Fermín Bouza-Brey
Ponteareas, 1901 - Santiago de Compostela, 1973Autoria: Xosé Ramón Fandiño
DOI: 10.17075/adg.494
Exquisito poeta e renovador da arqueoloxía galega
Exquisito poeta e extraordinario polígrafo, Fermín Bouza Brey, un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos e home de fe galeguista moi clara, gozou, como deixou apuntado Otero Pedrayo, dos celmosos froitos “do xardín dos poetas e do xardín dos eruditos”. Ningunha das ramas do saber humanístico lle era alleo, desde a prehistoria, arqueoloxía, numismática, epigrafía, historia, arte, etnografía, ata a literatura do século XIX, especialmente a figura de Rosalía de Castro. Do seu inmenso traballo de investigación dan constancia o preto dun millar de publicacións esparexidas por importantes revistas galegas, españolas e estranxeiras.
Os pais de Fermín Bouza Brey, Luís Bouza Trillo e Orencia Brey Lores, vivían en Vilagarcía de Arousa, pero Fermín naceu en marzo de 1901 en Ponteareas polo arraigado costume da época de que os primoxénitos nacesen na casa patrucial dos avós maternos. Tralos primeiros estudos en Vilagarcía e os de bacharelato nos Institutos de Pontevedra e Ourense, en 1919 instalouse en Santiago para estudar Filosofía e Letras, carreira que abandonou por un tempo para comezar a de Dereito, que rematou en 1924. Preparou o ingreso na carreira xudicial en Madrid e foi xuíz de primeira instancia en Viella (Lleida), A Estrada, Santiago e maxistrado en Pontevedra e Oviedo.
Sendo aínda estudante en Santiago foi un dos universitarios composteláns que se axuntou na casa do Castro de Ortoño, onde se criara Rosalía, para fundar o SEG. O seu discurso de ingreso, en 1924, versou sobre ”Do arte popular galego e de unha das súas manifestacións”, unha documentada monografía sobre a nosa cultura material. O ámbito multidisciplinar e modernizador do Seminario perfila a fasquía intelectual de Bouza Brey que colaborou coas seccións de Filoloxía e Literatura, Historia da Arte, Etnografía e Folklore, tivo unha participación moi activa nas “xeiras de bisbarra” (Terra de Lemos, Carballiño e O Ribeiro, Deza, Melide, Trasdeza e Carbia, Fisterra...) e con López Cuevillas dedicouse con gran intensidade ás investigacións arqueolóxicas. Pensionado polo Centro de Estudios Históricos, organicamente relacionado coa Junta de Ampliación de Estudios, en 1929 viaxa a Bretaña e en 1933 a Portugal, onde escavou en Briteiros e Sobroso con López Cuevillas e afianzou relacións con investigadores lusos, chegando a ser un dos intelectuais galegos alí máis estimados.
Xunto con López Cuevillas, Bouza Brey pode ser considerado como o sistematizador da nosa prehistoria. Ambos perfilaron de forma científica o máis remoto pasado galego e son xa clásicas as súas publicacións conxuntas. Como epigrafista son de destacar as súas achegas ás inscricións romanas de Galicia e ás divinidades do panteón galaico pre-romano. No terreo da numismática sobresaen as súas publicacións sobre acuñacións romanas e, sobre todo, as referidas ao período suevo e as súas cecas galegas.
No eido histórico foi o primeiro estudoso que historiou con criterio científico o período xermano e suevo e a heráldica. Sobre Historia da Arte realizou investigacións sobre o pre-románico galego, o románico, o barroco e sobre imaxinería , prateiros e gravadores composteláns. Como etnógrafo estudou, sobre todo, as cantigas populares, refráns, etnografía espiritual, etnomedicina, etc.
Logo da desfeita do Seminario, en 1936, Fermín Bouza incorporouse ao Instituto de Estudios Galegos P. Sarmiento, desde a súa fundación en 1944, como xefe da Sección de Arqueoloxía e Prehistoria, na que reuniu un grupo de novos investigadores aos que formou, cos que iniciou a renovación da arqueoloxía galega e aos que transmitiu a súa total entrega a Galicia. Foi un dos máis asiduos colaboradores da súa revista, Cuadernos de Estudios Gallegos, onde ademais de monografías de Prehistoria e Arqueoloxía publicou importantes estudios bio-bibliográficos sobre autores galegos do s. XIX, sobre todo Rosalía de Castro, recollidos en 1992 en libro, da que tamén realizou unha edición crítica de Cantares Gallegos. O indiscutible prestixio abriulle as portas de numerosas corporacións científicas: Real Academia Galega, Real Academia da Historia, Sociedade Española de Antropoloxía e Etnografía, Instituto Internacional de Antropoloxía de París, Sociedade de Xeografía de Lisboa, Asociación de Arqueólogos Portugueses, Sociedade Martins Sarmento de Guimarâes, Sociedade de Folklore de Brasil, Instituto Arqueolóxico Alemán, etc.
Como poeta Bouza Brey foi co seu libro Nao senlleira (1933) o creador dun movemento poético que Rodríguez Lapa acuñou como “neotrobadorismo”, no que os poetas troban imitando os motivos e as formas métricas dos cancioneiros medievais. Despois da guerra civil publicou un segundo libro de versos Seitura (Braga, s/d). E no número 15 da colección Lar de novela curta, en 1925 publicou o relato breve Cabalgadas en Salnés. Estes 3 libros con Outros Poemas foron publicados en 1981 por Edicións do Cerne nun único volume titulado Obra Literaria Completa.
