Victoriano Taibo

Santiago de Compostela, 1885 - Vigo, 1966

Biografía

----

Victoriano Taibo

Santiago de Compostela, 1885 - Vigo, 1966

Autoria: Miguel Anxo Mouriño

DOI: 10.17075/adg.5043

Narrador, prosista e ensaísta

Victoriano Taibo García naceu en Santiago de Compostela o 22 de abril de 1885 no seo dunha familia de clase media que rexía unha fonda no barrio da Algalia de Arriba. Os pais, Francisco Taibo Filgueira e Josefa García Lameiro, tiñan, ademais, outros catro fillos: Pepe, Socorro, María e Luís. Con 44 anos, en 1929, casou con Carmen Rebollar Martínez, de 29, unión da que naceron dous fillos: Francisco Vicente (Fuco) en 1930 e Gloria en 1931.
Estudou Maxisterio na Escola Normal compostelá. Parece que nesta época xa era coñecido no ambiente escolar, como se desprende da noticia (1911) do seu heroico comportamento ao salvar un neno que caera no Tambre, citado como distinguido alumno; feito que fala tamén da bonhomía que o caracterizou sempre, sen deixar de ter un carácter rexo que o facía combater as irregularidades, rectitude que lle causaría algún problema, como unha breve estancia no cárcere por participar nun mitin agrario na época da revolución de agosto, ou o expediente de depuración e desterro, «por galleguista», en Villalar de los Comuneros (Valladolid) en 1938 a raíz dunha denuncia motivada, segundo o parecer de moitas testemuñas, por un enfrontamento público co párroco de Peitieiros.
Toda a súa actividade profesional dedicouna ao ensino, primeiro en centros privados e logo en públicos; actividade que guiou a súa docencia por unha decena de escolas e lugares, dende A Ponte de Mera ata Vigo. Hai constancia da alta valoración que mereceu o seu labor docente en diversos lugares, incluído o do «desterro»; pero as mostras máis evidentes proveñen de Morgadáns, a escola que máis tempo rexentou (1930-1950, co intervalo de Valladolid): primeiro, pola enorme cantidade de sinaturas recollidas, por iniciativa do párroco Manuel de Lama, para que fose reposto; logo, pola grande homenaxe que lle renderon os seus ex-alumnos en 1955, organizada polos residentes en Montevideo.
A súa angueira cultural é longa, densa e variada, a pesar de que non deixou máis que tres libros editados. Talvez a obra máis extensa sexa a que publicou en innúmeros periódicos e revistas do país e de fóra del. A primeira publicación coñecida data de 1913, e a derradeira, segundo parece, é de 1965. Entre ambas as datas, máis de corenta publicacións periódicas divulgaron as súas inquedanzas.
Como poeta, Taibo rompe co ruralismo imperante e inaugura unha etapa modernista influído pola poesía irlandesa (Yeats e Tennyson), aínda que lle debe moito a Pondal, sobre todo na linguaxe combativa da época das Irmandades. A súa poesía móvese por eidos ben distintos; ás veces pola liña tradicional e popular, noutros casos intérnase na crítica social, na defensa dos valores nacionalistas, na «luita» acendida e patriótica; non faltan os poemas intimistas cargados de lirismo e mesmo ensaia aventuras vangardistas. Pero sempre apreciada polos contemporáneos, incluídos os cultivadores das novas tendencias.
Como narrador, prosista e ensaísta o que destaca inmediatamente é a habilidade do autor no manexo da lingua, habilidade literaria, narrativa, descritiva, pero tamén habilidade de lingüista, de escritor orgulloso da lingua que está usando, que coñece a un nivel moi superior ao da maioría e que coida con agarimo responsable, porque sabe que a misión do escritor é «devolver ô seu país a súa propia fala [...] limpa e escorreita, axeitada para as xurdias angueiras do sentimento e do intelecto».
Publicou en vida tres obras: dous poemarios, Abrente (versos galegos) (1922) e Da vella roseira, cántigas orixinás (1925); e unha obra narrativa, Da Agra Aberta, contos e lêndas (1955). En todos os casos, a aparición destes libros foi saudada efusivamente por moitos intelectuais, algúns dos cales publicaron críticas moi favorables en diversos medios e outros fixérono por vía epistolar.
Taibo foi un persoeiro do mundo da cultura. Premiado en varias ocasións, membro da Real Academia Galega, do Instituto Histórico do Minho e do Seminario de Estudos Galegos; poeta, narrador, colaborador na prensa e conferenciante de éxito. Reclamado para participar nos máis diversos actos, para escribir prólogos, para participar en xurados, para colaborar en revistas. Pero era, sobre todo, un creador que seguía escribindo e que deixou inéditos unha presa de poemas, algúns xa en forma de libro, como é o caso de Abicedo e Cabrinfollas, que publicou en 2008 a editorial Follas Novas en edición de Armando Requeixo. Pero quedan aínda algúns por descubrir.
Con todo, a etapa máis efervescente constitúena, sen dúbida, os anos das Irmandades da Fala, empresa que o ilusionou e na que se mergullou sen reservas. Era xa un mozo comprometido; non había moito, seguindo o seu admirado mestre Vicente Fraiz Andón, director da Escola Normal, involucrárase na consecución de recursos para levantar un monumento a Rosalía de Castro, xestión que acadou un importante éxito. Por iso non estraña a súa participación activa na creación da primeira Irmandade na Coruña, o 18 de maio de 1916, xunta outros amigos entre os que destaca Lois Porteiro Garea, cuxa morte prematura cantaría en sentidas e acendidas estrofas. Pouco despois, nese mesmo ano, participaría na fundación da Irmandade de Santiago, da que foi secretario, en colaboración co presidente, o amentado Porteiro. Participou neses anos nas principais actividades das Irmandades da zona, fundou a de Ortigueira (que presidiu), asinou o manifesto nacionalista de Lugo, creou escritos divulgativos, participou na formulación dun ensino galego... Unha tempada combativa na que mesmo lle escribía a Manuel Antonio sobre unha pretendida sociedade secreta para a defensa dos intereses galeguistas: «esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras».
Pero o noso nacionalismo parece ter unha eiva conxénita, e no prometedor camiño emprendido polas Irmandades apareceron divisións que, xunto coa ditadura de Primo de Rivera, fixeron esmorecer moitas ilusións, como parece que lle pasou tamén a Taibo a xulgar por unha carta datada en Fiestras, o 1 de outubro de 1929, na que lle dá queixas a Otero Pedrayo porque coida que exerce «unha dirección ou especie de dirección entres as ostes galeguistas». O problema concrétase nun artigo de Víctor Casas no número 262 de A Nosa Terra (setembro de 1929) e, mesmo, noutro anterior de Francisco Abelaira. Por estes feitos, «con toda a dor de coraçón» pídelle que o dea «de baixa do movemento galeguista para arredarme en absoluto desa caterva de entusiastas da pándiga vafúa», deixando a resgardo a admiración e amizade que lle profesa a Otero: «para os realmente “bos e xenerosos” levo na miña alma un amor que perdurará sempre». As ilusións renaceron co Partido Galeguista, etapa en que seguiu colaborando, mesmo con participación en mitins, ata que a rebelión militar as eliminou definitivamente. Aínda así, seguiu practicando o seu galeguismo, esta vez estritamente cultural, durante o resto da súa vida, porque «o galego que non fala na lingua da súa terra nin sabe o que ten de seu nin é merecente dela».

