunca máis volveu. Vida marcada, a súa, por pertenceren a unha familia roxa
ou seren da cáscara amarga. A represión alonga os tentáculos, como testemuño, a fotografía da súa tía Carme rapada cos letras UHP na fronte; a mesma sorte sufriu a súa irmá, a tía Luísa. A irmá do pai, a tía Argentina, mestra galeguista, vai presa e unha adolescente Mariví lévalle o xantar e lelle textos teatrais que lle van prender o gusto literario. A historia tamén a contaba moi ben a nosa protagonista: a tía fora acusada de roxa por elixir unha tea semellante á cor do amorodo para os gabáns da súa familia.
Rosina Otero con intelixencia, mentres o seu home xa está fóra nun barco, organiza a fuxida con pasaportes falsos e, desde o porto de Vigo, coas dúas mociñas e co neno, nun cargueiro inglés chegan a Francia, onde se atoparán con Elpidio. Marsella, París, Bordeos, Orleáns, Guetary entrán no seu mapa vital. Se en 1934, cando meteron ao pai preso, soubo que había cousas polas que sentir orgullo, agora vai saber o que é ser refuxiada e aprenderá a levar todas as contas da economía familiar.
Mariví Villaverde viaxa e leva na súa equipaxe esa infancia feliz da Vilagarcía, a súa amiga Anxela, que perde para sempre, cando a volva ver xa non vai ser a mesma; aqueles tempos de aprendizaxe feliz en que o seu mestre Aquilino Iglesia Alvariño lle le os poemas que serán Cómaros verdes; tamén mete na valixa as poucas ganas coas que obrigada tocaba o piano, o son do mar da súa ría diferente a todas e un bico roubado. Despois de Francia leva a imaxe de Ramón de Valenzuela, o pouquiño que se viran, o desexo dun futuro xuntos e o francés que era o que quería estudar, antes de que pasara o que pasou. Embarcan no Massilia e comparten travesía con Arturo Cuadrado e Amparo Alvajar. A nosa protagonista ten 16 anos. A Segunda Guerra Mundial fai tremer Europa e a mala fortuna leva a Ramón baixo a bota de Franco, que remata na cadea de Ávila, a condena a morte é conmutada por vinte anos e un día de cárcere.
Ao chegar a Bos Aires enfermou do pulmón, é a estrea de Os vellos non debe de namorarse a que lle permite saír da casa, recuperada. Fora moi dura a enfermidade, mais tiña ganas de vivir e dese futuro con Ramón do que falaban nas cartas que se escribían. Cando Ramón está en liberdade vixiada, deciden casar: só se viran en Francia cinco días. A nai, sempre preto dela, na hora de marchar díxolle que se o que atopaba non era do seu gusto, que volvese e non pasaba nada. Atópanse o día de nadal na estación de tren de Redondela. Casan o 22 de febreiro, de novo o 22, en 1945, cando se pensa no exilio que o remate da guerra vai ser o do franquismo. O seu primeiro fillo, José Ramón tamén vai nacer un 22 de agosto. Tentan ficar, instálanse en Noalla e Ramón traballa nunha explotación de arxila propiedade de Elpidio Villaverde. Tentan ficar, mais non poden; están nun país de fuxidos, “uns apampan co fútbol” e “outros mareánse coa febre dos negocios”: “non pensar, non ver, non sufrir”. Arranxan o indulto. Exílianse.
En Bos Aires ela traballa nunha fábrica de cintos, con traducións do francés, co corte e cosido de roupa e como axente comercial das cerámicas da Madalena, para manter unha familia con dous fillos: José Ramón e Fernando. A Villaverde e Valenzuela con Roberto Villanueva chegoulles a hora do teatro galego e en galego. Ela é actriz, el escribe e adapta; representan A camisa de Lauro Olmo ou O casamento do latoeiro de Jhon M. Synge. Blanco Amor dirixe As bágoas do demo de Valenzuela. Con Arturo Cuadrado, Villaverde dirixe o xornal Galicia da Federación das Sociedades Galegas e asina artigos co nome de M.ª V. Arealonga.
Elpidio Villaverde e Rosina Otero falecen no exilio, regresaron as súas cinzas e repousan no panteón familiar en Vilagarcía. Rosina, a irmá, regresou co seu compañeiro, Sandalio Alonso de la Riva, militantes do PSOE, faleceron en Vilagarcía. Francisco, o eterno exiliado, faleceu na Arxentina.