Separado da maxistratura en 1952 a súa figura sufriu unha absurda e hipócrita marxinación, pero co seu porte de home nórdico a súa figura era familiar na paisaxe compostelá dos anos cincuenta e sesenta no traxecto cotián desde a súa casa da Rúa do Vilar ata o Sarmiento e ao café Español, onde se reunía diariamente con Otero Pedrayo. Tal vez presentindo que se lle acercaba a hora do adeus quixo percorrer as paisaxes rosalianas da Maía, Iria, Padrón, Lestrove e fitar por última vez o mar de Arousa no que, sen ceo, sen astros, sen vento, navegaba a súa nao senlleira. Era a primavera do ano 1973. En 1992 a Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Fermín Bouza-Brey. Recuperado o 21/01/2021 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=494
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo de Bouza-Brey «Los "Trabajos inéditos" del prehistoriador Cuevillas»
Fermín Bouza-Brey enumera un importante número de traballos inéditos do prehistoriador ourensán
Fonte: La Noche vía Galiciana
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«El certamen de música en Orense»
Nota publicada en El Compostelano na que se anuncia que Augusto María Casas recibiu o segundo premio polo traballo «Gaiola de leenda»
Fonte: El Compostelano vía Galiciana
Epístolas de
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Blas Taracena a Fermín Bouza-Brey
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Blas Taracena a Fermín Bouza-Brey
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Blas Taracena a Fermín Bouza-Brey
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Blas Taracena a Fermín Bouza-Brey
Carta de Fermín Bouza-Brey a Blas Taracena
Carta de Álvarez Blázquez a Carballo Calero e Bouza-Brey (1967)
Oviedo, 17 de xaneiro 1967
Sr. Don Fermín Bouza Brey e
Don Ricardo Carballo Calero
COMPOSTELA E LUGO
Meus queridos amigos:
Vos supoño sabedores de que, na xuntanza da Academia do 18 pasado, fúchedes nomeados ensembla conmigo pra informar sobor da proposta en favor de González Garcés como académico numerario, na vacante de Rey Soto (q.e.p.d.). Dita proposta, como saberedes, foi presentada por Ferro Couselo, Cunqueiro e Freire de Andrade.
De ningún xeito trato de torcer o voso criterio; somentes os quero adiantar que eu, pola miña parte, estou disposto a informar en contra. Con toda honradez, sin que me movan razóns persoanles—que nin eisisten nin serían quens de me ditar unha inxustiza—coido que iste amigo non ten méritos bastantes, o que non é impeitizo para que os teña en outros terreos. Un só libro de versos galegos e uns artigos de prensa sobre temas máis ou menos vencellados a Galicia, non me parecen méritos dabondo, maormente pensando nas moitas xentes que na nos aterra traballan con meirande adicación e cicáves con miras máis desinteresadas pola non cultura. Tal é o caso, precisamente, de Rafael Dieste, cuia candidatura se opón á de Garcés, de xeito que si xa os méritos diste parécenme poucos, ainda resultan máis cativos opostos aos de Dieste.
Vexo, por outra parte, que nista desiñación, polo que a min toca ao menos, hai algo de maquiavelismo estreito. González Garcés e os seus amigos saben que eu non estóu ben disposto no seu favor; encomendándome o informe póñenme nun brete; si é favorábel—coma sen dúbida esperan, por respeto á tradición—non podo logo refugar o voto; si fose desfavorábel, quedaría eu nunha postura pouco airosa, coma quen dí en evidencia. Non sei si no voso caso daránse as mesmas circunstancias.
Eu teño eiquí a proposta en favor de Garcés máis o seu curriculum vitae, que é a cousa más desmesurada que na miña vida vin, somentes comparabre ao globo de Betanzos. Dígovos que non quero mediar no voso criterio, pero vos rogo que, tal e como eu fago, señades sinceros conmigo. En Compostela podedes vervos un día e parolar do asunto. Si estades dispostos a informar a favor, eu non tería máis remedio que facelo. Si coincidides conmigo, argallaríamos unha fórmula discreta, que de momento non se me ocurre.
En todo caso, un por un ou xuntos os dous, facédeme o favor de contestarme, ca posibre urxencia. É un mal trance no que nos puxeron, polo menos a min, e quero saír del o máis axiña, porque hai que rifar a cotío ca vida e precisa un home ter a meirande tranquilidade posibre.
Unha fonda aperta do voso amigo,
X.M.A.B.
Referencias bibliográficas
- CARBALLO CALERO, R., Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1975, 2ª edición.
- FONTE, R., Fermín Bouza-Brey e a súa obra literaria, Galaxia, Vigo, 1992.
- GARCÍA MARTÍNEZ, M. C., “Bouza Brey, Fermín”, en Gran Enciclopedia Gallega, T. 4, Santiago, Xixón s.d.
- GARCÍA MARTÍNEZ, M. C., “Bouza-Brey e os novos (1967-1973, o espíritu do Seminario”, en Fermín Bouza Brey: Unha fotobiografía. Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 1992.
Publicacións periódicas
Terra (1923-1923) .
Boletín de Cultura Galega: Idearium da I.N.G. n'América do Sul
Orensano, El (1944-1945) .
Periódico galego
Lareira (1951-) .
Publicación de Lar Gallego de Valencia
Mundo Gallego [1951-52] (1951-1952) .
Revista de Galicia en América
Lérez (1962-) .
Revista do Centro Pontevedrés de Buenos Aires
Centro Gallego de Ermua (1980-) .
Xornada das Letras Galegas
Libros do ccg sobre Fermín Bouza-Brey
Ofrenda lírica á nena Silvia Santiago Conde no día da súa Primeira Comuñón.
2017 | Afonso Vázquez-Monxardín, Edición. Patricia Arias Chachero, Edición.
7 de setembro, 1960
Autopoética, 1935. Bouza Brey.
1992 | Fermín Bouza-Brey, Autoría.