Como citar: Mouriño, Miguel Anxo : Victoriano Taibo. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5043 DOI: 10.17075/adg.5043]

Obra de Victoriano Taibo

«Prólogo da Agra Aberta»

Artigo publicado inicialmente na Revista de Estudos Miñoráns, ano 2008.

Obra sobre Victoriano Taibo

«As outras publicacións»

Artigo publicado inicialmente na Revista de Estudos Miñoráns, ano 2008.

«As miñas lembranzas de Don Victoriano Taibo»

Artigo publicado inicialmente na Revista de Estudos Miñoráns, ano 2008.

«Datos para unha biografía»

Artigo publicado inicialmente na Revista de Estudos Miñoráns, ano 2008.

«Que nos coñezan polas obras»

Artigo publicado inicialmente na Revista de Estudos Miñoráns, ano 2008.

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con Victoriano Taibo nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Boletín de la Unión Hispano-Americana Pro Valle Miñor (1909-) .
Órgano de la Unión Hispano-Americana Valle Miñor. Publicación Mensual
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Noticiero de Galicia (1915-) .
Quincenario gráfico y de novedades de la Región
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Estudios Gallegos (1915-1916) .
Revista Quincenal de Lenguaje, Fianza y Turismo
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Agrario, El (1917-) .
Órgano Oficial del Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Terra Galega (1921-) .
Boletín mensual: Órgao da Xuntanza Nazonalista Galega d'Habana e paladín do honor da Raza Céltiga
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Roladas, As (1922-) .
Folla dos rapaciños galegos
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Hogar Gallego (1922-) .
Publicación Oficial
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Terra (1923-1923) .
Boletín de Cultura Galega: Idearium da I.N.G. n'América do Sul
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Céltiga (1924-1932) .
Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades: Publicación quincenal editada por la "Editorial Céltiga"
Revista Gallega de arte, crítica, literatura y actualidades: Publicación quincenal editada por los talleres gráficos Virs
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Fouce, A (1930-1936) .
Periódico galego
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Abrente (1941-1941) .
Revista Galega
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Ecuador 0º, 0', 0 (1965-1965) .
Revista de poesía universal
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;