Nos anos sesenta a cuestión entre o mundo do exilio era: volver ou non. Para a familia de Valenzuela Otero, Bos Aires significaba, con dous fillos, certa estabilidade. Valenzuela quería volver, Villaverde, dubidaba. Se non regresaren daquela xa non o farían nunca, por non lles tronzaren a vida aos fillos. A situación política complícase en Arxentina, Mariví Villaverde como axente comercial de cristal de bohemia está en Europa, aproveita tamén para visitar o fillo Fernando en Praga. Ramón chámaa desde Bos Aires, as cousas andan revoltas na capital. Decídeo, recolle a casa e regresa. É 1966 e pola desconfianza asentan en Madrid. Para Mariví Villaverde foi terribel ter que se desfacer da casa, sen ver, nin saber. En barco veñen libros e cadros. Ela fóra sente unha vertixe maior.
En Madrid Ramón de Valenzuela escribe Era tempo de apandar (1980), ela segue como axente comercial. Nunca abandonou nin francés nin a escrita. A versión de M. Kundera, El arte de la novela (1996) está asinada por María Victoria Villaverde e por Fernando de Valenzuela, o seu fillo.
No exilio sentira ganas de escribir o que vivira, tamén o seu compañeiro Ramón de Valenzuela, ela faino ao seu xeito e el ao del. De 1962 é a publicación na editorial Alborada de Bos Aires da súa obra Tres tiempos y la esperanza, asinada como María Victoria Valenzuela, con prólogo de Arturo Cuadrado e, nunha ilustración, un retrato da autora de Luís Seoane. Ela tiña corenta anos. O libro reeditouse en Galicia en 1987 por Edicións do Castro. No ano 2002 publícase en galego na colección Mulleres (A Nosa Terra), cun prólogo de Anxos Sumai, co título de Tres tempos e a esperanza, asinado por Mariví Villaverde; nesta edición a autora devólvelle ás personaxes os seus nomes verdadeiros, mudados nas edicións anteriores, e engádelle un epílogo: Palabras que escribín corenta anos despois
. Con esta publicación renace como escritora. Ramón falecera en Madrid en 1980 e o sentido de asinar antes co apelido de Valenzuela
xustificouno co feito de que no exilio se coñecían así: os Dieste, os Seoane, os Tobío, os Valenzuela. A mudanza do seu apelido era necesaria, a autora mudara co século; sempre fóra unha muller independente: Mariví Villaverde.
Agradecida con ver a súa obra en galego, lamentaba non se ter estendido un pouco máis no epílogo.
Revive os fusilamentos en Hoyo del Manzanares, a morte de Franco, o crime de Atocha, a legalización do PCE. Evoca as reunións do Club da UNESCO con Reimundo Patiño, Manolo Conde ou Bautista Álvarez e o reencontro con Lois Tobío e Melu, a súa compañeira. Nos útlimos anos en Madrid coidou a amizade con Inés Canosa, directora da Galería Sargadelos, Constanza Tobío e Henrique Albor, novas xeracións coas que comparte esa cicatriz que levan na memoria e a historia triste da súa caixa de música.
Mariví Villaverde faleceu o 23 de abril, día do libro de 2017. Como quería, as súas cinzas están con Ramón de Valenzuela no cemiterio de Adina, Sanxenxo, onde tiñan unha casa e contaron moitas lúas felices.
Como citar: Val, Marga do : Mariví Villaverde. Publicado o 21/11/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4184. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Mariví Villaverde, entrevistada por Marga Romero e Henrique Albor para Terra e tempo. 2005
Romero, Marga e Albor, Henrique: «Memoriva viva: Mariví Villaverde:
Fonte: http://terraetempo.gal/media/documentos/Terra_e_Tempo_136.pdf [Consulta: 2022-11-08]É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade», Terra e tempo: revista galega de pensamento nacionalista, 136 (outubro-decembro de 2005), 5-10
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Necrolóxica de Mariví Villaverde na revista Madrygal
Mejía Ruiz, Carmen: «Desde la añoranza. Recordando a Mariví Villaverde», Madrygal: Revista de Estudios Galegos, 20 (2017), 247-248 .
Fonte: cite>Madrygal: Revista de Estudios Galegos
http://dx.doi.org/10.5209/MADR.57641 [Descarga: 2022-11-08]
Os exilios de Mariví Villaverde
Louzao Outeiro, Miguel e Mejía Ruiz, Carmen: «Os exilios de María Victoria Villaverde», Madrygal: Revista de Estudos Galegos, 6 (2003), 147-150.
Fonte: Madrygal: Revista de Estudos Galegos
https://revistas.ucm.es/index.php/MADR/article/view/MADR0303110147A/33338 [Descarga: 2022-11-08]
Introdución de Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde
Sumai, Anxos: «A esperanza en tres tempo: mar, amor e exilio». En Villaverde, Mariví: Tres tempos e a esperanza. Vigo: A Nosa Terra, xullo 2002; (Mulleres; 5)
Fonte: CDIF. Consello da Cultura Galega
Artigo de María Teresa León sobre Tres tiempos y la esperanza de Mariví Villaverde
León, María Teresa: «Nueva escritora: María Victoria Valenzuela», Galicia, Bos Aires : Federación de Sociedades Gallegas, (31 de agosto de 1962), 12.
Fonte; Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Entrevista de Carme Vidal a Mariví Villaverde en Nós Diario. 2017
Vidal, Carme: «Mariví Villaverde:
Fonte: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/agora-sei-nunca-vou-esquecer-golpe-militar/20170424203439056863.html [Consulta: 2022-11-19]Agora sei que nunca vou esquecer o golpe militar», Nós Diario, (26 de abril de 2017)
Noticia do falecemento de Mariví Villaverde en Faro de Vigo. 2017
«Falece aos 95 anos
Fonte; https://galego.farodevigo.es/arousa/2017/04/24/fallece-95-anos-voz-exilio-16327255.html [Consulta: 2022-11-23]a voz do exilio, Mariví Villaverde», Faro de Vigo, (24 de abril de 2017)
Mariví Villaverde no Diario Cultural da Radio Galega.
«Mariví Villaverde, voz e memoria do exilio», Diario Cultural, (24 de abril de 2017)
Fonte: http://www.crtvg.es/rg/destacados/diario-cultural-diario-cultural-do-dia-24-04-2017-2901864?t=8 [Consulta: 2022-11-23]
Entrevista a Mariví Villaverde en Praza pública. 2012
Pérez Pena, Marcos: «Mariví Villaverde:
Fonte: https://praza.gal/movementos-sociais/marivi-villaverde-e-insoportable-ver-como-se-vai-desfacendo-esta-sociedade [Consutal: 2022-11-08]É insoportable ver como se vai desfacendo esta sociedade», praza.gal, (11 de abril de 2012)
Fernando Franco entrevista a Mariví Villaverde en Faro de Vigo. 2012
Franco, Fernando: «Mariví Villaverde:
Fonte: https://www.farodevigo.es/sociedad/2012/01/23/hay-cicatrices-marcadas-piel-memoria-17692153.html [Consulta: 2022-11-23]Hay cicatrices marcadas en la piel de la memoria que no borra el tiempo», Faro de Vigo, (23 de xaneiro de 2012 )
Mariví Villaverde homenaxeada pola AELG como
Boa e Xenerosa. Vieiros, 28 de marzo de 2009«Homenaxe a Mariví Villaverde, homenaxe á República», Vieiros, (28 de marzo de 2009 )
Fonte: https://www.vieiros.com/nova/72989/homenaxe-a-marivi-villaverde-homenaxe-a-republica [Consulta: 2022-11-23]
Mariví Villaverde homenaxeada no Ano da Memoria. Faro de Vigo, 2006
span style="font-variant: small-caps;">S.R.: «Mariví Villaverde, homenaxeada no Ano da Memoria:
Fonte; https://www.farodevigo.es/deza-tabeiros-montes/2006/08/18/marivi-villaverde-homenaxeada-ano-da-18208147.html [Consulta: 2022-11-23]O retorno foi moi duro, ninguén che botaba unha man», Faro de Vigo, (18 de agosto de 2006 )
Mariví Villaverde en Revista das Letras. 7 de novembro de 2002
Fonte: https://www.aelg.gal/resources/publications/12526607409802002_11.pdf [Consulta: 2022-11-08]
Entrada biográfica de Mariví Villaverde na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Mariv%C3%AD_Villaverde [Consulta: 2022-11-09]
Artigo de Xosé Enrique Acuña sobre o fotógrafo José Luis Abalo
Acuña, Xosé Enrique: «José Luis Abalo, fotografías fincadas na historia», biosbardia.wordpress.com (11 de outubro de 2022)
Fonte: https://biosbardia.wordpress.com/2022/10/11/jose-luis-abalo-fotografias-fincadas-na-historia/ [Consulta: 2022-11-17]
Epístolas de
Carta de Mariví Villaverde Otero a Mª del Carmen Soler Ponce de León, 1960.
Castelar 18 de Diciembre de 1960
Querida María del Carmen: Acabamos de leer en "Opinión Galega" que Luis hablará en el aniversario de Castelao. Me imagino que tu y los chicos vendreis con él, por eso van estas lineas para deciros que contamos con tenerlos a ellos aquí, y no digo a los cuatro, porque para vosotros ya no resultaría cómodo.
Nuestros hijos están ya entusiasmados con esa idea y Ramón y yo gozosos de veros a todos nuevamente.
Como ya estan próximas las fiestas, no quiero dejar de desearos alegría y felicidad. Para nosotros este año serán penosas, pues acaba de fallecer en Galicia el padre de Ramón y nos ha afectado mucho la noticia, a pesar de que la esperabamos.
Cariños para todos y un abrazo para ti de
Mariví [sinatura autógrafa]
[nota manuscrita con outra letra, a de Ramón de Valenzuela]:
Agardamos con moita ilusión a vosa chegada.
[Ramón Valenzuela: sinatura autógrafa]
Avisarnos con tiempo del dia y hora de vuestra llegada
Carta de Ramón de Valenzuela a Lois Tobío Fernández, 1961.
Castelar - 23 - Marzal 1961
Querido Tobio:
Somentes duas liñas pra vos decir que Marivi e mais eu viaxaremos ahí o mércores 29. Imos no vapor das 8 da mañan a Colonia. Pensamos volver o Domingo de tarde ou luns de mañan.
Decidenos se queredes que vos levemos algunha cousa de eiqui.
Este noso viaxe foi un pouco de arroutada, disposto dun intre pra outro sin outro quefacer mais que vervos a todolos amigos.
Deica o 29 apertas
R. [sinatura autógrafa]
[nota manuscrita de Mariví Villaverde, dirixida a Mª del Carmen Soler, a súa dona]:
Querida María del Carmen: Me siento muy ilusionada pensando en que pronto voy a veros. Dile a Constanza que le contaré nuestras experiencias teatrales.
Abrazos y hasta pronto
Mariví [sinatura autógrafa]
Carta de Mariví Villaverde Otero a Mª del Carmen Soler Ponce de León, 1962.
Castelar 23 de septiembre de 1962
Mi querida María del Carmen: Ayer recibimos tu carta del 5. Hemos vivido unos días de gran inquietud con motivo de los acontecimientos "bélicos" llevados a cabo entre dos fracciones militares, demócratas, cristianas y occidentales ambas. Todo el país ha estado en tensión a pesar de que nadie tenía el menor interés en ninguna de las dos, pues ya estamos todos saturados y desconfiados. Veremos cual es el resultado positivo de esta lucha que costó bastantes vidas inmoladas probablemente para satisfacer la ambición personal de algunos. Ojalá me equivoque. Realmente este pais es merecedor de mejor suerte.
Respecto al libro, creo que de momento nos decidiremos por enviar esos dos ejemplares a los Rama a quienes, si teneis oportunidad, podeis anunciarles el envío. Es posible que la prohibición de venta de Marcha aquí se quede sin efecto, por ello el comentario me interesaría muchísimo. En cuanto a las posibilidades de venta ahí, creo que, por una parte, podría hacerse en las instituciones gallegas, por lo cual os agradecería nos enviarais la dirección de la persona o persona a quien dirigirnos para los efectos. Tambien sería oportuno que pudiéramos ponernos en contacto con alguna librería importante que le interesara recibir algunos ejemplares en consignación. Aquí está vendiéndose bastante bien, pese al terrible momento económico que vive el país. Han salido ya las críticas en el Mundo y en la Razón, ambas muy favorables.
Me imagino como te sentirás de emocionada pensando en tu próximo viaje. Ha de ser una impresión muy fuerte ese regreso después de veinte años y de tantas cosas. Si nos fuera posible ir un fin de semana antes de tu viaje, sería para nosotros una alegría grande. No te aseguro nada, por qué tenemos algunas cosas pendientes que de momento nos impiden tomar la decisión. En caso de resolverlo, os telegrafiariamos.
Si vei o hablais con Novoa decirle que nos escriba. Ignorabamos que estuviera de vuelta. ¿Sigue siempre en el Mercado?.
Abrazos muy fuertes de toda esta familia y mios en especial.
Mariví [sinatura autógrafa]
[Nota manuscrita, parece a letra de Ramón Valenzuela, o seu home]:
Si as cousas non se torcen iremos o 12 de outono para volver o 14. Unha aperta
Videos
Historias de Vida: Mariví Villaverde. 13 de maio de 2011
Fonte: culturagalega.org
Resumo de Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde, traducido para o francés
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=JXsmeXDYpY8 [Consulta: 2022-11-21]
Publicacións periódicas
Abrente (1941-1941) .
Revista Galega
Libros do ccg sobre Mariví Villaverde
O exilio galego: actas do congreso e repertorio biobibliográfico.
2007 |
O exilio galego de 1936: política, sociedade, itinerarios.
2006 | Pilar Cagiao, Edición. Xosé M. Núñez Seixas, Edición.